Dentro dos programas de actividades que a Academia Galega de Seguridade ten previsto realizar
no ano 2001, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade, anúnciase a realización de dous cursos básicos para auxiliares de policía local, segundo o previsto na disposición adicional II da Lei 3/1992, do 23 de marzo, de coordinación das policías locais, que deberá desenvolverse conforme as seguintes bases:
Obxectivos.
Os cursos teñen por obxectivos dota-los auxiliares de policía local dunha formación teórico-práctica que os capacite para o posterior desempeño da súa actividade profesional.
Destinatarios.
Os cursos van dirixidos a todas aquelas persoas que sexan contratadas para desenvolve-la función de auxiliar de policía local durante a temporada de verán, nos concellos de Galicia.
Inscrición.
A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta, debéndose comunicar esta, antes do 15 de maio de 2001 para efectua-la correspondente reserva de praza.
Prazas.
Sen límite.
Solicitudes.
1. Os concellos que se atopen nesta situación deberán remitir un escrito á Academia Galega de Seguridade, solicitando a participación no curso, no que figure a lista de persoas que van ser contratadas como auxiliares de policía local; para efectua-la correspondente reserva de praza para a realización do devandito curso.
2. O prazo para a remisión de escritos rematará o día 15 de maio de 2001.
3. Os escritos deberán enviarse á sede da Academia Galega de Seguridade: Avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada.
Contido e duración.
Os cursos terán lugar en sesións de mañá e tarde, de luns a venres, e neles trataranse, entre outras, as seguintes materias:
-Intervención policial.
-Tráfico e seguridade vial.
-Policía administrativa.
-Primeiros auxilios.
-Dereito penal.
-Dereito procesual-penal.
Os cursos teran unha duración de 5 días, cun total de 40 horas lectivas.
Lugar.
Os cursos desenvolveranse na Academia Galega de Seguridade, sita na avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada.
Datas.
Os cursos desenvolveranse nas seguintes datas:
1º curso: do 21 ó 25 de maio.
2º curso: do 28 de maio ó 1 de xuño.
O horario dos cursos será das 10 ás 14 horas e das 16 ás 20 horas.
Certificado.
Para obte-lo correspondente diploma será requisito indispensable supera-la fase de formación teórica, na que o alumno ten que superar tódalas materias que figuran no programa.
Modificacións.
A Academia Galega de Seguridade poderá modifica-lo desenvolvemento dos cursos para adaptalos ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.
A Estrada, 25 de abril de 2001.
Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade