Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 125 Xoves, 28 de xuño de 2001 Páx. 8.749

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 11 de xuño de 2001 pola que se convoca un curso de procedemento administrativo para persoal de Administración local, na modalidade de formación a distancia.

Dentro do plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para o ano 2001, e de acordo coas funcións conferidas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócase un curso de procedemento administrativo para persoal de Administración local, na modalidade de formación a distancia, que se desenvolverá conforme as seguintes bases:

Primeira.-Obxectivos.

Profundar nos coñecementos sobre a Lei 30/1992, do 26 de novembro, con especial referencia ás peculiaridades do procedemento administrativo no eido da Administración municipal, analizando a súa incidencia na normativa do réxime local.

Segunda.-Destinatarios.

Persoal das corporacións locais integrado nos grupos C e D ou asimilados.

Terceira.-Desenvolvemento.

1. Duración: 40 horas (36 de autoestudio con titorías telefónicas e 4 horas presenciais).

2. Horario das titorias telefónicas: luns, martes e venres: de 10 a 12 horas, mércores e xoves: de 17.30 a 19.30 horas.

3. Datas: setembro e outubro do ano 2001.

4. Sesión presencial: durante a segunda quincena de outubro realizarase unha xornada presencial de 4 horas. Esta sesión realizarase de forma descentralizada, en cinco localidades que fixará a EGAP en atención ó domicilio dos participantes.

5. Prazas: 100.

Cuarta.-Solicitudes.

O persoal que desexe participar no curso programado deberá solicitalo coa presentación da instancia que segundo o modelo oficial figura como anexo I desta resolución, e cubrila en tódolos epígrafes.

O prazo de presentación de solicitudes rematará o 17 de agosto de 2001.

As solicitudes irán dirixidas ó director da EGAP, e presentaranse no Rexistro da Escola Galega de Administración Pública, r/ Madrid, 2-4, 15707 Santiago de Compostela, ou tramitaranse por calquera das outras formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Admitiranse tamén inscricións por telefax: 981 54 63 30, sen prexuízo da necesidade de remisión da solicitude orixinal por correo ordinario.

Seguidamente, efectuarase a selección dos participantes e esta notificaráselles directamente ós admitidos e publicarase na páxina web: www.egap.xunta.es.

Quinta.-Selección.

Os criterios de selección suxeitaranse ás directrices sinaladas na Resolución do 27 de xuño de 1994, pola que se fan públicos os criterios de participación nas actividades da EGAP (DOG nº 149, do 3 de agosto).

Procurarase que estea representado o maior número posible de concellos, con preferencia daqueles máis distantes das capitais de provincia.

Sexta.-Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolve-las incidencias que puidesen xurdir no desenvolvemento do curso, así como a de anulalo se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

Sétima.-Probas e certificados.

A EGAP fixará as probas que considere pertinentes para avalia-los coñecementos adquiridos polos alumnos. Ós participantes que superen os exercicios de avaliación outorgaráselles unha certificación de aproveitamento coa cualificación de apto.

Oitava.-Contido básico.

Principios xerais e ámbito de aplicación da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Procedemento administrativo: concepto e fins do procedemento. Características e fases do procedemento administrativo. Principais características do procedemento de elaboración de disposicións de carácter xeral e do procedemento sancionador. Procedementos de reclamacións previas ó exercicio das accións civís e laborais, procedementos especiais á marxe da Lei 30/1992.

Santiago de Compostela, 11 de xuño de 2001.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega de Administración Pública