Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 89 Mércores, 09 de maio de 2001 Páx. 6.215

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

RESOLUCIÓN do 4 de abril de 2001, da Dirección Xeral de Urbanismo, sobre a aprobación definitiva dun proxecto de expropiación forzosa, polo procedemento de taxación conxunta, dos bens e dereitos afectados pola execución do proxecto de ampliación e renovación da calzada, beirarrúas e servicios na rúa Emilia Pardo Bazán de Ourense.

Vista a documentación que consta no expediente nº 47/2001, remitido polo Concello de Ourense, consonte os seguintes

Antecedentes.

1. O Concello de Ourense remite o expediente de expropiación forzosa polo procedemento de taxación conxunta dos bens e dereitos afectados pola

execución do proxecto de ampliación e renovación da calzada, beirarrúas e servicios na rúa Emilia Pardo Bazán, de conformidade co disposto polo artigo 145 da Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia (LSG).

2. O Concello de Ourense, con data do 5 de outubro de 2000, acordou aprobar inicialmente o expediente de expropiación forzosa mediante o proxecto de taxación conxunta e sometelo a información pública polo prazo dun mes, anunciándoo no xornal La Región do 20 de outubro de 2000 e no DOG do 28 de novembro de 2000.

3. A taxación foilles notificada individualmente ós que aparecen como titulares de bens e dereitos no expediente, dándolles traslado literal da correspondente folla de taxación e da proposta de fixación dos criterios de valoración, para que formulasen alegacións no prazo dun mes, contado a partir da data de notificación, tal e como sinala o artigo 145.4º da Lei do solo de Galicia.

4. O Concello de Ourense emitiu informe individualizado sobre cada unha das alegacións presentadas polos interesados, de conformidade co artigo 145.6º da Lei do solo de Galicia, e remite o expediente de expropiación forzosa a esta consellería para a súa aprobación definitiva.

Con algúns titulares dos predios o concello alcanzou acordo amigable, polo que tomou posesión deles, quedando, polo tanto, restrinxida a expropiación a un só titular, en concreto, ó Colexio Cisneros.

Fundamentos xurídicos.

Primeiro.-O proxecto de expropiación forzosa tramitouse polo procedemento de taxación conxunta de conformidade co disposto no artigo 145 da Lei do solo de Galicia.

Segundo.-O proxecto de expropiación realízase para executa-lo proxecto de ampliación e renovación da calzada, beirarrúas e servicios na rúa Emilia Pardo Bazán ó que está unido, aprobado definitivamente pola Comisión de Goberno o 5 de outubro de 2000, no que se determina como sistema de actuación o de expropiación.

En virtude do disposto polos artigos 33 da Lei 6/1998, do 13 de abril, sobre réxime do solo e valoracións, e polos artigos 54, en relación co 124 e 145, da Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia, a dita aprobación implica a declaración de utilidade pública das obras e a necesidade da ocupación dos terreos incluídos no ámbito dos polígonos, resultando lexitimada a expropiación proposta.

Terceiro.-O expediente tramitado conta coa documentación preceptiva esixida polo artigo 145.1º da Lei 1/1997, do solo de Galicia:

-Determinación do seu ámbito territorial, cos documentos que o identifican en canto á situación, superficie e lindeiros.

-Fixación de prezos coa valoración razoada do solo, segundo a súa cualificación urbanística.

-Follas de prezo xusto individualizado de cada predio.

-Follas de prezo xusto que corresponden a outras indemnizacións, se é o caso.

Cuarto.-Os criterios de valoración fixados no proxecto de expropiación axústanse ós establecidos polos artigos 23 e seguintes da Lei 6/1998, sobre réxime do solo e valoracións.

Quinto.-A competencia para aproba-lo expediente de expropiación forzosa polo procedemento de taxación conxunta correspóndelle por delegación ó director xeral de Urbanismo, de acordo co artigo 1 da Orde do 30 de decembro de 1999 do conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda (DOG do 10 de xaneiro de 2000), pola que se delegan atribucións en materia de urbanismo.

Na súa virtude, vista a Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia, a Lei 6/1998, do 13 de abril, sobre réxime do solo e valoracións, e as demais disposicións aplicables, proponse adopta-la seguinte

Resolución:

Primeiro.-Aprobar definitivamente o proxecto de expropiación forzosa polo procedemento de taxación conxunta dos bens e dereitos afectados pola execución do proxecto de ampliación e renovación da calzada, beirarrúas e servicios na rúa Emilia Pardo Bazán, para os efectos previstos polos artigos 145 e 146 da Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia, con estimación ou desestimación das alegacións nos termos que aparecen nos informes de contestación a elas que constan no expediente.

Esta aprobación definitiva do expediente de taxación conxunta implicará a declaración de urxencia da ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de expropiación, de conformidade co establecido no artigo 146.1º da Lei do solo de Galicia.

En consecuencia, o pagamento ou depósito do importe da valoración establecida producirá os efectos previstos nos números 6, 7 e 8 do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, sen prexuízo de que continúe a tramitación do procedemento para a definitiva fixación do prezo xusto (artigo 146.2º da Lei do solo de Galicia).

Segundo.-Notifica-lo contido desta resolución aprobatoria do expediente ó Concello de Ourense e de xeito individualizado a tódolos que aparezan como titulares dos bens e dereitos que figuran no expediente, ós que se lles xuntará a correspondente folla de valoración, conferíndolles un prazo de vinte días durante o que poderán manifestar por escrito ante esta dirección xeral a súa desconformidade coa valoración establecida no expediente aprobado, de conformidade co disposto polo artigo 145.7º da Lei

do solo de Galicia, advertíndolles que, transcorrido o citado prazo de vinte días sen que se formule oposición á valoración, se entenderá aceptada a que se fixou no acto aprobatorio do expediente, entendéndose determinado o prezo xusto definitivamente e de conformidade (artigo 145.8º da Lei do solo de Galicia).

Terceiro.-Publicar esta resolución, así como a seguinte relación dos bens e dereitos afectados pola expropiación, no Diario Oficial de Galicia e no taboleiro de edictos do concello:

Relación de propietarios afectados pola expropiación forzosa do proxecto de ampliación e renovación da calzada, beirarrúas e servicios na rúa Emilia Pardo Bazán (Ourense):

Nº de predio: 4.

Propietario: Colexio Cardenal Cisneros.

Prezo xusto: 2.604.288 pesetas.

Así mesmo, a publicación e exposición no taboleiro de edictos do concello serviralles de notificación ós propietarios descoñecidos, dos que se ignore o lugar de notificación, ou ben tramitada a notificación, ós que non se puidese realizar. Todo isto de conformidade co disposto polo artigo 59.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Cuarto.-Igualmente, notificaráselle o contido desta resolución á Fiscalía da Audiencia Provincial, para os efectos establecidos no artigo 5 da Lei de expropiación forzosa, en relación cos propietarios descoñecidos e os non comparecentes no procedemento expropiatorio.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Política Territorial Obras Públicas e Vivenda, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da notificación desta resolución (artigo 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro), ou recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ó da notificación (artigo 46.1º da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa).

Para o caso de que se interpoña o recurso potestativo de reposición, ata que sexa resolto expresamente ou se produza a desestimación presunta non se poderá interpoñe-lo recurso contencioso-administrativo.

Todo isto sen prexuízo de que, no caso de desconformidade coa valoración establecida, os interesados dispoñen dun prazo de vinte días para manifesta-la súa desconformidade como se indicou no número 2 desta resolución, nos termos establecidos polo artigo 145.8º da Lei do solo de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de abril de 2001.

José Jesús Cudeiro Mazaira

Director xeral de Urbanismo