Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 110 Xoves, 07 de xuño de 2001 Páx. 7.587

VI. ANUNCIOS

OUTROS ANUNCIOS

FUNDACIÓN GALICIA-EUROPA

ANUNCIO do 18 de maio de 2001 polo que se convocan axudas para a realización de cursos de idiomas en países da Unión Europea, dirixidas ó persoal ó servicio das entidades membros do padroado desta fundación.

A Fundación Galicia-Europa ten entre os seus fins a promoción de todas aquelas accións que faciliten

o achegamento da sociedade galega a Europa e, polo tanto, do persoal ó servicio das súas entidades membros.

Nunha Unión Europea sen fronteiras físicas é preciso traballar no obxectivo de supera-las barreiras que orixinan outros factores e, en especial, a diversidade lingüística, que lonxe de erixirse como elemento distorsionador do proceso de integración europea debe ser considerado como unha fonte de riqueza.

Desde a Fundación Galicia-Europa considérase unha acción de máximo interese poñer á disposición do persoal ó servicio das súas entidades membros e asociadas a posibilidade de acceder ó estudio ou perfeccionamento das linguas europeas, como vehículo de achegamento ós Estados da Unión e mecanismo de superación de fronteiras entre a cidadanía europea.

Por todo isto, anúnciase a convocatoria de oito bolsas para a realización de cursos de idiomas durante o ano 2001, destinadas ó persoal ó servicio das entidades membros da Fundación Galicia-Europa.

1. Beneficiarios:

Poderá solicitar estas axudas o persoal ó servicio de calquera das entidades membros da Fundación Galicia-Europa (Xunta de Galicia, Banco Pastor, Caixa Galicia, Caixanova, Banco Portugués de Investimento, Consorcio Zona Franca de Vigo, Cámaras Galegas de Comercio, Deputación da Coruña, Deputación de Pontevedra).

2. Características da convocatoria:

* Poderán ser obxecto da axuda os cursos de aprendizaxe de calquera dos idiomas oficiais da Unión Europea realizados en centros recoñecidos.

* O curso deberá realizarse nun Estado da Unión Europea onde sexa oficial a lingua que se vai estudiar.

* A duración do curso escollido non será superior a un mes.

* Os trámites de admisión no centro escollido serán por conta do beneficiario.

3. Importe:

A Fundación Galicia-Europa financiará, trala xustificación, os gastos de viaxe, matrícula, aloxamento e manutención ata un importe máximo de 250.000 pesetas por curso.

4. Solicitudes:

As solicitudes, debidamente cubertas, deberán dirixirse ó director da Fundación Galicia-Europa e ser presentadas no rexistro ou remitilas por correo á sede desta entidade en Santiago de Compostela sita en rúa dos Feáns, nº 5-baixo, código postal 15706.

As solicitudes deberán ir xunto coa seguinte documentación:

* Datos persoais do solicitante, incluíndo nome, enderezo, teléfono, fotocopia do DNI e unha fotografía tamaño carné.

* Datos relativos á entidade membro na que presta os seus servicios.

* Información detallada referida ó curso que se pretende realizar, incluíndo duración e custos da matrícula.

* Memoria explicativa do posto de traballo e das tarefas realizadas nel, así como da necesidade de coñecemento do idioma para o desenvolvemento do traballo.

* Certificado de ter coñecemento básico do idioma para o que se solicita a bolsa.

* De entre os empregados da Administración autonómica daráselles preferencia ós que participen en áreas formativas da Unión Europea na Escola Galega de Administración Pública (EGAP).

5. Prazo de presentación:

O prazo de presentación de solicitudes iníciase ó día seguinte da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia e rematará o 30 de xuño de 2001.

6. Resolución:

A resolución das solicitudes será competencia do director da Fundación Galicia-Europa.

7. Obrigas dos beneficiarios:

* Emprega-la axuda recibida en sufraga-los gastos inherentes á realización do curso de idiomas no país elixido.

* Xustifica-los gastos incorridos na matrícula, desprazamento, mantenza e estadía no país onde se realice o curso de idiomas.

* Xustifica-la realización e aproveitamento do curso a través de certificación do centro de idiomas no que se atope matriculado.

Santiago de Compostela, 18 de maio de 2001.

Jaime Pita Varela

Secretario xeral da Fundación Galicia-Europa