Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 127 Luns, 02 de xullo de 2001 Páx. 8.856

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 13 de xuño de 2001 pola que se clasifica como de benéfico-social a Fundación para la Protección de Discapacitados Psíquicos de Viveiro.

Visto o expediente de clasificación da Fundación para la Protección de Discapacitados Psíquicos de Viveiro, con domicilio en Viveiro (Lugo).

Supostos de feito.

1. María del Mar Lago Insua, na súa calidade de membro do padroado da fundación, en escrito de 23 de marzo de dous mil un, formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Viveiro, o día doce de maio de dous mil, ante o notario Luis Muíño Fidalgo, co número cincocentos vinte do seu protocolo por César Aja Mariño, Pilar Jiménez Díaz, José Joaquín Gayoso Roca, María del Mar Lago Insua, José Luis Carrillo Pena e Juan Luis Cora Fernández interveñen no seu propio nome e dereito e ademais César Aja Mariño en calidade de alcalde presidente da Asociación de Pais de Nenos e Adolescentes de Educación Especial da Comarca de Viveiro (Aspanane) e José Luis Carrillo Pena como tesoureiro da mencionada asociación de pais de nenos e adolescentes con necesidades especiais da comarca de Viveiro (Aspanane).

3. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos o obxecto da fundación é proporcionar asistencia social para discapacitados psíquicos en idade laboral cunha minusvalidez temporal ou permanente que lles impida a súa integración nunha empresa ou nun centro especial de emprego prestando funcións tutelares, asistenciais, ocupacionais e en xeral calquera tipo de actividades formativas ou educacionais tendente a mellora-la calidade de vida dos seus beneficiarios.

4. O padroado da fundación estará integrado por César Aja Mariño, José Joaquín Gayoso Roca, Juan Luis Cora Fernández, María del Mar Lago Insua, Pilar Jiménez Díaz e José Luis Carrillo Pena.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevoulle ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como benéfico-social da Fundación para la Protección de Discapacitados Psíquicos de Viveiro, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese sanitario e a súa adscrición á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 12 de xuño de dous mil un.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como benéfico-social a Fundación para la Protección de Discapacitados Psíquicos de Viveiro e adscribila á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 13 de xuño de 2001.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública