Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 93 Martes, 15 de maio de 2001 Páx. 6.475

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

DECRETO 97/2001, do 22 de marzo, de regulación básica dos órganos de dirección, asesoramento, calidade e participación das institucións hospitalarias do Servicio Galego de Saúde.

O Real decreto 521/1987, sobre estructura, organización e funcionamento de hospitais, constituíu durante anos, no Sistema Nacional de Saúde, un referente fundamental no que respecta á regulación básica dos órganos de dirección dos hospitais, e especialmente dos órganos de participación e comisións técnicas.

O Real decreto 1679/1990, do 28 de decembro, aprobou o acordo da comisión Mixta de Transferencias adoptado o 27 de decembro, sobre traspaso á Comunidade Autónoma de Galicia das funcións e servicios do Instituto Nacional da Saúde, traspaso asumido pola Xunta de Galicia mediante o Decreto 16/1991, do 11 de xaneiro, que adscribe as devanditas funcións e servicios á Consellería de Sanidade, e co Decreto 148/1991, do 2 de maio, establécense os órganos de dirección e colexiados dos hospitais da Comunidade Autónoma de Galicia dependentes da Consellería de Sanidade e xestionados polo Servicio Galego de Saúde, e regula as súas funcións.

Tralas transferencias fóronse desenvolvendo en Galicia algunhas normas na idea de acomoda-la estructura dos hospitais ás necesidades que foron xurdindo fundamentalmente como consecuencia dos procesos de transferencia dos hospitais das corporacións locais; deste xeito publícanse:

-O Decreto 71/1993, do 18 de marzo, polo que se establecen os órganos de dirección da asistencia especializada da área sanitaria de Santiago de Compostela e as súas funcións.

-O Decreto 178/1994, do 16 de xuño, polo que se desenvolve a estructura organizativa do Complexo Hospitalario de Santiago de Compostela, modificado polo Decreto 57/2000, do 16 de marzo, polo que se crea a Dirección de Enfermería e subdireccións no Complexo Hospitalario de Santiago de Compostela.

-O Decreto 211/1998, do 25 de xuño, crea o Complexo Hospitalario de Ourense e establece a súa estructura organizativa, que se desenvolve pola Orde do 14 de xullo de 1998.

-O Decreto 229/1998, do 24 de xullo, crea o Complexo Hospitalario de Pontevedra e establece os órganos de coordinación e dirección, modificado polo Decreto 218/2000, do 13 de setembro, modifica a estructura organizativa do Complexo Hospitalario de Pontevedra e os órganos de coordinación e dirección.

O hospital, como referente da atención especializada, constitúe a estructura sanitaria responsable da asistencia hospitalaria á poboación do seu ámbito de influencia, tanto en réxime de internamento coma ambulatorio e, en ocasións, domiciliario, en tódolos casos que non poidan ser resoltos no nivel de atención primaria.

Transcorridos dez anos desde a asunción do traspaso de competencias, e como consecuencia do progresivo desenvolvemento das ciencias da saúde, a organización destas funcións foi adquirindo unha crecente complexidade, ó mesmo tempo que se foron incrementando os recursos humanos e materiais de atención especializada.

Neste sentido de evolución organizativa, cómpre sinalar nestes últimos anos:

-A aparición de situacións organizativas complexas coma os sistemas multihospitalarios, é dicir, a coexistencia nunha mesma área de varios hospitais que comparten a prestación de asistencia sanitaria á mesma poboación, pero con diferentes graos de desenvolvemento.

-A progresiva implantación nos hospitais das áreas de xestión clínica que, co obxectivo de orienta-la prestación ó cidadán a través dunha organización por proceso e dunha implicación dos profesionais na xestión, constitúen unidades organizativas en si mesmas, sempre dentro dunha estratexia global do hospital.

-A complexidade dos sistemas de información sanitaria como base para unha máis axeitada toma de decisións.

-A maior preocupación que desde hai anos ten o sector sanitario polos aspectos de calidade motivan un enorme desenvolvemento desta área e crean a necesidade de coordinación de actuacións que atinxen á práctica totalidade da estructura do hospital e das comisións clínicas.

Polo tanto, e tendo en conta por unha banda as necesidades específicas de cada organización en cada momento e, por outra, que o organigrama debe ser un instrumento que facilite a xestión e transmita a todo o hospital o xeito en que este se vai organizar, parece oportuno deseñar un marco normativo que estableza a estructura básica dos hospitais do Servicio Galego de Saúde, sen menoscabo de que esta se poida adaptar ás necesidades de cada momento para o que se necesitará unha norma específica.

Sen embargo, é oportuno destacar que os aspectos fundamentais que a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais quere reforzar con esta norma son a calidade dos servicios sanitarios e dar unha maior participación ós profesionais, ás organizacións e ós propios usuarios.

Con base no anterior, faise necesario establecer unha regulación básica sobre órganos de dirección, asesoramento, calidade e participación dos hospitais do Servicio Galego de Saúde, sen menoscabo de poder dar respostas individuais en función da diversidade dos hospitais e do seu desenvolvemento organizativo.

Na súa virtude, de conformidade co establecido no artigo 34.4º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, por proposta do conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vintedous de marzo de dous mil un,

DISPOÑO:

* Disposicións xerais.

Artigo 1º.-Desenvolvemento e ámbito de aplicación.

1. Este decreto será de aplicación a tódolos centros de atención especializada da rede pública do Servicio Galego de Saúde.

2. A estructura dos complexos hospitalarios e dos hospitais da rede do Servicio Galego de Saúde establecerase, en función do grao de desenvolvemento e nivel de complexidade de cada un deles, por decreto.

3. Requirirá norma do mesmo rango a adaptación dos órganos de dirección, dos órganos técnicos de asesoramento e dos órganos colexiados de participación.

Artigo 2º.-Funcións dos hospitais.

O hospital, en coordinación coa atención primaria, desenvolve funcións de promoción da saúde, prevención da enfermidade, diagnóstico, tratamento, docencia e investigación.

Artigo 3º.-Coordinación coa atención primaria.

Ó funcionar como segundo nivel asistencial, o hospital debe coordina-las súas actuacións coa atención primaria. Para isto estableceranse as canles de comunicación oportunas así como a protocolización do nivel de coidados que se van proporcionar en cada caso por cada nivel asistencial.

Artigo 4º.-Formas de acceso ó hospital.

O acceso ó hospital poderá ser a través de consulta externas, probas diagnósticas, tratamentos ambulatorios ou urxencias. O acceso a consultas externas e a probas diagnósticas farase mediante derivación realizada polos facultativos de atención primaria. No caso das urxencias, o acceso será directo cando non exista servicio de urxencias de atención primaria responsable da primeira asistencia e da derivación.

* Órganos unipersonais de dirección.

Artigo 5º.-Desenvolvemento organizativo.

1. Para a dirección e coordinación das funcións propias do hospital establécense, nos hospitais do Servicio Galego de Saúde, como estructura mínima os seguintes órganos de dirección:

a) Xerencia.

b) Dirección Médica.

c) Dirección de Enfermería.

d) Dirección de Xestión e Servicios Xerais.

2. Naqueles hospitais da rede pública do Servicio Galego de Saúde que, polo grao de desenvolvemento e nivel de complexidade, precisen outra estructura,

esta debe ser establecida por unha norma específica con rango de decreto.

Artigo 6º.-Equipo directivo.

Para os efectos deste decreto, considérase equipo directivo nos hospitais do Servicio Galego de Saúde o director xerente, os restantes directores e os subdirectores.

Artigo 7º.-Provisión dos postos do equipo directivo.

Os postos de equipo directivo dos hospitais do Servicio Galego de Saúde proveranse polo sistema de libre designación mediante convocatoria pública no Diario Oficial de Galicia, no que poderán participa-las persoas que estean vinculadas a calquera Administración pública por unha relación funcionarial ou estatutaria, sempre que cumpran os requisitos esixibles en cada caso, ou conforme o réxime laboral especial de alta dirección, regulado no Real decreto 1382/1985, do 1 de agosto, e de conformidade co previsto na disposición adicional décima da Lei 30/1999, do 5 de outubro, de selección e provisión de prazas de persoal estatutario dos servicios de Saúde.

Artigo 8º.-A xerencia.

1. Á fronte da xerencia, como máximo responsable e superior autoridade do hospital, estará o director xerente.

2. O director xerente será nomeado polo conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais.

3. En caso de ausencia, vacante ou enfermidade do director xerente será substituído polo directivo que expresamente designe o director xerente.

Artigo 9º.-Funcións do director xerente.

Son funcións do director xerente:

a) Desempeña-la representación do hospital.

b) Executa-las directrices sinaladas pola Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e polo Servicio Galego de Saúde.

c) Ordena-los recursos humanos, físicos e financeiros do hospital mediante a programación, dirección, control e avaliación do seu funcionamento nas áreas, servicios e centros que o constitúen, e con respecto ós servicios que presta.

d) Elabora-la proposta de obxectivos e plans de actividades do hospital de acordo coas liñas establecidas polo Servicio Galego de Saúde.

e) Programar, dirixir e controla-la execución da actividade do hospital, a través dos seus medios persoais e materiais e a coordinación das súas unidades.

f) Elabora-la proposta de anteproxecto de orzamentos e propoñe-la ordenación dos pagamentos dentro do seu orzamento de gastos.

g) Elabora-la proposta de plans anuais económicos, de investigación e de docencia do hospital.

h) Presentar periodicamente un informe de xestión, así como elabora-la memoria anual de actividades.

i) Adopta-las medidas necesarias para garanti-la continuidade das actividades do hospital, especialmente en casos de emerxencias internas ou externas.

j) Presidi-la comisión de Dirección.

k) Elabora-la proposta de incentivos do persoal directivo do hospital, segundo os criterios establecidos polo Servicio Galego de Saúde.

l) Propoñe-lo nomeamento e cesamento dos postos directivos do hospital.

m) Impulsar e desenvolve-las áreas de xestión clínica no hospital.

n) O director xerente poderá asumir directamente calquera das funcións asignadas neste decreto ás restantes direccións.

o) Exercer calquera outra función que lle sexa delegada polos órganos competentes.

Artigo 10º.-A dirección médica.

1. Á fronte da Dirección de Médica estará o director médico.

2. O director médico será nomeado polo conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais por proposta do director xerente do hospital.

3. En caso de ausencia, vacante ou enfermidade do director médico, será substituído polo subdirector dependente do de máis antigüidade no cargo, ou, se é o caso, polo designado expresamente polo director xerente.

Artigo 11º.-Funcións do director médico.

Son funcións do director médico:

a) Dirixir, coordinar e avalia-lo funcionamento das unidades e servicios médicos e outros servicios sanitarios do hospital.

b) Elabora-la proposta de obxectivos para os servicios médicos e avalia-lo seu cumprimento.

c) Dirixi-la implantación do programa de calidade.

d) Establece-lo sistema de información para os servicios médicos.

e) Colaborar na posta en marcha das áreas de xestión clínica.

f) Promove-la implantación e avaliación do programa de investigación do hospital.

g) -Promove-la implantación e avaliación do programa de docencia pre-grao ou post-grao e na definición e avaliación dos plans docentes.

h) Todas aqueloutras funcións que lle delegue o director xerente.

Artigo 12º.-A dirección de enfermería.

1. Á fronte da Dirección de Enfermería estará o director de enfermería.

2. O director de enfermería será nomeado polo conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais por proposta do director xerente do hospital.

3. En caso de ausencia, vacante ou enfermidade do director de enfermería, será substituído polo subdirector dependente del de máis antigüidade no cargo, ou, se é o caso, polo designado expresamente polo director xerente.

Artigo 13º.-Funcións do director de enfermería.

Son funcións do director de enfermería:

a) Dirixir e avalia-las actividades de enfermería.

b) Dirixir, coordinar e avalia-lo funcionamento das unidades e servicios adscritos á súa dirección.

c) Executa-lo programa de calidade en coordinación co seu responsable.

d) Establece-lo sistema de información para os servicios de enfermería.

e) Colaborar na posta en marcha das áreas de xestión.

f) Promocionar, impulsar, seguir e avalia-las actividades asistenciais, docentes e investigadoras desenvolvidas polo persoal de enfermería.

g) Todas aqueloutras funcións que lle delegue o director xerente.

Artigo 14º.-A Dirección de Xestión e Servicios Xerais.

1. Á fronte da Dirección de Xestión e Servicios Xerais estará o director de xestión e servicios xerais.

2. O director de xestión e servicios xerais será nomeado polo conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais por proposta do director xerente do hospital.

3. En caso de ausencia, vacante ou enfermidade do director de xestión e servicios xerais, será substituído polo subdirector dependente do de máis antigüidade no cargo, ou, se é o caso, polo designado expresamente polo director xerente.

Artigo 15º.-Funcións do director de xestión e servicios xerais.

Son funcións do director de xestión e servicios xerais:

a) Propoñer, dirixir e avalia-los plans económicos do hospital, elaboración do anteproxecto de orzamentos e proposta de inventario.

b) Desenvolve-la política de persoal e das relacións laborais.

c) Dirixi-la tramitación dos expedientes de contratación, así como formaliza-las propostas nos expedientes contables que deban imputarse con cargo ós orzamentos dos respectivos centros de gasto.

d) Deseñar, implantar, dirixir e controla-los plans de desempeño, promoción e incentivación do persoal e dos procesos de administración e xestión de persoal.

e) Dirección e xestión económica do hospital.

f) Deseñar, implantar, dirixir e controla-los sistemas de subministros, alimentación, lavandería e limpeza.

g) Asistencia técnico-administrativa ás demais direccións.

h) Promove-lo establecemento do sistema de información de persoal e de xestión.

i) Dirixi-la facturación a terceiros do hospital, correspondéndolle a formalización da facturación emitida.

j) Dirixir e controla-los sistemas de mantemento das instalacións e equipamento do hospital.

i) Todas aqueloutras funcións que lle delegue o director xerente.

Artigo 16º.-Subdireccións.

1. No caso en que se considere segundo o desenvolvemento e a maior complexidade do hospital, existirán subdireccións dependentes dos correspondentes órganos de dirección do hospital.

2. Os subdirectores serán nomeados polo conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais por proposta do director xerente do hospital.

* Órganos colexiados de dirección.

Artigo 17º.-comisión de dirección.

1. Como órgano colexiado de dirección dos hospitais do Servicio Galego de Saúde establécese a comisión de dirección, presidida polo director xerente e constituída polos directores existentes.

2. Os subdirectores poderán asistir á comisión de dirección cando así o considere o director xerente.

3. A comisión de dirección reunirase cunha periodicidade semanal e cando as circunstancias de especial interese ou urxencia así o aconsellen por criterio da presidencia.

Artigo 18º.-Funcións da comisión de dirección.

Son funcións da comisión de dirección:

a) Estudia-los obxectivos sanitarios e plans económicos do hospital, instrumentando programas de dirección por obxectivos.

b) Realiza-lo seguimento das actividades dos servicios, unidades e áreas do hospital.

c) Estudia-las medidas para mellora-lo funcionamento sanitario e económico dos servicios, unidades e áreas do hospital e a súa ordenación e coordinación interna en función das necesidades da área sanitaria e das directrices do Servicio Galego de Saúde.

d) Análise e propostas sobre o orzamento anual e a política de persoal do hospital.

e) Estudiar e impulsa-las propostas que se eleven por parte dos órganos técnicos e de asesoramento.

* Órganos técnicos de asesoramento.

Artigo 19º.-Órganos técnicos de asesoramento da comisión de dirección.

Como órganos técnicos de asesoramento da comisión de dirección nos hospitais do Servicio Galego de Saúde estableceranse:

a) A comisión de calidade.

b) A comisión asistencial.

c) Os comités técnico-sanitarios.

Artigo 20º.-comisión de calidade.

1. É o organo técnico de elaboración de plans e asesoramento da comisión de dirección en temas de calidade.

2. A comisión de calidade estará composta por:

a) Ata un máximo de 6 representantes do equipo directivo do hospital, nomeados polo director xerente, dos que un será designado presidente e outro secretario polo director xerente.

b) Os presidentes dos seguintes comités técnico-sanitarios do hospital:

1. Comité de infección, profilaxe e política antimicrobiana.

2. Comité de mortalidade.

3. Comité de farmacia e terapéutica.

4. Comité de tumores e tecidos.

5. Comité de historias clínicas.

6. Comité de planificación de coidados de enfermería.

c) Poderán, así mesmo, formar parte desta comisión, presidentes doutros comités técnico-sanitarios, cando así o considere conveniente o director xerente do hospital.

3. Funcións da comisión de calidade:

a) Propoñe-la elaboración do plan de calidade no hospital con base nas directrices do Servicio Galego de Saúde.

b) Promove-lo desenvolvemento do plan de calidade con base nas directrices do Servicio Galego de Saúde.

c) Colaborar na implantación e potenciación do funcionamento dos comités clínicos.

d) Incorpora-las unidades de atención ó paciente á dinámica de calidade co fin de garanti-la equidade, accesibilidade e información do usuario.

e) Implicar no plan de calidade a tódolos comités clínicos.

4. A comisión de calidade reunirase, como mínimo, catro veces ó ano.

Artigo 21º.-comisión asistencial.

1. Como órgano colexiado de asesoramento á comisión de dirección e de participación dos profesionais na toma de decisións, existirá unha comisión asistencial.

2. A comisión asistencial terá a seguinte composición:

a) Ata un máximo de 6 representantes do equipo directivo do hospital nomeados polo director xerente, dos que un será designado presidente e outro secretario polo director xerente.

b) Catro xefes de servicio, ou de sección no seu defecto, un por cada unha das áreas médica, cirúrxica, materno-infantil e de servicios centrais, se é o caso. Serán elixidos por votación dos xefes de servicio do hospital.

c) Catro facultativos, un por cada unha das áreas médica, cirúrxica, materno-infantil e de servicios centrais, elixidos por votación do persoal facultativo do hospital.

d) Dous supervisiores de enfermería, elixidos por votación dos supervisores de enfermería do hospital.

e) Un representante de enfermería, elixido por votación do persoal de enfermería do hospital.

f) Un representante de persoal sanitario non facultativo, excluído enfermería, elixido por votación do persoal sanitario non facultativo do hospital.

g) Un facultativo residente, elixido por votación dos médicos residentes do hospital, se existisen.

h) Un representante de persoal non sanitario, elixido por votación do persoal non sanitario do hospital.

i) Un representante do Servicio de Atención ó Paciente, elixido por votación entre os membros do servicio.

j) O responsable de admisión.

k) O presidente da comisión de calidade.

3. Os membros electos por votación serán elixidos por un período de dous anos, sen prexuízo da súa posible reelección.

4. Funcións:

a) Asesora-la comisión de dirección naquelas materias que incidan directamente na actividade asistencial do hospital.

b) Coñecer e emitir informes dos obxectivos asistenciais, de calidade, docentes e de investigación do centro.

c) Propoñe-las medidas de mellora da organización, funcionamento e calidade do hospital.

d) Coñece-las propostas e os acordos dos comités clínicos do hospital.

5. A comisión asistencial reunirase, como mínimo, catro veces ó ano.

Artigo 22º.-Comités técnico-sanitarios.

1. Os comités técnico-sanitarios son os órganos técnicos de elaboración de propostas de actuación e de asesoramento permanente da comisión de dirección, da comisión de calidade e da comisión asistencial.

2. Correspóndelle ó director xerente, por proposta da comisión de dirección, aproba-la constitución de comités técnico-sanitarios e asignarlle-las funcións específicas en cada caso.

3. Cada comité técnico-sanitario que se constitúa non deberá supera-lo número de oito membros, e, entre os seus membros, elixirán presidente e secretario.

4. Como mínimo, nos hospitais do Servicio Galego de Saúde constituiranse os seguintes comités técnico-sanitarios:

a) Comité de mortalidade.

b) Comité de tumores e tecidos.

c) Comité de infección, profilaxe e política antimicrobiana.

d) Comité de historias clínicas.

e) Comité de farmacia e terapéutica.

f) Comité de ética asistencial.

g) Comité de planificación de coidados de enfermería.

h) Comité de transfusións e hemoderivados.

i) comisión de garantía e control de calidade en radiodiagnóstico.

No caso en que así o considere a comisión de dirección, o comité de mortalidade e de tumores e tecidos poderán actuar coma un único comité.

5. Nos hospitais de maior complexidade en que así se considere, constituiranse, cando menos, os seguintes comités técnico-sanitarios:

a) comisión de docencia. Esta comisión será obligatoria naqueles hospitais con programa de formación de residentes.

b) Comité de investigación.

c) Comité de dor.

d) Comité de avaliación tecnolóxica e utilización de recursos.

e) comisión de garantía e control de calidade en radioterapia. Esta comisión será obligatoria naqueles hospitais con oncoloxía-radioterapia.

Poderán, así mesmo, constituírse outros comités técnico-sanitarios cando así se considere en funcións das necesidades de cada centro.

6. Cada comité técnico-sanitario elaborará o seu propio regulamento de réxime interior e un documento anual de actividades.

7. Os comités técnico-sanitarios reuniranse, como mínimo, catro veces ó ano.

* Órganos colexiados de participación.

Artigo 23º.-Órganos colexiados de participación.

Como órganos colexiados de participación nos hospitais do Servicio Galego de Saúde constitúense:

a) O Comité de seguridade e saúde laboral.

b) A comisión de participación cidadá dos usuarios.

Artigo 24º.-Comité de seguridade e saúde laboral.

1. Como órgano colexiado de participación dos traballadores na prevención de riscos laborais, existirá un comité de seguridade e saúde laboral de área.

2. O comité de seguridade e saúde laboral será paritario entre representantes do Servicio Galego de Saúde e os representantes das organizacións sindicais.

No comité estarán representadas as organizacións sindicais mediante os delegados de prevención. As organizacións sindicais da mesa sectorial de persoal sanitario poderán contar con representación adicional.

3. Funcións:

a) Participar na elaboración, posta en práctica e avaliación dos plans e programas de prevención de riscos.

b) Promover iniciativas sobre métodos e procedementos para a efectiva prevención dos riscos laborais.

c) Coñece-la situación da prevención de riscos no centro sanitario.

d) Coñece-la documentación relativa á avaliación e ó control de riscos laborais dos centros e traballadores.

e) Coñece-los resultados da avaliación de riscos e as medidas preventivas propostas polos centros e traballadores.

f) Coñece-la memoria anual de actividades en materia de prevención de riscos nos centros.

4. O Comité de seguridade e saúde laboral reunirase con carácter trimestral, por petición do seu presidente ou por petición da maioría dos seus membros.

Artigo 25º.-comisión de participación cidadá dos usuarios.

1. Como órgano colexiado de participación dos usuarios, existirá unha comisión.

2. A comisión de participación dos usuarios contará cun máximo de trece membros:

a) O director xerente do hospital que actuará como presidente.

b) O xerente da correspondente xerencia de Atención Primaria.

c) Tres representantes de corporacións municipais da área de influencia do hospital, propostos polas propias corporacións.

d) Un representante de cada unha das asociacións de veciños máis representativas da área de influencia do hospital, ata un máximo de tres, propostos polas propias asociacións.

e) Un representante de cada unha das asociacións de empresarios máis representativas da área de influencia do hospital, ata un máximo de tres, propostos polas propias asociacións.

f) En caso de hospitais universitarios, un representante da Xunta de Goberno da universidade.

g) Un directivo da área económico-administrativa do hospital, que actuará como secretario.

3. Funcións:

a) Coñecer e informar sobre os plans de actuación asistencial.

b) Coñecer e informar sobre os programas económicos de cada exercicio.

c) Coñecer e informar sobre a memoria anual do centro.

d) Propoñerlle á comisión de dirección a adopción de medidas de mellora da calidade percibida.

4. A comisión de participación reunirase unha vez ó trimestre ou ben por petición do presidente ou cando así o decidan a maioría dos seus membros.

Disposición adicional

O coordinador asistencial de cada área compartida, reguladas no Decreto 37/2001, do 1 de febreiro, participará nos órganos colexiados do hospital ou do complexo hospitalario, se é o caso, segundo se estableza no seu plan asistencial.

Disposición transitoria

Nos complexos hospitalarios e nos hospitais da rede pública do Servicio Galego de Saúde, as comisións que na actualidade estean constituídas seguirán o seu funcionamento ordinario, dispoñendo dun período dun ano para adapta-la composición e denominación ó regulado neste decreto.

Disposición derrogatoria

Queda derrogado o Decreto 148/1991, do 2 de maio, que establece os órganos de dirección e colexiados dos hospitais da Comunidade Autónoma de Galicia dependentes da Consellería de Sanidade e xestionados polo Servicio Galego de Saúde, e establece as súas funcións.

Disposición derradeira

O conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais dictará cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento do establecido neste decreto.

Santiago de Compostela, vintedous de marzo de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Mª Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais