Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 96 Luns, 21 de maio de 2001 Páx. 6.818

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN LOCAL

DEPUTACIÓN PROVINCIAL DE PONTEVEDRA

ANUNCIO do Premio Otero Pedrayo.

O Pleno da corporación provincial, na súa sesión ordinaria do día 23 de febreiro do ano 2001, adoptou, entre outros este acordo:

Bases do Premio Otero Pedrayo.

De conformidade co dictame favorable da Comisión Informativa de Cultura e coa proposta in voce da Presidencia, o Pleno acorda por unanimidade aproba-las bases do Premio Otero Pedrayo, que son do seguinte teor:

Premio Otero Pedrayo 2001.

Segundo o teor do regulamento e correspondendo a esta deputación, convócase o Premio Otero Pedrayo 2001 de acordo coas seguintes:

Bases:

1. Convocatoria.

1.1. Convócase o Premio Otero Pedrayo 2001, dotado con cinco millóns (5.000.000) de pesetas (30.050,61 euros), atendendo ás disposicións do regulamento correspondente.

1.2. A presente convocatoria corresponde ó ano 2001, de acordo co disposto no regulamento, no que se establece o seu ámbito rexional e o seu carácter anual, convocándoo cada ano unha das deputacións provinciais da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, por esta mesma orde.

1.3. Atendendo ás razóns expostas, a tramitación e concesión do premio nesta edición atribúeselle á Deputación Provincial de Pontevedra, que consignará no seu orzamento de gastos o importe do premio (5.000.000 de pesetas-30.050,61 euros), e mailos gastos correspondentes á súa organización, e no de ingresos as sumas que deberá achegar cada unha das demais deputacións de Galicia, cotitulares do premio, na contía de 600.000 pesetas, e na de 2.600.000 pesetas a Xunta de Galicia.

2. Obxecto do premio.

O Premio Otero Pedrayo ten por obxecto:

2.1. Perpetuar e honra-la memoria do egrexio home das letras.

2.2. Premiar un labor que constitúa unha contribución eminente á cultura galega.

2.3. Promociona-los valores propios de Galicia e as obras que leven ó esclarecemento e á mellora dos seus homes e institucións.

3. Candidatos.

3.1. Poderán optar ó premio:

* As persoas naturais nadas en Galicia ou con residencia en calquera das súas catro provincias, durante un tempo dabondo para determinar, a xuízo do xurado, unha cumprida raizame nelas.

* Os grupos de traballo constituídos para este fin establecidos en Galicia.

* As personalidades ou institucións que se teñan caracterizado pola difusión e mantemento da cultura galega.

3.2. A opción ó premio determinarase por unha candidatura que poderá ser feita:

* Por calquera persoa física ou xurídica das sinaladas no número 3.1, respecto de si mesmas.

* Polas entidades académicas e culturais establecidas en Galicia, respecto dos seus membros.

* Por calquera dos presidentes das deputacións provinciais de Galicia, por proposta das respectivas comisións de Cultura.

* Pola Xunta de Galicia, oída a consellería correspondente.

* Polo mesmo xurado, xa constituído.

4. Tramitación.

4.1. A presentación de candidatos/as ó premio será formulada nun escrito dirixido ó presidente da Deputación Provincial de Pontevedra, achegando os seguintes documentos:

* Nota biográfica da persoa que aspira ó premio.

* Documentos e antecedentes que se consideren de interese para o coñecemento da súa dimensión literaria ou científica.

* Cinco exemplares, mecanografados a dobre espacio, do traballo co que se opta ó premio, no caso de que a proposta estea baseada nunha obra ou producción singular concreta.

* No caso de personalidades e institucións, un exemplar do regulamento ou estatutos polos que se rexan e unha relación das tarefas levadas a cabo en relación co obxecto do premio.

4.2. A presentación de candidatos/as realizarase no prazo de tres meses a partir do día seguinte ó da publicación desta convocatoria no BOP de Pontevedra.

Tal publicación realizarase tamén nos boletíns oficiais das provincias da Coruña, Lugo e Ourense, no DOG e nos xornais de máis difusión da Comunidade Autónoma.

4.3. A presentación do/da candidato/a determina a aceptación íntegra das condicións desta convocatoria e das contidas no regulamento do premio.

4.4. Rematado o prazo ó que se refire o número 4.2., a Secretaría da Deputación de Pontevedra expedirá unha certificación das propostas presentadas que, xunto con elas e coa documentación correspondente, pasarán ó xurado do premio.

4.5. A cada solicitude ou proposta xuntaránselle cantos documentos sexan considerados de interese para o mellor coñecemento do/da candidato/a.

5. Xurado e actuacións.

5.1. Para adxudica-lo premio ó que se refire esta convocatoria constituirase un xurado integrado da maneira seguinte:

* Presidente: o da Xunta de Galicia.

* Vicepresidente: o presidente da deputación que convoca o premio, que este ano lle corresponde á Deputación de Pontevedra.

* Vocais:

* Os presidentes das tres deputacións restantes ou persoas nas que deleguen.

* O presidente da Comisión de Cultura da deputación convocante.

* O conselleiro de Cultura da Xunta de Galicia.

* Un representante de cada un dos seguintes organismos:

a) Universidade de Santiago de Compostela.

b) Universidade de Vigo.

c) Universidade da Coruña.

d) Real Academia Galega.

e) Instituto Padre Sarmiento de Estudios Galegos.

* Cinco persoas de recoñecida autoridade científica e literaria designadas pola Xunta de Galicia e por cada unha das deputacións.

* Secretario, con voz e sen voto, o da Deputación de Pontevedra.

5.2. O xurado constituído emitirá o seu dictame no mes seguinte ó día en que remate o prazo de presentación de candidatos/as, e a súa actuación suxeitarase ó determinado nos artigos 4.2º a 4.6º do regulamento do premio.

5.3. Da actuación do xurado e da adxudicación do premio será redactada acta detallada que, asinada polos membros e coa totalidade das documentacións presentadas, pasará a coñecemento do Pleno da deputación convocante na primeira sesión que teña lugar.

5.4. Unha copia da acta e dos demais antecedentes que cumpran, para o coñecemento da tramitación do premio remitiráselles ás deputacións da Coruña, Lugo e Ourense.

6. Entrega do premio.

A entrega do premio realizarase no lugar e a data que determine o presidente da Deputación de Pontevedra, nun acto solemne e coa asistencia dos membros da corporación provincial e do xurado, así como de personalidades das artes, letras e ciencias da Comunidade Autónoma.

Xunto co premio, o/a galardoado/a recibirá unha copia da acta da reunión do xurado.

7. Normas supletorias.

No que non estea previsto expresamente nestas bases, o xurado e a deputación convocante terán en conta as normas contidas no regulamento do premio e nos xerais do funcionamento da corporación provincial.

O que lle comunico a vde. para o seu coñecemento e efectos, coa excepción que establece o artigo 206 do ROF.

Pontevedra, 16 de marzo de 2001.

O secretario

Rubricado

Secretario xeral da Consellería da Presidencia e Administración Pública.