Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 95 Venres, 18 de maio de 2001 Páx. 6.628

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 107/2001, do 26 de abril, polo que se resolve o expediente de segregación-agregación da parroquia da Barciela (Santiago de Compostela) para a súa incorporación ó concello de Oroso.

Veciños da parroquia da Barciela, no concello de Oroso, constituídos en comisión promotora, segundo o disposto no artigo 11.2º do R.D. 1960/1986, polo que se aproba o Regulamento de poboación e demarcación territorial, promoveron expediente de alteración de termos municipais consistente na segregación da parroquia da Barciela, pertencente ó concello de Santiago de Compostela, para a súa ulterior

agregación ó limítrofe concello de Oroso, de acordo cos seguintes,

I. Feitos:

1. A fundamentación da petición de segregación baseouse, segundo alegou a comisión promotora, na confusión de núcleos urbanos orixinada polo desenvolvemento urbanístico, e na concorrencia de motivos de necesidade e conveniencia económica e administrativa.

2. Tramitado o expediente, emitiron informes a Consellería de Economía e Facenda, Instituto Galego de Estatística, Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, Secretaría de Planificación e Desenvolvemento Comarcal, Consellería de Política Territorial, Dirección Xeral de Urbanismo e a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, cada unha no ámbito das súas competencias coa finalidade de dispoñer dos elementos obxectivos suficientes para elabora-la proposta de resolución.

3. O expediente foi tramitado conforme o procedemento establecido no Regulamento de poboación e demarcación territorial das entidades locais (R.D. 1690/1986, do 11 de xullo), vixente no momento de iniciación do expediente, e desde o 6 de novembro de 1997, e, en virtude da disposición transitoria primeira da Lei 5/1997, do 22 de xuño, de Administración local de Galicia, este expediente foi tramitado de acordo coas disposicións desta lei.

II. Fundamentos de dereito:

Examinadas as alegacións e documentación que figuran no expediente, e solicitados os oportunos informes e dictames, testemuño de todo o cal queda incorporado ó expediente da súa razón, considérase que non se xustifican dabondo as causas recollidas no artigo 29 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, como de necesaria existencia para a segregación de termos municipais:

Con respecto á alegada confusión de núcleos urbanos, recollida na alínea a) do devandito artigo no que di que no caso de que se confundan núcleos urbanos de dous ou máis municipios como consecuencia do desenvolvemento urbanístico e ningún destes núcleos sexa capital dos municipios afectados ou só o sexa o do municipio agregante, considérase que os únicos elementos que poderían presentar esta situación son os núcleos de Sigüeiro e A Foca, xa que están conformados como únicos núcleos de poboación; así, Sigüeiro, capital de Oroso, está unicamente separado do Sigüeiro-núcleo da parroquia da Barciela, pertencente ó concello de Santiago de Compostela, pola estrada provincial cara a Ponte Carreira, estrada que vén funcionando, ademais, como rúa de intercomunicación entre as edificacións das súas beirarrúas; do mesmo xeito, queda acreditado que, a distinta intensidade ou densidade de edificación a cada lado da estrada divisoria do núcleo real de poboamento que é Sigüeiro, non é causa, senón

consecuencia, da distinta normativa urbanística que incide a cada lado da estrada, en función da súa pertenza a distintos municipios.

Respecto á alegada existencia de notorios motivos de necesidade ou conveniencia económica-administrativa, recollida no suposto b) do citado artigo 29 para proceder á segregación, enténdese que estes non se producen dabondo para proceder a ela, xa que, se ben é certo, que por razóns de proximidade, existen interrelacións socioeconómicas e culturais, non é menos certo que resulta frecuente que as zonas rurais galegas presenten, xunto cunha forte densidade poboacional, un sistema de asentamento disperso e intermitente, como o que se produce neste caso.

Con respecto á causa recollida na alínea c) do artigo 29, que se refire a que o núcleo que se vai segregar estea recibindo os servicios mínimos, esixidos polo artigos 26.1º da Lei reguladora das bases do réxime local e 81 da Lei de Administración local de Galicia, do municipio ó que pretende agregarse, os interesados non basean a súa pretensión nela, polo que non se fai referencia na instrucción do procedemento e, dos antecedentes que constan no expediente non queda acreditado en ningún momento da tramitación a concorrencia da devandita causa.

Visto o disposto nos artigos 37, 38 e 41 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, o acto administrativo de resolución do procedemento adoptará a forma de decreto do Consello da Xunta de Galicia, logo do informe da Comisión Galega de Delimitación Territorial, e tralo dictame do Consello Consultivo de Galicia, dándose traslado de todo isto á Administración xeral do Estado.

Por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, de acordo co dictame do Consello Consultivo de Galicia emitido o 5 de febreiro de 2001, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinteseis de abril de dous mil un,

DISPOÑO:

Artigo único.-Desestima-la petición formulada pola comisión promotora, consistente na segregación da totalidade do territorio da parroquia da Barciela, situada no concello de Santiago de Compostela, para incorporala ó limítrofe concello de Oroso, por considerar que non concorren as circunstancias esixidas no artigo 29 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

Contra esta resolución que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ó da publicación desta resolución. Previa e potestativamente poderase interpoñer recurso de reposición, ante o Consello da Xunta de Galicia, no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ó da súa publicación. En todo caso non se poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou se producise a desestimación presunta do recurso de repo

sición. Sen prexuízo de que poidan exercer calquera outro que coiden oportuno.

Santiago de Compostela, vinteseis de abril de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais