Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 85 Xoves, 03 de maio de 2001 Páx. 5.882

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

ORDE do 19 de abril de 2001 pola que se crea un ficheiro automatizado de datos de carácter persoal existentes na Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

A Constitución española no seu artigo 18.4º dispón que a lei limitará o uso da informática para garanti-lo honor e a intimidade persoal e familiar dos cidadáns e o pleno exercicio dos seus dereitos.

Neste sentido, a Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, regula o tratamento de datos de carácter persoal rexistrados en soporte físico, así como toda modalidade de uso posterior deles polos sectores público e privado. Neste marco, é obxecto desta regulación a garantía e protección dos dereitos fundamentais e liberdades públicas das persoas físicas, e especialmente do seu honor e intimidade persoal e familiar.

O artigo 20.1º da devandita lei dispón que a creación, modificación ou supresión dos ficheiros das administracións públicas só poderá facerse por medio de disposición xeral publicada no BOE ou diario oficial correspondente.

En consecuencia, e en virtude das facultades que me confire o artigo 34.6º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e do seu presidente, modificada parcialmente pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Mediante a presente orde a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo crea o ficheiro automatizado de datos de carácter persoal denominado Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas.

Artigo 2º.-Contido.

A información que, de acordo co artigo 20.2º da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, debe indicarse na presente disposición é a seguinte:

Datos de carácter identificativo: DNI/NIF/CIF, nome e apelidos, enderezo, teléfono, fax, télex e e-mail.

Artigo 3º.-Finalidade e usos do ficheiro.

Os datos de carácter persoal rexistrados no ficheiro creado pola presente orde só serán utilizados para consulta, seguimento e control das empresas turísticas e das persoas que realicen actividades turísticas e polo persoal debidamente autorizado.

Artigo 4º.-Persoas ou colectivos sobre os que se pretenda obter datos de carácter persoal.

Os datos de carácter persoal contidos no ficheiro creado por esta orde serán obtidos dos titulares, directores e representantes legais das empresas turísticas e das persoas que realicen actividades turísticas, nos termos previstos na Lei 9/1997, do 21 de agosto, de ordenación e promoción do turismo en Galicia.

Artigo 5º.-Procedemento de recollida de datos e estructura do ficheiro.

O procedemento de recollida dos datos de carácter persoal terá lugar en virtude de solicitude. A estructura do ficheiro será de base de datos.

Artigo 6º.-Cesión de datos.

No suposto de cesión de datos ás administracións públicas haberá que aterse á normativa vixente.

Artigo 7º.-Órgano responsable do ficheiro.

A responsabilidade sobre o ficheiro automatizado creado pola presente orde corresponderá á Dirección Xeral de Turismo, ante a cal se exercerán os dereitos de acceso, rectificacións e cancelacións.

Artigo 8º.-Órgano responsable da seguridade dos ficheiros.

Será responsable da seguridade do ficheiro a Dirección Xeral de Organización e Sistemas Informáticos da Consellería da Presidencia e Administración Pública.

Artigo 9º.-Nivel de protección e medidas de seguridade.

O ficheiro creado pola presente orde foi clasificado como de nivel básico, atendendo ó disposto no artigo 4 do Real decreto 994/1999, do 11 de xuño.

As medidas de seguridade polas que se rexerá o ficheiro están especificadas no correspondente documento de seguridade.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de abril de 2001.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación

Social e Turismo