Con data do 22 de febreiro de 2001 foi publicada no Diario Oficial de Galicia a orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública do 31 de xaneiro de 2001 pola que se clasifica como de interese sanitario a Fundación Meixonovo, adscribíndoa á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.
Esta fundación, de acordo co establecido no artigo 6 dos seus estatutos, ten como obxecto organizar, promover, e realizar actividades relacionadas coa formación, docencia e investigación en Ciencias da Saúde no Hospital do Meixoeiro de Vigo e a súa área de influencia, con interese preferente nas áreas biomédicas.
Por todo isto, en virtude das competencias que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, e segundo o establecido no artigo 8 da Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro e o artigo 32.3º a) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego,
DISPOÑO:
Primeiro.-Declarar de interese galego a Fundación Meixonovo, ó cumpriren os seus estatutos as prescricións que, para tal efecto, sinala a vixente lexislación en materia de fundacións de interese galego.
Segundo.-Ordena-la inscrición da Fundación Meixonovo no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, Sección da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, para os efectos constitutivos que sinala o artigo 8 da Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro.
Terceiro.-A dita fundación queda sometida ó disposto no resto da normativa de xeral aplicación, en especial, á obriga de dar publicidade suficiente ás súas actividades e á ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servicios,quedando obrigada a lle render contas anualmente ó protectorado e xustificar a través dunha memoria anual, o cumprimento das cargas fundacionais, así como a presentarlle-lo proxecto de orzamento ó protectorado con anterioridade ó inicio do exercicio económico para o que se formula, e debendo solicita-las preceptivas autorizacións do protectorado cando sexan necesarias.
Santiago de Compostela, 6 de abril de 2001.
José María Hernández Cochón
Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais