Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 101 Sábado, 26 de maio de 2001 Páx. 7.085

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

ORDE do 15 de maio de 2001 pola que se convocan varios concursos para o fomento da recollida de pilas usadas en Galicia.

A Consellería de Medio Ambiente é o órgano da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia que ten atribuídas as competencias e funcións en materia de medio ambiente e conservación da natureza establecidas nos artigos 27.10º, 11º, 15º, 30º e 29.4º do Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981). Ademáis, de conformidade co disposto no artigo 6, punto 2.2.2 do Decreto 482/1997, do 26 de decembro, ten competencias para o fomento das accións de reducción, reciclaxe e recuperación de residuos e dos programas de colaboración cos concellos e outras organizacións para

a aplicación das accións indicadas. Estas funcións estanse a desenvolver con base en diversos plans, entre os que destaca o Plan de xestión de residuos sólidos urbanos de Galicia.

A finalidade destes premios é dobre: por unha banda téntase conciencia-las futuras xeracións da importancia que ten unha axeitada xestión dos seus residuos, así como a necesidade de que non tiren as pilas usadas nas bolsas de lixo, senón afacelos a que as boten nos contedores específicos para tal efecto; pola outra, preténdese acadar un máximo de recollida de pilas.

Para tal efecto, en uso das atribucións que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, modificada pola Lei 11/1998, do 20 de outubro, en relación cos artigos 27.30º e 30 do Estatuto de autonomía para Galicia e o Decreto 482/1997, do 26 de decembro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Convocatoria.

Convócanse os seguintes concursos para o fomento da recollida de pilas usadas entre os alumnos dos centros escolares de ensinanzas non universitarias, así como a reducción do uso de pilas.

a) Un concurso dirixido a tódolos centros docentes de ensinanzas non universitarias da Comunidade Autónoma, consistente na II edición da Liga de recollida de pilas, segundo se establece no artigo 2º.

b) Concurso de xoguetes e maquetas con movemento que non sexa electrónico, segundo se establece no artigo 3, orientados ó segundo ciclo de ESO, bacharelato, COU, segundo grao de FP e ciclos formativos de grao medio e superior.

Artigo 2º.-Bases da II edición da liga de pilas.

1. O obxecto desta Liga de recollida de pilas é fomenta-la axeitada xestión de pilas usadas entre os alumnos de tódolos colexios de Galicia, premiando aqueles que acrediten ter alcanzado a máis alta taxa de pilas recollidas por alumno.

2. A liga comezará o día seguinte da súa publicación no DOG e rematará o 31 de xaneiro de 2002. Para a súa participación neste concurso, os colexios enviarán debidamente cuberto o formulario do anexo II, co obxecto de acredita-lo número total de alumnos matriculados no centro; este formulario será remitido por fax ou correo á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental (Feáns 7C, 15706 Santiago de Compostela. Fax: 981 54 11 00) antes do 31 de decembro de 2001.

3. O concello será o encargado da recollida das pilas, logo de chamada do colexio, unha vez que o contedor específico para pilas usadas estea cheo. O colexio, por cada entrega de pilas usadas, cubrirá o formulario do anexo I. O concello acreditará directamente ou a través da empresa designada por este, o peso dado polo colexio, selando ou asinando a folla normalizada do devandito anexo I.

Co fin de facer un seguimento dos resultados da liga, os colexios enviarán por fax á Dirección Xeral Calidade e Avaliación Ambiental os formularios do anexo I que teñan cubertos. Estes envíos deberán

facerse na segunda quincena de xuño, outubro e decembro de 2001, e antes do 31 de xaneiro de 2002. Os formularios que non dispoñan da sinatura ou selo do concello ou da empresa designada polo concello para a recollida de pilas, non serán estimados.

O seguimento dos resultados da liga poderá facerse a través da paxina web da Consellería de Medio Ambiente, e na revista Plis-Plas.

4. Premios.

Para a concesión dos premios calcularase a taxa de quilos recollidos por alumno matriculado, segundo a seguinte fórmula:

Total quilos recollidos por colexio

Total alumnos matriculados por colexio

Serán adxudicados vinte premios para toda a Comunidade Autónoma ós colexios que acrediten unha maior taxa de recollida de pilas usadas, segundo a fórmula expresada.

Os vinte premios consistirán en:

Primeiro premio: un millón de pesetas en concepto de material escolar (6.010,12 euros).

Segundo premio: novecentas mil pesetas en concepto de material escolar (5.409,11 euros).

Terceiro premio: oitocentas cincuenta mil pesetas en concepto de material escolar (4.808,10 euros).

Cuarto premio: setecentas mil pesetas en concepto de material escolar (4.207,08 euros).

Quinto premio: seiscentas mil pesetas en concepto de material escolar (3.606,07 euros).

Sexto premio: cincocentas mil pesetas en concepto de material escolar (3.005,06 euros).

Sétimo premio: catrocentas mil pesetas en concepto de material escolar (2.404,05 euros).

Oitavo premio: trescentas mil pesetas en concepto de material escolar (1.803,04 euros).

Noveno premio: duascentas mil pesetas en concepto de material escolar (1.202,02 euros).

Do décimo premio ó vixésimo premio, a contía do premio será de 160.000 pesetas (961,62 euros) en concepto de material escolar.

En caso de empate nalgún dos premios, a súa contía repartirase entre os gañadores.

Os colexios que obteñan premio recibirán a notificación antes do 30 de marzo do ano 2002.

Artigo 3º.-Bases do concurso de xoguetes ou maquetas.

O obxecto deste concurso é fomenta-la reducción no uso de pilas.

Poderán participar neste concurso grupos de alumnos que estean matriculados nos devanditos niveis educativos. Os grupos estarán formados por un mínimo de dous alumnos e por un máximo de catro.

Os xoguetes ou maquetas con mobilidade non poden ter ningún sistema electrónico para a súa posta en funcionamento. Poderán presentarse en calquera formato sempre que non se usen materiais perigosos ou que supoñan un risco para os nenos.

Corresponderá a cada colexio elixi-lo mellor xoguete ou maqueta realizado polos seus alumnos, enviándoo posteriormente á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental antes do 1 de novembro.

Entre tódolos xoguetes ou maquetas recibidos, o xurado, de acordo co disposto nos artigos 5 e 6 desta orde, seleccionará tres xoguetes por cada unha das provincias, ós que se lles concederán os premios seguintes:

1º premio: 400.000 pesetas (2.404.05 euros).

2º premio: 100.000 pesetas (601,01 euros).

3º premio: 75.000 pesetas (450,76 euros).

Tódolos premios estarán suxeitos á retención aplicable en concepto do IRPF.

Artigo 4º.-Presentación de traballos.

Os traballos ós que se refire o artigo 3 deberán presentarse na Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental (Rúa dos Feáns 7C, 15706 Santiago de Compostela) ou en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Serán entregadas ou remitidas xunto cun sobre pechado, que conteña a seguinte documentación:

-Ficha-resumo identificativa (anexo III) con tódolos datos requiridos.

-Sobre pechado que conteña os datos identificativos dos autores dos traballos, e que leve impreso no exterior o pseudónimo elixido.

Artigo 5º.-Concesión dos premios.

1. O xurado procederá a realiza-la selección dos traballos premiados no prazo máximo de dous meses a partir da data de finalización de presentación de traballos por parte dos colexios, elevando a súa proposta ó conselleiro de Medio Ambiente; en todo caso, a resolución da concesión dos premios do concurso de xoguetes ou maquetas efectuarase durante o ano 2001.

2. Os premios poderán ser declarados desertos.

3. O conselleiro de Medio Ambiente emitirá a orde definitiva pola que se concederán os premios. Esta seralles comunicada ós interesados e publicarase no DOG.

4. Os traballos que resulten premiados ó abeiro da presente convocatoria quedarán en propiedade exclusiva da Xunta de Galicia, así como os dereitos de propiedade intelectual de reproducción, distribución, comunicación pública e transformación do traballo en tódalas súas modalidades, polo seu tempo máximo de duración, de acordo coas previsións do Real decreto lexislativo 1/1996, do 12 de abril, polo que se aproba o texto refundido da Lei de propiedade intelectual.

Artigo 6º.-Xurado.

1. O xurado, único para os premios das catro provincias e de tódalas modalidades, estará constituído polos seguintes membros:

Presidente: o director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

Vocais: o director xeral do CITA; o director xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional.

Secretario: a subdirectora xeral de Calidade Ambiental.

Artigo 7º.-Pagamento.

O pagamento dos premios previstos nesta orde farase con cargo á aplicación orzamentaria 15.03.342A 640.1 do seguinte xeito:

-O importe dos premios de xoguetes e maquetas (2.300.000 pesetas), con cargo ós orzamentos vixentes da Comunidade Autónoma para o ano 2001.

-O importe dos premios da Liga de pilas (7.210.000 pesetas), con cargo ós orzamentos da Comunidade Autónoma do ano 2002.

Santiago de Compostela, 15 de maio de 2001.

José Carlos del Álamo Jiménez

Conselleiro de Medio Ambiente

ANEXO I

-Liga de pilas.

Centro:

Cidade:

Enderezo:

CP:

Teléfono:

Provincia:

Data:

Quilos:

Selo do concello:

ANEXO II

-Liga de pilas

Centro:

Cidade:

Provincia:

Enderezo:

CP:

Teléfono:

Nº de alumnos matriculados:

ANEXO III

Concurso:

Centro:

Enderezo:

CP:

Teléfono:

Provincia:

Pseudónimo: