Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 94 Mércores, 16 de maio de 2001 Páx. 6.582

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 23 de abril de 2001, da Dirección Xeral de Industria, pola que se autorizan as instalacións electromecánicas, se aproba o proxecto de execución e se inclúe no réxime especial de producción de enerxía eléctrica o parque eólico denominado A Capelada. (Expediente 71/1994).

Examinado o expediente instruído por instancia de Endesa, con domicilio para efectos de notificacións na rúa Príncipe de Vergara nº 187, 28002 Madrid, sobre autorización das instalacións do parque eólico denominado A Capelada; resultan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro.-Con data do 1 de agosto de 1994, Pedro Martínez Crespo, en nome e representación da Empresa Nacional de Electricidad (Endesa), solicitou a autorización administrativa e o recoñecemento da condición de instalación acollida ó réxime especial de producción de enerxía eléctrica do parque eólico denominado A Capelada, de 16,5 MW. Con data do 25 de outubro de 1995 solicitou a aprobación do proxecto de execución da citada instalación. Xunto ás devanditas solicitudes a documentación establecida para efecto polo Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións eléctricas, o Real decreto 2366/1994, do 9 de decembro, sobre instalacións hidráulicas, de coxeración e outras abastecidas por recursos ou fontes de enerxía renovables, e o Decreto 205/1995, do 6 de xullo, polo que se regula o aproveitamento da enerxía eólica na Comunidade Autónoma de Galicia.

Segundo.-O proxecto someteuse a información pública para os efectos previstos nos decretos 2617/1966, xa citados e o 2619/1966, do 20 de outubro, sobre expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, por resolución da Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio na Coruña do 24 de outubro de 1994, publicada no xornal El Ideal Gallego do 4 de novembro de 1994, no Diario Oficial de Galicia do 9 de novembro de 1994, no BOP da Coruña do 11 de novembro de 1994 e no BOE do 11 de novembro de 1994.

Terceiro.-Por resolución da Dirección Xeral de Industria do 27 de outubro de 1995, someteuse de novo o proxecto do devandito parque a información pública, para os efectos previstos no capítulo III

do Decreto 205/1995, do 6 de xullo, polo que se regula o aproveitamento da enerxía eólica na Comunidade Autónoma de Galicia (trámite de competencia). A dita resolución foi publicada no BOE do 20 de novembro de 1995 (con corrección de erros do 1 de febreiro de 1996), e no Diario Oficial de Galicia do 24 de novembro de 1995 (con corrección de erros do 8 de febreiro de 1996).

Durante o período desta información pública, Pasek España, S.A., presentou os días 11 e 18 de decembro de 1995 e 9 de febreiro de 1996 escritos de alegacións, nos que facía constar, ademais de vicios formais ou de carácter procedemental, a oposición á aprobación do proxecto do parque e as concesións mineiras de que era titular que resultaban afectadas pola instalación das que se solicitaba autorización, que impedían o aproveitamento mineiro. Así mesmo, a alegante inclinábase pola prevalencia do seu aproveitamento sobre o eléctrico que se pretendía autorizar, ofrecendo localizacións alternativas.

Cuarto.-O 17 de novembro de 1995, a Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña emitiu informe favorable sobre o citado proxecto, coas características básicas seguintes:

Localización e coordenadas poligonais:

NomeMunicipioVértices

A CapeladaCedeiraXY

Cariño0.585.0504.841.800

Ortigueira0.587.2004.840.500

0.584.6004.841.100

0.586.8004.839.700

0.583.1004.838.900

0.583.6504.838.350

0.583.1004.837.800

0.583.8004.837.100

0.584.3824.837.617

0.584.8004.837.200

0.585.5004.838.000

0.583.8004.839.700

Características técnicas do parque:

Nº de aeroxeradores: 50.

Potencia unitaria por aeroxerador: 330 kW.

Potencia total instalada: 16,5 MW.

Producción anual estimada: 43.759 MWh/ano.

Transformadores de 0,66/132 KV: 12.

Subestación: 20/132 kV.

Investimento: 2.551.016.074 pesetas.

Quinto.-Por acordo da Comisión Galega do Medio Ambiente do 25 de abril de 1996, apróbase a declaración de efectos ambientais do citado parque eólico.

Sexto.-Con data do 9 de maio de 1996, a Dirección Xeral de Industria dictou resolución pola que se autorizaban as instalacións electromecánicas, se declaraba de utilidade pública, se aprobaba o proxecto de execución e se recoñecía a condición de instalación acollida ó réxime especial do parque eólico denominado A Capelada, que foi publicada no Diario Oficial de Galicia do 6-8-1996.

Sétimo.-Por Resolución do 25 de febreiro de 1997 a Dirección Xeral de Industria autorizou a transmisión de bens e dereitos derivados da autorización das instalacións electromecánicas, declaración de utilidade pública, aprobación de proxecto de execución e reconoñecemento de instalación acollida ó réxime especial do parque eólico A Capelada, a favor da Agrupación de Interés Económico, Parque Eólico A Capelada.

Oitavo.-Con data do 14 de marzo de 2000, a Dirección Xeral de Industria, por petición de parque eólico A Capelada, A.I.E., modificou a inscrición definitiva no Rexistro de instalacións de producción en réxime especial do parque eólico A Capelada, co obxecto de acollerse ós beneficios do Real decreto 2818/1998, do 23 de decembro, sobre producción de enerxía eléctrica por instalacións abastecidas por recursos ou fontes de enerxías renovables, residuos e coxeración.

Noveno.-Con data do 2 de setembro de 1996, Pasek España, S.A. presentou recurso ordinario contra a Resolución do 9 de maio de 1996 da Dirección Xeral de Industria, alegando as fundamentacións xurídicas que considerou convenientes en defensa do seu dereito. O devandito recurso foi desestimado por silencio administrativo.

Décimo.-Contra a desestimación presunta por silencio, Pasek España, S.A. interpuxo recurso contencioso-administrativo nº 03/0007762/1997, do que dimanou sentencia dictada o 22 de decembro de 2000 pola Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, sección 3ª, o dictame do cal sinala literalmente o seguinte:

«"Que estimámo-lo recurso contencioso-administrativo deducido por Pasek España, S.A. contra a Resolución do 9-5-1996, que autoriza as instalacións electromecánicas, e se aproba o proxecto de execución e se recoñece a condición de instalación acollida ó réxime especial do parque eólico A Capelada; expediente nº 71/1997, dictado pola Consellería de Industria e Comercio; e, en consecuencia, anulámo-la resolución recorrida, mantendo a validez do actuado no expediente administrativo con anterioridade ó seu dictado».

Décimo primeiro.-Emítese esta resolución en execución por parte da Administración da mencionada sentencia.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-A Dirección Xeral de Industria é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, o Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, o Decreto 132/1982, do 4 de novembro, e o Decreto 99/1998, do 26 de marzo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Industria e Comercio, modificado polo Decreto 181/1999, do 17 de xuño, en relación co Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, en virtude do disposto na disposición transitoria décimo primeira do Real decreto 1995/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, o Decreto 205/1995, do 6 de xullo, e o Real decreto 2818/1998, do 23 de decembro, xa citados.

Segundo.-No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites procedementais sinalados no Decreto 2617/1966 e no Decreto 205/1995. Así mesmo, a instalación e o seu proxecto de execución reúnen tódolos requisitos técnicos esixibles.

Terceiro.-A sentencia do 22 de decembro de 2000, con fundamento no cal se formula esta nova resolución, establece a incompetencia do director xeral de Industria para declara-la utilidade pública do parque eólico A Capelada; non obstante, a dita incompetencia non alcanza a autorización das instalacións electromecánicas, aprobación do proxecto de execución e recoñecemento de instalación acollida ó réxime especial de producción de enerxía eléctrica, xa que, polas normas aplicables recollidas no fundamento de dereito primeiro, este centro directivo resulta se-lo órgano competente para dictar esta resolución.

Por outra banda, a sentencia só anula a resolución recorrida mantendo a validez do actuado no expediente administrativo, sinalando no seu fundamento de dereito cuarto que a demandante (Pasek España, S.A.) non pode alegar indefensión, xa que ó presentar e formular alegacións, a finalidade que se podería buscar polo trámite de audiencia que entende infrinxido quedou plenamente satisfeita.

Tendo en conta que as alegacións presentadas se refiren á compatibilidade ou prevalencia da concesión mineira coa instalación productora de enerxía eléctrica, extremos para dilucidar no expediente de declaración de utilidade pública, sobre os que terá que pronunciarse o conselleiro de Industria e Comercio mediante a resolución que proceda, considérase procedente da-la autorización ás instalacións electromecánicas, aproba-lo proxecto de execución e recoñece-la condición de instalación acollida ó réxime especial do parque eólico da Capelada, como requisito previo para proceder a dilucidar, en trámite específico, as consideracións que mencionamos con anterioridade; esta autorización, ó realizarse en substitución dun acto anulado, díctase con eficacia retroactiva, sempre e cando, de acordo co establecido no artigo 57.3º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e

do procedemento administrativo común, tanto o proxecto como a instalación dos equipos electromecánicos non sexan obxecto no seu aspecto técnico de controversia, e estea xa efectivamente en funcionamento o parque eólico, sen que ata a data presupuxese ningún impedimento para Pasek España, S.A. na explotación da súa concesión mineira, parece correcto retrotrae-los efectos da autorización ata a data na que se dictou a resolución anulada pola Sentencia do Tribunal Contencioso-Administrativo (9 de maio de 1996); e todo isto sen prexulgar en absoluto a futura declaración de compatibilidade ou prevalencia das dúas utilidades públicas obxecto de debate -parque eólico e concesión mineira- que se estudiará e decidirá con motivo da resolución na que se declara a utilidade pública do parque eólico A Capelada, procurándose, deste modo, un mantemento temporal da situación existente de facto na intención de evitar prexuízos de difícil ou imposible reparación a calquera dos intereses en xogo.

Por todo o exposto, esta dirección xeral, de acordo co que antecede e no exercicio das competencias que lle atribúen os artigos 11 e 14 do Decreto 2617/1966 e o artigo 13 do Decreto 205/1995,

RESOLVE:

-Autoriza-la instalación dos equipos electromecánicos e aproba-lo proxecto de execución do parque eólico denominado A Capelada, nos concellos de Cedeira, Cariño e Ortigueira, con retroacción dos seus efectos desde o 9 de maio de 1996.

-Recoñecerlle a esa instalación a condición de instalación acollida ó réxime especial do Real decreto 2818/1998, e incluíla no grupo b.2) do artigo 2 do dito real decreto

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Industria e Comercio no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ó da notificación desta resolución, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren oportuno.

Santiago de Compostela, 23 de abril de 2001.

Ramón Ordás Badía

Director xeral de Industria