Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 119 Mércores, 20 de xuño de 2001 Páx. 8.273

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

ORDE do 11 de xuño de 2001 pola que se regulan axudas en materia de conservación dos recursos naturais e fomento de accións da poboación local para o desenvolvemento sustentable dos parques naturais.

Os parques naturais teñen como obxectivos prioritarios e fundamentais a conservación do patrimonio

natural, o aproveitamento ordenado e sustentable dos recursos naturais, o seu uso e desfrute e a mellora da calidade de vida da poboación que os habita. Neste contexto acentúase o carácter integrador e globalizador do medio, no que o labor da Administración autonómica, entre outros, é adoptar un enfoque preventivo na xestión ambiental, intentando harmonizar simultaneamente as actividades económicas coa conservación dos valores que se pretende protexer.

Os poderes públicos deben garanti-la compatibilidade dos usos e actividades humanas coa conservación dos recursos naturais por medio dun uso prudente e racional deles. Por este motivo, apoiándose no principio de solidariedade colectiva, prevese unha distribución equitativa dos custos sociais que estes procesos producen mediante a aplicación de medidas de apoio económico ás accións que contribúen á consecución dos obxectivos expostos, axudas que, por unha parte, poderán palia-lo reaxuste das actividades da poboación no territorio e por outra, mellora-las condicións socioeconómicas e a calidade de vida dos habitantes.

Baixo os formulamentos dunha política ambiental europea, a salvagarda dos valores ambientais debe ir paralela ó benestar das comunidades rurais, garantindo os mecanismos para que os espacios naturais promovan a integración da poboación, potenciando beneficios económicos e sociais.

No labor de protección dos espacios naturais é fundamental a participación da poboación local. Os habitantes que residen nestes espacios son os xestores naturais do territorio, polo que a información e formación ambiental deben ser ferramentas útiles que potencien os recursos humanos e naturais. Consegui-la práctica de actitudes e comportamentos correctos desde un punto de vista ambiental debe ser un obxectivo a lograr.

Para protexer, conservar e mante-los procesos que condicionan a diversidade biolóxica destes espacios existen instrumentos de planificación e xestión que se deseñan especificamente, nos que se establece a normativa necesaria para orientar e adecua-los usos e actividades sobre o territorio.

A Lei 4/1989, do 27 de marzo, de conservación dos espacios naturais e da flora e fauna silvestre, prevé a posibilidade do establecemento dun réxime de axudas para a poboación residente no espacio natural protexido ou na súa área de influencia socioeconómica. Desta maneira, xunto coa creación dun instrumento xurídico regulador da conservación da natureza, posibilitouse a creación dun instrumento financeiro orientado ó fomento daquelas actividades ou accións que melloren e promocionen as zonas incluídas nos espacios naturais para e incremento da calidade de vida dos moradores.

O Real decreto 2225/1993, do 17 de decembro, aproba o Regulamento estatal de subvencións, establecendo como criterio xeral o réxime de concorrencia competitiva entre os solicitantes, de acordo cos criterios de outorgamento que figuren na norma de

convocatoria das axudas. Por outra parte, a Lei de réxime financeiro e orzamentario desta Comunidade Autónoma dispón, no seu artigo 78.6º, que os criterios de adxudicación das axudas deberán axustarse ós principios de publicidade, concorrencia e obxectividade.

Por outra parte, o Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, regula os distintos procedementos que se deben articular na xestión das axudas e subvencións, e a Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa, regula no seu artigo 6 o réxime das axudas e subvencións públicas, e modifica o artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

A presente orde de axudas é conforme co establecido no artigo 33 do Regulamento (CE) número 1257/1999, sobre a axuda ó desenvolvemento rural con cargo ó Feoga e pola que se modifican e derrogan determinados regulamentos, e conforme co Regulamento (CE) número 1260/1999, polo que se establecen disposicións xerais sobre os fondos estructurais.

En virtude de todo o exposto, e en uso das atribucións que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e o seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto das axudas.

1. A presente orde ten por obxecto o establecemento dun réxime de axudas aplicable a parques naturais encamiñado á realización de accións que contribúan á protección e conservación dos recursos naturais, o incremento de benestar dos cidadáns con intereses nos parques naturais e as súas áreas de influencia, a través de accións de apoio e fomento do desenvolvemento socioeconómico das poboacións locais.

2. As axudas previstas nesta orde outorgaranse de conformidade cos criterios de publicidade, concorrencia e obxectividade, tal como vén establecido no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e presupostario.

Artigo 2º.-Actividades subvencionables.

1. Son actividades obxecto das axudas reguladas pola presente orde:

a) Accións encamiñadas á corrección de impactos paisaxísticos e ambientais. Creación de pantallas vexetais, accións de restauración do medio, etc.

b) Accións encamiñadas a ordenar adecuadamente e facilita-lo uso público tales coma creación de rutas, parques urbanos e periurbanos, etc.

c) Actuacións de mellora de hábitats, que estean incluídas nos instrumentos de ordenación aprobados.

d) Actuacións que contribúan á creación de emprego, especialmente aquelas iniciativas empresariais que se dirixan á promoción e revalorización dos recursos endóxenos da zona (cooperativas de traballos ambientais, transformación de productos, etc.).

e) Accións de desenvolvemento agrícola, gandeiro ou forestal que contribúan á conservación da biodiversidade e ó desenvolvemento sustentable.

f) A realización e a mellora de infraestructuras e de equipamentos que teñan por obxecto a protección do espacio incluído no parque natural, o desfrute dos seus valores naturais ou o incremento da calidade de vida dos seus habitantes, exceptuando infraestructuras de carácter urbano, tales coma rede de sumidoiros, electrificación, iluminación ou saneamento público.

g) Accións de recuperación de elementos de carácter arquitectónico civil, cultural e etnográfico. Nesta alínea será subvencionable o acondicionamento exterior das vivendas rurais e a substitución de elementos ou materiais alleos á tipoloxía rural da zona.

h) Actividades de divulgación, promoción, formación e sensibilización social sobre os valores ambientais, culturais ou patrimoniais tales coma campañas, xornadas, seminarios, cursos, material divulgativo, etc., encamiñadas a fomenta-lo coñecemento, conservación, protección e mellora dos parques naturais da Comunidade Autónoma.

2. A adquisición de terreos non será subvencionable.

3. Tódalas accións, obras ou traballos deberán atoparse situadas dentro do perímetro do parque natural. Excepcionalmente, poderán situarse fóra deste perímetro naqueles casos nos que se contemplen os obxectivos definidos nos respectivos plans de ordenación dos recursos naturais ou plans rectores de uso e xestión.

Artigo 3º.-Contía das subvencións.

A Consellería de Medio Ambiente subvencionará os investimentos que se efectúen ata un máximo de 5 millóns de pesetas por beneficiario.

O importe máximo subvencionable ó que terán dereito os beneficiarios calcularase sobre o orzamento aprobado pola Administración e poderá ser:

-O 100% da acción se o solicitante é un monte veciñal en man común.

-O 80% do custo total da acción para os demais solicitantes.

O IVE non será subvencionable na medida na que sea recuperable da Facenda pública. A porcentaxe definitiva da subvención fixarase de acordo cos criterios sinalados nos artigos 7º e 8º.

Artigo 4º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios das axudas:

1. Particulares que residan dentro do límite do parque natural ou que sexan propietarios de terreo

nalgunha das parroquias total ou parcialmente incluídas no parque natural.

2. Titulares de explotacións agrarias, gandeiras ou forestais situadas dentro do parque natural.

3. Arrendatarios de explotacións agrarias, gandeiras ou forestais situadas nalgunha das parroquias incluídas no parque natural.

4. Comunidades de montes veciñais en man común situados total ou parcialmente no parque natural.

5. Asociacións que posúan a súa sede social ou como mínimo o 50% dos socios con residencia nalgún dos concellos donde se sitúe o parque natural.

6. Agrupacións de veciños constituídas para os efectos de desenvolver accións colectivas de carácter público.

7. Empresas que teñan o seu domicilio fiscal nalgún dos municipios nos que se sitúe o parque natural constituídas con anterioridade á publicación desta orde.

Artigo 5º.-Presentación de solicitudes e documentación.

1. Os interesados presentarán por duplicado as súas solicitudes de subvención debidamente asinadas segundo o modelo do anexo I, xunto cos respectivos proxectos ou memorias de actividades ou obras que se pretende executar.

2. Xunto coa solicitude de subvención presentarase a seguinte documentación:

2.1. Para todo beneficiario:

a) Copia do DNI ou NIF do solicitante compulsada e, se procede, acreditación da representación do solicitante por calquera medio válido en dereito, de acordo co disposto no artigo 32 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

b) Certificación bancaria orixinal compulsada.

c) Dúas copias do proxecto técnico ou proxecto básico asinado por técnico competente. No caso de que non se trate de obras, ou se trate de accións con orzamento total inferior a un millón de pesetas, abondará unha memoria xustificativa das accións que conterá, como mínimo, a descrición dos traballos ou actividades, planos de situación e detalle, orzamento detallado, calendario e prazo aproximado de execución.

d) Autorizacións ou permisos correspondentes para levar a cabo a intervención ou, polo menos, a súa solicitude.

e) Declaración de conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas para esta mesma finalidade, das distintas administracións públicas.

f) Solicitude orixinal asinada.

2.2. Deberase achegar, ademais, a seguinte documentación complementaria, dependendo da natureza do beneficiario:

a) Acreditación da titularidade dos predios ou certificación do titular para a súa dispoñibilidade.

b) No caso de arrendatarios, documento que acredite a condición.

c) No caso de montes veciñais en man común, certificación de acordo da asemblea xeral conforme autoriza a xunta rectora para solicitar axudas.

d) No caso de asociacións, acordo da xunta de goberno ou figura similar para solicitar axudas á Consellería de Medio Ambiente, relación de socios cos seus domicilios correspondentes, copia dos estatutos e certificación de estar inscritos no Rexistro de Asociacións.

e) No caso de agrupacións, escrito de constitución da agrupación no que figuren tódolos membros cos datos completos: nome, DNI, enderezo e representante legal elixido.

f) No caso de empresas ou autónomos:

-Documento acreditativo que xustifique estar de alta no IAE, cando proceda. No caso que proceda, certificado do concello conforme realiza a súa actividade no parque natural correspondente.

-Acreditación de posuí-la sede social nalgún municipio do parque natural correspondente.

g) No suposto de que o terreo obxecto dos traballos sexa propiedade de varios copropietarios, deberá presentar:

-Acreditación da titularidade do terreo de cada propietario.

-Documento que acredite o consentimento de tódolos copropietarios.

-Representación do solicitante para realiza-la acción obxecto da subvención.

2.3. A Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural poderá requirir calquera documentación complementaria que considere conveniente.

Artigo 6º.-Prazo de presentación de solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes será de 30 días naturais que comezarán a contar desde o día seguinte á publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia. A solicitude presentada por representación deberá estar acompañada do documento acreditativo correspondente.

As axudas desta orde serán compatibles con calquera outra destinada ós mesmos fins, sempre que o total das subvencións non superen o custo total do investimento solicitado.

Artigo 7º.-Selección de solicitudes.

Os criterios de avaliación e baremación de proxectos serán os seguintes:

Criterios de avaliación das actividades subvencionablesPuntos

-Letra A

Valor ecolóxico da acción ou proxectoDe 0 a 5

Superficie do parque natural correspondenteDe 0 a 10

Criterios de avaliación das actividades subvencionablesPuntos

Complementariedade e integración do proxecto ou actuación solicitada, coas previstas no plan de ordenación dos recursos naturaisDe 0 a 10

Incidencia no desenvolvemento sustentable do parque natural e o seu contornoDe 0 a 5

-Letra B

Investimentos totais das actuacións ou proxectos de acordo co orzamento aprobadoDe 0 a 5

Número de beneficiarios directos e indirectosDe 0 a 5

Medios humanos e materiais que se van utilizar no desenvolvemento das actuaciónsDe 0 a 10

Artigo 8º.-Baremación.

Non se terán en conta as solicitudes que non acaden un mínimo de 20 puntos segundo as letras A e B do artigo anterior. As restantes solicitudes priorizaranse segundo a puntuación da letra A, coa porcentaxe máxima de puntuación que se define, de acordo co seguinte cadro, ata esgota-lo crédito orzamentario previsto na presente orde.

GrupoPuntuaciónPorcentaxe máxima subvencionable

M.V.M.C.Outros solicitantes

I20-30100%80%

II10-2075%60%

III5-1050%40%

IV0-525%20%

Pola parte do director conservador, co visto e prace, se é o caso, do xefe de servicio de Medio Ambiente Natural e, trala consulta previa ó órgano correspondente da xunta rectora, procederase a avaliar e propoñer unha baremación das solicitudes presentadas en cada parque natural.

Unha vez recibidos estes informes na Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural, procederase á súa baremación definitiva por unha comisión composta polo director xeral de Montes e Medio Ambiente Natural, o subdirector de Medio Ambiente Natural, Caza e Pesca Fluvial, e o xefe de Servicio de Conservación da Biodiversidade, á cal poderán ser citados os directores conservadores dos parques naturais e xefes dos servicios provinciais de Medio Ambiente Natural.

Artigo 9º.-Inspección previa.

En tódalas solicitudes consideradas subvencionables, o director conservador ou pesoal técnico do parque natural realizará unha inspección previa, na que se observará se a acción ou proxecto se axusta á realidade física e económica.

Artigo 10º.-Concesión da subvención.

1. A concesión das subvencións farase mediante resolución do conselleiro de Medio Ambiente, por proposta do director xeral de Montes e Medio Ambiente Natural e segundo as dispoñibilidades orzamentarias.

2. A concesión da solicitude realizarase nun prazo de 3 meses, que comezarán a contar a partir da data da convocatoria.

As solicitudes que non estivesen resoltas e notificadas nun prazo de tres meses desde a publicación desta orde entenderanse desestimadas por silencio administrativo, conforme o disposto no artigo 44 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, e sen prexuízo da obriga de resolver expresamente prevista no artigo 42º da dita lei.

3. Contra a resolución pola que se aprobe ou denegue a solicitude de subvención poderase interpor recurso de reposición ante o conselleiro de Medio Ambiente no prazo dun mes se o acto fose expreso, ou de tres meses se non o fose, ou ben impugnar directamente o acto ante a xurisdicción contencioso-administrativa.

4. Na resolución de concesión da subvención, o conselleiro de Medio Ambiente poderá impoñer condicións e establecer directrices para a execución dos investimentos con motivo dun mellor cumprimento do fin da subvención.

5. A concesión da axuda notificarase ós interesados. Unha vez recibida a notificación, os beneficiarios deberán comunicar por escrito necesariamente á Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural a súa aceptación ou renuncia segundo as condicións que se indiquen, nun prazo de 15 días. A aceptación das axudas suporá a conformidade do interesado no cumprimento nos termos que se expresen na súa comunicación.

Artigo 11º.-Requisitos.

1. As obras obxecto de subvención deberán axustarse á lexislación vixente en xeral, e en particular ós instrumentos de planificación e xestión dos parques naturais en cuestión, e contar no momento do seu inicio coas licencias e autorizacións preceptivas.

2. A finalidade ou función da actividade ou obra deberá manterse durante un prazo mínimo de 10 anos, cando proceda.

3. Poderanse conceder subvencións nas que o prazo de execución sexa de carácter bianual.

Se se solicita unha execución bianual, deberá especificarse unha proposta de execución detallada, por unidades e orzamento, para cada anualidade.

4. Os investimentos obxecto de subvención de carácter anual deberán realizarse no prazo que se indique na resolución de adxudicación. Excepcionalmente o director xeral de Montes e Medio Ambiente Natural poderá conceder por delegación do conselleiro unha prórroga dentro dos límites legais establecidos no artigo 49.1º da Lei 30/1992, de 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

5. Os beneficiarios deberán colocar no lugar onde se realicen as obras un cartel ou placa resistente á intemperie, que indique que a obra se está levando a cabo cunha subvención da Consellería de Medio Ambiente, e que se atopa cofinanciada pola Unión Europea, cos respectivos anagramas e o logotipo do parque natural.

O cartel será por conta do beneficiario e, unha vez rematada a obra, deberá permanecer en lugar visible por un prazo non inferior a 5 anos. O modelo deste cartel será facilitado polo correspondente parque natural.

Artigo 12º.-Xustificación do gasto.

1. O director do parque natural en inspección final deberá certificar que os investimentos se realizaron de acordo coa resolución aprobada.

2. A xustificación do investimento obxecto de axuda deberase realizar mediante facturas orixinais ou as certificacións de obra correspondentes.

Artigo 13º.-Pagamento das subvencións.

1. Poderanse emitir certificacións parciais, que se efectuarán de acordo co artigo 41 da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2001, no que se especifican as condicións ás que quedan sometidos.

2. Os beneficiarios de axudas con importe superior a 250.000 pesetas deberán acreditar que se atopan ó día das súas obrigas tributarias e sociais e que non teñen pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

3. A tramitación do pagamento das axudas realizarase trala inspección previa do director conservador do parque natural e emisión da certificación correspondente, unha vez cumpridos tódolos requisitos establecidos na presente orde.

4. No momento da xustificación total do proxecto e, en calquera caso, antes de efectuarse o último pagamento, o peticionario presentará unha declaración complementaria sobre as axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas coma as pendentes de aprobación para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes.

Artigo 14º.-Anticipos.

Con carácter excepcional e por resolución motivada da Consellería de Medio Ambiente, poderase autorizar un anticipo de ata o 50% da subvención naqueles casos nos que a subvención esixa pagamentos inmediatos. Non será necesaria a presentación das garantías esixidas no artigo 41.dous.2.d) da Lei 4/2000, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2001.

Artigo 15º.-Revisión das subvencións.

Se o 15 de outubro do exercicio corrente existise remanente orzamentario, a Consellería de Medio Ambiente poderá modifica-las cantidades aprobadas, seguindo os criterios especificados nesta orde

e respectando o disposto no Decreto 287/2000, do 21 de novembro.

Artigo 16º.-Control.

A Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural poderá realiza-las actuacións de inspección e control necesarias para garanti-lo cumprimento do establecido na presente orde, así como a comprobación dos investimentos realizados, podendo requirirse ós beneficiarios toda a documentación e información que lles sexa solicitada en cada momento.

Artigo 17º.-Revogación.

1. Son causas de revogación:

a) Cando se comprobe que as axudas foron destinadas a unha finalidade diferente daquela para a que foron concedidas.

b) Pola non realización da obra ou traballos obxecto da subvención.

c) A non presentación, ou presentación fóra de prazo, de calquera documentación requirida en calquera momento da tramitación.

d) Cando existan modificacións das accións previstas de forma que desvirtúen os obxectivos descritos na presente orde.

e) Por ocultar, manipular, falsear datos ou entorpecer de forma deliberada a labor de inspección e control.

f) Por perda da titularidade dos terreos, ou por perda de personalidade xurídica das empresas ou asociacións, se o novo titular non se subrogase expresamente.

g) Cando o beneficiario da subvención incumpra calquera das condicións establecidas tanto nesta orde como no resto da normativa aplicable.

h) Por incumprimento de calquera dos prazos establecidos na presente orde.

i) Por incumprimento de calquera das disposicións legais vixentes.

2. En tódolos supostos anteriormente citados, e por proposta do director xeral de Montes e Medio Ambiente, tralo informe previo do director conservador do parque natural, e trala audiencia previa ó interesado, o conselleiro de Medio Ambiente poderá revogar, total ou parcialmente as axudas que foron concedidas no seu día e declarará a obriga de reintegrar á Xunta de Galicia as cantidades percibidas, co aboamento dos xuros de demora fixados pola lei.

3. No referente ós reintegros totais ou parciais, revogacións, infraccións ou sancións, ós beneficiarios das axudas seralles de aplicación o previsto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, segundo a redacción dada pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa. Neste sentido, conforme o disposto no artigo 78.7º da mencionada

lei, toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 18º.-Obriga de facilitar información.

Ademais da documentación complementaria que os órganos correspondentes da Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural lles poidan esixir durante a tramitación do procedemento, os beneficiarios das axudas previstas desta orde, teñen a obriga conforme o artigo 78.6º i) do Decreto lexislativo 1/1999, de facilitar toda a información que lles sexa requirida polos órganos dependentes do organismo pagador, pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas públicas, así como a que lle sexa solicitada por calquera órgano de inspección ou control da Unión Europea.

Artigo 19º.-Aplicacións orzamentarias.

Estas axudas financiaranse con cargo ás aplicacións orzamentarias 15.02.342-A 770.0 e 15.02.342-A 780.0 axudas para medidas compensatorias no contorno dos espacios naturais protexidos, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2001, cunha dotación inicial de 3.000.000 de pesetas e 12.000.000 de pesetas respectivamente. O orzamento inicialmente dispoñible no ano 2002 será de 30.000.000 de pesetas na aplicación orzamentaria 15.02.342-A 770.0, e de 46.000.000 de pesetas na 15.02.342-A 780.0. Estas dotacións orzamentarias poderán incrementarse en función das dispoñibilidades orzamentarias, con cargo ás mesmas aplicacións. A presente orde de axudas encóntrase cofinanciada polo Feoga-Orientación.

No caso de que as axudas se concedan para máis dun exercicio orzamentario, o prazo para a finalización e xustificación das actuacións será o indicado na resolución da concesión, quedando condicionada a súa eficacia á existencia de crédito axeitado e suficiente.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Montes e Medio Ambiente Natural para dictar cantas disposicións complementarias considere oportunas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de xuño de 2001.

José Carlos del Álamo Jiménez

Conselleiro de Medio Ambiente