Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 106 Venres, 01 de xuño de 2001 Páx. 7.319

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 124/2001, do 10 de maio, polo que se acordan as cesións do uso, a título gratuíto, de varios bens inmobles procedentes do patrimonio das extintas cámaras agrarias locais da Baña, Muxía, Viveiro, Calvos de Randín e Tomiño.

A disposición adicional sétima da Lei 11/1995, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1996, no seu punto tres establece que o Consello da Xunta de Galicia, na forma prevista na Lei 3/1985, do 12 de abril, poderá desafectar e cedérlle-lo uso dos bens inmobles das extintas cámaras agrarias ós concellos, organizacións profesionais agrarias ou outras entidades públicas ou privadas sen fin de lucro, sempre que quede garantida a conservación e aplicación deles ós fins e servicios de interese xeral agrario. A dita cesión requirirá informe favorable da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes.

Os concellos da Baña, Muxía, Viveiro, Calvos de Randín e Tomiño solicitaron a cesión do uso dos inmobles sitos nos seus respectivos termos municipais e que pertenceron ás extintas cámaras agrarias locais, para destinalos a actividades de interese agrario.

Mediante o Decreto 50/2001, do 8 de febreiro (DOG nº 48, do 8 de marzo), desafectáronse do dominio público, varios inmobles que integraban o patrimonio das extintas cámaras agrarias locais da Baña, Muxía, Viveiro, Calvos de Randín e Tomiño.

Pola orde da Consellería de Economía e Facenda do 16 de marzo de 2001 (DOG nº 66, do 3 de abril) declarouse a alienabilidade dos anteditos inmobles.

A Secretaría Xeral e do Patrimonio, dependente da mencionada consellería, tramitou o expediente de cesión do uso de acordo co previsto nos artigos 83 e seguintes do regulamento que desenvolve a Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Por todo o exposto, e tendo en conta o informe favorable da, no seu día, Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, hoxe Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, e de conformidade coa proposta do conselleiro de Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dez de maio de dous mil un,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acórdanse as cesións a título gratuíto que a continuación se relacionan:

1. A favor do Concello da Baña do dereito de uso dun terreo de 7.687 m, no sitio de Cereixe, parcela nº 66 da zona de concentración parcelaria de Lañas, municipio da Baña (A Coruña). Estrema: norte, zona excluída; sur, Generosa Oca Nieto e Gustavo Nieto Guerra; leste, zona excluída e Generosa Oca Nieto;

e oeste, camiño construído polo servicio de concentración parcelaria.

Inscrito no Rexistro da Propiedade de Negreira no tomo 742, libro 150, folio 193, predio nº 16.887-N, inscrición 3ª.

2. A favor do Concello de Muxía do dereito de uso dun edificio de planta baixa e alta de 100 m por andar asentado sobre un soar de 318 m, no lugar dos Muíños, municipio de Muxía (A Coruña). Estrema: norte, camiño público de seis metros de largo e parede que choe a horta da casa de José Graíño López; sur e oeste, estrada que dos Muíños conduce á estrada xeral da Coruña a Fisterra, por Pereiriña; leste, camiño de catro metros de largo e despois parede que pecha a propiedade de Antonio Barros Arosa.

Inscrito no Rexistro da Propiedade de Corcubión no tomo 399, libro 88, folio 212, predio nº 8.357, inscrición 4ª.

3. A favor do Concello de Viveiro do dereito de uso dunha parcela de terreo de vinte metros de fronte por catorce de fondo, que conforman 280 m, no sitio de Soutobello, parroquia de Magazos, municipio de Viveiro (Lugo). Linda leste, estrada de Viveiro a Lugo; sur e oeste, camiño; e norte, herdeiros de Antonio Pernas Maciñeira. Neste terreo atópase edificada unha casa de planta baixa con porta de entrada pola estrada e outra ó oeste e dúas máis ó fronte. Consta ademais dun oco ou faiado para servicio do baixo.

Inscrita no Rexistro da Propiedade de Viveiro no tomo 773, libro 302, folio 187, predio nº 13.480, inscrición 4ª.

4. A favor do Concello de Calvos de Randín do dereito de uso dun edificio de planta baixa de 171 m, construídos sobre soar de 276 m de superficie, que forma un rectángulo de 23 m de fronte por 12 de fondo, no lugar de Bandeira ou Trabanca, Calvos, municipio de Calvos de Randín (Ourense). Estrema: norte e oeste, predio matriz hoxe Manuel Gómez Toro; sur, camiño; leste, estrada de Bande á fronteira portuguesa.

Inscrito no Rexistro da Propiedade de Xinzo de Limia no tomo 626, libro 62, folio 80, predio nº 7.544, inscrición 3ª.

5. A favor do Concello de Tomiño do dereito de uso dun edificio dedicado a local de oficinas y pendello anexo pola parte leste e terreo unido , no sitio de Mosteiro, nº 24, municipio de Tomiño (Pontevedra), de 300 m, dos que corresponde á edificación 174 m. Linda: norte, Albertina Barbosa; sur, Modesto Pousa e outros; leste, Rosa Álvarez e outros; e oeste, coa estrada xeral de Gondomar á Guarda.

Inscrito no Rexistro da Propiedade de Tui no tomo 695, libro 162, folio 184, predio nº 18.824, inscrición 2ª.

Artigo 2º

As cesións de uso relacionadas no artigo anterior quedan sometidas ás seguintes cláusulas:

a) O fin da cesión será a dedicación do inmoble a fins e servicios de interese xeral agrario.

b) A cesión do uso outórgase por un período de dez anos, contados desde a sinatura da correspondente escritura pública, prorrogable por períodos sucesivos da mesma duración, se así o acordase expresamente o Consello da Xunta de Galicia, por proposta da Consellería de Economía e Facenda, logo da petición do cesionario con anterioridade ó vencemento do período anterior; queda excluída a tácita reconducción.

c) Se o dereito cedido non se aplicase ó fin sinalado dentro do prazo de dous anos, contado desde o outorgamento da escritura pública, deixase de estalo con posterioridade, se descoidase ou utilizase con grave quebramento, ou se incumprisen calquera das outras cláusulas, considerarase resolta a cesión e o dereito reverterá á Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 87 do Regulamento da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega.

d) Serán de conta do cesionario:

-Os gastos de conservación e mantemento do inmoble do que se cede o uso.

-Os gastos polos servicios con que conte o inmoble que se individualicen mediante aparellos contadores.

-As cotas dos tributos que poidan grava-lo inmoble.

e) As obras de adaptación, reparación e mellora do inmoble, que serán por conta da entidade cesionaria, requirirán a presentación do proxecto e a súa aprobación pola Secretaría Xeral e do Patrimonio da Consellería de Economía e Facenda. En todo caso, as expensas investidas quedarán en beneficio do inmoble e, en ningún caso, poderán ser reembolsadas pola Comunidade Autónoma de Galicia, propietaria do inmoble.

f) O cesionario subscribirá unha póliza de aseguramento todo risco, de perdas ou danos materiais, polo importe do valor do inmoble segundo o reflictido no Inventario Xeral do Patrimonio da Comunidade Autónoma. E outra póliza de aseguramento de responsabilidade civil que garanta posibles danos a terceiros por un importe mínimo de vintecinco millóns de pesetas. A Comunidade Autónoma de Galicia será a beneficiaria e a asegurada, respectivamente, destas pólizas, que se manterán durante todo o período de cesión, prazo inicial e, se é o caso, prórrogas.

Artigo 3º

As devanditas cesións de uso formalizaranse mediante escritura pública subscrita pola Secretaría Xeral e do Patrimonio ou funcionario en quen dele

gue, debendo constar nela o acordo de cesión e a aceptación do cesionario; serán de conta deste os custos de formalización.

Disposición derradeira

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, realizará os trámites necesarios para a efectividade de canto se dispón neste decreto.

Santiago de Compostela, dez de maio de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda