Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 77 Venres, 20 de abril de 2001 Páx. 5.278

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

ORDE do 19 de marzo de 2001 pola que se aproba a reordenación do polígono de bateas denominado G, situado no distrito marítimo de Cambados, provincia de Pontevedra.

O polígono de bateas denominado G, sito no distrito marítimo de Cambados foi creado por orde do Ministerio do Comercio do 14 de febreiro de 1974 (BOE nº 75, do 28 de marzo).

O Real decreto 3318/1982, do 24 de xullo, transfírelle á Xunta de Galicia as competencias en materia de marisqueo e acuicultura con carácter de exclusivas, de acordo co artigo 27.15º do Estatuto de autonomía e o 148.1º 11. da Constitución. No exercicio destas competencias e en cumprimento do disposto no artigo 1 do Decreto 197/1986, do 12 de xuño, e o 3 do Regulamento para explotación de bateas situadas en zona marítima, aprobado polo Decreto 2559/1961, do 30 de novembro, a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, en virtude da Orde do 4-5-1987 (DOG nº 96 e 100), declara de interese marisqueiro e urxente execución a revisión e reordenación do polígono G do distrito marítimo de Cambados.

En consecuencia, una vez redactado o proxecto e o acordo de reordenación, tramitados conforme o procedemento establecido no Decreto 423/1993, do 17 de decembro (DOG nº 13, do 20 de xaneiro de 1994), e declarado firme o acordo de reordenación por resolución da Dirección Xeral de Recursos Mariños do 14-3-2001, por proposta da Dirección Xeral de Recursos Mariños, esta consellería

DISPÓN:

Primero.-Queda constituído e delimitado o novo polígono D do distrito marítimo de Cambados que substitúe o antigo G coa capacidade, situación e circunstancias que se indican no anexo desta orde.

Segundo.-As concesións administrativas de bateas existentes no polígono obxecto de reordenación e pertencentes ós concesionarios recoñecidos nas bases de revisión, mantéñense nas mesmas condicións das respectivas ordes de outorgamento, excepto no que se refire á cuadrícula ou punto de fondeo, que quedan anuladas pola presente orde e substituídas polas cuadrículas asignadas no acordo de reordenación.

As dimensións dos artefactos, número de cordas e cultivo autorizado, terán que axustarse ó disposto no Decreto 406/1993, do 7 de decembro (DOG nº 228); o prazo da concesión, limítase a 30 anos, en conformidade coa Lei 6/1993, do 11 de maio.

Terceiro.-Os concesionarios de bateas deberán traslada-los artefactos no prazo máximo de 15 días a partir do día seguinte ó da publicación desta orde, facendo efectiva a toma de posesión das novas cua

drículas. Transcorrido este prazo, a consellería iniciará o correspondente expediente de caducidade por aplicación do Decreto 423/1993, do 17 de decembro, ás concesións das bateas que non estean no punto asignado no acordo de reordenación.

Cuarto.-Os artefactos fondeados nos polígonos pertencentes a propietarios que non fosen recoñecidos como concesionarios nas bases de revisión e os de propietario descoñecido serán considerados clandestinos, procedendo á súa retirada, en aplicación dos artigos 42 e 44 do Decreto 423/1993, do 17 de decembro.

Quinto.-As peticións de concesión administrativa de bateas referentes a cuadrículas antes existentes nos polígonos obxecto de reordenación e que estean en tramitación no momento de entrar en vigor esta orde, quedan desestimadas en aplicación do artigo 51 do Decreto 406/1996, do 7 de novembro.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas tódalas disposicións de igual ou inferior categoría que se opoñan ó disposto na presente orde, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, especialmente á Orde de 14 de febreiro de 1974, no relativo ó polígono G do distrito marítimo de Cambados.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de marzo de 2001.

P.D. (Orde 17-12-1997, DOG nº 246,

do 22 de decembro)

Juan José Álvarez Pérez

Secretario xeral da Consellería de Pesca,

Marisqueo e Acuicultura

ANEXO

PolígonoVérticeLatitudeLonxitude

DA42º 31,3450' N8º 51,5900' W
B42º 31,5800' N8º 50,4650' W
C42º 30,8800' N8º 50,5150' W
D42º 30,6450' N8º 51,6400' W

Estas coordenadas obtivéronse da carta nº 9262, da ría de Arousa, folla 1, publicada polo Instituto Hidrográfico da Mariña.

Consta de 224 puntos de fondeo ou cuadrículas das que se ocupan 138 con viveiros procedentes do antigo polígono Cambados G.

Corenta viveiros do antigo polígono Cambados G trasládanse ás vacantes dos seguintes polígonos e distritos:

3 viveiros ó polígono B do distrito de Cambados.

17 viveiros ó polígono C do distrito de Cambados.

5 viveiros ó polígono B do distrito de Caramiñal.

2 viveiros ó polígono C do distrito de Caramiñal.

4 viveiros ó polígono D do distrito de Caramiñal.

7 viveiros ó polígono E do distrito de Caramiñal.

2 viveiros ó polígono B do distrito de Muros.