Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 98 Mércores, 23 de maio de 2001 Páx. 6.944

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 109/2000, do 26 de abril, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Xinzo de Limia, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de urbanización comarcal C-531, do punto quilométrico 0 ó 3,5.

O Concello de Xinzo de Limia, en sesión que tivo lugar o día 29 de setembro de 2000, aprobou o proxecto de urbanización comarcal C-531, punto quilométrico 0 ó punto quilométrico 3,5 e, na mesma sesión, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

O concello remitiu a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 9 de abril de 2001.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable con data do 4 de xaneiro de 2001.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, porque, segundo sinala o concello, a urxencia das obras vén dada pola necesidade de finaliza-la urbanización da marxe dereita da travesía da estrada que vai de Xinzo de Limia a Celanova, nun lugar que conflúen as estradas C-531 e a N-525, para mellora-la conexión entre ámbalas dúas e construír beirarrúas para facilita-lo tránsito dos peóns, evitando tamén a circulación de peóns pola calzada co conseguinte risco que isto supón para a seguridade vial da zona.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinteseis de abril de dous mil un,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente

ocupación, polo Concello de Xinzo de Limia para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de urbanización comarcal C-531, punto quilométrico 0 ó punto quilométrico 3,5.

Santiago de Compostela, vinteseis de abril de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais