Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 98 Mércores, 23 de maio de 2001 Páx. 6.941

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 9 de maio de 2001 pola que se clasifica como de interese cultural a Fundación dos Ferrocarriles de Galicia.

Visto o expediente de clasificación da Fundación dos Ferrocarriles de Galicia, con domicilio en Monforte de Lemos, na rúa Comercio nº 6 (Lugo).

Supostos de feito.

1. Nazario Pin Fernández, na súa calidade de representante da fundación, en escrito do 26 de abril de 2001, formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Monforte de Lemos o 29 de marzo de 2001, ante o notario José Manuel López Cedrón, baixo o número 473 de protocolo por Nazario Pin Fernández, que intervén en nome e representación do Concello de Monforte de Lemos, na súa calidade de alcalde-presidente, Buenaventura Durruti Santos que intervén en nome e representación da Asociación Leonesa de Amigos del Ferrocarril, Fernando Blanco Gómez que intervén en nome e representación da entidade mercantil denominada Recreativos Galaxia, S.L., Carmelo Parrado González e Luis Blanco Gómez que intervén ademais de por si mesmo, en nome e representación da Fundación de los Ferrocarriles Españoles.

3. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos o obxecto da fundación é a xestión, dirección, mantemento, conservación e promoción do Museo Galego do Ferrocarril, todo isto coa finalidade de reunir, conservar, estudiar e divulga-lo patrimonio ferroviario histórico de Galicia. Por patrimonio ferroviario histórico enténdense todos aqueles elementos relacionados co ferrocarril: material móbil, infraestructuras, utensilios, documentación e demais que pola súa antigüidade, historia ou especiais características técnicas deban ser obxecto de inventariado e preservación.

4. O padroado da fundación estará constituído polo alcalde do Concello de Monforte de Lemos como presidente, a entidade mercantil Galaxia, S.L. representada polo seu administrador solidario Fernando Blanco Gómez como vicepresidente, Luis Blanco Gómez como secretario, a Fundación de los Ferrocarriles Españoles, a Asociación Leonesa de Amigos del Ferrocarril representada por Buenaventura Durriti Santos, e Carmelo Parrado González como vocais.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevoulle ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación dos Ferrocarriles de Galicia, dado o seu obxecto e

finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese cultural e a súa adscrición á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 8 de maio de 2001.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como de interese cultural a Fundación dos Ferrocarriles de Galicia e adscribila á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 9 de maio de 2001.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e Administración

Pública