Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 93 Martes, 15 de maio de 2001 Páx. 6.492

V. ADMINISTRACIÓN DE XUSTIZA

XULGADO DE PRIMEIRA INSTANCIA E INSTRUCCIÓN NÚMERO TRES DE SANTIAGO DE COMPOSTELA

EDICTO (537/1999).

Francisco Castiñeiras Fernández, secretario do Xulgado de Primeira Instancia e Instrucción número tres de Santiago de Compostela, dou fe e testemuño de que no xuízo de faltas nº 537/1999 se dictou a presente sentencia, a cal no encabezamento e parte dispositiva di:

Sentencia.

«En Santiago o quince de xuño de dous mil.

Vistos os presentes autos de xuízo de faltas número 537/1999 por Mª Fe López Juíz, maxistrada-xuíza accidental de Primeira Instancia e Instrucción número tres desta cidade, dictou resolución baseada no que se dirá, sendo partes, como denunciante José Enrique Gómez López e como denunciado José Aceituno Ortega. Interveu o Ministerio Fiscal.

I. Antecedentes.

Primeiro.-As actuacións teñen a súa orixe na denuncia do 30 de outubro de 1999 presentada ás 17.41 horas na comisaría da policía nacional desta cidade, polas lesións sufridas o día 20-10-1999 que

se dirán, e que foron causadas polo denunciado José Aceituno Ortega.

Segundo.-Reputadas como faltas os feitos, celébrase vista oral o día 13 de xuño de 2000, co resultado que consta, solicitando a fiscal a condena de José Aceituno Ortega por unha falta do 617 número 1 do Código Penal a unha pena de multa de 30 días, cunha cota diaria de 1.000 pesetas/día, e a que indemnice a J. Enrique en 40.000 pesetas. O denunciado non compareceu na vista, a pesar de estar citado en forma.

II. Feitos probados.

Primeiro.-Da lectura das actuacións e, en especial, do xuízo oral, dedúcese que o día 29 de outubro de 1999, cando J. Enrique reclamou a José Aceituno unha cantidade de diñeiro que lle debía por un traballo que realizara para el, o demandado finxiu que ía sacar o teléfono móbil e sacou un spray; disparouno nos ollos do denunciante e marchou; como consecuencia o denunciante tivo que ir ó médico nunha ambulancia.

III. Fundamentos xurídicos.

Primeiro.-As probas nos xuízos de faltas practícanse na vista oral. Da declaración de J. Enrique e, especialmente, dos partes médicos, completados polo informe do médico-forense, acredítase a lesión causada polo denunciando ó denunciante.

Segundo o informe forense, J. Enrique precisou unha primeira asistencia facultativa sen necesidade de hospitalización e estivo incapacitado durante oito días, do que curou sen secuelas nin deformidade.

Por todo isto, José Aceituno é autor dunha falta do artigo 617 número un do Código Penal; visto o artigo 638 do Código Penal, sancionarase coa pena pedida polo Ministerio Fiscal, ó ser axustada a dereito.

Segundo.-Canto á responsabilidade civil derivada (artigo 16 número un do Código Penal), José Aceituno indemnizará a José Enrique Gómez na cantidade solicitada polo Ministerio Fiscal en 40.000 pesetas en concepto de incapacidade polas lesións.

Terceiro.-Non se produciron custas (artigo 123 do Código Penal).

Decido condenar a José Aceituno Ortega, como autor dunha falta de lesións do 617 nº 1 do Código Penal, á pena de 30 días de multa con cota diaria de 1.000 pesetas, que deberá satisfacer mediante ingreso na conta oficial do xulgado. Non se fai imposición de custas.

José Aceituno Ortega indemnizará a José Enrique Gómez López na cantidade de 40.000 pesetas, en concepto de incapacidade polas lesións.

En caso de non pagar, e na falta de bens embargables, quedará afecta a unha responsabilidade persoal subsidiaria dun día de privación de liberdade por cada dúas cotas diarias sen satisfacer e ó pagamento das custas.

Así, por esta miña sentencia, que será notificada ás partes coa advertencia de que contra ela poderán interpor recurso de apelación ante este xulgado para a Audiencia Provincial da Coruña no prazo de cinco días desde a última notificación, e da que se unirá certificación ás actuacións orixinais para a súa notificación e cumprimento, pronúncioo, mándoo e asínoo».

Publicación.-A anterior sentencia foi lida e publicada por Mª Fe López Juíz, maxistrada-xuíza accidental de Primeira Instancia e Instrucción número tres, que a dictou en audiencia pública no día da data. Dou fe.

E para que conste e sirva de notificación de sentencia a José Aceituno Ortega, actualmente en paradoiro descoñecido, e para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia, expido este edicto en Santiago de Compostela o dezanove de abril de dous mil un.

O secretario

Rubricado