Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 99 Xoves, 24 de maio de 2001 Páx. 7.001

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 4 de maio de 2001 pola que se aproba a modificación dos artigos 1º, 4º e 6º dos estatutos da Fundación Forum Galicia de Estudios Sociales e se inscriben no Rexistro de Fundacións deste protectorado.

Analizado o expediente de referencia, promovido pola Fundación Forum Galicia de Estudios Sociales.

Resultando que a Consellería da Presidencia e Administración Pública, por Orde do 27 de maio de 1997 (DOG da mesma data), clasificou como benéfico-docente a fundación e a adscribiu á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, e que foi declarada de interese galego por Orde do 1 de xullo de 1997 (DOG do 11 de agosto), inscribíndose no rexistro de fundacións deste protectorado co número 182.

Resultando que a fundación de referencia solicitou ante este protectorado a modificación dos artigos 1º, 4º e 6º dos seus estatutos, segundo consta na certificación da súa aprobación polo padroado con data do 26 de marzo de 2001, e na escritura pública do notario Manuel-Julio Reigada Montoto, con data do 3 de abril de 2001 (protocolo nº 1158).

Vista a Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da Lei 7/1983, así como o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 248/1992, do 18 de xuño, e a carta fundacional da citada fundación.

Considerando que as fundacións de interese galego poden modifica-los seus estatutos coas condicións previstas no artigo 38 do citado regulamento.

Considerando que na tramitación do expediente se cumpriron os requisitos esixidos no artigo 10 da Lei 7/1983, e 32.3º e 38 do dito regulamento.

Considerando que esta modificación estatutaria é conforme coa vontade fundacional.

Esta consellería

RESOLVE:

Primeiro.-Aproba-la modificación dos artigos 1º, 4º e 6º dos estatutos da Fundación Forum Galicia de Estudios Sociales, que quedan redactados así:

«Artigo 1º.-Denominación e natureza.

Ó amparo do dereito recoñecido no artigo 34.1º da Constitución española, e de acordo co artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia, coa denominación de Fundación de Estudios y Análisis (Fesan), constitúese unha organización de natureza fundacional, de interese xeral galego, constituída sen ánimo de lucro, e co seu patrimonio afectado de modo duradeiro á realización dos fins de interese xeral propios da institución.

Artigo 4º.-O domicilio establécese na cidade de Santiago de Compostela, rúa Severino Riveiro Tomé, 9-baixo, provincia da Coruña. O padroado poderá promove-lo cambio de domicilio, mediante a oportuna modificación estatutaria, con inmediata comunicación ó protectorado na forma prevista na lexislación vixente.

Artigo 6º.-Fins.

A Fundación de Estudios y Análisis (Fesan) ten por obxecto a organización de actividades docentes de carácter universitario e profesional, sociais ou culturais, relacionadas, entre outros, con aspectos estratéxicos do desenvolvemento de Galicia levando á práctica todo tipo de actividades docentes: seminarios, cursos, xornadas, conferencias, mesas redon

das, etc; elaborando estudios de carácter xurídico, socioeconómico, sociolóxico, etc., no ámbito local, autonómico, estatal e comunitario; creando e difundindo material audiovisual, libros, revistas e coleccións; concedendo bolsas para a realización de actividades docentes e educativas, a tódolos niveis do ensino, na medida en que os medios económicos o permitan e de acordo cos programas concretos que en cada caso aprobe o padroado.

O padroado terá plena liberdade para determina-la actividade da fundación, dentro dos seus fins, cara a aqueles obxectos concretos que, ó xuízo daquel, sexan os máis adecuados ou convenientes en cada momento».

Segundo.-Inscribir esta modificación estatutaria no Rexistro de Fundacións deste protectorado, logo da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, data a partir da que entrarán en vigor tales cambios estatutarios.

Terceiro.-Esta disposición, que pon fin á vía administrativa, de acordo co establecido no artigo 109 c) da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, poderá ser recorrida potestativamente mediante o recurso de reposición, no prazo dun mes, ante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, ou ben impugnada directamente ante a xurisdicción contencioso-administrativa, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de maio de 2001.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria