Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 115 Xoves, 14 de xuño de 2001 Páx. 8.028

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 8 de xuño de 2001 pola que se convocan unhas xornadas sobre nacionalidade e estranxeiría.

Dentro do Plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para o 2001, e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócanse, en colaboración co Colexio de Avogados de Vigo, unhas xornadas sobre nacionalidade e estranxeiría, convocatoria que se desenvolverá conforme as seguintes bases:

1. Obxectivos.

A regulación da nacionalidade española representa unha das materias que máis reformas experimentou, para axustarse tanto ás esixencias sociais do momento coma ós dictados constitucionais. Pola súa parte, a proposición de lei de modificación do Código civil que presentara o Grupo Parlamentario Popular no Congreso, o pasado día 12 de marzo de 2001, propón facilita-la conservación e transmisión da nacionalidade española como medio de lle dar satisfacción ó compromiso asumido polo Estado fronte ós emigrantes e cifrado no artigo 42 da Constitución. Deixando á parte as denominadas melloras técnicas ou pretendidamente aclaratorias, a exposición de motivos da reforma destaca o significado do ofrecemento da posibilidade de optar, en calquera momento da súa vida, por parte dos fillos de emigrantes (artigo 20), á novidade implícita na posibilidade de que o español que goza ou adquire unha segunda nacionalidade poida evitar, por simple declaración ante o rexistro, a perda da nacionalidade

española sen ter que renunciar á que nese momento goza (artigo 26). Se a estas novidades unimos outros puntos sempre interesantes desde a perspectiva da emigración, como pode se-lo alcance dunha dobre nacionalidade, que agora se potencia ou as condicións favorecedoras dun eventual retorno, non cabe dúbida de que dispoñemos dun repertorio apto para a reflexión que se propón.

A aprobación da Lei de estranxeiría e os recursos interpostos ante ela suscitaron unha polémica xurídica constitucional que se converteu nun importante debate de actualidade. Non obstante o anterior, a posición xurídica dos estranxeiros vai moito máis alá do devandito debate, suscitando non poucos problemas de índole social e económica que requiren o adecuado consenso entre tódalas forzas políticas.

2. Contido.

Trataranse estes temas:

-Os dereitos dos estranxeiros.

-Estranxeiría e nacionalidade.

-A adquisición por residencia: a efectividade, como proba do ánimo de integración na comunidade española.

-Nacionalidade e estranxeiría: aspectos xurídico-privados.

-A perda e conservación da nacionalidade no proxectado artigo 24.

-Dobre nacionalidade e emigración.

-As novas condicións de recuperación da nacionalidade española.

-Estranxeiría e globalización.

3. Destinatarios.

Persoal ó servicio da Xunta de Galicia e da Administración local galega e interesados en xeral.

4. Desenvolvemento.

-Horario: mañá e tarde.

-Lugar e datas: as xornadas convocadas desenvolveranse no salón de actos do Colexio de Avogados de Vigo (r/ Lalín, 4, edificio dos xulgados da citada cidade) os días 27 e 28 de xuño de 2001.

5. Inscrición.

-Prazo: remata o luns, día 25 de xuño de 2001.

-Tramitación de solicitudes: as solicitudes irán dirixidas ó director da Escola Galega de Administración Pública; polígono das Fontiñas, calle Madrid, 2-4, 15707 Santiago de Compostela, segundo o modelo que figura como anexo a esta convocatoria, e presentaranse no rexistro xeral da EGAP ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Admitiranse tamén inscricións por telefax: 981 54 63 30.

-Número de prazas: limitado á capacidade do local.

-Inscricións fóra de prazo: só se admitirán, de quedaren prazas baleiras, coa condición de que se cumpran os requisitos xerais antes indicados.

Os peticionarios poderán obter confirmación da súa posible admisión chamando por teléfono, o día 26 de xuño, das 10 ás 14.45 horas, ós seguintes números: 981 54 62 39/44 ou 981 54 60 40.

6. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolve-las incidencias que puidesen xurdir no desenvolvemento das xornadas, así como a de cancelalas, se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

7. Certificación de asistencia.

Entregaráselles, ó remate destas xornadas, a aquelas persoas inscritas que concorresen asiduamente a elas, cando a súa asistencia sexa igual ou superior ó 85% das horas lectivas programadas, e expresarase, neste documento, a natureza da actividade e as datas da súa realización.

Santiago de Compostela, 8 de xuño de 2001.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega de Administración Pública