Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 83 Luns, 30 de abril de 2001 Páx. 5.740

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 9 de abril de 2001 pola que se convocan dúas edicións do curso medio de linguaxe administrativa galega.

Dentro do programa de actividades de formación da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) para 2001, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da escola e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócase, en colaboración coa Dirección Xeral de Política Lingüística, o curso referido no anexo I, que se desenvolverá conforme as seguintes bases:

Primeira.-Solicitudes.

1. O persoal que desexe participar no curso programado deberá solicitalo coa presentación da instancia que, como modelo oficial, se recolle no anexo II desta resolución.

2. Os solicitantes deste curso presentarán tamén unha copia compulsada da certificación que acredite que teñen superado ou validado o curso de perfeccionamento da lingua galega ou o básico de linguaxe administrativa galega.

3. Presentarase unha soa instancia e para unha única localidade.

4. A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección dos aspirantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso no presente ano.

5. O prazo de presentación de instancias comezará a contarse a partir do día seguinte ó da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e será de 10 días naturais.

6. As solicitudes, dirixidas ó director da EGAP, presentaranse no rexistro xeral da escola, sita na rúa de Madrid, 2-4, polígono das Fontiñas, 15707 Santiago de Compostela, ou en calquera das dependencias recollidas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segunda.-Acceso ó curso.

Poderá participa-lo persoal que cumpra os requisitos específicos esixidos no aludido anexo I.

Terceira.-Selección.

1. Os criterios de selección para os cursos medios de linguaxe administrativa galega son, por esta orde:

1º A antigüidade na finalización do curso básico de linguaxe administrativa galega ou de perfeccionamento da lingua galega. No caso de que na certificación de validación do curso de perfeccionamento de lingua galega non figure a data exacta

de terminación, terase en conta a data de expedición da certificación.

2º O menor número de cursos realizados en escolas ou en institutos de Administración pública.

3º Antigüidade na Administración.

Absteranse de solicita-lo curso as persoas que estean en posesión do certificado ou diploma dos cursos declarados equivalentes na Orde do 7-3-2001 (DOG nº 65, do 2 de abril), na Orde do 7-3-2001 (DOG nº 67, do 4 de abril), dos homologados pola Dirección Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, ou de calquera dos certificados ós que se refire o artigo 3 da orde da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 11 de novembro de 1998.

2. As relacións de seleccionados para participar nos cursos previstos publicaranse nos taboleiros de anuncios da EGAP e do Centro de Información Administrativa e Atención ó Cidadán e, se é o caso, nas delegacións provinciais da Consellería da Presidencia e Administración Pública.

3. A data exacta de comezo notificaráselles directamente ós seleccionados.

Cuarta.-Certificacións de aptitude.

1. Outorgaráselle-lo correspondente certificado de aptitude ós alumnos que participen con regularidade e dedicación no curso e superen as probas que se determinen. A avaliación que se efectúe neste curso terá en conta o dominio oral e escrito do idioma.

2. É obrigatoria a asistencia e puntualidade a tódalas sesións do curso. Toda ausencia deberá ser xustificada debidamente polo interesado. A falta de asistencia, aínda que sexa xustificada, a máis do 10% das horas lectivas programadas, impedirá a expedición da certificación anteriormente referida e dará lugar á baixa no curso coa perda de tódolos dereitos.

3. Para coñecemento e constancia no seu expediente, os participantes no curso deberán facilitar copia da certificación recibida ós servicios de persoal do centro directivo ó que estean adscritos.

Quinta.-Lingua de traballo.

Tódalas actividades que se realicen nestes cursos faranse en galego e ateranse, no tocante á normativa e ó uso correcto do idioma (tal e como determina a disposición adicional da Lei 3/1983, de normalización lingüística), ó establecido pola Real Academia Galega.

Sexta.-Modificacións.

1. A EGAP poderá modifica-lo desenvolvemento do curso anunciado co fin de adaptalo ás necesidades da Administración, así como ás distintas continxencias que poidan xurdir.

2. No suposto de que o número de instancias recibidas sexa inferior ó 50% das prazas convocadas, a EGAP reserva para si o dereito de suspende-la realización do curso, utilizando os medios de noti

ficación ós interesados previstos na normativa vixente. O curso que non se realice nalgunha destas localidades poderá levarse a cabo na outra.

Santiago de Compostela, 9 de abril de 2001.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega de Administración Pública

ANEXO I

Curso: medio de linguaxe administrativa galega (2 edicións).

1. Obxectivos.

Facilita-la capacitación no uso da lingua administrativa galega do persoal ó servicio das administracións públicas de Galicia.

2. Destinatarios.

O curso vai dirixido ó persoal que realiza funcións administrativas nas diferentes administracións públicas de Galicia. Reservarase o 75% das prazas para o persoal da Administración autonómica galega.

3. Desenvolvemento.

3.1. Prazas: 35 en cada edición.

3.2. Duración: 75 horas.

3.3. Lugares: Santiago de Compostela e Vilagarcía de Arousa.

3.4. Datas: de maio a xuño.

3.5. Horario: de 17 a 20 horas, de luns a xoves.

4. Contido.

O contido do curso será o establecido pola Dirección Xeral de Política Lingüística para este tipo de curso.