Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 84 Mércores, 02 de maio de 2001 Páx. 5.834

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

UNIVERSIDADE DA CORUÑA

RESOLUCIÓN do 19 de marzo de 2001 pola que se convocan probas selectivas para a provisión dunha praza de analista de rede de comunicacións (datos), vacante no cadro de persoal laboral desta universidade.

Sendo urxente a provisión do posto de analista de rede de comunicacións (datos), nº 26 da vixente relación de postos de traballo do persoal laboral de administración e servicios, publicada por Resolución do 8 de agosto de 2000, e aprobado pola Xunta de Goberno o sistema de selección de concurso-oposición para a súa provisión, segundo establece o artigo 111.3º dos estatutos,

Este rectorado, no uso das competencias que lle están atribuídas no artigo 18 da Lei 11/1983, do 25 de agosto, de reforma universitaria, en relación co artigo 3.2º e) da mesma norma, así como nos estatutos desta universidade, aprobados polo decreto da Xunta de Galicia 253/1992, do 10 de setembro (DOG do 17 de setembro) e modificados polo decreto da Xunta de Galicia 245/1998, do 30 de xullo (DOG do 28 de agosto) e polo Decreto 41/2000, do 25 de febreiro (DOG do 2 de marzo), e co obxecto de atende-las necesidades da rede de comunicacións da Universidade da Coruña,

RESOLVE:

Primeiro.-Convocar probas selectivas para cubri-lo posto de analista de rede de comunicacións (datos), grupo I.

As probas selectivas realizaranse con suxeición ás seguintes

Bases da convocatoria:

1. Solicitudes.

1.1. Os que desexen tomar parte nestas probas selectivas deberán solicitalo na instancia segundo modelo que figura como anexo IV. Á instancia xuntarase fotocopia do documento nacional de identidade, acreditándose ademais o pagamento dos dereitos de exame na forma prevista no punto 1.2.

Os aspirantes que non posúan a nacionalidade española e teñan dereito a participar deberán presentar dúas fotocopias do documento que acredite a súa nacionalidade e, se é o caso, os documentos que acrediten o vínculo de parentesco e o feito de vivir a expensas ou estar a cargo do nacional doutro Estado co que teñan o dito vínculo. Así mesmo, deberán presentar declaración ou promesa deste de que non está separado de dereito do seu cónxuxe e, se é o caso, do feito de que o aspirante vive ás súas expensas ou está ó seu cargo.

As solicitudes dirixiranse ó rector da Universidade da Coruña no prazo de 20 días naturais contados a partir do seguinte ó da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

A presentación das solicitudes farase no rexistro xeral da Universidade da Coruña (Edificio do Rectorado, Rúa da Mestranza, s/n, CP 15001) ou en Ferrol (Vicerrectorado do Campus, Doutor Vázquez Cabrera, s/n, CP 15403), ou nas restantes formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE do 27 de novembro), modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro (BOE do 14 de xaneiro).

As solicitudes subscritas no estranxeiro poderán cursarse a través das representacións diplomáticas e consulares españolas correspondentes.

1.2. Os aspirantes deberán xustifica-lo pagamento na conta corrente 0182-0470-40-0207957986, concursos-oposicións analista de rede de comunicacións (datos), Grupo Banco Bilbao Vizcaya Argentaria, da Coruña, da cantidade de 7.755 pesetas por dereitos de inscrición. A solicitude deberá ir acompañada do xustificante acreditativo do ingreso, a falta del determinará a exclusión do aspirante. En ningún caso o pagamento suporá a substitución do trámite de presentación, no tempo e forma, da solicitude ante o órgano expresado no punto 1.1.

1.3. Os aspirantes que aleguen méritos na fase de concurso deberán acreditalos mediante a presentación dos documentos xustificativos orixinais ou copias compulsadas. Os servicios prestados na Universidade da Coruña acreditaranse mediante certificación expedida pola Xerencia da Universidade. A documentación acreditativa dos méritos estará referida á data de publicación no DOG da presente convocatoria e deberá incorporarse á solicitude.

1.4. Os aspirantes que padezan algunha discapacidade poderán indicalo no recadro número 14 da solicitude e solicitar, se é o caso, as posibles adaptacións de tempos e medios para a realización dos exercicios nos que esta adaptación sexa necesaria, expresándoo no recadro número 15.

1.5. Os aspirantes quedan vinculados ós datos que fagan constar na súas solicitudes, podendo unicamente demanda-la súa modificación mediante escrito motivado, dentro do prazo establecido na base 1.1 para a presentación de solicitudes. Transcorrido o dito prazo non se admitirá ningunha petición desta natureza, agás causa excepcional sobrevida, xustificada e discrecionalmente apreciada polo tribunal.

2. Requisitos dos candidatos.

2.1. Para seren admitidos á realización destas probas selectivas, os aspirantes deberán reunir e mante-los seguintes requisitos:

a) Seren españois ou nacionais dun Estado membro da Unión Europea ou nacionais daqueles estados, ós que, en virtude de tratados internacionais realizados pola Comunidade Europea e ratificados por España, lles sexa de aplicación a libre circulación de traballadores nos termos en que esta está definida no Tratado Constitutivo da Comunidade Europea.

Tamén poderán participa-lo cónxuxe, descendentes e descendentes do cónxuxe, dos españois e dos nacionais doutros estados membros da Unión Europea, sempre que non estean separados de dereito, menores de vinteún anos ou maiores da dita idade que vivan ás súas expensas. Este último beneficio será igualmente de aplicación ós familiares de nacionais doutros estados cando así se prevexa nos tratados internacionais realizados pola Comunidade Europea e ratificados por España.

b) Teren cumpridos dezaoito anos de idade e non exceder dos sesenta e cinco.

c) Estaren en posesión dunha titulación superior de licenciado, arquitecto ou enxeñeiro, ou en condicións de obtela na data que remate o prazo de presentación das solicitudes. No caso de titulacións obtidas no estranxeiro deberase estar en posesión da credencial que acredite a súa homologación. Deberase acreditar ademais experiencia en xestión de redes corporativas sobre ATM, en sistema operativo UNIX a nivel administración e xestión SNMP, ETHERNET conmutado e TCP-IP, así como en xestión de sistemas de cableado estructurado corporativo.

d) Non padeceren enfermidade nin estar afectado por limitación física ou psíquica que sexa incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

e) Non teren sido separados, mediante expediente disciplinario, do servicio de calquera das administracións públicas nin estaren inhabilitados para o desempeño de funcións públicas por sentencia firme. Os aspirantes de nacionalidade non española deberán acreditar non estaren sometidos a sanción disciplinaria ou condena penal que impida, no seu Estado, o acceso á función pública.

2.2. Tódolos requisitos deberán posuirse no momento de remata-lo prazo de presentación das solicitudes e gozar deles durante o proceso selectivo.

3. Discapacidades.

3.1. Para a realización das probas selectivas o tribunal cualificador destas establecerá, para as persoas con minusvalidez que o demandasen na solicitude de admisión, as adaptacións posibles de tempos e medios.

3.2. Se no desenvolvemento do proceso selectivo lle xurdisen dúbidas ó tribunal respecto á capacidade dos aspirantes con algunha discapacidade para o desempeño das actividades habitualmente desenvolvidas polos traballadores da categoría de analista de rede de comunicacións (datos), poderá solicita-lo correspondente dictame do órgano competente da Comunidade Autónoma.

4. Listas de admitidos e excluídos.

4.1. Expirado o prazo de presentación de solicitudes, no prazo máximo de vinte días naturais, o rector da universidade dictará resolución, que será publicada no Diario Oficial de Galicia, declarando aprobada a lista provisional de aspirantes admitidos e excluídos, que será publicada no taboleiro de anuncios do Rectorado da Universidade e no Vicerrectorado do Campus de Ferrol, con mención expresa

do nome, apelidos e documento nacional de identidade e, se é o caso, as causas de exclusión.

Os aspirantes excluídos disporán dun prazo de dez días, contados a partir da publicación da referida resolución, para corrixi-lo defecto que motivase a súa exclusión. Transcorrido o devandito prazo o rector dictará resolución declarando aprobada a lista definitiva de admitidos e excluídos, que será publicada no Diario Oficial de Galicia, contra a que os interesados poderán interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses a partir do día seguinte ó da publicación da resolución, de acordo co previsto na Lei 29/1998, do 30 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

4.2. O feito de figurar na lista de admitidos non prexulga que se lles recoñeza ós interesados a posesión dos requisitos esixidos, que terán que acreditarse no seu momento, de acordo co previsto na base 10.1 desta convocatoria.

5. Sistema selectivo.

5.1. O procedemento de selección dos aspirantes será o de concurso-oposición, coa valoración de méritos, exercicios e puntuacións que se especifican no anexo I.

5.2. O programa das probas da fase de oposición é o que figura como anexo II.

6. Tribunal cualificador.

6.1. O tribunal cualificador é o que figura como anexo III da presente convocatoria.

6.2. O tribunal na súa constitución, composición e funcionamento aterase ó disposto no Decreto 95/1991, do 20 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de persoal de administración da Comunidade Autónoma de Galicia, e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE do 27 de novembro), modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro (BOE do 14 de xaneiro).

6.3. O tribunal poderá dispoñe-la incorporación ós seus traballos de asesores especialistas no número que estime necesario.

6.4. O Tribunal terá a categoría primeira das recollidas no Decreto 299/1990, do 24 de maio (DOG do 1 de xuño).

7. Calendario das probas.

7.1. O lugar e data do comezo dos exercicios publicarase na resolución rectoral que aprobe as listas definitivas dos aspirantes admitidos e excluídos.

7.2. A duración máxima das probas selectivas será dun ano desde a data de publicación da presente convocatoria.

7.3. A orde de actuación dos aspirantes será a que determine a Dirección Xeral da Función Pública da Comunidade Autónoma para o ano en que se realice a proba.

8. Aspirantes de nacionalidade estranxeira.

8.1. Con carácter previo á realización dos exercicios da fase de oposición, os aspirantes que non posúan a nacionalidade española deberán acredita-lo coñecemento do castelán mediante a realización dunha proba, na que se comprobará que posúan un nivel adecuado de comprensión e expresión oral e escrita nesta lingua.

8.2. O contido desta proba axustarase ó disposto no Real decreto 826/1988, do 20 de xullo (BOE do 29 de xullo), polo que se establecen diplomas acreditativos do coñecemento do español como lingua estranxeira. A proba cualificarase de apto ou non apto, sendo necesario obte-la valoración de apto para pasar a realiza-los exercicios da fase de oposición. Quedan eximidos de realizar esta proba os aspirantes que acrediten mediante fotocopia compulsada estaren na posesión do diploma superior de español como lingua estranxeira establecido polo Real decreto 826/1988, do 20 de xullo, modificado e completado polo Real decreto 1/1992, do 10 de xaneiro, ou do certificado de aptitude en español para estranxeiros expedido polas escolas oficiais de idiomas. De non achegaren esta documentación non poderán ser declarados exentos, debendo, na súa consecuencia, realiza-la proba descrita no parágrafo anterior.

9. Lista de aprobados.

9.1. O tribunal publicará a valoración dos méritos da fase de concurso unha vez realizado o último exercicio da fase de oposición.

9.2. Concluído cada un dos exercicios da fase de oposición, o tribunal cualificador publicará no Rectorado da Coruña, no Vicerrectorado do Campus de Ferrol, e no lugar ou lugares de realización do exercicio, así como naqueles outros que estime oportuno, a puntuación obtida polos aspirantes nel, así como, se é o caso, a de cada unha das probas que o compoñan.

Posteriormente, o tribunal publicará, nos mesmos lugares, a relación definitiva de aprobados na que constará o nome e a puntuación do aspirante que, tendo acadado a puntuación mínima esixida para supera-los exercicios da fase de oposición obtivera a maior puntuación final calculada de acordo co sistema previsto no anexo I, superou as probas selectivas. Os demais opositores terán a consideración de non teren aprobadas as probas selectivas, único extremo acerca de cal o tribunal poderá certificar.

9.3. O tribunal remitirá ó rector a relación definitiva de aprobados, coa proposta de que se formalice co aspirante aprobado o correspondente contrato de traballo.

10. Presentación de documentos e formalización do contrato.

10.1. No prazo de 20 días naturais a partir do día seguinte ó da publicación da relación definitiva de aprobados nas probas selectiva, estes deberán presentar no Servicio de Persoal da Universidade da Coruña (Rúa da Mestranza, s/n) os seguintes documentos:

a) Fotocopia do DNI ou documento acreditativo equivalente de seren nacionais dun Estado membro da Unión Europea.

b) Fotocopia compulsada do título esixido para accederen ás probas.

c) Declaración xurada ou promesa de que non foron separados, mediante expediente disciplinario, do servicio de ningunha Administración pública nin estaren inhabilitado para o exercicio de funcións públicas. Os aspirantes que non posúan a nacionalidade española deberán presentar declaración ou promesa de non estaren sometidos a sanción disciplinaria ou condena penal que impida, no seu Estado, o acceso á función pública.

d) Certificado médico oficial acreditativo de non padeceren enfermidade nin defecto físico que os imposibiliten para o servicio.

10.2. Cubertos debidamente polo aspirante que superou as probas selectivas, os trámites de presentación de documentos, será contratado como analista de rede de comunicacións (datos).

10.3. O período de proba será de tres meses, durante o cal o traballador terá os dereitos e obrigas correspondentes ó posto de traballo que desempeñe, agás os derivados da resolución da relación laboral, que poderá producirse por instancia de calquera das partes durante o seu transcurso. Este período de proba non será aplicable ós aspirantes que con anterioridade desempeñasen funcións de analistas de rede de comunicacións (datos) na Universidade da Coruña.

Segundo.-As presentes probas selectivas axustaranse ó disposto no Decreto 95/1991, do 20 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de persoal de administración da Comunidade Autónoma de Galicia, á Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro (BOE do 14 de xaneiro), e ós estatutos desta universidade, aprobados polo decreto da Xunta de Galicia 253/1992, do 10 de setembro (DOG do 17 de setembro), modificados polo Decreto 245/1998, do 30 de xullo (DOG do 28 de agosto), e polo Decreto 41/2000, do 25 de febreiro (DOG do 2 de marzo), o convenio colectivo aplicable ó persoal laboral da Universidade da Coruña, a Lei 17/1993, do 23 de decembro (BOE do 24 de decembro), sobre acceso a determinados sectores da función pública dos nacionais dos demais estados membros da Unión Europea, e ás bases desta convocatoria.

Terceiro.-A presente convocatoria, as súas bases, e cantos actos administrativos deriven delas poderán ser impugnados ante a xurisdicción do contencioso-administrativa nos casos e na forma establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, (BOE do 27 de novembro), modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro (BOE do 14 de xaneiro).

Así mesmo, os interesados poderán interpoñer recurso de alzada contra os actos do tribunal cua

lificador das probas ante o rector da Universidade da Coruña, nos termos previstos no artigo 114 e concordantes da mencionada lei.

A Coruña, 19 de marzo de 2001.

José Luis Meilán Gil

Rector da Universidade da Coruña

ANEXO I

Analista de rede de comunicacións (datos)

Procedemento de selección

O procedemento de selección constará de dúas partes: a fase de oposición e a fase de concurso, cos exercicios e valoración de méritos que para cada unha se indican:

Fase de oposición:

A) Exercicios:

A fase de oposición consistirá na realización de tres exercicios, todos eles obrigatorios.

Primeiro exercicio: consistirá en contestar un cuestionario de, alomenos, 60 preguntas con respostas múltiples, entre as que só unha será correcta, baseado no contido que para este exercicio se fixa no programa que figura na parte xeral (módulos I e II).

Os aspirantes terán un prazo de alomenos setenta e cinco minutos para a realización do exercicio e a súa valoración será de 0 a 10 puntos, sendo necesario obter 2,5 puntos para ter acceso ó exercicio seguinte.

Segundo exercicio: consistirá na resolución de dous supostos prácticos de entre catro propostos polo tribunal sobre a parte específica do programa (módulo III).

Os aspirantes terán un prazo de alomenos dúas horas para resolve-los supostos.

A cualificación do exercicio será de 0 a 10 puntos, sendo necesario obter cinco puntos para ter acceso ó seguinte exercicio.

Terceiro exercicio: consistirá na traducción, sen diccionario, de dous textos propostos polo tribunal, un do galego ó español e outro do español ó galego e a súa valoración será de 0 a 10 puntos. Este exercicio non terá carácter eliminatorio.

B) Valoración da fase de oposición.

A cualificación final da fase de oposición obterase da seguinte forma:

(0,3 x nota 1º exercicio + 0,6 x nota 2º exercicio + 0,1 x nota 3º exercicio) x 6

polo que terá un valor máximo de 60 puntos.

Fase de concurso:

Nesta fase valoraranse, ata un máximo de 40 puntos, os seguintes méritos:

a) Os servicios prestados na Universidade da Coruña como persoal contratado laboral non permanente na categoría de analista da rede de comunicacións, a razón de 0,55 puntos por cada mes completo ou fracción, ata un máximo de 30 puntos.

b) Cursos impartidos por organismos públicos ou empresas de prestixio recoñecido relacionados con temas do programa específico, ata un máximo de 10 puntos.

-Cursos de máis de vinte horas: 2 puntos.

-Cursos entre dez e vinte horas: 1 punto.

Sistema de puntuación:

A cualificación final das probas, que como máximo será de 100 puntos, virá determinada pola suma das puntuacións obtidas nas fases de oposición e concurso. No caso de empate dentro de cada epígrafe, a orde establecerase atendendo á maior puntuación obtida na fase de concurso, se isto non fora suficiente á maior puntuación obtida no segundo exercicio, se isto non fora suficiente no primeiro exercicio. Se persistise o empate, este dirimiríase pola orde alfabética do primeiro apelido dos aspirantes empatados, iniciándose a antedita orde pola letra á que se refire a base 7.3 da presente convocatoria.

ANEXO II

Analista de rede de comunicacións (datos)

Programa das probas

Módulo I.-Lexislación.

1. A Universidade da Coruña. Estructura. Órganos de Goberno.

Centros, departamentos, institutos, servicios. Rector, vicerrectores, secretario xeral, xerente, decanos, directores, outros órganos unipersoais. Órganos colexiados: consello social, claustro, xunta de goberno, xuntas de centro, consellos de departamento e institutos.

2. O persoal docente e investigador.

Clases e réxime xurídico do profesorado universitario.

3. O persoal de administración e servicios.

Clases e réxime xurídico do persoal de administración e servicios.

4. O estudio e a investigación na Universidade da Coruña.

Estudios de 1º e 2º ciclo. Estudios de doutoramento e posgrao. A organización da investigación. Contratos, convenios e cursos de especialización.

5. Lexislación informática e de comunicacións.

Dereito á intimidade. Lei de protección de datos de carácter persoal. Disposicións, principios e dereitos. A axencia de protección de datos. A protección xurídica do Software. Lei xeral de telecomunicacións.

Módulo II.-Fundamentos.

1. Clasificación das redes de datos.

Clasificación das redes polo súa cobertura física. Modelos de referencia OSI. Tipos de servicio.

2. Sistemas de cableado estructurado.

Medios físicos de transmisión de datos. Tipos de cableado. Sistemas corporativos de cableado estructurado. Repartidores de telefonía.

3. Protocolos das redes públicas de datos.

Redes públicas de datos: X25, Frame Relay, RDSI, RTC, circuítos E1/T1.

4. Tipos de redes.

Conmutación de circuítos, conmutación de mensaxes e conmutación de paquetes.

5. O nivel físico.

Medios de transmisión a nivel físico. Modulación e codificación. Códigos de detección e corrección de erros.

6. Redes locais.

Descrición. Control de acceso ó medio, distintas solucións. Ethernet e FastEthernet: características e medios físicos.

7. Protocolo ATM.

ATM: modelo de referencia. Emulación LAN. IP sobre ATM.

8. Sistema operativo UNIX (SOLARIS).

Sistema operativo UNIX (SOLARIS) conceptos básicos. Sistema de ficheiros. Comandos básicos.

9. Arquitectura de ordenadores.

Concepto de computador, computadores dixitais, Unidade central de proceso.

10. Estructura da información.

Sistemas de numeración. Sistemas de codificación. Estructura de datos. Compactación da información.

11. O proxecto informático.

Fases de execución do proxecto informático. Ciclo de vida. Fases de execución. Documentación. Planificación e control de recursos humanos e técnicos.

Módulo III.-Parte específica.

1. Conceptos de administración de UNIX (I).

Administración de sistemas HPUX-SOLARIS. Xestión de discos. Particións, sistema de ficheiros. Conceptos sobre xeración e optimización do kernel. Procedementos de arranque e parada. Xestión de usuarios. Xestión de permisos de acceso.

2. Conceptos de administración de UNIX (II).

Copias de seguridade e procedementos de recuperación baixo HPUX-SOLARIS. Xestión de sistemas de impresión. Programación de tarefas periódicas. Xestión de comunicacións: configuración, servicios fundamentais, monitorización e optimización.

3. Sistemas operativos Microsoft (I).

Sistema operativo Windows 95, 98 e 2000: compoñentes principais. Arquitectura de redes Microsoft. Xestión remota de equipos de usuario.

4. Sistemas operativos Microsoft (II).

Sistema operativo Windows NT: arquitectura. O rexistro. Protocolos TCP/IP. WINS. Dominios. Usuarios. Seguridade.

5. Conmutadores LAN.

Funcións. O 3810 de FORE Systems: características, configuración e mantemento.

6. O PowerHUB 7000 de FORE Systems.

Características e funcionalidades do PowerHUB 7000. Instalación e configuración. Backup e restauración de configuracións.

7. Conmutadores ATM.

Equipos de conmutación ATM de FORE Systems; ASX200 e ASX1000: características. Instalación e configuración. O ForeThougt: mantenemento e actualización.

8. Protocolos da Internet.

Familia de protocolos IP: ICMP, UDP, TCP. TCP/IP Niveis e tendencias, IPv6.

9. Equipos de encamiñamento: routers.

Routers e encamiñadores. O sistema operativo IOS de Cisco. Configuración de routers Cisco en contornos de LAN emuladas sobre ATM.

10. Protocolos de xestión da rede.

Protocolos : RMON, SNMP ( versions 1 e 2). MIBS.

11. Sistema de xestión de rede HP-OpenView.

Sistema de xestión HP-OpenView: instalación e posta en servicio, xeración de mapas. Técnicas de supervisión da rede.

12. Módulo de xestión ForeView.

Xestión de conmutadores ATM de FORE mediante o sistema ForeView. Integración en HP-OpenView.

13. Seguridade física e lóxica.

Seguridade física e lóxica. Planificación de seguridade. Conceptos e ferramentas. Sistemas Firewall.

14. A rede da Universidade da Coruña.

Rede corporativa da Universidade da Coruña: estructura, organización e servicios ofrecidos.

ANEXO III

Tribunal cualificador

Titulares:

Presidente: José Luis Meilán Gil, rector da Universidade da Coruña.

Vocais:

Rafael García Vázquez, catedrático de escola universitaria da Universidade da Coruña.

Vicente Goyanes de Miguel, responsable da rede de comunicacións.

Salvador Peña Díaz, representante do comité de empresa.

Manuel Romero Beade, representante do comité de empresa.

Suplentes:

Presidenta: Rosa Mª Fernández Esteller, vicerrectora da Universidade da Coruña.

Vocais:

Esteban García Martín, director dos Servicios Informáticos de Xestión.

Antonino Santos del Riego, director dos Servicios Informáticos de Apoio á Investigación.

Mª José Grueiro Maroño, representante do comité de empresa.

Mª Josefa Padín García, representante do comité de empresa.