Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 96 Luns, 21 de maio de 2001 Páx. 6.714

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

DECRETO 108/2001, do 3 de maio, sobre a producción integrada e a súa indicación nos productos agrarios.

Unha agricultura moderna debe ser capaz de producir productos nos que se priorice a calidade e a saúde humana, todo isto compatibilizándoo coa salvagarda do ambiente e a rendibilidade das explotacións agrarias.

Nestes últimos anos adquiriuse experiencia na aplicación de técnicas de cultivo, respectuosas co ecosistema e que foron fortemente fomentadas pola Administración, tanto no ámbito estatal como autonómico, mediante a creación de asociacións ou agrupacións de agricultores que, cun técnico cualificado, vixiaban o cumprimento das prescricións técnicas dos cultivos minimizando o uso de productos químicos e os seus efectos secundarios.

Os productos agrarios obtidos mediante as ditas técnicas alíñanse cos principios xerais do que supón a producción integrada, xa que a súa aplicación implica respectar ó máximo o equilibrio ecolóxico, evitar contaminacións innecesarias do aire, solo e auga e que os productos agrarios teñan a menor cantidade posible de residuos químicos indesexables, é dicir, que neles primen a salubridade e a calidade.

A maior sensibilidade ante aqueles productos obtidos a través de sistemas productivos que respecten o ambiente, a saúde dos productores e dos consumidores, xunto coa crecente preocupación por parte do consumidor sobre o risco que representa a presencia de residuos sanitarios tóxicos nos alimentos, require polo tanto a aplicación deste sistema de producción e que o consumidor sexa informado perfectamente das características dos productos que adquire. Neste sentido é necesario unha diferenciación dos productos obtidos mediante técnicas de producción integrada e un sistema de control e de certificación que garanta este sistema de producción empregado.

A producción integrada de vexetais constitúe a materia prima e fonte de alimentación da producción gandeira, polo tanto, a calidade e salubridade contrastada dos seus productos agrarios, incluso dos transformados, fundaméntase na calidade e salubridade contrastada das produccións vexetais. De aí que un rigoroso seguimento e control dos productos en cada unha das súas fases aseguraría a súa trazabilidade.

Así pois, a producción integrada é un sistema agrícola de producción de alimentos que utiliza ó maximo os recursos e os mecanismos de regulación naturais e asegura a longo prazo unha agricultura viable. Nela, os métodos biolóxicos, químicos e outras técnicas son coidadosamente elixidos e equilibrados tendo en conta o medio ambiente, a rendibilidade e as esixencias sociais.

Neste decreto defínense non só os requisitos que deben reuni-los productores e operadores que se acollan ó sistema de producción integrada e as súas obrigas, senón tamén as condicións que terán que cumpri-las entidades de certificación para poder ser autorizadas para controlar este sistema de producción, co fin de garanti-lo cumprimento da normativa reguladora por parte dos productores e operadores e, se é o caso, certifica-lo correspondente producto. Tamén se crea neste decreto o Rexistro Oficial de Producción Integrada, no que se inscribirán os productores, operadores e as entidades de certificación autorizadas.

Esta disposición foi sometida ó procedemento de información en materia de normas e regulamentacións técnicas e de regulamentos relativos ós servicios da sociedade da información, previsto na Directiva 98/34/CE do Parlamento europeo e do Consello do 22 de xuño, modificada pola Directiva 98/48/CE do 20 de xullo, así como polo Real decreto 1337/1999, do 31 de xullo, que incorpora estas directivas ó ordenamento xurídico español.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e á vista das atribucións que me confire a Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, por proposta do conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día tres de maio de dous mil un,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Este decreto ten por obxecto regula-lo sistema de producción integrada na Comunidade Autónoma de Galicia, establecendo:

-Os requisitos que deben cumpri-los productores e operadores que se acollan ó sistema de producción e comercialización de productos agrarios;

-O uso do distintivo que diferencie estes productos ante o consumidor;

-O sistema de control e certificación dos ditos productos.

Artigo 2º.-Definicións.

Para os efectos deste decreto entenderase por:

a) Producción integrada (en diante P.I.): Un sistema de producción agraria, que integra os recursos e os mecanismos de regulación natural nas actividades das explotacións agrarias mediante a introducción de tecnoloxías respectuosas co ambiente, asegurando unha producción de productos de alta calidade e salubridade contrastada, a rendibilidade da explotación, a eliminación ou reducción de insumos exteriores e de fontes contaminantes e o mantemento das múltiples funcións da agricultura.

b) Productor: toda persoa física ou xurídica que realice operacións de producción nas condicións establecidas neste decreto.

c) Operador: toda persoa física ou xurídica que realice as operacións de transformación e comercialización nas condicións establecidas neste decreto.

d) Actividades de producción: son todas aquelas realizadas na explotación agrícola, para a obtención de productos agrarios acollidos ó sistema de P.I.

e) Actividades de transformación e comercialización: son todas aquelas operacións consistentes na transformación propiamente dita, manipulado, envasado e etiquetaxe de productos agrarios acollidos ó sistema de P.I., así como a venda ou abastecemento por un operador a outro operador, incluíndo a posta á disposición, o almacenamento, a exposición para a venda ou a oferta de venta de productos agrarios.

f) Autoridade competente: no ámbito deste decreto será a Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria a que actuará a través da Dirección Xeral de Producción Agropecuaria, en virtude das súas atribucións.

Artigo 3º.-Ámbito de aplicación.

Esta disposición aplicarase ós productores, operadores e ós productos agrarios que mediante técnicas de P.I. se produzan, transformen ou comercialicen dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, de conformidade cos requisitos de producción establecidos nos regulamentos técnicos ós que se refire o artigo seguinte.

Artigo 4º.-Regulamentos técnicos.

1. Para cada producto, a autoridade competente aprobará un regulamento técnico específico, no que se establecerán tanto os requisitos de producción como os de transformación ou comercialización, se é o caso, necesarios para a súa consideración como P.I.

2. Os regulamentos previstos no parágrafo anterior deberán fixar, polo menos, os seguintes puntos:

-Tipo de material vexetal.

-Técnicas culturais.

-Fertilización.

-Técnicas de protección fitosanitaria.

-Normas específicas de recolección e poscolleita, se é o caso.

-Anotacións e rexistros que se van a realizar.

Artigo 5º.-Rexistro de Producción Integrada.

1. Na Dirección Xeral de Producción Agropecuaria da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria créase o Rexistro Oficial de Producción Integrada no que, nas correspondentes seccións, se inscribirán os productores, operadores e as entidades de certificación autorizadas.

Cada sección estará, pola súa vez, dividida por producto, en función dos distintos cultivos con regulamentos técnicos específicos aprobados.

2. No caso dos productores e operadores, poderán inscribirse no rexistro:

a) Agrupacións de productores ou operadores que revistan calquera fórmula asociativa das admitidas en dereito.

b) Agrupacións de productores ou operadores de producción integrada (APRIAS).

c) Persoas físicas que vaian producir, transformar ou comercializar productos baixo as normas de P.I.

3. No caso das entidades de certificación, poderán inscribirse no rexistro as que cumpran a norma ISO/IEC65/EN.45.011, e estean acreditadas pola Entidade Nacional de Acreditación (ENAC).

4. Por orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria determinaranse o procedemento e os requisitos para a inscrición no devandito rexistro.

Artigo 6º.-Obrigas dos productores e operadores.

1. Os productores e operadores inscritos no Rexistro de Producción Integrada terán as seguintes obrigas:

a) Cumprir cos regulamentos técnicos específicos de P.I.

b) Dispoñer dos servicios dun técnico competente nas técnicas de producción integrada a xuízo da autoridade competente.

c) Comprometerse a que o persoal técnico e laboral que desenvolva tarefas de P.I., asista ós cursos que para o efecto se programen.

d) Someterse ó mecanismo de control establecido pola Administración, que será aplicado pola entidade de certificación autorizada.

e) Someterse ás instruccións e controis específicos de supervisión da autoridade competente que correspondan en cada caso.

f) Facer bo uso del distintivo de P.I.

2. Obrigas específicas dos productores:

a) Dispor dun caderno de campo oficial no que se anoten tódalas operacións e prácticas culturais que veñan indicadas.

b) Presentar unha memoria descritiva da explotación agrícola.

c) Deberán obte-la totalidade da producción dunha variedade en unidades de cultivo claramente separadas doutras que non fosen obtidas por estas técnicas de P.I.

3. Obrigas específicas dos operadores:

a) Levar un libro de rexistro que lle permita coñecer ó órgano controlador que corresponda, a orixe, natureza e cantidade de tódolos productos adquiridos procedentes de P.I., e a natureza, cantidades e destinos dos productos expedidos que vaian leva-lo distintivo.

b) Presentar unha memoria descritiva dos locais e centros de manipulación, almacenaxe, transformación e comercialización e das súas instalacións.

c) Deberán, se é o caso, realizar por separado as operacións de comercialización especificadas no artigo 2, baixo as normas de P.I., doutras obtidas por técnicas diferentes e adquiri-los productos agrarios ós productores inscritos no rexistro.

Artigo 7º.-Entidades de certificación.

1. O control e a certificación da P.I. serán realizados por entidades autorizadas pola autoridade competente, que, cumprindo os requisitos esixidos neste decreto, se inscriban no Rexistro de Producción Integrada da Comunidade Autónoma.

2. Son funcións das entidades de certificación as seguintes:

a) Inspección das parcelas e cadernos de explotación dos productores comprobando o cumprimento dos regulamentos de producción.

b) Inspección de locais e centros de manipulación, almacenaxe, transformación e comercialización e dos libros de rexistro dos operadores, comprobando as anotacións practicadas nel.

c) Recollida de mostras para a análise tanto dos residuos de productos fitosanitarios como doutros que se consideren pertinentes e remisión ós laboratorios.

d) Certifica-lo cumprimento das normas de P.I.

e) Esixi-la retirada do distintivo de P.I. a todo lote cando se constaten irregularidades que impidan a súa certificación.

f) Informa-la autoridade competente das cantidades ou volumes de productos agrarios certificados dos productores ou operadores inscritos, e solicita-la emisión das etiquetas para as referidas produccións.

g) Informa-la autoridade competente sobre os posibles incumprimentos das normas que rexen a P.I.

h) Controla-lo uso do distintivo de P.I.

i) En xeral, cantas actuacións sexan precisas para o mellor funcionamento do sistema de control e certificación da P.I.

3. As entidades de certificación estarán suxeitas a inspeccións e controis por parte da autoridade competente.

Artigo 8º.-Identificación dos productos.

1. Os productos obtidos mediante técnicas de P.I. serán identificados cun logotipo ou distintivo que aprobará a autoridade competente, e que poderá ser incluído nas etiquetas dos productos obtidos de acordo coas disposicións establecidas neste decreto.

2. O emprego do distintivo ou logotipo realizarase só cando:

a) O producto se obtivese conforme os regulamentos técnicos específicos previstos no artigo 4º.

b) O producto fose obtido por productores e operadores inscritos no rexistro e que cumpran coas obrigas que se establecen neste decreto.

3. Na etiquetaxe dos ditos productos constará, ademais do distintivo, o nome, o número de código da entidade de certificación e do operador.

4. Queda prohibida a utilización do logotipo ou distintivo aprobado pola autoridade competente naqueles productos agrarios non obtidos de acordo co establecido neste decreto. Así mesmo, tamén quedan prohibidos os signos, marcas, expresións, sinais, lendas ou logotipos que poidan dar lugar a confusión, aínda que vaian xunto con expresións como tipo ou outras semellantes.

Artigo 9º.-Coordinación de actuacións.

O órgano xestor da P.I., que será a Dirección Xeral de Producción Agropecuaria, convocará periodicamente representantes das organizacións agrarias, cooperativas e das diferentes direccións xerais que teñan competencias implicadas, co fin de informar

e deliberar sobre as normas de actuación e plans de traballo que harmonicen o sistema de P.I., a regulamentación propia de cada producto, a avaliación da incorporación de novos productos ó sistema de P.I., e sobre cantos asuntos sexan de interese en relación con este decreto e especialmente respecto de cantas medidas considere que poidan mellora-la regulación, práctica e promoción da P.I.

Artigo 10º.-Infraccións e sancións.

A autoridade competente poderá dar de baixa ou suspender temporalmente as autorizacións concedidas ás entidades de certificación, cando detecte un incumprimento das condiciones de aplicación deste decreto.

Ante o incumprimento das disposicións establecidas neste decreto, será de aplicación o disposto no Real decreto 1945/1983, do 22 de xuño, que regula as infraccións e sancións en materia de defensa do consumidor e da producción agroalimentaria.

Artigo 11º.-Agrupacións de producción integrada.

1. Para os efectos do establecido neste decreto, son agrupacións de producción integrada aquelas agrupacións de productores ou operadores constituídas baixo calquera fórmula xurídica e recoñecidas pola autoridade competente co obxectivo de obter productos agrarios conforme as normas de P.I.

2. A estas agrupacións denominaráselles APRIAS e deberán dispor dos servicios dun técnico competente, así como estar vinculadas a unha entidade de certificación autorizada no modo que estableza a autoridade competente.

Artigo 12º.-Promoción da producción integrada.

A autoridade competente e o propio sector, conxunta ou individualmente, poderán promove-la difusión da P.I. por medio das acciones que consideren convenientes a través dos diversos medios de comunicación.

Disposicións transitorias

Primeira.-Mentres non se constitúan as entidades recoñecidas de certificación, será a Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, a través da Dirección Xeral de Producción Agropecuaria, a encargada-responsable do control e certificación.

Segunda.-Se a entidade de certificación, no momento de solicita-la inscrición no rexistro, non dispuxese da acreditación ENAC, téndoa solicitada, procederase á súa inscrición provisional, co fin de que exerza a súa actividade, por un período máximo de dous anos a partir da solicitude, sempre e cando a autoridade competente considere que cumpre a norma EN-45.011. Se antes de finalizar este período non presenta o correspondente certificado, procederase a dalo de baixa no rexistro, agás en circunstancias especiais acreditadas polo titular que xustifique a prórroga da inscrición un ano máis.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria para dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento e a execución deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, tres de maio de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Agricultura, Gandería

e Política Agroalimentaria