Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 96 Luns, 21 de maio de 2001 Páx. 6.723

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 2 de maio de 2001 pola que se efectúa convocatoria pública de axudas ós estudiantes universitarios que cursen os seus estudios nalgunha universidade do sistema universitario de Galicia, así como para aqueles estudiantes universitarios que, tendo a súa residencia na Comunidade Autónoma de Galicia, cursen os seus estudios nalgunha universidade de fóra do sistema universitario de Galicia, interesados en solicita-los créditos bancarios para financiamento dos seus estudios do 3º ciclo e prorroga-los concedidos na convocatoria anterior.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece como competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias.

O Real decreto 1754/1987, do 18 de decembro (BOE nº 16, do 19 de xaneiro de 1988) transferiulle á Comunidade Autónoma competencias en materia de universidades. Estas competencias foron asumidas pola Comunidade Autónoma e asignadas á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria no Decreto 62/1988, do 17 de marzo (DOG nº 66, do 6 de abril).

A Lei 11/1989, do 20 de xullo (DOG nº 156, do 16 de agosto), de ordenación do sistema universitario de Galicia, determina a constitución do sistema universitario de Galicia con tres universidades: Universidade da Coruña, de Santiago de Compostela e de Vigo.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través da Dirección Xeral de Universidades, está a levar a cabo diversas accións de apoio económico ós estudiantes de ensino universitario, coas que se pretende favorece-la calidade, a competencia, a igualdade de oportunidades e a excelencia no rendemento académico.

Neste sentido, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria asinou un convenio de colaboración o día 13 de marzo de 2001 coas entidades financeiras: Banco Pastor, Caixa de Aforros de Galicia, Caixanova, Banco Gallego, Banco Simeón e Banco Etcheverría, para facilitarlles ós estudiantes universitarios que realicen estudios en calquera universidade do sistema universitario de Galicia, así como, para os estudiantes universitarios que teñan a residencia na Comunidade Autónoma de Galicia e cursen os seus estudios nalgunha universidade de fóra do sistema universitario de Galicia, créditos bancarios a xuros baixos para o financiamento dos seus estudios universitarios do 3 ciclo.

En virtude de todo o anterior, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º.-Obxecto.

a) Convócanse axudas para os estudiantes universitarios que cursen os seus estudios nalgunha universidade do sistema universitario de Galicia así como para aqueles estudiantes universitarios que, tendo a súa residencia na Comunidade Autónoma de Galicia, cursen os seus estudios nalgunha universidade de fóra do sistema universitario de Galicia, que reúnan os requisitos e condicións establecidas na presente orde interesados en solicita-los créditos bancarios para financia-los seus

estudios universitarios do 3 ciclo correspondentes ó curso 2001/2002.

b) Convócanse axudas para os estudiantes universitarios galegos, descendentes de galegos ou residentes en Galicia interesados en solicita-la prórroga para o financiamento dos xuros do préstamo concedido en convocatorias anteriores.

Artigo 2º.-Orzamento.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria financiará a parte correspondente dos créditos bancarios ou as súas prórrogas con cargo á partida orzamentaria 07.05.322C.480.2 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2001, cunha contía máxima de 9.000.000 de pesetas (54.091,09 euros), acadando unha contía global de 450 millóns de pesetas (2.704.554,47 euros) en axudas, de acordo co estipulado no convenio asinado coas entidades bancarias.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

a) Poderán ser beneficiarios do préstamo subsidiado os seguintes estudiantes universitarios do 3 ciclo (etapa de formación) que cumpran as condicións establecidas na presente convocatoria:

1. Os que cursen estudios nalgunha universidade do sistema universitario de Galicia e teñan residencia en Galicia.

2. Os que cursen estudios nalgunha universidade do sistema universitario de Galicia e teñan residencia fóra de Galicia, estando neste grupo os galegos e descendentes de galegos.

3. Os que cursen estudios nalgunha universidade de fóra do sistema universitario de Galicia e teñan residencia en Galicia.

b) Poderán ser beneficiarios da prórroga os estudiantes galegos, descendentes de galegos, ou residentes en Galicia que cumpran as condicións establecidas na presente convocatoria.

Artigo 4º.-Requisitos.

a) Os créditos bancarios poderán ser solicitados polos estudiantes universitarios que cumpran os seguintes requisitos:

-Estar matriculado no curso 2001/2002 ou reuni-los requisitos necesarios para matricularse en estudios do 3 ciclo (etapa de formación) co fin de realiza-los cursos, seminarios e traballos de investigación tutelados do programa de doutoramento correspondente.

b) As prórrogas poderán ser solicitadas polos estudiantes universitarios que cumpran os seguintes requisitos:

-Estar matriculado no curso 2001/2002 no programa de doutorado para o que se lle concedeu o crédito bancario por primeira vez ou prórroga no curso 2000/2001.

Artigo 5º.-Características do préstamo.

Os préstamos serán concedidos pola entidade bancaria de acordo cos termos do convenio e a presente orde.

Para os estudiantes universitarios que cursen os seus estudios nalgunha das universidades do sistema universitario de Galicia e teñan a súa residencia en Galicia a cantidade será como máximo de 500.000 pesetas (3.005,06 euros) por cada petición.

Para os estudiantes universitarios que cursen os seus estudios nalgunha universidade do sistema universitario de Galicia e teñan a súa residencia fóra de Galicia e para os estudiantes universitarios que cursen os seus

estudios nalgunha universidade de fóra do sistema universitario de Galicia e teñan a súa residencia en Galicia, a cantidade será como máximo de 1.000.000 de pesetas (6.010,12 euros), por cada petición.

O prazo de amortización de capital será de tres a cinco anos, tendo un prazo de carencia adicional de ata tres anos. Se opta por un prazo de amortización superior a tres anos, o tipo de xuro pasaría do 5,5% ó 6% dende o inicio do primeiro ano de amortización. Tódolos prazos se computarán desde o inicio do trimestre natural seguinte á data de formalización, sendo a cota trimestral de capital e xuros constante. Os préstamos poderán ser obxecto de cancelación anticipada, sen ningunha penalización.

Artigo 6º.-Financiamento dos xuros.

Os xuros serán financiados da seguinte forma:

a) A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria contribuirá ó pagamento da terceira parte dos xuros do primeiro ano de duración do préstamo (2%), sen prexuízo da posibilidade da concesión dunha prórroga de ata un máximo de tres anos, de acordo co disposto en cada convocatoria, se as necesidades orzamentarias da consellería así o permitisen. A subvención será aboada á entidade financeira con carácter anual, facéndose as dilixencias administrativas para o seu aboamento antes do primeiro vencemento anual.

b) A entidade financeira pola que opte o alumno farase cargo doutro tercio dos xuros (2%), sempre e cando permaneza vixente a axuda relacionada no punto a) anterior.

c) A terceira parte dos xuros restantes serán a cargo do alumno prestameiro, sempre e cando se manteñan as axudas anteriores. Polo tanto, o alumno liquidará o préstamo ó tipo de xuro neto do 1,5% ou 2% (se é o caso) nominal anual. No caso de que o alumno non acredite a prórroga da axuda da consellería, citada no punto a) anterior, o préstamo pasará automaticamente a liquidarse ó tipo de xuro do 5,5% ou 6% nominal anual, segundo o exposto no artigo 5º.

Os alumnos que nas convocatorias anteriores asinaron contratos de préstamos coas entidades financieras e que nesta convocatoria soliciten prórroga seguirán coas mesmas condicións establecidas no contrato.

Artigo 7º.-Solicitudes.

As solicitudes, segundo modelo desta orde, anexo I para os estudiantes que soliciten o crédito bancario por 1ª vez e anexo II para os estudiantes que soliciten a prórroga do préstamo, presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, dirixidas á Dirección Xeral de Universidades (edificio administrativo San Caetano, s/n, 15704 Santiago de Compostela) ou ben en calquera dos centros previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, (BOE do 14 de xaneiro) para a presentación de instancias.

Se no uso deste dereito a solicitude é remitida por correo, presentarase en sobre aberto, para que sexa datada e selada polo funcionario de correos antes de que proceda á súa certificación.

Os estudiantes que soliciten o préstamo por 1ª vez deberán presenta-la seguinte documentación:

a) Anexo I desta orde.

b) Fotocopia do documento nacional de identidade.

c) Certificación académica orixinal completa ou copia compulsada dos estudios realizados polo solicitante, na que conste a súa duración en anos académicos, materias cursadas e cualificacións obtidas. No caso de validación deberá presenta-la certificación da institución de orixe.

d) Xustificante da matrícula correspondente ó curso de doutoramento ou declaración xurada do solicitante de que non está matriculado e de que se compromete a entrega-lo xustificante da matrícula no prazo de dous días a partir do día en que se matricule. Tendo en conta que, se non entrega o xustificante de matrícula no prazo indicado, se arquivará o expediente sen máis trámites.

e) Declaración xurada do solicitante con expresión das axudas solicitadas ou concedidas para a mesma finalidade por parte doutros organismos públicos.

f) Certificado de empadroamento.

Os estudiantes que soliciten a prórroga do préstamo deberán presenta-la seguinte documentación:

a) Anexo II desta orde.

b) Fotocopia do documento nacional de identidade.

c) Xustificante da matrícula correspondente ó curso 2001/2002 ou certificación do director do departamento na que conste que continuará realizando o programa de doutoramento (etapa de formación) durante o mencionado curso.

d) Declaración xurada do solicitante con expresión das axudas solicitadas ou concedidas por parte doutros organismos públicos.

O prazo de presentación de solicitudes rematará o 15 de setembro de 2001.

Artigo 8º.-Tramitación.

Unha vez comprobado que tódalas solicitudes reúnen os requisitos establecidos na presente orde de convocatoria, exporanse as listas provisionais das solicitudes admitidas e excluídas nos taboleiros de anuncios da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, das súas delegacións provinciais, e dos vicerrectorados de estudiantes das tres universidades galegas, sinalando, se é o caso, as causas de exclusión.

Así mesmo, estas listas tamén poderán ser consultadas na páxina web da Xunta de Galicia-Consellería de Educación e Ordenación Universitaria (http: www.xunta.es/ conselle/ceoug/dxu) ou seleccionando:

www.xunta.es.

Consellerías.

Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Dirección Xeral de Universidades.

As listas provisionais estarán expostas desde o día 8 ata o día 19 de outubro de 2001. Os interesados poderán, durante ese mesmo prazo, formula-las reclamacións para emendar erros e faltas de documentos ante a Dirección Xeral de Universidades, presentando, se é o caso, a documentación necesaria.

Transcorrido este prazo sen que se emenden as causas de exclusión, arquivarase o expediente sen máis trámites.

Artigo 9º.-Criterios de selección.

Para os efectos de selección terase en conta a nota media do expediente académico que se calculará de acordo co seguinte baremo:

Matrícula de honra: 4 puntos.

Sobresaliente: 3 puntos.

Notable: 2 puntos.

Aprobado: 1 punto.

Segundo o plano de estudios que se cursase, a nota media calcularase do modo que segue:

a) Estudios organizados por materias:

Media=suma de notas de cada materia/ nº total de convocatorias empregadas.

b) Planos de estudios estructurados por créditos:

Media=(N1.P1+N2.P2+..)/ (C1.N1+C2.N2+..).

Onde:

N1=nº de créditos de cada materia.

P1=puntuación de cada materia.

C1=nº de convocatorias empregadas en cada materia.

Artigo 10º.-Comisión avaliadora.

A selección dos candidatos será realizada por unha comisión de avaliación integrada por:

-Presidente:

O director xeral de Universidades ou, por delegación, o subdirector xeral de Universidades.

-Vocais:

Un representante por cada unha das universidades da Comunidade Autónoma.

Un representante da Dirección Xeral de Universidades.

-Secretario:

Un funcionario da Dirección Xeral de Universidades, que actuará con voz e voto.

Artigo 11º.-Obrigas dos beneficiarios.

a) Destina-lo crédito para a finalidade para a que se concede.

b) Asina-lo contrato de préstamo coa entidade bancaria.

c) Amortiza-lo capital obxecto do préstamo e o pagamento dos xuros del.

d) Cumpri-las condicións específicas que as entidades financeiras, de acordo coa súa norma de funcionamento e o convenio do 13 de marzo de 2001, determinan.

e) Presentar unha declaración xurada das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou de calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

O incumprimento destas obrigas por parte do interesado dará lugar ó arquivo do expediente sen máis trámites.

Estes créditos bancarios son compatibles con outros que poidan ser concedidos para o mesmo fin por outras administracións públicas ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Artigo 12º.-Resolución.

Efectuada a selección pola comisión, esta elevará, a través da Dirección Xeral de Universidades, un informe proposta motivado ó conselleiro de Educación e

Ordenación Universitaria, quen resolverá. Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes a partir do día seguinte ó da publicación da resolución no DOG, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro), de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza.

Disposicións adicionais

Primeira.-A concesión de axudas reguladas nesta orde terá como límite global o crédito asinado nos orzamentos para este fin.

Segunda.-O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións establecidas na presente orde constituirá causa determinante de revogación da axuda e do seu reintegro polo beneficiario ou solicitante, segundo o disposto no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Toda alteración das condicións que se tiveron en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Terceira.-As renuncias que se produzan poderán ser substituídas pola Dirección Xeral de Universidades de acordo coa lista de reserva, se a houbese.

Cuarta.-Se por calquera causa, no momento en que a comisión avaliadora teña que examina-las solicitudes, algún dos compoñentes non puidese asistir, será substituído pola persoa que para o efecto se nomee. Este nomeamento deberá recaer noutra persoa da dirección xeral ou da universidade correspondente en virtude da súa representación.

Quinta.-Para os efectos establecidos no artigo 42.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro), de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, o prazo máximo para resolve-las solicitudes correspondentes ás accións especificadas nesta orde será de seis meses contados a partir da publicación da orde no DOG, producindo efecto desestimatorio a falta de resolución.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Universidades para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de maio de 2001.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria