Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 95 Venres, 18 de maio de 2001 Páx. 6.611

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 9 de maio de 2001 pola que se clasifica como de interese sanitario a Fundación para la Investigación, Desarrollo e Innovación del Complejo Hospitalario Universitario de Santiago, Idichús.

Visto o expediente de clasificación da Fundación para la Investigación, Desarrollo e Innovación del Complejo Hospitalario Universitario de Santiago, Idichús, con domicilio no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS), sito en Travesía da Choupana s/n. C.P. 15706 Santiago de Compostela ( A Coruña).

Supostos de feito.

1. Felipe Casanueva Freijo na súa calidade de representante da fundación, en escrito de 7 de maio de 2001, formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación para la Investigación, Desarrollo e Innovación del Complejo Hospitalario Universitario de Santiago, Idichús, foi constituída en escritura pública outorgada en Santiago de Compostela, o día 3 de maio de 2001 ante o notario Manuel-Julio Reigada Montoto, co número 1500 do seu protocolo por Jordi Riba I Hibernon, Felipe Casanueva Freijo, Eduardo Echarri Arrieta, Ramón Martínez Reboredo del Castillo, Manuel Noya García, Joaquín Potel Lesquereux, Rafael Tojo Sierra e Manuel Villar Nuñez intervindo no seu propio nome e dereito.

3. Segundo consta no artigo 3 dos seus estatutos é obxecto da fundación a realización de actividades de promoción, prestación e xestión de recursos e servicios de docencia e investigación científica; a docencia e investigación das ciencias da saúde, así como a realización doutras actividades que poidan coadxuvar á consecución do obxecto fundacional caracterizado polo interese xeral galego. Estas actividades exerceranse na Comunidade Autónoma de Galicia e especialmente na zona de influencia e interese do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago .

4. O padroado da fundación estará constituído por un presidente, un vicepresidente, vocais e secretario.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevoulle ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como de interese sanitario da Fundación para la Investigación, Desarrollo e Innovación del Complejo Hospitalario Universitario de Santiago , Idichús, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese sanitario e a súa adscrición á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 8 de maio de 2001.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como de interese sanitario a Fundación para la Investigación, Desarrollo e Innovación del Complejo Hospitalario Universitario de Santiago, Idichús e adscribíla á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 9 de maio de 2001.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública