Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 104 Mércores, 30 de maio de 2001 Páx. 7.208

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

RESOLUCIÓN do 7 de marzo de 2001, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, pola que se incoa expediente de delimitación do contorno de protección do castelo de Monterrei, no concello de Monterrei (provincia de Ourense).

Polo Decreto do 3 de xuño de 1931 (publicado na Gaceta de Madrid do 4 de xuño) foi declarado monumento histórico-artístico pertencente ó Tesouro Artístico Nacional o castelo de Monterrei, sino no concello de Monterrei, na provincia de Ourense.

Sendo a devandita declaración anterior á entrada en vigor da Lei 16/1985, do 25 de xuño, do patrimonio histórico-español, que confire a condición de ben de interese cultural a aqueles bens que, con

anterioridade á súa promulgación, foran declarados histórico-artísticos ou incluídos no Inventario do Patrimonio Artístico e Arqueolóxico de España,

E, en virtude do preceptuado polo expresado texto legal, así como pola Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, cómpre na actualidade concreta-la delimitación do seu contorno de protección.

En consecuencia, e vistos os informes dos servicios técnicos e os órganos consultivos da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, favorables á incoación do oportuno expediente, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural

RESOLVE:

Primeiro.-Incoar expediente para a delimitación do contorno de protección do castelo de Monterrei, sito no concello de Monterrei.

Segundo.-Delimita-la zona afectada pola devandita incoación de maneira que se especifica literal e graficamente nos anexos I e II desta resolución.

Terceiro.-Notificarlle esta resolución ó concello, ó Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural do Estado, ó Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia e ós demais interesados.

Cuarto.-Por tratarse dun ben inmoble, e de conformidade co artigo 35 da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, quedan en suspenso as correspondentes licencias municipais de parcelación, edificación ou demolición nas zonas afectadas, así como os efectos das xa outorgadas. A suspensión dependerá da resolución ou caducidade do expediente incoado.

As obras que, por causa de forza maior, interese xeral ou urxencia, deberan realizarse con carácter inaprazable precisarán, en todo caso, de autorización dos órganos competentes da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Quinto.-Ordena-la publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado, abríndose un período de información pública dun mes, contado a partir do día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de marzo de 2001.

Ángel Sicart Giménez

Director xeral de Patrimonio Cultural

ANEXO I

O punto 1 sitúase na estrada de acceso ó Parador de Turismo, a 900 m do seu inicio na N-525.

1-2 Camiño peonil que parte á dereita e leva a Pazos, uns 450 m ata coincidir co límite do solo urbano do núcleo de Pazos (sinalado no PXOM de Verín).

2-3 Liña coincidente co límite de solo urbano do núcleo de Pazos e do núcleo de Verín ata atopa-lo ámbito marcado no PXOM de Verín para a redacción do Plan Especial de Protección do Casco Antigo.

3-4 Liña coincidente co límite do dito Plan Especial deixando o ámbito fóra.

4-5 Liña en dirección N paralela á estrada Verín-Mixós unha franxa de 40 m desde o eixo da mesma, coincidente no seu principio co límite do solo urbano do núcleo de Verín, ata atopa-lo lindeiro norte da parcela catastral nº 191.

5-6 Liña coincidente cos lindeiros norte das parcelas catastrais nº 191 e 204 ata atopa-la estrada que desde o castelo conduce a Mixós.

6-7 Liña recta, en dirección O ata atopa-lo camiño de Monterrei.

7-1 Corredoira que discorre, en dirección S ata atopa-lo límite do concello e segue ata chegar á estrada de acceso ó Parador de Turismo e pecha-la delimitación.