Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 83 Luns, 30 de abril de 2001 Páx. 5.785

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

RESOLUCIÓN do 7 de decembro de 2000 pola que se procede á retirada de recoñecemento como organización de productores á Organización de Productores e Cultivadores da Ría de Vigo (OPP 38).

A vista da documentación que consta no presente expediente.

Primeiro.-Con data do 7 de decembro de 2000 remítese proposta de resolución de retirada de recoñecemento como organización de productores á Organización de Productores e Cultivadores da Ría de Vigo (OPP 38), por non acada-la porcentaxe do 25% da producción autonómica en ningunha das especies para as que tiña recoñecida esa condición.

Segundo.-O Real decreto 1189/1998, do 12 de xuño, polo que se modifica o Real decreto 1429/1992, do 27 de novembro, polo que se regulan as organizacións de productores da pesca e as

súas asociacións, establece na súa disposición adicional segunda:

«As organizacións de productores recoñecidas antes do 1 de xaneiro de 1995 deberán cumprir co establecido no Regulamento CE 2939/1994, modificado polo Regulamento CE 1762/1996 antes do 31 de decembro de 1999».

Terceiro.-O Regulamento CE 2939/1994 da comisión, do 2 de decembro, establecía no seu artigo 2 tres posibilidades para seren recoñecidas as organizacións de productores:

a) Que o número total de buques explotados por membros da organización representen coma mínimo o 20% do número total de buques establecidos na zona.

b) Que respecto da especie ou grupo de especie para a que se solicite o recoñecemento, a organización dispoña do 15% en peso, como mínimo, da cantidade total producida na zona.

c) Que respecto da especie ou grupo de especie para a que se solicite o recoñecemento, a organización dispoña do 30% en peso, como mínimo, da producción total do porto ou mercado principal da zona; neste segundo caso deberá designa-lo Estado membro os portos e mercados principais.

Cuarto.-Esta previsión é recollida tamén no Regulamento CE 1762/1996, do 11 de setembro, facendo unha ampliación á acuicultura, establecendo unha porcentaxe do 25% das cantidades totais producidas na zona e unha previsión de importante transcendencia para a cuestión que se está a estudiar.

No artigo 1.4º prevese que as organizacións de productores recoñecidas antes do 1 de xaneiro de 1995 deberán axustarse ás condicións establecidas no citado regulamento como máis tarde o 31 de decembro de 1999.

Polo tanto, da análise da normativa comunitaria, establécese claramente que as OOPP anteriores a dicta-la a normativa do ano 1996 deberán axustarse ó disposto nesta última norma para poder mante-lo recoñecemento que viñan tendo ata eses momentos.

Quinto.-Entrando nunha análise da normativa estatal e comezando polo Real decreto 1429/1992, do 27 de novembro, establecíase coma criterio un volume de producción anual mínimo de peso desembarcado para mante-la condición de OOPP, fixando como ámbito xeográfico mínimo o da provincia.

Posteriormente, no ano 1998 dictouse un Real decreto 1189/1998, do 12 de xuño, que modifica a anterior normativa, establecéndose como zona mínima a Comunidade Autónoma e coma criterio para mante-lo recoñecemento de OOPP o 15% do peso en producción de pesca da CC.AA. e do 25% do peso da acuicultura (marisqueo) da CC.AA.

Vista esta disposición, parece claro que cumprir eses requisitos de producción e porcentaxe fixados é obrigatorio para as organizacións xa existentes.

Así mesmo, e coma criterio que pode motiva-la retirada de recoñecemento, está o non cumprimento dos fins para o que lle foi outorgada a condición de organización de productores, que son os fins marcados no Regulamento CE 104/2000, polo que se establece unha nova organización común de mercados no sector dos productos da pesca e da acuicultura, e que se poderán resumir en garantir un exercicio racional da pesca, mellora-las condicións de venda da producción adaptando a oferta á demanda, estabilizar prezos, concentra-la oferta e emprega-los mecanismos de crise dos mercados e informar estatisticamente.

Sexto.-Determinados os aspectos legais que deben rexer e motiva-la retirada do recoñecemento como organización de productores, haberá que atende-las porcentaxes de producción desa organización de productores en concreto.

A Organización de Productores e Cultivadores de Marisco de Vigo (OPP 38) e segundo os datos achegados no seu día o través do servicio de información pesqueira e os remitidos ó MAPA e á Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, non acada en ningunha das especies para a que ten outorgada o recoñecemento á porcentaxe do 25% legalmente establecida para a acuicultura. Así, en ameixa babosa ten unha porcentaxe autonómica do 9,5%, en ameixa fina unha porcentaxe de 5,7%, en ameixa rubia unha porcentaxe do 13,4% e en berberecho unha porcentaxe do 8,6%.

Polo tanto e á vista destes datos e en exercicio da competencia legalmente establecida e que lle é propia e ante a falta de alegacións contra a proposta de resolución emítese a seguinte resolución:

Retira-lo recoñecemento coma organización de productores á Organización de Productores e Cultivadores da Ría de Vigo (OPP 38), por non acada-la porcentaxe do 25% da producción autonómica en ningunha das especies para as que tiña recoñecida esa condición.

Esta resolución esgota a vía administrativa e contra ela procederá recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ó da súa recepción ante o xulgado da xurisdicción contencioso-administrativo competente, consonte o disposto no artigo 46.1º da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 7 de decembro de 2000.

P.D. (Orde 17-12-1997, DOG nº 246,

do 22 de decembro)

Juan José Álvarez Pérez

Secretario xeral da Consellería de Pesca,

Marisqueo e Acuicultura