Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 97 Martes, 22 de maio de 2001 Páx. 6.882

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

ORDE do 10 de maio de 2001 pola que se establecen axudas para dotacións e adquisicións de equipos para a prevención e defensa contra incendios forestais durante o ano 2001.

A Consellería de Medio Ambiente, coa colaboración de tódolos sectores e axentes socioeconómicos implicados, e co fin de minorar ó máximo as consecuencias e os impactos negativos que os incendios forestais provocan sobre a capacidade potencial de desenvolvemento e producción dos nosos montes, así como sobre a fauna, a flora, e a paisaxe de Galicia, considera necesario continua-la súa política de prevención e defensa contra os incendios forestais.

Por todo isto, e de acordo co establecido no artigo 30.1º 3 do Estatuto de autonomía para Galicia e no Real decreto 1535/1984, do 20 de xuño, polo que se transfiren á Comunidade Autónoma de Galicia funcións e servicios en materia de conservación da natureza, e en uso das atribucións que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, e pola Lei 12/1989, do 4 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto establece-las axudas que os distintos axentes sociais poderán percibir para a prevención e defensa contra os incendios forestais, de acordo coas seguintes accións que se van subvencionar:

Contratación de persoal para cuadrillas de prevención e extinción de incendios; dotación de equipos de persoal e de medios complementarios e operatividade de tractor con cisterna.

As subvencións acollidas a esta orde tramitaranse en réxime de concorrencia competitiva, de conformidade co que dispón o Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º.-Condicións xerais.

Para o conxunto de axudas, os interesados solicitarán a súa concesión baixo as seguintes condicións:

1ª Deberán presenta-la solicitude antes de comeza-lo servicio ou de merca-los equipos.

2ª Caso de ser concedida a subvención, o seu pagamento farase unha vez realizado o servicio e/ou a compra de equipos, sen prexuízo dos anticipos que para cada caso se establecen nos artigos que seguen.

3ª Cando as axudas consistan nunha porcentaxe do orzamento do servicio ou subministración, o total da axuda calcularase segundo o orzamento apreciado e aprobado pola Consellería de Medio Ambiente. As cantidades xustificadas en concepto de IVE non serán subvencionables na medida en que sexan recuperables pola Facenda Pública.

4ª O persoal e medios incluídos nas actividades que se van subvencionar, deberán estar en perfecto funcionamento na data que estableza a Consellería de Medio Ambiente no escrito de aprobación que se remita.

Artigo 3º.-Actividades subvencionables.

1. As actividades, accións ou materiais que se subvencionarán corresponden á contratación de persoal para cuadrillas de prevención e extinción de incendios, á dotación de equipos de persoal e de medios complementarios e á operatividade do tractor con cisterna. Os importes das axudas sobre orzamento aprobado serán os seguintes:

-Contratación de persoal para cuadrillas, incluída Seguridade Social en réxime xeral. Subvención: ata o 70%.

-Aluguer de vehículo todoterreo de transporte ou operatividade de vehículo todoterreo propio. Subvención: ata o 70%.

-Compra de ferramenta e material de equipo. Subvención: ata o 50%.

-Batelumes. Subvención: ata o 100%.

-Vestiario ignífugo e equipo de seguridade persoal. Subvención: ata o 50%.

-Caixa de primeiros auxilios. Subvención: ata o 50%.

-Operatividade do tractor con cisterna cunha capacidade mínima de 2.000 l de auga e 100 m de mangueira. Subvención: ata o 100%.

2. Homoxeneidade e integración.

As características do material obxecto da subvención supeditaranse ás directivas comunitarias sobre EPIs de acordo co Real decreto 1407/1992, do 20 de novembro (BOE nº 311, do 28 de decembro).

Artigo 4º.-Anticipos.

Segundo o artigo 41, punto 2º3 da Lei 4/2000, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2001, poderase librar, con carácter excepcional e por resolución motivada do conselleiro de Medio Ambiente, un anticipo do 50% do importe total da subvención aprobada previa petición dos solicitantes. Para a aprobación deste anticipo o beneficiario da subvención deberá acreditar, nun prazo máximo de quince días contados a partir da data de inicio dos traballos establecida na resolución de aprobación remitida pola Consellería de Medio Ambiente, que se atopa ó día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e que non teñen

pendentes de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma; declaración de axudas solicitadas ou concedidas para a mesma finalidade.

Así mesmo, deberá comunicarse o nome dos integrantes da cuadrilla (especificando o nome das dúas persoas que actuarán como coordinadores e responsables dos integrantes da cuadrilla, de tal xeito que un deles actúe sempre como encargado ou capataz); marca e matrícula do vehículo todoterreo (alugado ou propio), que permanecerá en perfectas condicións mecánicas e de dotación e estará ó día en toda a documentación, cumprindo coas obrigas administrativas que leva aparelladas en materia de inspección técnica (ITV), pólizas de seguro, impostos, etc.; número de teléfono de contacto 24 horas. Ademais, os integrantes da cuadrilla deberán estar correctamente equipados para o traballo que se vai realizar na data de inicio dos traballos que se subvencionarán.

En canto á operatividade do tractor con cisterna, deberá comunicarse a matrícula do vehículo, que permanecerá en perfectas condicións mecánicas e de dotación e estará ó día en toda a documentación, cumprindo coas obrigas administrativas que leva aparelladas en materia de inspección técnica (ITV), pólizas de seguro, impostos, etc.; nome da/s persoa/s que operarán con el e un número de teléfono de contacto 24 horas.

Artigo 5º.-Colaboración e ámbito de actuación. Obrigas dos beneficiarios.

1. As cuadrillas de prevención e extinción así como o tractor con cisterna que se formen ó abeiro desta orde quedarán á disposición do Servicio de Defensa contra Incendios Forestais (SDCIF) da Consellería de Medio Ambiente, integraranse no seu despreguamento e deberán estar dotados dos medios de comunicación precisos para esta integración.

As cuadrillas e o tractor colaborarán na extinción e prevención dos incendios forestais no ámbito territorial do distrito onde estean situados. Así mesmo, poderán colaborar na extinción de incendios declarados noutros ámbitos territoriais, dentro da Comunidade Autónoma de Galicia, cando sexan requiridos polo SDCIF.

2. Así mesmo, o beneficiario estará suxeito ás indicacións do SDCIF en canto ó horario e o punto de traballo, onde estarán realizando labores de prevención de incendios forestais (rozas, limpeza de mato, etc.) mentres non sexan requiridas para acudir á extinción.

3. A actividade subvencionada comezará e rematará na data que determine a Consellería de Medio Ambiente ó aproba-la subvención, debéndose incluír como días de traballo os domingos, festivos e festas locais para as axudas que recollan a contratación de persoal: cuadrillas de prevención e extinción, así como para o tractor con cisterna.

4. Calquera modificación na localización ou composición do persoal contratado deberá ser comunicada ó Servicio de Defensa contra Incendios Forestais para o seu coñecemento.

Artigo 6º.-Incumprimento das obrigas.

Consonte o disposto no artigo 19 do Decreto 287/2000, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas na Comunidade Autónoma de Galicia, será motivo de revogación (total ou parcial) mediante resolución razoada do mesmo órgano que a concedeu, dando lugar ó reintegro total ou parcial da axuda recibida, xunto cos xuros de demora:

-O incumprimento da obriga de xustificar.

-A obtención da subvención sen reuni-los requisitos esixidos para a súa concesión.

-O incumprimento da finalidade para a que foi concedida a subvención.

-O incumprimento das condicións impostas ás entidades colaboradoras e beneficiarios con motivo da concesión da axuda ou subvención pública.

Artigo 7º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios destas axudas:

1. Comunidades de veciños (CV), comunidades de montes veciñais en man común (CMVMC), sociedades agrarias de transformación (SAT), cooperativas, asociacións forestais (AF) legalmente constituídas, agrupacións de defensa forestal (ADF), persoas físicas e empresas legalmente constituídas. Os interesados deberán acreditar documentalmente a súa participación na actividade forestal.

En todo caso os solicitantes deberán acreditar documentalmente a representación que teñen, de conformidade co artigo 32 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

2. No caso de que os beneficiarios se constitúan nalgunha das formas asociativas legalmente establecidas na normativa vixente, deberán achegar certificado do acordo, tomado en asemblea, no que se soliciten as axudas económicas para executa-las accións propostas.

Artigo 8º.-Importe das axudas.

1. A contía das axudas estará condicionada, en todo caso, á existencia de dispoñibilidades orzamentarias

2. No anexo desta orde figura unha relación de prezos que se aplicará para valora-las accións, equipos ou subministracións. Estes prezos son indicativos para o titular da solicitude e obrigatorio como tope máximo na aplicación polos servicios de defensa contra incendios forestais para a aprobación dos orzamentos.

Artigo 9º.-Incremento das axudas.

Cando o solicitante teña aprobado pola Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural un plan

anual de defensa contra incendios forestais, a axuda incrementarase nun 10%.

A porcentaxe final da subvención total con cargo a esta ou outra normativa non poderá supera-lo 100% do orzamento aprobado para as axudas que se recollan nesta orde. En caso contrario, procederase ó reintegro do importe que exceda do orzamento aprobado.

Artigo 10º.-Presentación de solicitudes.

As solicitudes deberán presentarse en impreso normalizado que facilitarán os servicios de defensa contra incendios forestais nas súas oficinas provinciais ou de distrito, utilizando o modelo anexo a esta orde. A presentación das solicitudes poderá realizarse en calquera lugar dos previstos no artigo 38 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, dirixidas ó conselleiro de Medio Ambiente.

Artigo 11º.-Prazo de presentación.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 12º.-Criterios de selección.

A preferencia na concesión de axudas axustarase ós principios de publicidade, concorrencia e obxectividade e estará condicionada polos seguintes criterios , debendo acadar o solicitante unha puntuación mínima de 6 puntos para a súa concesión sobre unha valoración de 10 puntos:

1. Distribución territorial axeitada ós recursos, sexan do servicio de defensa contra incendios forestais, ou de terceiros: ata 4 puntos.

2. Experiencia e colaboración na prevención e defensa dos incendios forestais co SDCIF: ata 3 puntos.

3. Número de incendios habidos en anos anteriores no ámbito territorial, parroquial ou do concello: ata 2 puntos.

4. Superficie para defender: ata 1 punto.

Artigo 13º.-Órganos de xestión. Emenda e mellora da solicitude. Aprobación.

As delegacións provinciais da Consellería de Medio Ambiente valorarán as peticións segundo os criterios de selección mencionados no artigo 12º.

Se a solicitude de iniciación non reúne os requisitos esixidos nesta orde, a delegación provincial correspondente requirirá do interesado que, nun prazo de dez días contados a partir do día seguinte ó da recepción de requirimento, emende as faltas ou xunte os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, se lle terá por desistido da súa petición, arquivándose sen máis trámites, consonte o disposto no artigo 71.1º da Lei 30/1992, modificada pola Lei 4/1999.

As delegacións provinciais remitirán as súas propostas ó director xeral de Montes de Medio Ambiente Natural quen as elevará ó conselleiro de Medio Ambiente, a quen lle corresponderá dicta-la resolución de aprobación de subvención, notificándolla ó beneficiario.

Artigo 14º.-Resolución.

O conselleiro de Medio Ambiente resolverá conceder ou denega-la axuda no prazo máximo de 4 meses, contados a partir do día seguinte ó da publicación desta orde no DOG.

No caso de non recaer resolución expresa nun prazo máximo de 4 meses a partir da data de entrada en vigor desta orde, o interesado poderá entender desestimada a solicitude sen prexuízo da obriga legal de resolver expresamente conforme o disposto nos artigos 42 e 44 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999. As ditas resolucións serán notificadas a cada un dos solicitantes, dentro do prazo de 10 días seguintes á toma do acordo.

Contra a resolución aprobatoria ou denegatoria, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Medio Ambiente, no prazo dun mes que comezará a contar a partir do día seguinte á recepción da notificación da resolución, ou no prazo de tres meses desde que se entenda desestimada por silencio administrativo, ou ben ser impugnada directamente ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses se a resolución fora expresa ou seis meses desde que se entenda desestimada por silen-

cio administrativo, consonte os artigos 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999 e o artigo 46 da Lei 26/1998, do 13 de xullo, da xurisdicción contencioso-administrativa.

Artigo 15º.-Execución da subvención.

A aprobación da subvención implicará o compromiso dos solicitantes de executa-las accións indicadas nas condicións propostas. A execución das actividades obxecto de axuda deberán realizarse na extensión e co orzamento indicado no impreso de solicitude. Unha realización da acción subvencionada un 50% inferior á proposta, agás por causa de forza maior, suporá a revogación da subvención concedida, logo da valoración dos técnicos dos servicios de defensa contra incendios forestais.

No caso de renuncia, despois de recibida a aprobación da subvención, deberá comunicarse por escrito á Consellería de Medio Ambiente.

Artigo 16º.-Responsabilidade.

A organización e materialización das actividades subvencionadas será responsabilidade exclusiva do beneficiario.

Artigo 17º.-Xustificación de gastos.

Os gastos de execución das accións subvencionadas serán debidamente xustificados polo beneficiario, mediante a presentación de facturas orixinais, nóminas, boletíns de cotización da Seguridade Social, contratos e demais documentos acreditativos da xustificación do investimento, tal e como establece o artigo 15 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro.

No momento da xustificación da execución total do proxecto e con anterioridade ó pagamento o beneficiario deberá xustificar que se atopa ó día nas súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social en calquera caso. Así mesmo, antes do último pagamento, o beneficiario presentará unha declaración complementaria do conxunto de axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como pendentes de resolución, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou das súas entidades vinculadas ou dependentes.

O prazo para a achega de xustificantes das accións realizadas obxecto da subvención rematará o 31 de outubro.

Artigo 18º.-Comprobación.

O beneficiario comprométese a someterse ás actuacións de comprobación que deba efectua-la entidade concedente ou, se é o caso, a colaboradora e ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coas subvencións e axudas concedidas e ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, consonte co disposto no artigo 78.4º d) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do réxime xeral e orzamentario de Galicia e o capítulo V do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 19º.-Aplicación orzamentaria.

O financiamento das axudas que recolle esta orde efectuarase con cargo á aplicación orzamentaria 15.02.422-C.770.0, código de proxecto 15.00.707, Subvención para investimentos en materia de prevención de incendios dotada con 154.500.000 pesetas, na Lei 4/2000, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2001, podéndose incrementar este orzamento mediante as oportunas modificacións orzamentarias no caso de que se considere oportuno pola elevada demanda de peticións.

Artigo 20º.-Modificación da concesión.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos

ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión, consonte o disposto no Decreto 287/2000, do 21 de novembro.

Disposicións adicionais

Primeira.-As axudas contidas nesta orde son compatibles con outras subvencións de calquera Administración pública para as mesmas finalidades, agás as concedidas ó abeiro do Real decreto 1887/1991, modificado polo Real decreto 62/1994, do 21 de xaneiro, sempre e cando a suma das subvencións concedidas non supere o importe total do orzamento aprobado.

A concesión doutra subvención compatible, distinta da regulada por esta orde, obriga ó beneficiario a facer declaración dela perante a Consellería de Medio Ambiente, independentemente da fase na que se atopa o trámite da solicitude presentada á citada consellería.

Segunda.-Sempre que exista crédito suficiente, e se debido a inclemencias climáticas, a Consellería de Medio Ambiente o considera necesario, poderá aprobar ampliacións nas subvencións que estean en curso.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Montes e Medio Ambiente Natural para dictar tódalas disposicións complementarias, co obxecto de desenvolver esta orde.

Segunda.-A entrada en vigor desta orde será o día seguinte ó da súa publicación.

Santiago de Compostela, 10 de maio de 2001.

Jose Carlos de Álamo Jiménez

Conselleiro de Medio Ambiente

ANEXO

Prezos máximos que se aplicarán para valorar orzamentos de persoal e equipos

UnidadeDescriciónPrezo máx.

aplicable en ptas.

XornalContratación por xornada de 8 horas e con dedicación plena durante elas para cuadrillas de prevención e extinción, incluído seguros:

Réxime xeral

5.300

DíaAluguer ou operatividade de vehículo todo terreo para cuadrillas de prevención e extinción, ó día4.000

UnidadeBatelumes de caucho con mango2.625

UnidadeFerramenta forestal3.150

UnidadeEquipamento de protección individual completo (funda, botas, casco, cinto, máscara, lentes, luvas e lanterna)24.250

UnidadeCaixa de primeiros auxilios4.510

DíaOperatividade tractor con cisterna con capacidade mínima de 2.000 l e 100 m de mangueira1.700