Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 118 Martes, 19 de xuño de 2001 Páx. 8.213

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 13 de xuño de 2001 pola que se convocan unhas xornadas sobre a Lei de estabilidade orzamentaria.

Dentro do plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para 2001 e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócanse, en colaboración co Instituto de Estudios Fiscais, unhas xornadas sobre a Lei de estabilidade orzamentaria; convocatoria que se desenvolverá conforme as seguintes bases:

1. Obxectivos.

Mellora-lo coñecemento dos asistentes sobre a Lei de estabilidade orzamentaria, nacida das recomendacións do Consello Europeo de Santa María de Feira. Norma certamente de grande impacto social, pioneira na zona do euro en materia de disciplina orzamentaria e que pretende o saneamento das contas públicas cunha proxección máis alá das esixencias mínimas establecidas polo Pacto de Estabilidade, o que pola súa vez ofrece unha maior garantía de crecemento económico.

2. Contido.

Trataranse estes temas:

-Orzamento e control. Tendencias actuais.

-Normas da Lei xeral de estabilidade orzamentaria relativas ó Estado.

-A estabilidade orzamentaria como garantía de crecemento económico.

-Lei de estabilidade e autonomía financeira das AA.PP.

-Fundamento da Lei de estabilidade orzamentaria.

-Necesidade da lei na actual política orzamentaria.

-A Lei de estabilidade orzamentaria e o financiamento das CC.AA.

-A estabilidade orzamentaria no marco da UE.

3. Destinatarios.

Persoal ó servicio da Xunta de Galicia e da Administración local galega e interesados en xeral.

4. Desenvolvemento.

-Horario: mañá e tarde.

-Lugar e datas: as xornadas convocadas desenvolveranse no salón de actos da Delegación do Ministerio de Facenda da Coruña (Comandante Fontanes, 10-31, A Coruña) os días 11 e 12 de xullo de 2001.

5. Inscrición.

-Prazo: remata o luns, día 9 de xullo de 2001.

-Tramitación de solicitudes: as solicitudes irán dirixidas ó director da Escola Galega de Administración Pública, polígono das Fontiñas, rúa de Madrid, 2-4, 15707 Santiago de Compostela, segundo o modelo que figura como anexo a esta convocatoria, e presentaranse no rexistro xeral da EGAP ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Admitiranse tamén inscricións por telefax: 981 54 63 30.

-Número de prazas: limitado á capacidade do local.

-Inscrición fóra de prazo: só se admitirán, de quedaren prazas baleiras, coa condición de que se cumpran os requisitos xerais antes indicados.

Os peticionarios poderán obter confirmación da súa posible admisión, chamando por teléfono, o día 10 de xullo, de 10 a 14.45 horas, ós seguintes números: 981 54 62 39/44 ou 981 54 60 40.

6. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolve-las incidencias que puidesen xurdir no desenvolvemento das xornadas, así como a de cancelalas, se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

7. Certificación de asistencia.

Entregaráselles, ó remate destas xornadas, a aquelas persoas inscritas que concorresen asiduamente a elas, cando a súa asistencia sexa igual ou superior ó 85% das horas lectivas programadas, e expresarase, neste documento, a natureza da actividade e as datas da súa realización.

Santiago de Compostela, 13 de xuño de 2001.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega de Administración Pública