Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 84 Mércores, 02 de maio de 2001 Páx. 5.857

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 20 de marzo de 2001, da Delegación Provincial de Ourense, pola que se autoriza e se declara, en concreto, de utilidade pública, para os efectos da urxente ocupación, a instalación eléctrica denominada L.M.T., C.T. e R.B.T. de Penalba Riodebodas 2ª F, nos concellos do Pereiro de Aguiar e Paderne de Allariz. (Expediente IN407A 00/57-3 A.T.).

Unión Fenosa Distribución, S.A., con domicilio para efectos de notificacións na r/ Sáenz Díez, nº 45, 32003 Ourense, solicitou desta delegación provincial a autorización administrativa e a declaración, en concreto, de utilidade pública da instalación eléctrica de referencia.

No expediente cumpríronse os trámites sinalados no artigo 53 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, e os regulamentarios ordenados no capítulo III do Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións eléctricas, e nos capítulos III e IV do regulamento de aplicación da Lei 10/1966, do 18 de marzo, sobre expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, aprobado polo Decreto 2619/1966, do 20 de outubro, de aplicación a este expediente segundo o establecido pola disposición transitoria décimo primeira do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, que regula o procedemento de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

O contido das alegacións presentadas na fase de información pública e a resolución adoptada, en cada caso, indícanse a continuación:

-Os erros que foron alegados sobre mediacións e outras correccións de denominación do lugar, tipo de cultivo, titularidade e cualificación de terreos serán corrixidos, de se-lo caso, no momento do levantamento das actas previas á ocupación, para as que serán oportunamente citados os afectados.

-Gloria Borrajo Nóvoa, titular do predio nº 18 da relación de afectados, presenta alternativas ó trazado para diminuír desa maneira o demérito producido. Á vista da contestación da empresa beneficiaria e polos condicionantes impostos polas limitacións á servidume de paso de liñas eléctricas que se recollen no artigo 26 do Decreto 2619/1966, antes indicado, acéptase a alternativa que implica o traslado do apoio mantendo a traza proxectada.

-Ramón Babarro Salgado solicita que se desafecte o seu predio ó existir un camiño público polo que se podería traza-la liña eléctrica e presenta tamén un trazado alternativo no tramo por entender que é máis curto e implica a menos predios particulares. Estas alegacións desestímanse á vista da contestación da beneficiaria, xa que o trazado proxectado por criterios técnicos, de mantemento e de equilibrio dos intereses concorrentes é adecuado para os fins que persegue a instalación, e as variantes que pre

senta o alegante, que deixarían a súa propiedade libre de servidume, afectarían a novos propietarios, non incluídos neste expediente, os que se poderían manifestar no mesmo sentido.

-María González Cid maniféstase desconforme coa traza proxectada para a instalación eléctrica, que gravaría a súa propiedade cunha nova servidume de paso. Como se indica no punto anterior, esta delegación provincial considera que a instalación, segundo o trazado proxectado, é axeitada para os fins que persegue, sen que corresponda a esta fase do procedemento valorar posibles prexuízos ocasionados por aquela.

-Josefa Vilarchao González alega a súa desconformidade co trazado da liña eléctrica por diferentes motivos de tipo económico e de seguridade, establecendo diferentes alternativas. Estas alegacións desestímanse, á vista das alegacións da empresa beneficiaria, xa que o proxecto cumpre cos regulamentos de aplicación na materia e, en especial, co Regulamento de liñas aéreas de alta tensión, aprobado polo Decreto 3151/1968, do 28 de novembro, e coas distancias de seguridade aplicables que deberá respecta-lo afectado de realizar na súa propiedade calquera tipo de edificación; as variantes propostas incumprirían as condicións da limitación de incremento do 10% da parte da liña afectada que veñen impostas polo artigo 26 do Decreto 2619/1966, antes citado.

-Manuel Fernández Feijóo manifesta nas súas alegacións prexuízos económicos, o que, ó igual que no caso anterior, non corresponde a esta fase do procedemento; será o órgano competente (Xurado Provincial de Expropiación), ó que se lle dará traslado do expediente de prezo xusto despois de levantadas as actas previas á ocupación e solicitadas as follas de valoración contradictorias, o que resolverá ó respecto.

Vista sobre o terreo a citada traza da liña eléctrica proxectada, obsérvase que naquela non se dá ningunha das prohibicións ou limitacións ás que se refiren respectivamente os artigos 25 e 26 do citado Decreto 2619/1966.

Sendo competente este organismo, con base no Estatuto de autonomía de Galicia, no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma galega en materia de industria, enerxía e minas, e no exercicio das competencias atribuídas polos decretos 2617 e 2619/1966,

RESOLVO:

Primeiro.-Autorizar a Unión Fenosa Distribución, S.A. o establecemento da instalación eléctrica que conta cos seguintes datos básicos para un orzamento de 17.643.164 pesetas.

-Liñas eléctricas a 20 kV en conductor nu LA-56, de 2.968 m, 113 m e 240 m, con orixe a primeira na L.M.T. ó centro de transformación de Reboredo e as demais na L.M.T. proxectada a Riodebodas, e con finais respectivamente nos centros de transformación de Riodebodas, A Vacariza e Penalba.

-Centros de transformación intemperie de Riodebodas (50 kVA); A Vacariza (50 kVA); e Penalba (50 kVA). Todos eles con r/t 20/0,380-0,220 kV.

-Liñas eléctricas de baixa tensión en Riodebodas (1.060 m); A Vacariza (560 m) e Penalba (195 m). Todas elas en conductor tipo R.Z. e apoios de formigón.

Segundo.-Declara-la utilidade pública, en concreto, da instalación eléctrica autorizada, coas consecuencias establecidas no artigo 54 da Lei 54/1997, do sector eléctrico, de necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. Igualmente, levará implícita a autorización para o establecemento ou paso da instalación eléctrica sobre terreos de dominio, uso ou servicio público, ou patrimoniais do Estado, ou das comunidades autónomas, ou de uso público, propios ou comunais da provincia ou municipio, obras e servicios deles e zonas de servidume pública.

Terceiro.-Que o representante da Administración, en cumprimento do disposto nos artigos 52 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954, e 31 do regulamento da Lei 10/1966, do 18 de marzo, da comezo ó levantamento das actas previas á ocupación, nos días e horas que a cada interesado se lle notifique individualmente, dos predios contidos na resolución desta delegación provincial do 6 de xuño de 2000, que se publicou no DOG do 17-7-2000, no BOP de Ourense do 28-6-2000 e no xornal diario La Región do 16-6-2000.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada perante o conselleiro de Industria e Comercio, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ó da súa publicación, conforme o establecido no artigo 114 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou calquera outro recurso que se considere pertinente.

Ourense, 20 de marzo de 2001.

Alfredo Cacharro Pardo

Delegado provincial de Ourense