Con base nos principios establecidos na Lei xeral de sanidade, que configuran a existencia dunha sanidade integral, e así mesmo na Lei 1/1989, de crea
ción do Servicio Galego de Saúde, organismo que abrangue a xestión da totalidade dos centros e servicios hospitalarios existentes na Comunidade Autónoma de Galicia, fóronse producindo as transferencias dos centros das corporacións locais á Comunidade Autónoma de Galicia coa súa adscrición ó citado organismo.
O persoal dos centros transferidos caracterízase por unha vinculación xurídica , de carácter funcionarial ou laboral, diferente da que conforma o persoal do Servicio Galego de Saúde, que é de carácter estatutario. Por tal motivo estase a produci-la convivencia desas tres clases distintas, que, dada a súa diferente regulamentación, traen como resultado un conxunto de situacións xurídicas diversas, cos conseguintes problemas de xestión e organización do traballo.
As diferencias existentes entre os colectivos fan necesaria a súa homologación e integración funcional na rede sanitaria na procura da concordia imprescindible que garanta unha convivencia pacífica e ordenada entre o persoal dos centros, debidamente cohonestada coa organización do traballo.
Para tal fin, logo de negociación coas organizacións sindicais lexitimadas, publícase o Decreto 447/1996, do 26 de decembro, (DOG nº 148, do 7 de xaneiro de 1997), no que se establecen as bases para a homologación e integración funcional do persoal transferido á Xunta de Galicia dos centros sanitarios das corporacións locais, de persoal pertencente ó Servicio Galego de Saúde con vínculo xurídico funcionarial dos corpos e escalas da Administración especial sanitaria e corpos xerais e doutro persoal con vínculo laboral fixo.
Na disposición derradeira do citado decreto facúltase a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais para adopta-las medidas necesarias para o desenvolvemento e execución deste, e dicta-las disposicións que formalicen os procesos de homologacións que afecten os distintos colectivos de persoal, coa secuencia temporal que considere conveniente.
Así as cousas, polo Decreto 22/1993, do 28 de xaneiro, transfírese á Comunidade Autónoma de Galicia o persoal funcionario e laboral da institución sanitaria Hospital Santa María Nai de Ourense, dependente da Deputación Provincial de Ourense, con sede en Ourense.
Posteriormente, por resolución conxunta do 29 de xullo de 1994 (DOG nº 160, do 19 de agosto), da Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Sergas, disponse a publicación do acordo subscrito pola Administración Sanitaria e os representantes do Comité de Empresa e a Xunta de Persoal do Hospital Santa María Nai de Ourense, polo que se regulan determinadas condicións de traballo e retributivas do persoal que presta servicios no devandito centro sanitario, establecendo no seu epígrafe primeiro que o acordo será de aplicación ó persoal funcionario e laboral que presta os seus
servicios no Hospital Santa María Nai de Ourense, así como ó persoal que, con posterioridade á adopción del, pase por calquera vínculo a prestar servicios no centro.
A presente orde, pois, dentro do marco normativo exposto, posibilita, con opción voluntaria, a integración do persoal do Hospital Santa María Nai de Ourense, tanto funcionarial como laboral, nos réximes estatutarios, sen afectación nin menoscabo dos dereitos normativamente recoñecidos.
Na súa virtude, esta consellería
DISPÓN:
Artigo 1º
O persoal funcionario de carreira transferido á Comunidade Autónoma de Galicia polo Decreto 22/1993 e/ou o persoal laboral fixo do Hospital Santa María Nai de Ourense, ben sexa, neste último suposto, o transferido á Comunidade Autónoma de Galicia polo Decreto 22/1993, ou ben o de novo ingreso en virtude do Decreto 246/1995, do 28 de xullo, polo que se aproba a oferta pública de emprego do persoal laboral do Complexo Hospitalario Santa María Nai-Dr. Cabaleiro Goás de Ourense para o ano 1995, poderá homologarse ó réxime estatutario e integrarse no correspondente estatuto de persoal da Seguridade Social, nos termos e condicións que se establezan na presente norma, sempre que reúna os requisitos de titulación esixidos pola lexislación vixente e que á súa entrada en vigor se encontren nalgúns dos supostos seguintes:
A. En situación de servicio activo.
B. En situación que implique a suspensión na relación de servicios laboral ou funcionarial, con reserva de posto de traballo, por algunha das causas establecidas na lexislación vixente, así como en situación de servicios especiais, no caso de persoal funcionario.
C. En situación de excedencia voluntaria, sempre que non transcorrese o tempo máximo desa excedencia prevista legalmente para cada caso. Neste suposto a integración efectuarase na situación de excedencia voluntaria e a posterior situación de servicio activo obterase de conformidade co previsto na Lei 30/1999, de selección e provisión de prazas de persoal estatutario dos Servicios de Saúde. A opción de integración poderá formularse no momento de solicita-lo reingreso ou no prazo previsto para o exercicio da opción que se estableza nesta norma.
Artigo 2º
Non poderá exerce-lo dereito de opción o persoal con vínculo temporal, de carácter funcionarial ou laboral, calquera que sexan as características de tal vínculo, que estean prestando servicios no Hospital Santa María Nai de Ourense.
Artigo 3º
O persoal que exerza o dereito de opción da forma establecida no artigo 8 da presente norma homologarase nas categorías básicas do réxime estatutario que corresponda, coa súa integración no estatuto de persoal aplicable segundo as características da praza orixinaria e a estatutaria de referencia.
Para tal efecto, será de aplicación a táboa de homologacións que figura no anexo I desta orde.
Non obstante, expedirase, no momento en que se resolva a solicitude de homologación e integración, un nomeamento adicional ó persoal que desempeñe postos de traballo de xefatura adquiridos en virtude dun concurso ou libre designación, no posto equivalente de carácter estatutario. Este nomeamento poderá ser definitivo, se o orixinario tiña tal condición ó ser obtido por concurso ou concurso-oposición, ou ben provisional, se aquel foi expedido en virtude do sistema de libre designación.
Ó persoal que resulte homologado nos réximes estatutarios da Seguridade Social respectaráselle, para tódolos efectos, a antigüidade que teña á entrada en vigor da presente resolución, se ben os trienios que se lle recoñezan con posterioridade á data en que teña efectividade a integración serano de acordo co previsto na disposición 2ª.2 do Real decreto-lei 3/1987, do 11 de setembro, e normativa de desenvolvemento aplicable.
Artigo 4º
O persoal que resulte homologado no réxime estatutario integrarase no estatuto que resulte de aplicación, segundo o grupo e categoría á que pertenza, dentro dos tres existentes para o persoal estatutario:
Estatuto Xurídico de Persoal Médico, Estatuto de Persoal Sanitario non Facultativo e Estatuto de Persoal non Sanitario.
O réxime económico e xurídico do persoal que resulte integrado será o correspondente ó estatuto do persoal que en cada caso sexa de aplicación, e a súa prestación de servicios adecuarase á estructura asistencial das institucións sanitarias do Sergas.
Artigo 5º
De conformidade co disposto no epígrafe cuarto da resolución conxunta do 29 de xullo de 1994, pola que se dispón a publicación do acordo subscrito pola Administración Sanitaria e os representantes do comité de empresa e da xunta de persoal do Hospital Santa María Nai de Ourense, ó persoal que prestaba servicios no centro e que, como consecuencia da aplicación do citado acordo, experimentou unha diminución no total das retribucións anuais que viña percibindo, recoñecéuselle un complemento persoal e transitorio consistente na diferencia de retribucións, polo que os devanditos complementos se manterán co mesmo réxime e condicións cos que foron recoñecidos ata a súa definitiva absorción ou extinción, conforme o previsto na normativa na que se baseou o seu recoñecemento.
Así mesmo, e de conformidade co disposto nos epígrafes primeiro e segundo do citado acordo, ó persoal que, con posterioridade á adopción deste, pasou, por calquera vínculo a prestar servicios no centro xa lle foron aplicadas as mesmas condicións retributivas que, con carácter xeral , corresponden ó persoal estatutario das institucións sanitarias do Sergas, polo que respecto destes traballadores non se procederá a ningún recoñecemento de complemento persoal e transitorio.
Artigo 6º
Ó persoal que non se integre nos estatutos do persoal da seguridade social respectaráselle o réxime económico e xurídico que derive da súa situación de orixe coa dependencia orgánica e funcional do Sergas, de acordo co establecido no artigo 9 do Decreto 447/1996, do 26 de decembro.
Respecto das lagoas que se produzan na regulamentación do colectivo laboral, aplicarase por analoxía o estatuto de persoal da Seguridade Social relativo ó grupo e categoría de persoal equiparable.
A prestación de servicios deste persoal non integrado adaptarase ás características de funcionamento da institución sanitaria do Sergas, onde está adscrito, coa súa plena imbricación na estructura e organización do traballo. Para tal fin, a dirección do centro adoptará as medidas de xestión e organización adecuadas para acada-la plena adaptación e integración deste persoal nel.
Artigo 7º
O persoal funcionario que se integre nos réximes estatutarios da Seguridade Social será declarado, de conformidade co establecido no artigo 55.1º da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, na situación de excedencia voluntaria por incompatibilidade no seu corpo ou escala de orixe.
Igualmente, o persoal laboral que se integre nos mesmos réximes será declarado na situación de excedencia voluntaria por incompatibilidade na súa categoría.
Artigo 8º
Sen prexuízo do establecido no inciso final do artigo 1º, o exercicio da opción de integración deberá realizarse con carácter individual, no prazo de dez días contados a partir do día seguinte ó da entrada en vigor desta disposición, segundo o modelo de instancia que se xunta como anexo II.
Os profesionais que non formulen opción expresa de integración entenderase que optan pola situación prevista no artigo 6º.
As solicitudes debidamente dilixenciadas pola dirección do centro, dirixiranse á División de Recursos Humanos do Sergas, á Dirección Provincial do Sergas de Ourense ou ó Rexistro do Hospital Santa María Nai de Ourense, sen menoscabo do establecido no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de decembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
O persoal que realice a opción achegará, xunto coa súa solicitude, os seguintes documentos:
a) Fotocopia compulsada da titulación académica ou, se é o caso, do libro de escolaridade.
b) O persoal médico achegará, así mesmo, fotocopia compulsada do título de especialista que posúa e que o habilite para exerce-la praza que vén desempeñando.
Artigo 9º
As opcións serán resoltas pola División de Recursos Humanos no prazo máximo dun mes desde que remate o prazo de presentación de instancias para formula-la opción de integración. O anteriormente exposto enténdese sen prexuízo do disposto no inciso final do artigo 1º desta orde.
Disposicións adicionais
Primeira.-De acordo co establecido na disposición transitoria segunda da Orde do 26 de decembro de 1986 (BOE do 12 de xaneiro de 1987) e segundo o disposto na disposición adicional 2ª do Decreto 447/1996, do 26 de decembro, ó persoal que se homologue á categoría de auxiliar de enfermería non lle será esixido o título de formación profesional de primeiro grao rama sanitaria, sempre que á súa entrada en vigor se encontrase prestando servicios en praza desa categoría que resulten debidamente acreditados.
Para tal fin, expedirá o centro hospitalario certificación dos servicios prestados.
Segunda.-Os postos de traballo de orixe do persoal que opte pola súa integración nos réximes estatutarios consideraranse amortizados e reconvertidos ós correspondentes estatutarios que determina para cada caso a táboa de homologacións.
As vacantes que se produzan de persoal laboral ou funcionario que non se integren nos réximes estatutarios da Seguridade Social e que non estean afectados polas situacións previstas no artigo 1 B desta disposición declararanse necesariamente a extinguir logo da súa amortización e, se é o caso, substitución por prazas de persoal estatutario do Sergas.
Os postos de traballo vacantes ocupados polo persoal temporal do artigo 2 desta norma consideraranse amortizados e reconvertidos en prazas de persoal estatutario, polo que o persoal que os ocupa cesará no seu desempeño.
Emporiso, con efectos do día seguinte ó do cesamento, expediráselle-lo nomeamento que corresponda para ocupa-la equivalente praza de persoal estatutario, co mesmo carácter temporal.
Terceira.
1. O persoal da categoría de operario poderá integrarse nas categorías de celador, peón e pinche, segundo sexa a súa adscrición ós diferentes servicios/unidades ou as funcións que veñan realizando de xeito estable e regular na organización do traballo
do centro e resulten debidamente acreditadas mediante certificación expedida pola dirección deste.
2. En todo caso, será condición imprescindible reuni-los requisitos de titulación esixidos pola lexislación vixente para cada categoría de integración.
Disposicións transitorias
Primeira.-O persoal facultativo que se integre no réxime estatutario exercerá, no momento que a formalice, a opción polo réxime de dedicación normal ou de dedicación exclusiva ó sector público sanitario, coa conseguinte renuncia ou solicitude de percepción do complemento específico, segundo o previsto no Decreto 11/1995, do 20 de xaneiro, polo que se regula o réxime de percepción do complemento específico para o persoal estatutario do Servicio
Galego de Saúde e se establecen os prazos para formular solicitudes e renuncias.
A citada opción resolverase, conxuntamente coa solicitude de homologación, no prazo establecido nesta norma.
Disposición derradeira
O proceso de integración regulado na presente disposición non determinará incremento de gasto no capítulo I do orzamento de gastos do Servicio Galego de Saúde.
A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 17 de abril de 2001.
José María Hernández Cochón
Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais
ANEXO I
VÍNCULO POSTO DE TRABALLO H. SANTA MARÍA NAI ADSCRICIÓN/FUNCIÓNS* CATEGORÍA BÁSICA DE HOMOLOGACIÓN
F XEFE SERVICIO CON CE FACULTATIVO ESPECIALISTA DE ÁREA
F XEFE SERVICIO SEN CE FACULTATIVO ESPECIALISTA DE ÁREA
F XEFE SERVICIO SEN CE FACULTATIVO XERARQUIZADO MEDICINA XERAL
F XEFE UNIDADE URXENCIAS FACULTATIVO ESPECIALISTA DE ÁREA
F XEFE SECCIÓN CON CE FACULTATIVO ESPECIALISTA DE ÁREA
F XEFE SECCIÓN CON CE FACULTATIVO XERARQUIZADO MEDICINA XERAL
F XEFE SECCIÓN SEN CE FACULTATIVO ESPECIALISTA DE ÁREA
F XEFE SECCIÓN SEN CE FACULTATIVO XERARQUIZADO MEDICINA XERAL
F FACULTATIVO XERARQUIZADO MEDICINA XERAL FACULTATIVO XERARQUIZADO MEDICINA XERAL
F FACULTATIVO XERARQUIZADO MEDICINA XERAL FACULTATIVO ESPECIALISTA DE ÁREA
F PERSOAL TÉCNICO SUPERIOR PSICÓLOGO
F GRUPO TÉCNICO DA FUNCIÓN ADMINISTRATIVA GRUPO TÉCNICO F. ADMINISTRATIVA
F XEFE SECCIÓN ADMINISTRATIVO GRUPO ADMINISTRATIVO
F XEFE GRUPO AUX. ADMINISTRATIVO AUXILIAR ADMINISTRATIVO
F XEFE PERSOAL SUBALTERNO HOSPITAL CELADOR
F AUXILIAR ADMINISTRATIVO AUXILIAR ADMINISTRATIVO
F COSTUREIRA COSTUREIRA
F TELEFONISTA TELEFONISTA
F CELADOR ATENCIÓN DIRECTA Ó ENFERMO CELADOR
F CELADOR SEN AT. DIRECTA Ó ENFERMO CELADOR
F FOGUEIRO FOGUEIRO
F LAVANDEIRA LAVANDEIRA
F LIMPADORA LIMPADORA
F OPERARIO CELADOR CELADOR
F OPERARIO PEÓN PEÓN
F PINCHE PINCHE
F SUPERVISOR DE ÁREA ATS
F SUPERVISOR DE UNIDADE ATS
F SECRETARIA ESTUDIOS ESCOLA ENFERMERÍA ATS
F ATS UNIDADE HOSPITALIZACIÓN ATS
F FISIOTERAPEUTA FISIOTERAPEUTA
F TÉCNICO ESPECIALISTA TÉCNICO ESPECIALISTA
F AUXILIAR ENFERMERÍA FUNCIÓN TÉCNICO AUXILIAR ENFERMERÍA
F AUXILIAR ENFERMERÍA UNIDADE HOSPITALIZACIÓN AUXILIAR ENFERMERÍA
L CAPELÁN II CAPELÁN 1/2 XORNADA
L FACULTATIVO XERARQUIZADO MEDICINA XERAL CE FACULTATIVO XERARQUIZADO MEDICINA XERAL
L FACULTATIVO XERARQUIZADO MEDICINA XERAL SEN CE FACULTATIVO XERARQUIZADO MEDICINA XERAL
L FACULTATIVO XERARQUIZADO MEDICINA XERAL SEN CE FACULTATIVO ESPECIALISTA DE ÁREA
L ADXUNTO ESPECIALISTA ÁREA CE FACULTATIVO ESPECIALISTA DE ÁREA
L XEFE SERVICIO-GRUPO TÉCNICO GRUPO TÉCNICO F. ADMINISTRATIVA
L GRUPO TÉCNICO FUNCIÓN ADMINISTRATIVA GRUPO TÉCNICO F. ADMINISTRATIVA
L XEFE SECCIÓN GRUPO XESTIÓN ENXEÑEIRO TÉCNICO
L ASISTENTE SOCIAL ASISTENTE SOCIAL
L GRUPO XESTIÓN GRUPO XESTIÓN
L XEFE GRUPO ADMINISTRATIVO GRUPO ADMINISTRATIVO
L GRUPO ADMINISTRATIVO GRUPO ADMINISTRATIVO
VÍNCULO POSTO DE TRABALLO H. SANTA MARÍA NAI ADSCRICIÓN/FUNCIÓNS* CATEGORÍA BÁSICA DE HOMOLOGACIÓN
L COCIÑEIRO COCIÑEIRO
L XEFE GRUPO AUX. ADMINISTRATIVO AUXILIAR ADMINISTRATIVO
L AUXILIAR ADMINISTRATIVO AUXILIAR ADMINISTRATIVO
L AUX. ADMINISTRATIVO EQUIPO MECANIZADO AUXILIAR ADMINISTRATIVO
L CARPINTEIRO CARPINTEIRO
L CONDUCTOR CONDUCTOR
L PERRUQUEIRO PERRUQUEIRO
L TELEFONISTA TELEFONISTA
L XARDIÑEIRO XARDIÑEIRO
L AUXILIAR AUTOPSIAS (CELADOR) CELADOR
L CELADOR ATENCIÓN DIRECTA Ó ENFERMO CELADOR
L CELADOR DE QUIRÓFANO CELADOR
L CELADOR ENCARGADO QUENDA AT. DIRECTA CELADOR
L OPERARIO CELADOR CELADOR
L OPERARIO PINCHE PINCHE
L OPERARIO PEÓN PEÓN
L PINCHE PINCHE
L DIRECTOR TÉCNICO ESCOLA ENFERMERÍA ATS
L SUPERVISOR DE ÁREA ATS
L SUPERVISOR DE UNIDADE ATS
L ATS UNIDADE HOSPITALIZACIÓN ATS
L FISIOTERAPEUTA ÁREA FISIOTERAPEUTA
L TÉCNICO ESPECIALISTA TÉCNICO ESPECIALISTA
L AUXILIAR ENFERMERÍA UNIDADE HOSPITALIZACIÓN AUXILIAR ENFERMERÍA
(*) Segundo a disposición adicional 3ª desta orde.