Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 113 Martes, 12 de xuño de 2001 Páx. 7.760

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 30 de maio de 2001 de modificación da do 5 de decembro de 1996, pola que se regulan os ficheiros automatizados de datos de carácter persoal de nova creación na Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

Pola Orde do 5 de decembro de 1996 fíxose a regulación de diversos ficheiros automatizados de datos de carácter persoal de nova creación, entre eles atópase o correspondente ó Servicio Galego de Colocación; desde a dita regulación, o Servicio Galego de Colocación asume novas funcións coma consecuencia do traspaso á Comunidade Autónoma da xestión realizada polo Instituto Nacional de Emprego, no ámbito do traballo, o emprego e a formación, regulado polo Real decreto 1375/1997, do 29 de agosto.

As novas funcións asumidas polo Servicio Galego de Colocación e a modificación da estructura do ficheiro, engadindo información de carácter identificativo do demandante de emprego, en concreto, unha mostra da impresión dixital, obriga á modificación da regulación do correspondente ficheiro.

O artigo 20 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal (Boletín Oficial del Estado nº 298, do 14 de decembro), establece que a creación, modificación ou supresión dos ficheiros das administracións públicas só poderán facerse por medio dunha disposición xeral publicada no diario oficial correspondente.

Co fin de lle dar cumprimento ó mandato legal e garanti-lo pleno exercicio dos dereitos dos cidadáns, e en exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada parcialmente pola Lei 11/1998, do 22 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modifícase o artigo 2 da Orde de 5 de decembro de 1996, relativo ó ficheiro automatizado do Servicio Galego de Colocación, que contén e procesa datos de carácter persoal, que queda redactado co seguinte contido:

«1. Finalidade e usos previstos: cruzamento coas ofertas de emprego introducidas no sistema co obxecto da súa posible candidatura para ocupa-lo posto de traballo ofertado. Co fin de amplia-las posibilidades de emprego, utilizarase o ficheiro para proporcionar accións de mellora da empregabilidade.

2. Persoas ou colectivos afectados: desempregados e persoas en activo en situación de mellora de emprego.

3. Procedemento de recolla de datos: formularios cubertos polo interesado coa axuda dun experto que o entrevista.

4. Estructura básica e tipos de datos de carácter persoal incluídos no ficheiro.

-Estructura básica: base de datos.

-Datos de carácter identificativo: DNI/NIF, nº de Seguridade Social, nome e apelidos, enderezo, teléfono e a impresión dixital.

-Datos de características persoais: estado civil, datos da familia, data e lugar de nacemento, sexo, nacionalidade, lingua materna, características físicas ou antropométricas, pertenza a colectivo especial.

-Datos de circunstancias sociais: situación militar, afeccións e estilos de vida, licencias, permisos e autorizacións.

-Datos académicos e profesionais: formación e titulacións, experiencia profesional, situación laboral.

-Datos económico-financeiros: subsidios, beneficios.

5. Cesión de datos de carácter persoal.

Instituto Nacional de Emprego.

6. Órganos e servicios da Administración responsables.

A responsabilidade correspóndelle, baixo a autoridade do secretario xeral, ó subdirector xeral de Colocación, sen prexuízo da responsabilidade directa que na xestión e custodia dos ficheiros lle corresponda ó xefe de cada un dos servicios e unidades.

7. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderán exercerse, se é o caso, perante a Subdirección Xeral de Colocación.

8. As medidas de seguridade dos ficheiros recóllense no correspondente documento de seguridade.

Nivel de seguridade: básico.

A cesión, se é o caso, dos datos recollidos no ficheiro regulado nesta orde ós servicios de estatística das administracións públicas someterase á normativa vixente sobre materia de estatística».

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de maio de 2001.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego,

Muller e Xuventude