Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 84 Mércores, 02 de maio de 2001 Páx. 5.804

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 20 de abril de 2001 pola que se dictan normas de procedemento para a xestión das axudas previstas no Decreto 106/1994, do 21 de abril, da Xunta de Galicia e na Orde do 5 de outubro de 1994, do Ministerio de Traballo e Seguridade Social, pola que se regula a concesión de axudas previas á xubilación ordinaria no sistema da Seguridade Social, a traballadores afectados por procesos de reestructuración de empresas.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 29.1º de acordo co 149.1.7º da Constitución española, recolle como competencia propia desta Comunidade Autónoma a execución da lexislación básica do Estado en materia laboral, asumíndose os servicios e funcións inherentes a través do Decreto 117/1982, do 5 de outubro, en materia de traballo e o Decreto 168/1984, do 15 de novembro, relativo á unidade administradora do Fondo Nacional de Protección ó Traballo.

Na orde do Ministerio de Traballo e Seguridade Social do 5 de outubro de 1994 regúlase a concesión de axudas previas á xubilación ordinaria no sistema da Seguridade Social de traballadores afectados por procesos de reestructuración de empresas.

A dita norma adecua a regulación destas axudas consonte as causas de extinción de contratos de traballo previstas nos artigos 51 e 52 c) do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores aprobado polo Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo.

No Decreto 106/1994, do 21 de abril, establécese o réxime xeral das axudas e subvencións en materia de ámbito laboral e mellora das condicións de traballo que poderá concede-la Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, ó que se axustarán as ordes anuais da convocatoria delas, baixo os principios de publicidade, obxectividade e concorrencia de acordo co disposto nos artigos 78 e 79 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia e na de Lei 4/2000, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2001.

Por todo o exposto, oído o Consello Galego de Relacións Laborais e, en uso das facultades que teño atribuídas e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios para o fin que foron establecidos,

DISPOÑO

Capítulo I

Ámbito de aplicación

Artigo 1º-Finalidade.

1. Esta orde ten por obxecto a convocatoria, para o exercicio 2001, do programa de axudas previsto

no Decreto 106/1994, do 21 de abril, e na orde do Ministerio de Traballo e Seguridade Social do 5 de outubro de 1994 (BOE nº 253, do 22 de outubro) sobre axudas previas á xubilación ordinaria no sistema da Seguridade Social a traballadores afectados por procesos de reestructuración de empresas.

2. As subvencións reguladas pola antedita orde teñen por obxecto facilitar unha cobertura económica ós traballadores afectados por procesos de extinción de relacións de traballo, por causas económicas, técnicas, organizativas e de producción, sempre que cumpran os requisitos e condicións nela esixidos, mentres non accedan á situación de xubilación, na súa modalidade contributiva no sistema da Seguridade Social.

3. A solicitude, tramitación e concesión de axudas da presente orde axustaranse ó disposto no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia aprobada polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, modificada pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa, no Decreto 287/2000, do 21 de novembro.

4. As axudas amparadas por esta convocatoria imputaranse á aplicación orzamentaria 13.03.472.0, do programa 214A «Administración das Relacións Laborais», e financiaranse con cargo á consignación de créditos que como consecuencia da distribución territorial anual efectúe a Administración do Estado para o citado programa de axudas.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán acollerse a este tipo de axudas as empresas afectadas por procesos de reestructuración producidos por causas económicas, técnicas, organizativas e de producción, previstas nos artigos 51 e 52 c) do Estatuto dos traballadores, para aqueles traballadores que afectados polos ditos procesos vexan extinguida a súa relación de traballo, logo da conformidade expresa e individual de cada un deles, sempre que este, ó alcanzaren a idade ordinaria para o acceso á pensión de xubilación na súa modalidade contributiva, no réxime da Seguridade Social de encadramento, teñan ou puideran ter cuberto o período de cotización esixido para causar dereito á citada pensión de xubilación no dito réxime, e estean en alta ou en situación asimilada nel, e teñan 60 anos de idade, real ou teórica por aplicación dos coeficientes reductores da idade, como mínimo, cando accedan ó sistema destas axudas.

Artigo 3º.-Contía da axuda.

1. A contía da axuda previa á xubilación ordinaria será o 75% do resultado de dividir entre sete a suma das bases de cotización de accidentes de traballo e enfermidades profesionais, excluídas as horas extraordinarias, correspondentes ós seis meses anteriores á data de efectividade da axuda, sen que en ningún caso poidan supera-la pensión máxima establecida no réxime xeral da Seguridade Social para o ano en que teña lugar a dita efectividade.

2. Esta axuda só poderá percibirse ata un máximo de cinco anos. A contía da axuda correspondente ó primeiro ano de percepción será a que resulte

de aplica-lo disposto no número anterior. Para o segundo e sucesivos anos, a dita contía incrementarase acumulativamente de acordo coas previsións de incremento do índice de prezos ó consumo do ano en que teña efectividade. Non obstante, as empresas poderán acordar cos seus traballadores complementos adicionais sobre a referida contía, sempre que o exceso resultante dela, sexa aboado integramente por aquelas, podendo solicitar que estes complementos sexan capitalizados conxuntamente coas axudas, e neste caso serán aboados pola entidade xestora correspondente.

Artigo 4º.-Situación do traballador e cotización á Seguridade Social.

De acordo co disposto no artigo 2 da citada orde ministerial durante o período de percepción da axuda, o traballador beneficiario será considerado en situación asimilada á alta no correspondente réxime da Seguridade Social, para efectos de continuar cotizando por el polo tipo correspondente a continxencias comúns establecido para o ano de efectividade da axuda. A base inicial de cotización do período determinarase tomando a media das últimas seis bases cotizadas por continxencias comúns anteriores á data en que deba comezar a percibi-la axuda. Cando se trate de traballadores encadrados nun réxime especial da Seguridade Social no que se cotice para a continxencia de xubilación por unha base diferente á de continxencias comúns tomarase como referencia a media das bases correpondentes á citada continxencia pola que se cotizou.

A base de cotización obtida actualizarase acumulativamente a partir do segundo ano de percepción na porcentaxe de incremento que se fixe para a actualización de axuda, sen que en ningún caso fose superior á base máxima vixente en cada momento para o grupo da categoría profesional de que se trate.

Cando os traballadores accedan ó sistema de axudas despois dun período de desemprego, a base de cotización inicial actualizarase tendo en conta a evolución que experimentaran as bases máximas de cotización do réxime xeral da Seguridade Social durante aquel período.

Artigo 5º.-Financiamento.

O financiamento destas axudas, así como as correspondentes cotizacións á Seguridade Social corresponderá nun 60% á empresa solicitante, e o 40% restante con cargo á aplicación orzamentaria 13.03.214A.472.0 cunha dotación inicial de 132.221.994 pesetas, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2001.

A participación da empresa poderá supera-la dita porcentaxe, sempre que exista previa conformidade dela.

Capítulo II

Procedemento

Artigo 6º.-Solicitudes e documentación.

1. As solicitudes de axuda formalizaranas as empresas en instancia individualizada, segundo o

modelo oficial que se xunta como anexo I á presente orde e presentaranse nos rexistros das respectivas delegacións provinciais da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais atendendo ó lugar onde radique o seu centro de traballo, ou por calquera dos medios previstos no artigo 38.4º da vixente Lei 30/1992, do 26 de novembro, de rexime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

2. Á solicitude deberase xunta-la seguinte documentación, en orixinal ou copia autenticada, conforme a lexislación vixente:

a) Nos supostos dos despedimentos colectivos regulados polo artigo 51 do Estatuto dos traballadores, a que sexa requirida en cada caso, a teor do disposto no Real decreto 43/1996, do 19 de xaneiro, polo que se regulan os procedementos de regulación de emprego para a aplicación do Estatuto dos traballadores, para acredita-la existencia de causa económica, técnica, organizativa ou de producción, e que figura no anexo I desta orde.

b) Nos supostos previstos no artigo 52 c) do Estatuto dos traballadores acreditarase de forma que faga fe o cumprimento dos requisitos previstos no punto a) e c) do artigo 53.1º do dito texto legal, ós que se xuntará:

-Acordo adoptado entre a empresa e os representantes legais do traballador afectado pola medida, no que deberá consta-lo compromiso da empresa de financiamento do custo da axuda ó seu cargo na forma e prazos establecidos legalmente.

-Acreditación de forma que faga fe do consentimento do traballador de acollerse a ela e cesa-la súa relación laboral na empresa, dándose por integrados neste acordo os documentos que se requiren con carácter xeral nos parágrafos d) e e) seguintes.

O devandito acordo, e para os únicos efectos de concesión da axuda de xubilación previa, poderá ser homologado pola autoridade laboral competente.

c) Relación dos traballadores para os que se solicitan as axudas, indicando con claridade as súas circunstancias persoais e laborais, número de afiliación á Seguridade Social, documento nacional de identidade e certificado de nacemento.

d) Documento no que se acredite a conformidade individualizada dos traballadores afectados de acollérense a estas axudas.

e) Documento no que se recolla o compromiso da empresa de realiza-la súa achega ó financiamento destas axudas, na forma e prazos que se establecen no artigo 10 desta Orde e 7 da citada orde ministerial.

f) Documento no que se recolla o compromiso da empresa de lles anticipar ós traballadores as axudas previas á xubilación ordinaria que lles fosen recoñecidas, se transcorridos tres meses desde a súa concesión non se fixeran efectivas por causas impu

tables a ela, podendo resarcirse esta das cantidades anticipadas, logo de acreditación delas, no momento de efectua-la súa achega.

g) Certificación da Tesourería Xeral da Seguridade Social na que consten os extremos seguintes:

-Que o traballador se encontre en alta ou en situación asimilada á alta no momento da solicitude da axuda.

-Que o traballador para o que se solicita a axuda teña cuberto o período de cotización establecido para ter dereito á pensión de xubilación ordinaria, computando tamén o período que puidese transcorrer desde a data da solicitude ata a data en que acade a idade ordinaria de xubilación.

Á dita certificación xuntaranse os boletíns TC/1 e TC/2 de cotización á Seguridade Social correspondentes ós seis meses anteriores á data en que deba comezar a percibi-la axuda o traballador.

h) Certificación do Instituto Nacional da Seguridade Social ou de Instituto Social da Mariña, sobre bonificación de idade que corresponda, se é o caso.

i) Declaración de conxunto de tódalas solicitudes de axuda efectuadas ou concedidas, para a mesma prestación, das distintas administracións públicas competentes.

k) Calquera outra documentación que considere esencial o instructor do expediente ou a comisión de valoración, para a avaliación e resolución das axudas.

Ás solicitudes presentadas outorgaráselle por rigorosa orde de entrada un número correlativo.

Artigo 7º.-Instrucción.

O xefe do Servicio de Relacións Laborais da delegación provincial correspondente procederá a comprobar se a solicitude e a documentación presentada reúne os requisitos esixidos nos artigos anteriores. De apreciarse algún defecto na documentación presentada, ou se estivera esta incompleta, de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, o citado órgano instructor requirirá o solicitante para que, nun prazo de dez días, efectúe as correcións oportunas ou achege os documentos preceptivos, coa indicación de que, se así non o fixese, se considerará desistido da súa petición, logo de resolución que deberá ser dictada nos termos previstos no art. 42 da antedita lei.

Artigo 8º.-Avaliación das solicitudes.

1) Unha vez completados os expedientes, pasarán para o seu informe preceptivo á comisión de valoración que, unha vez estudiada cada solicitude e logo de consulta da existencia de crédito, efectuará informe-proposta de resolución elevándolla ó conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais.

Terán carácter prioritario as solicitudes presentadas por empresas radicadas en zonas nas que exista unha maior problemática sociolaboral máis acuciante.

2) Para os efectos do disposto no punto anterior, a comisión de valoración estará composta polo delegado provincial, que actuará como presidente, e serán vocais o xefe do Servicio de Relacións Laborais, que ademais actuará como secretario, e un funcionario destinado na respectiva delegación provincial, designado polo delegado provincial.

3) Se por calquera causa no momento en que a comisión de valoración teña que examina-las solicitudes, algún dos seus compoñentes non puidese asistir, será substituído polo funcionario que para o efecto designe o delegado provincial e, sempre que sexa posible, o nomeamento deberá recaer noutro funcionario do mesmo servicio có substituído. No caso de imposibilidade de asistencia do delegado provincial substituirao o secretario da delegación provincial.

Artigo 9º.-Resolución.

A resolución das axudas, logo do informe da comisión de valoración e a fiscalización da Intervención Delegada da consellería, corresponderalle ó conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, e notificaráselles ós interesados.

O prazo máximo para resolver será de 6 meses a partir da presentación da solicitude, de acordo co establecido no artigo 42.2º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se consignasen os correspondentes créditos pola Administración central do Estado. Transcorrido o prazo para resolve-lo procedemento sen que se dicte resolución expresa, entenderase que esta é desestimatoria da concesión da axuda ou subvención.

Non obstante, dada a natureza e as canles de financiamento deste tipo de axudas, con carácter excepcional e motivadamente poderán dictarse resolucións fóra do prazo legal que se di no parágrafo precedente, de conformidade co establecido no artigo 12.2º do Decreto 106/1994, do 21 de abril.

A dita resolución poñerá fin á vía administrativa e contra ela poderá interpoñerse potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da súa notificación, ou recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ó da súa notificación.

Artigo 10º.-Forma de ingreso das achegas con cargo á empresa e á Administración pública.

Dos custos totais das axudas concedidas, o 40% será financiado pola Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, e serán libradas por unha soa vez poñendo á disposición da Tesourería Xeral da Seguridade Social os fondos públicos necesarios para o seu aboamento.

O 60% restante correrá por conta da empresa solicitante, podendo efectua-lo ingreso da súa achega en tantas anualidades como anos permanezan os traballadores percibindo as axudas, cun máximo de cinco. Nembargantes, poderá optar por realizar un único pagamento se así o manifesta por escrito á Tesourería Xeral da Seguridade Social, debendo efectua-lo ingreso que lle corresponda dentro do prazo dos trinta días seguintes á súa notificación polo órgano xestor.

De acollerse ó financiamento por anualidades, o ingreso correspondente á primeira delas deberá realizarse no prazo de trinta días naturais, a partir da notificación da concesión das axudas polo órgano xestor, presentando no mesmo prazo garantías suficientes en dereito, a xuízo da Tesourería Xeral de Seguridade Social, de acordo co previsto no artigo 10 da reiterada orde ministerial, para responder do pagamento das obrigas pendentes. A validez destas garantías estenderase desde que os traballadores deban comezar a percibi-las axudas ata un ano despois do vencemento da anualidade que se garanta, como mínimo. De prestarse a garantía mediante aval, utilizaríase o modelo que figura no anexo II.

O prazo para o aboamento das anualidades restantes será o dos trinta días naturais inmediatamente anteriores á iniciación da anualidade de que se trate.

O incumprimento por parte da empresa das obrigas contraídas no financiamento de axudas desta clase concedidas con anterioridade poderá motiva-la denegación de novas axudas.

Disposicións adicionais

Primeira.-A presente orde será de aplicación unicamente dentro do exercicio económico de 2001, e as axudas terán como límite global o crédito asignado a esta Comunidade Autónoma na distribución territorial anual da Administración central do Estado, correspondente ás axudas previas á xubilación ordinaria no sistema da Seguridade Social a traballadores afectados por procesos de reestructuración de empresas.

Malia o sinalado no parágrafo anterior e no artigo 5 desta orde, o conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais poderá propoñe-la concesión de axudas extraordinarias como medida de apoio ás reguladas na presente orde, ó abeiro do previsto no artigo 40 b) da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2001, naqueles supostos de empresas galegas con problemas económicos e sociolaborais por excedentes de cadro de persoal, que polo seu obxecto se consideren de interese social, e sempre que estes acrediten mediante un plan de viabilidade a súa permanencia no mercado.

Segunda.-Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, segundo o establecido no artigo 15.1º do citado Decreto 106/1994, do 21 de abril e no artigo 78.7º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia aprobada polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, modificada pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais, orzamentarias e de función pública e actuación administrativa e no artigo 12 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro.

Terceira.-No caso de que o beneficiario da axuda incumprise algunha das condicións ou obrigas estipuladas na presente orde, a Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais procederá ó reintegro total ou parcial da subvención concedida, e solicitará a devolución das cantidades percibidas e os correspondentes xuros de demora devengados desde o momento do seu pagamento, de habelos, segundo o disposto no artigo 15.1º do citado decreto e no artigo 78.9º da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e nos artigos 19 e 20 do Decreto 287/2000.

Igualmente extinguiranse estas axudas polas causas previstas no artigo 6 e consonte o procedemento fixado no artigo 9 da citada OM.

Cuarta.-Os delegados provinciais da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais poderán requirir en todo momento a documentación orixinal que consideren necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións esixidas, sempre que esta non se atopase xa en poder da Administración.

Quinta.-En todo o non disposto na presente orde, aplicarase de forma supletoria o establecido na orde ministerial do 5 de outubro de 1994, no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia e demais disposicións que lle sexan de aplicación.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Relacións Laborais para que dicte, no ámbito da súas competencias, as resolucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa públicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de abril de 2001.

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións

Laborais