Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 123 Martes, 26 de xuño de 2001 Páx. 8.574

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 14 de xuño de 2001 pola que se modifica a do 5 de setembro de 2000, de aprobación dos plans de reestructuración e reconversión do viñedo para a Comunidade Autónoma de Galicia, e se establece a asignación orzamentaria para o exercicio de 2001.

A Orde do 5 de setembro de 2000 regula os plans de reestructuración e reconversión do viñedo en Galicia servindo de desenvolvemento e adaptación do Real decreto 1472/2000, d 4 de agosto.

Este real decreto regula a nivel nacional o potencial de producción vitícola axustándose á normativa básica comunitaria ó respecto que está configurada polo Regulamento (CE) 1493/1999, do Consello do 17 de maio de 1999, que establece a organización común do mercado vitivinícola, e polo Regulamento (CE) 1227/2000, da comisión polo que se fixan disposicións de aplicación do anterior.

A Orde do 5 de setembro de 2000 debe ser modificada como consecuencia da recente publicación no DOCE do Reglamento (CE) 784/2001, da comisión do 23 de abril de 2001, xa que condiciona a aplicabilidade do punto 5 do artigo 4º da citada orde.

Concretamente o Regulamento (CE) 784/2001, modifica o Regulamento (CE)1227/2000 no seu artigo 13, letra c) incluíndo o seguinte parágrafo:

As disposicións que regularán a utilización dos dereitos de nova plantación. Estas disposicións establecerán que os ditos dereitos poderán utilizarse unicamente no caso de seren necesarios desde o punto de vista técnico e nunha proporción non superior ó 10% da superficie total cuberta polo plan. Estas disposicións tamén preverán unha reducción apropiada da axuda concedida a favor destas superficies.

Deste xeito, como consecuencia directa, non se poderá aplica-la excepción para agricultores mozos no límite máximo do 10% de novas plantacións, senón que deberán de computarse como outras calquera.

Por outra parte, resulta necesario reflecti-la partida orzamentaria para o exercicio do 2001 das axudas reguladas na Orde do 5 de setembro de 2000.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30 1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modificación da Orde do 5 de setembro de 2000.

1. O primeiro parágrafo do punto 5º do artigo 3 da Orde do 5 de setembro de 2000 queda redactado como segue:

O prazo de execución dos plans será como máximo de 5 anos seguintes a súa aprobación pola Comunidade Autónoma.

2. O punto 5º do artigo 4 da Orde de 5 de setembro de 2000, queda redactado como segue:

5. Os plans de reestructuración poderán incluír superficies das novas plantacións, ata un máximo dun 10% da superficie incluída no plan, en caso de que a utilización destes dereitos sexa necesaria desde o punto de vista técnico.

3. Os plans presentados con anterioridade á entrada en vigor desta orde e que incumpran estes límites modificados disporán dun período de 20 días desde a entrada en vigor desta orde para adapta-los plans e estas circunstancias.

Disposición transitoria

As axudas ós plans de reestructuración e reconversión do viñedo en Galicia para o exercicio do 2001 estarán financiadas con cargo á aplicación orzamentaria 09.03.614-A 776.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2001. A súa dotación será de 50.000.000 de pesetas, que se verá incrementada en función das asignacións financeiras fixadas en consonancia co artigo 25 do Real decreto 1472/2000, do 4 de agosto, polo que se regula o potencial de producción vitícola.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Producción Agropecuaria para dicta-las instruccións necesarias para a aplicación desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigo o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de xuño de 2001.

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria