Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 107 Luns, 04 de xuño de 2001 Páx. 7.402

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 6 de abril de 2001, da Delegación Provincial de Lugo, pola que se aproba o proxecto de execución, se autoriza e se declara, en concreto, de utilidade pública, para os efectos de urxente ocupación, a L.M.T., C.T. e R.B.T. en Susavila e Piñeiro, 1º e 2º anexo, no concello do Saviñao. (Expediente 36/1998 A.T.).

Visto o expediente incoado nesta delegación provincial por petición de Unión Fenosa, S.A. con domicilio, para os efectos de notificación, na avda. de Arteixo, 171, A Coruña, que solicita aprobación do proxecto, autorización administrativa e declaración da utilidade pública da instalación eléctrica de referencia.

Cumpridos os trámites sinalados no artigo 53 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, e os ordenados nos capítulos III do Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións eléctricas, e nos capítulos III e IV do regulamento de aplicación da Lei 40/1966, do 18 de marzo, sobre expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, aprobado polo Decreto 2619/1966, do 20 de outubro, de aplicación ó presente expediente segundo o establecido pola disposición transitoria primeira da indicada Lei 54/1997, en relación coa disposición transitoria undécima do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Visto que durante o período no que se someteu o expediente ó trámite de información pública se presentaron as seguintes alegacións:

1ª Rosario Díez Varela, que solicita, toda vez que xa existen diversas instalacións eléctricas na zona (liñas de media tensión e C.T.), que se proceda a executa-la mellora das instalacións eléctricas polo lugar que se viña facendo ata o día de hoxe, evitando así a duplicidade de tendidos eléctricos. Así mesmo, solicita a aplicación do artigo 57 a) e b) da Lei 54/1997 xa que, segundo manifesta a alegante, é posible realiza-lo trazado por terreos de dominio, uso ou servicio público ou patrimoniais do Estado, comunidades autónomas, das provincias ou dos municipios, ou seguindo lindeiros de predios de propiedade privada.

2ª Ramón López Viñas, que manifesta que no terreo da súa propiedade afectado pola liña, se atopa un castiñeiro de gran valor, que debería ser tido en conta de xeito que non se causen prexuízos á súa propiedade, ou no caso de que tivera que afectarse a devandita árbore, que sexa indemnizado de xeito adecuado.

3ª Mª Luisa Díez Varela, quen primeiramente confirma a súa titularidade sobre o predio nº 8 dos afectados polo trazado da liña eléctrica que nos ocupa.

En segundo lugar manifesta, con base na deficiencia na descrición dos metros cadrados afectados e da indefinición sobre se a ocupación é provisional

ou definitiva, que podería cabe-la expropiación total da parcela.

En terceiro lugar manifesta que non existe estudio de impacto ambiental, que a alegante entende necesario para a execución do proxecto.

Por último, manifesta que, en caso de ser efectiva a expropiación, se deberá de ter en conta o arboredo existente para os efectos de súa valoración.

Considerando que tales alegacións, vista a contestación dada a elas por parte da empresa promotora e o resto da documentación que consta no expediente, non impiden continuar coa súa tramitación polas seguintes razóns:

1º No que respecta ás alegacións formuladas por Rosario Díez Varela, por canto a liña proxectada ten por obxecto mellora-la subministración eléctrica nos lugares da Cerca, Naveiras, Susavila, Piñeiro e Sisto e suporá a eliminación do C.T. de Piñeiro, e o resto de liñas existentes dan subministración a outras zonas distintas, polo que non existe duplicidade delas.

Tampouco se dan os supostos establecidos no artigo 57 a) da Lei 54/1997, do sector eléctrico, por canto na parcela da alegante non se dan conxuntamente as circunstancias de estar cerrada, anexa á vivenda e ter menos de media hectárea.

Así mesmo, non se dan os supostos establecidos no artigo 57 b) da referida Lei 54/1997 xa que, seguindo a traza da liña terreos de dominio, uso ou servicio público ou lindeiros de leiras de propiedade privada, a nova liña suporía unha variación da traza sobre a existente superior ó regulamentariamente determinado (artigo 26.1º do Decreto 2619/1966, do 20 de outubro).

2º En canto á alegación formulada por Ramón López Viñas, cómpre dicir que a arboreda que quede afectada pola traza da liña será debidamente plasmada na acta previa á ocupación do predio, servindo esta acta previa de base para a fixación da indemnización que corresponda, para o que se tramitaría o correspondente expediente de prezo-xusto segundo o procedemento establecido nos artigos 24 e seguintes da Lei de expropiación forzosa.

3º En relación co manifestado por María Luisa Díez Varela, en canto á solicitude de expropiación total do predio, esta delegación provincial entende que non procede polas seguintes razóns:

a) Que o artigo 23 do Decreto 2619/1966 establece, como requisito para a expropiación total, que a servidume de paso de enerxía eléctrica faga antieconómica a explotación do predio servente, sen que a alegante xustifique nin demostre as causas concretas determinantes dos posibles prexuízos económicos que ocasionaría a conservación do predio tal e como esixe o parágrafo 2º do citado artigo 23 do Decreto 2619/1966.

b) Que o artigo 27 deste decreto establece que a servidume de paso de enerxía eléctrica non impide ó dono do predio servente, cercalo, plantalo ou edificar nel, deixando a salvo a servidume; polo que, estando actualmente o predio da alegante dedicado a labradío, o seu uso actual é compatible coa imposición da servidume.

c) Que cando, como é o caso, a Administración rexeita a expropiación total, se incluirá no prezo xusto a indemnización que corresponda polos prexuízos que se produzan a consecuencia da expropiación parcial do predio segundo establece o artigo 46 da Lei de expropiación forzosa.

Por outra banda cómpre dicir que a instalación eléctrica que nos ocupa non precisa estudio de impacto ambiental por ter unha tensión inferior a 220 kV e unha lonxitude inferior ós 15 km, tal e como se desprende do Real decreto lexislativo 1302/1986, modificado pola disposición adicional duodécima da Lei 54/1997, do sector eléctrico.

Por último, cómpre indicar que todo o arboredo existente que resulte afectado pola imposición da servidume de paso da liña eléctrica que nos ocupa, quedará plasmado na acta previa á ocupación do predio, e será obxecto da correspondente valoración para fixa-la indemnización que corresponda, para o que se tramitará o correspondente expediente de prezo-xusto segundo o procedemento establecido nos artigos 24 e seguintes da Lei de expropiación forzosa, tal e como xa se indicou anteriormente.

Vista sobre o terreo a traza da liña eléctrica proxectada, obsérvase que na liña, ó seu paso polos predios relacionados na información pública, non se dá ningunha das prohibicións ou limitacións sobre os predios en expropiación, ós que se refiren respectivamente os artigos 25 e 26 do Decreto 2619/1966, en concordancia co artigo 57 da Lei 54/1997, antes citada.

Sendo competente este organismo, con base no Estatuto de autonomía de Galicia, no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma galega en materia de industria, enerxía e minas, e no exercicio de competencias atribuída polos decretos 2617 e 2619/1966,

RESOLVO:

Primeiro.-Autorizarlle a Unión Fenosa, S.A. o establecemento da dita instalación eléctrica, coas seguintes características principais:

1. Liña de media tensión ó C.T. de Susavila, cunha tensión nominal e de servicio de 20 kV con orixe na L.M.T. ó C.T. de Piñeiro e remate no C.T. de Susavila, cunha lonxitude de 1,085 km, conductor tipo/sección LA 56/54,6 mm e 11 apoios de formigón.

2. Centro de transformación intemperie de Susavila, situado en Susavila cunha potencia de 25 kVA e relación de transformación 20.000/380-220 V.

3. Centro de transformación intemperie de Piñeiro, situado en Piñeiro, cunha potencia de 25 kVA e relación de transformación 20.000/380-220 V.

4. Liña de baixa tensión aérea en Susavila, con orixe no C.T. de Susavila, cunha lonxitude de 1,845 km e 23 apoios de formigón.

5. Liña de baixa tensión aérea en Piñeiro, con orixe no C.T. de Piñeiro cunha lonxitude de 1,355 km con 14 apoios de formigón.

Segundo.-Declara-la utilidade pública da instalación eléctrica autorizada, coas consecuencias establecidas no artigo 54 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sistema eléctrico, de necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e de urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. Igualmente, levará implícita a autorización para o establecemento ou paso da instalación eléctrica sobre terreos de dominio, uso ou servicio público, ou patrimoniais do Estado, ou das comunidades autónomas, ou de uso público, propios ou comunais da provincia ou municipio, obras e servicios destes e zonas de servidume pública.

Terceiro.-Prestar aprobación ó seu proxecto de execución e anexo, unha vez cumprido os trámites que se sinalan no capítulo IV do citado Decreto 2617/1966, e visto o contido do informe técnico de data 13 de decembro de 2000, entendendo que os puntos que nel se recollen non teñen entidade suficiente para non proceder á súa aprobación.

Cuarto.-En cumprimento do disposto nos artigos 52 da Lei de expropiación forzosa do 16 de decembro de 1954, e 31 do regulamento da Lei 10/1966, do 18 de marzo, acordo que o representante da Administración dea comezo, en data e hora que a cada interesado se lle notificará individualmente, ó levantamento das actas previas á ocupación dos predios contidos nas relacións publicadas no diario El Progreso do 24 de xaneiro, Diario Oficial de Galicia do 27 de febreiro e no BOP de Lugo do 7 de febreiro de 2001, e expostas no taboleiro oficial desta delegación provincial e no taboleiro de edictos do Concello do Saviñao. Ata o momento do levantamento das actas poderanse formula-las alegacións, por escrito, que se consideren pertinentes para os efectos de rectificar posibles erros na relación de bens afectados, ante esta delegación provincial.

Esta publicación realízase igualmente para os efectos do artigo 59.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, cando os titulares dos predios propostos sexan descoñecidos ou se ignore o lugar de notificación e, así, dirixirlle ó Ministerio Fiscal as dilixencias que se produzan, de conformidade co artigo 5 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954.

Esta resolución non é definitiva na vía administrativa e contra ela poderase interpoñer recurso de alzada perante o conselleiro de Industria e Comercio

no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ó da súa notificación/publicación. Tamén se poderá interpoñer calquera outro recurso que se considere oportuno para a defensa dos dereitos e intereses por parte dos interesados.

Lugo, 6 de abril de 2001.

Jesús Bendaña Suárez

Delegado provincial de Lugo