Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 77 Venres, 20 de abril de 2001 Páx. 5.219

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 79/2001, do 6 de abril, polo que se aproba o Regulamento da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.

As funcións de fomento e coordinación do desenvolvemento do territorio rural galego, co fin de mellora-las condicións de vida e contribuír a frea-lo despoboamento dese territorio, están atribuídas á axencia Galega de Desenvolvemento Rural, ente de dereito público adscrito á Consellería de Economía e Facenda, creado pola disposición adicional sexta da Lei 5/2000, do 28 de decembro, de medidas fiscais e de réxime orzamentario e administrativo.

Galicia é unha comunidade de características eminentemente rurais; tanto é así que se pode afirmar que, con algunha frecuencia, en Galicia é difícil diferencia-los problemas rurais dos xerais. Neste contexto, o declive das sociedades rurais maniféstase en numerosas dimensións que é preciso afrontar. A calidade ambiental e da paisaxe, a perda de puxanza das súas actividades tradicionais, os obstáculos á mobilidade das persoas, mercadorías e información, as baixas dotacións de infraestructuras e servicios públicos, son algúns exemplos deste problema polifacético. Sen embargo, a manifestación máis dramática do declive das sociedades rurais é o despoboamento. A diminución do capital humano e do potencial económico son os obstáculos máis importantes para o desenvolvemento, o que xustifica que Galicia aposte por frea-lo despoboamento das súas áreas rurais como obxectivo último das actuacións de desenvolvemento rural.

A estratexia galega para o medio rural responde a un mandato do Plan Estratéxico do Desenvolvemento Económico de Galicia (Pedega), 2000-2006, elaborado en 1999 e que asume, pola súa vez, os compromisos que adquiriu en 1998 a Xunta de Galicia cos axentes sociais na sinatura dos acordos sobre medidas para o crecemento e o emprego en Galicia, 1998-2001. O deseño desta estratexia está xustificado polas propias características do territorio, a sociedade e a base productiva de Galicia, aspectos que presentan, ás veces, un marcado carácter rural. Tendo en conta esta realidade, resulta prioritario estimula-la creación dun novo clima social nas áreas rurais que sexa máis favorable ó investimento privado e promove-la cooperación entre axentes públicos e privados a prol do desenvolvemento rural, impulsando a diversificación de actividades económicas.

A estratexia galega para o medio rural artículase en torno ás seguintes directrices: (a) Concentra-los recursos e as intervencións, tanto nos territorios como nas prioridades; (b) Converte-lo desenvolvemento rural nun principio de aplicación horizontal

que permita impulsar nas administracións públicas unha discriminación positiva para os espacios rurais; (c) Promove-lo enfoque territorial nas actuacións, intensificando as relacións campo-cidade e reforzando o sistema policéntrico de cidades; (d) Impulsar novas actuacións ó tempo que se melloran os resultados das presentes; (e) Impulsa-lo crecemento de novas actividades no medio rural ó tempo que se potencian e revalorizan as tradicionais; (f) Utilizar de forma equilibrada os enfoques de «abaixo-arriba» e de «arriba-abaixo», garantindo desta forma a participación social.

Estas directrices articúlanse nos seguintes ámbitos de traballo ou piares: (I) Mobiliza-la iniciativa privada no medio rural, estendendo os grupos de acción local a tódalas zonas rurais de Galicia; (II) Eleva-la eficiencia das actuais medidas de desenvolvemento rural ; e (III) Promove-la innovación e a diversificación no medio rural.

A axencia Galega de Desenvolvemento Rural créase como un ente de dereito público responsable de mobilizar e desenvolve-la estratexia galega para o medio rural. Configúrase como unha unidade de xestión especializada que pretende ser áxil e eficaz, capaz de coordina-los esforzos que as distintas áreas da Administración da Xunta de Galicia lle dedican ó desenvolvemento rural, así como de impulsa-las actividades doutras administracións e dos demais axentes territoriais, públicos e privados, que teñen protagonismo efectivo nesas tarefas.

Por outra banda, a disposición adicional sexta da Lei 5/2000, do 28 de decembro, atribúelle á axencia Galega de Desenvolvemento Rural a xestión ou execución dos recursos do Fondo Galego de Desenvolvemento Rural que igualmente crea. A transcendencia que ten esta función propia da axencia e a necesidade de regula-lo funcionamento do fondo mediante criterios claros e estables, de conformidade cos obxectivos preferentes establecidos pola propia lei, aconsellan incluír neste regulamento as normas básicas de xestión do dito fondo, sen prexuízo de que a axencia poida adaptar en cada momento a súa actuación ás circunstancias cambiantes. Así o permite expresamente o número sete da citada disposición adicional sexta da Lei 5/2000, que prevé un desenvolvemento regulamentario que vaia máis alá do réxime dos órganos, a súa composición e funcións, e do réxime económico, patrimonial e de persoal da axencia.

O presente decreto vén, pois, dar cumprimento ó establecido no referido número sete da disposición adicional sexta, regulando os extremos expresamente previstos nel e todos aqueles que resultan necesarios para o funcionamento da axencia Galega de Desenvolvemento Rural e a xestión do Fondo Galego de Desenvolvemento Rural que lle corresponde.

De acordo co exposto, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda logo de deliberación do Con

sello da Xunta de Galicia na súa reunión do día seis de abril de dous mil un,

DISPOÑO:

Capítulo I

Natureza, fins e funcións

Artigo 1º

1. A axencia Galega de Desenvolvemento Rural é un ente de dereito público con personalidade xurídica propia, dos previstos no artigo 12.1º b) do texto refundido da Lei de rexime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

2. A axencia é o instrumento básico de actuación da Xunta de Galicia no fomento e a coordinación do desenvolvemento do territorio rural galego, para mellora-las condicións de vida e contribuír a frea-lo despoboamento deste territorio.

Artigo 2º

A axencia Galega de Desenvolvemento Rural adscríbese, de acordo co previsto na Lei 5/2000, do 28 de decembro, á Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia.

Artigo 3º

1. A axencia Galega de Desenvolvemento Rural actuará en nome propio e por conta e baixo a dependencia da Xunta de Galicia no exercicio das funcións que lle confire o presente decreto.

2. De conformidade co disposto na citada Lei 5/2000, do 28 de decembro, as funcións da axencia serán:

a) Elaborar estratexias e plans integrados de coordinación de actuacións de diversa natureza no medio rural, así como promover avaliacións independentes dos resultados dos ditos plans que permitan a súa revisión.

b) Difundi-las políticas e medidas de desenvolvemento rural aplicables en cada momento.

c) Dinamizar e coordina-los grupos de acción local vinculados coas políticas de desenvolvemento rural, con independencia das súas fontes de financiamento e da súa localización.

d) Impulsa-la formulación, por parte dos axentes socioeconómicos locais das zonas rurais, de iniciativas e programas de desenvolvemento.

e) Promover e incentiva-la cooperación entre os axentes públicos e privados nos que as súas actuacións incidan directa ou indirectamente no desenvolvemento das zonas rurais.

f) Xestiona-los recursos, públicos ou privados, que se encomenden de maneira específica á dinamización das áreas rurais de Galicia, en especial os recursos que a Xunta de Galicia destine ó Fondo Galego de Desenvolvemento Rural, de conformidade coas leis de orzamentos.

g) As funcións de xestión, control e seguimento dos programas europeos Leader e Proder en materia de infraestructura rural.

3. Ademais, a axencia realizará calquera outra acción que teña por obxectivo contribuír de forma eficaz á diversificación económica e á modernización do tecido productivo rural.

Capítulo II

Organización

Artigo 4º

Os órganos de goberno da axencia son o consello de dirección, o presidente, o vicepresidente e o director xeral.

Ademais, a axencia contará cun consello asesor.

Artigo 5º

1. O consello de dirección é un órgano colexiado de goberno que estará composto por un número impar de membros, cun máximo de trece.

2. Do consello de dirección deben formar parte representantes da Administración autonómica con responsabilidades nas áreas de economía, política territorial, comarcas, agricultura, industria, ambiente, turismo, pesca e emprego.

3. O nomeamento e cesamento dos membros do consello de dirección correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda.

4. O consello de dirección estará presidido polo presidente da axencia, ou, no seu defecto, polo vicepresidente.

5. O consello de dirección nomeará un secretario, que actuará con voz pero sen voto. O dito nomeamento poderá recaer en persoa adscrita á estructura administrativa da axencia.

Artigo 6º

1. Correspóndelle ó consello de dirección exercer, sen máis limitacións que as establecidas polas leis, as seguintes funcións:

a) Orienta-la actuación da axencia dentro das liñas marcadas pola Consellería de Economía e Facenda.

b) Aprobar plans e estratexias de acordo coas orientacións que lle sexan marcadas e propoñer á Consellería de Economía e Facenda a aprobación ou presentación ó Consello da Xunta de plans e estratexias xerais de desenvolvemento rural.

c) Aproba-las prioridades para a distribución dos recursos do Fondo Galego de Desenvolvemento Rural, de conformidade cos obxectivos preferentes establecidos na lei e cos plans e estratexias de desenvolvemento rural previamente aprobados, así como determina-las zonas que teñen a consideración de rurais para estes efectos.

d) Aproba-los procedementos para a selección das solicitudes de financiamento de plans, programas e actuacións con cargo ó Fondo Galego de Desenvolvemento Rural.

e) Aproba-lo anteproxecto de orzamentos, que será remitido á Consellería de Economía e Facenda para a súa inclusión no proxecto de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.

f) Acorda-la celebración de contratos e convenios que concerte a axencia.

g) Aproba-la memoria anual, o balance e a conta de perdas e ganancias, que lle serán remitidas ó Consello de Contas.

h) Aproba-la estructura e a dotación do cadro de persoal da axencia.

i) Decidir sobre os demais asuntos que lle someta o presidente da axencia.

j) Decidir sobre tódalas cuestións relacionadas coa organización, o funcionamento e as actividades propias da axencia, sen prexuízo das facultades atribuídas por este decreto ó presidente e ó director xeral e ós demais órganos nel previstos e das que sexan delegadas no presidente ou no director xeral.

Artigo 7º

O consello de dirección reunirase, como mínimo, catro veces ó ano, logo de convocatoria do seu presidente, así como cantas veces o considere oportuno este.

Artigo 8º

1. O presidente da axencia Galega de Desenvolvemento Rural é, por razón do seu cargo, o conselleiro de Economía e Facenda.

2. O presidente desempeñará a representación da axencia en toda clase de actos ou negocios xurídicos e exercerá no seu nome as accións e recursos que procedan.

3. Correspóndelle, ademais, ó presidente:

a) Ordena-la convocatoria do consello de dirección, fixa-la orde do día e presidi-las sesións.

b) Velar polo cumprimento das directrices de actuacións marcadas pola Xunta de Galicia.

c) Propoñe-la adopción das disposicións regulamentarias necesarias para a organización e funcionamento da axencia.

4. O presidente poderá delegar no vicepresidente ou no director xeral calquera función específica, agás aquelas que teña delegadas polo consello.

Artigo 9º

O vicepresidente da axencia Galega de Desenvolvemento Rural será nomeado polo consello de dirección, de entre os seus membros, por proposta do presidente.

O vicepresidente exercerá as funcións que lle sexan delegadas polo presidente e substituirá a este en caso de ausencia ou enfermidade.

Artigo 10º

1. O director xeral da axencia Galega de Desenvolvemento Rural será nomeado e separado polo consello de dirección, por proposta do seu presidente, e o seu cargo será incompatible con calquera outra actividade pública ou privada nos termos previstos na lexislación vixente.

2. Correspóndelle ó director xeral:

a) Dar cumprimento ós acordos do consello de dirección.

b) Propoñerlle ó consello de dirección as liñas estratéxicas de actuación da axencia e o programa anual de actividades.

c) Elabora-los plans e estratexias de desenvolvemento rural da axencia, de acordo coas directrices e orientacións que sexan fixadas polo consello de dirección e somete-las correspondentes propostas á aprobación deste órgano cando proceda.

d) Realiza-la avaliación dos plans e estratexias da axencia, propoñendo, se é o caso, a revisión duns e doutras.

e) Avaliar igualmente as accións financiadas ou cofinanciadas con cargo ó Fondo Galego de Desenvolvemento Rural, informando o consello de dirección.

f) Elaborar e propoñer ó consello de dirección as prioridades para a distribución dos recursos do Fondo Galego de Desenvolvemento Rural, de acordo coa lei e cos plans e estratexias aprobados.

g) Deseña-los procedementos de tramitación e aprobación das solicitudes de financiamento de actividades con cargo ó Fondo Galego de Desenvolvemento Rural e propoñelos ó consello de dirección para a súa aprobación.

h) Presidi-lo Comité de Xestión do Fondo Galego de Desenvolvemento Rural.

i) Promove-lo desenvolvemento de grupos de acción local, apoiar, supervisar e avalia-la súa xestión e velar pola formación permanente dos profesionais e equipos que os integran.

j) Xestiona-la axencia e render contas da xestión ante o consello de dirección.

k) Elabora-lo anteproxecto de orzamentos, a memoria anual, o balance e a conta de perdas e ganancias.

l) Elabora-la proposta de estructura e dotación de persoal da axencia.

m) Exerce-la dirección administrativa e de persoal.

n) Coordinar, inspeccionar e controla-lo funcionamento dos servicios e das dependencias da axencia.

o) Exerce-las funcións delegadas polo presidente ou polo consello de dirección.

Artigo 11º

1. Para o mellor exercicio das competencias dos órganos ós que se refiren os artigos anteriores, créase o consello asesor, como órgano de consulta e ase

soramento da axencia Galega de Desenvolvemento Rural e de participación das administracións interesadas e dos axentes socioeconómicos relacionados co desenvolvemento rural de Galicia.

2. O consello asesor estará composto polos seguintes vocais:

-Dous vocais en representación da Administración da Comunidade Autónoma, nomeados polo presidente da axencia de entre funcionarios con titulación superior.

-Tres vocais en representación das corporacións locais, nomeados polo presidente da axencia por proposta da Federación Galega de Municipios e Provincias.

-Tres vocais en representación das organizacións profesionais agrarias coa maior implantación en Galicia, nomeados polo presidente da axencia por proposta daquelas.

-Tres vocais en representación das federacións provinciais de confrarías de pescadores, nomeados polo presidente da axencia por proposta daquelas.

-Dous vocais en representación do Consello Galego de Consumidores e Usuarios, nomeados polo presidente da axencia por proposta daquel.

-O vicepresidente e o director xeral da axencia Galega de Desenvolvemento Rural.

3. O consello asesor será presidido polo presidente da axencia, que poderá delegar no vicepresidente.

4. Actuará como secretario do consello asesor quen teña este cargo no consello de dirección, que terá voz pero non voto.

5. O consello asesor terá ó seu cargo as seguintes funcións:

a) Asesora-lo consello de dirección na elaboración do plan anual e dos plans e estratexias de desenvolvemento rural da axencia, antes da súa aprobación polos seus órganos rectores.

b) Emitir informe ó consello de dirección sobre os criterios e prioridades para a distribución dos recursos do Fondo Galego de Desenvolvemento Rural, unha vez elaborados polo director xeral e antes da súa aprobación.

c) Promover e impulsar tódalas actividades que faciliten o cumprimento dos fins da axencia.

d) Informar e asesora-lo consello de dirección de todos cantos asuntos lle encomenden.

e) Divulgar entre os axentes económicos e sociais e entre as administracións locais os cometidos da axencia.

f) Calquera outra que se lle atribúa expresamente.

Capítulo III

Xestión do Fondo Galego de Desenvolvemento Rural

Artigo 12º

1. De conformidade co disposto na disposición adicional sexta da Lei 5/2000, do 28 de decembro,

correspóndelle á axencia Galega de Desenvolvemento Rural a xestión dos recursos que a Xunta de Galicia destine ó Fondo Galego de Desenvolvemento Rural.

2. Nos termos establecidos na lei, os recursos do Fondo serán obxecto de periodificación anual nas leis de orzamentos.

Artigo 13º

1. Os recursos do Fondo Galego de Desenvolvemento Rural destinaranse preferentemente a:

a) Promocionar e apoiar proxectos con incidencia directa sobre o emprego e a renda das zonas rurais.

b) Apoia-las actividades productivas, con independencia do sector e da natureza do seu promotor, que se localicen nas zonas consideradas como rurais.

c) Apoia-las accións que en calquera caso contribúan de forma eficaz á diversificación económica e á modernización do tecido productivo rural.

d) Cofinanciar plans, programas e actuacións de entidades públicas galegas e grupos de acción local que xeren un impacto positivo sobre as zonas rurais.

e) Estender, reforzar e coordina-los grupos de acción local situados nas zonas rurais.

2. En función destes destinos preferentes, a axencia Galega de Desenvolvemento Rural aprobará cada ano as prioridades e criterios de distribución dos recursos do fondo, determinando as zonas rurais ás que se dirixe a súa actuación.

Artigo 14º

1. Para efectos do disposto no punto 1 do artigo anterior, as zonas rurais de Galicia determinaranse en función dos seguintes indicadores:

a) Incluír unha densidade de poboación inferior á media da Comunidade Autónoma.

b) Mostrar unha evolución demográfica regresiva, que non teña garantida suficientemente a renovación xeracional.

c) Incluír unha poboación activa agraria ou pesqueira superior á media da Comunidade Autónoma.

d) Incluír un índice de desemprego superior á media da Comunidade Autónoma.

e) Calquera outros indicadores apropiados para medi-lo nivel de desenvolvemento no ámbito rural.

2. As cidades e núcleos urbanos con maior nivel de desenvolvemento incluídos nas zonas rurais con estas características non quedan excluídos necesariamente das actuacións da axencia nin da distribución dos recursos do fondo Galego de Desenvolvemento Rural.

Artigo 15º

Os recursos xestionados pola axencia Galega de Desenvolvemento Rural deberán favorecer e propiciar de modo prioritario:

a) O incremento da dimensión das explotacións e dos negocios, a calidade, a innovación e a diferenciación.

b) A intensificación e mellora das relacións intersectoriais da economía galega, como fórmula de creación e retención de valor engadido.

c) Particularmente o desenvolvemento e mellora dos complexos agroalimentarios, forestal-madeira e mar-industria.

d) A recuperación de empresas afectadas por conxunturas desfavorables.

e) A explotación de viveiros de emprego no medio rural e, en especial, os relacionados cos servicios ás familias rurais.

f) A utilización do ambiente como factor de desenvolvemento e xeración de novos viveiros de emprego.

g) As iniciativas formativas e de emprego dirixidas á provisión de capital humano en oficios e ocupacións de carácter técnico-manual.

h) O desenvolvemento de aplicacións da sociedade da información especificamente adaptadas ó medio rural.

i) Actuacións innovadoras que favorezan a articulación interna das áreas rurais de Galicia.

j) Os proxectos e iniciativas directas de distribución comercial, posta en mercado e aproximación ó consumo dos diversos productos e servicios rurais.

Artigo 16º

O director xeral da axencia deseñará, para a súa aprobación polo consello de dirección, os procedementos para a xestión orzamentaria do fondo, establecendo as convocatorias para solicita-lo financiamento de actividades, sen prexuízo da posibilidade de financiamento ou cofinanciamento directo de accións ou programas determinados.

Artigo 17º

1. Para a avaliación das solicitudes de financiamento ou cofinanciamento con cargo ó fondo Galego de Desenvolvemento Rural, créase un Comité de Xestión do fondo, que será presidido polo director xeral da axencia Galega de Desenvolvemento Rural e estará composto por persoal adscrito á axencia con nivel de titulación superior. En función do proxecto ou iniciativa de que se trate, poderase incorporar ó comité un representante do ámbito sectorial máis significativo.

2. O Comité de Xestión avaliará as solicitudes, presentadas en cada convocatoria ou independentemente destas, sometendo ó consello de dirección as propostas de distribución dos recursos do fondo.

3. En calquera caso e no marco das preferencias legais e das prioridades establecidas polo consello de dirección, a avaliación das solicitudes e demandas de cofinanciamento deberá ter en conta os seguintes criterios:

a) O carácter adicional das actuacións en relación coa planificación xa existente e financiada con fondos europeos, estatais ou da Comunidade Autónoma.

b) A contribución efectiva dos proxectos ó desenvolvemento dos territorios rurais de Galicia e, en particular, a súa incidencia positiva sobre o emprego e o ambiente, valorando a incorporación da muller ó mercado de traballo e a eliminación ou restauración do impacto ambiental negativo.

c) A viabilidade técnica, económica e ambiental das actuacións, así como o emprego eficiente dos recursos, con especial atención ós aspectos comerciais e de distribución e á valorización de recursos locais ociosos.

d) A viabilidade dos réximes de cofinanciamento que para cada actuación poidan establecerse.

e) A coherencia cos plans e estratexias de desenvolvemento rural aprobados conforme o disposto neste decreto.

f) O consenso e a coordinación existente entre as partes implicadas nas actuacións que se levarán a cabo.

g) A cooperación entre diferentes grupos de acción local e destes coas administracións públicas.

h) A cooperación empresarial e a participación do capital privado.

i) O carácter demostrativo das actuacións e a súa capacidade de transferencia efectiva no ámbito local.

Artigo 18º

A selección dos plans e actuacións presentados á axencia para a súa aprobación, seguirán a seguinte secuencia xeral:

a) Presentación ante a axencia dos plans ou actuacións elixibles propostos polas administracións e/ou grupos de acción local para a obtención de financiamento, especificando as características do plan ou actuación proposto, o seu impacto sobre o desenvolvemento rural, o financiamento solicitado, a achega financeira da administración e/ou grupo de acción local, a relación con outras actuacións das administracións e/ou grupos de acción local e a fórmula de cooperación utilizada en cada proxecto ou actuación en cuestión.

b) O proceso de selección dos plans e actuacións propostos polas administracións e/ou grupos de acción local deberá suxeitarse ós principios de transparencia e concorrencia; en todo caso, para cada plan ou actuación proposto realizarase o correspondente informe motivado da decisión adoptada polo consello de dirección.

Capítulo IV

Réxime xurídico, económico e patrimonial

Artigo 19º

1. A axencia Galega de Desenvolvemento Rural axustará a súa actividade ó ordenamento xurídico

privado salvo cando exerza potestades administrativas, caso no que lle será de aplicación a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e demais normas administrativas de xeral aplicación.

2. Nas súas actividades de contratación, a axencia rexerase polo texto refundido da Lei de contratos das administracións públicas, aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2000, do 16 de xuño, e polas disposicións que o desenvolvan, así como polas que poidan dictarse en modificación dunha e outras.

Así mesmo, aplicaráselle a Lei 10/1996, do 5 de novembro, de actuación de entes e empresas nas que ten participación maioritaria a Xunta de Galicia, en materia de persoal e contratación.

3. A súa actividade económico-financeira rexerase, no que proceda, polo texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

4. A súa organización e funcións axustaranse ó previsto na disposición adicional sexta da Lei 5/2000, do 28 de decembro, de medidas fiscais e de réxime orzamentario e administrativo, neste decreto e nas súas normas de desenvolvemento.

Artigo 20º

Os recursos económicos da axencia Galega de Desenvolvemento Rural son:

a) As consignacións orzamentarias que lle sexan asignadas cada ano ó fondo Galego de Desenvolvemento Rural nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Os fondos comunitarios procedentes dos programas europeos Leader e Proder, en canto proceda a súa consignación.

c) As subvencións ou achegas de entidades e institucións públicas ou privadas, así como de particulares.

d) Calquera outro recurso que se lle poida atribuír.

Artigo 21º

O réxime financeiro, contable e orzamentario da axencia axustarase ás normas establecidas para as sociedades públicas autonómicas previstas no artigo 12.1º.b) do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Capítulo V

Persoal

Artigo 22º

Na axencia Galega de Desenvolvemento Rural poderán prestar servicios os seguintes tipos de persoal:

a) Contratado en réxime de dereito laboral.

b) Funcionario da Administración da Xunta de Galicia adscrito á axencia.

c) Persoal interino ou contratado administrativo da Administración da Xunta de Galicia adscrito á axencia.

d) Laboral da Administración da Xunta de Galicia adscrito á axencia.

Pertencer ó consello de dirección non xerará dereitos laborais.

Disposicións adicionais

Primeira.-Os órganos que integran a axencia Galega de Desenvolvemento Rural deberán constituírse no prazo de dous meses desde a entrada en vigor do presente decreto.

Segunda.-As competencias en materia de xestión, control e seguimento dos programas europeos Leader e Proder que ata agora exercía o Servicio de Infraestructura Rural, da Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, pasan a ser exercidas, desde o momento en que se constitúa, pola axencia Galega de Desenvolvemento Rural. Para este efecto o citado servicio intégrase na axencia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o conselleiro de Economía e Facenda para dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

San Clodio-Leiro (Ourense), seis de abril de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda