Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 75 Mércores, 18 de abril de 2001 Páx. 5.109

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 5 de abril de 2001, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se abre o prazo de presentación de solicitudes para a elaboración das listas reguladas no Decreto 89/1997, do 10 de abril, modificado polo Decreto 70/2000, do 31 de marzo, correspondentes ós corpos de xestión de administración (grupo B) e administrativo (grupo C) da Xunta de Galicia (lista B).

Polas resolucións do 4 de xullo de 2000 (DOG nº 136, do 13 de xullo) e do 26 de xullo de 2000 (DOG nº 156, do 11 de agosto), da Dirección Xeral da Función Pública, fixéronse públicas as listas para a cobertura con carácter temporal, mediante o nomeamento de persoal interino, de postos de traballo reservados a funcionarios, reguladas no Decreto 89/1997, do 10 de abril, correspondentes ós corpos de xestión de administración (grupo B) e administrativo (grupo C) da Xunta de Galicia, listas A1 e A2.

Considerándose insuficiente o número de persoas incluídas nas listas elaboradas, en relación coa previsión das vacantes que poidan xurdir nun futuro, faise necesario abrir un novo prazo para aqueles interesados en figurar na lista B, regulada no artigo 12 do citado decreto.

Por todo iso, de conformidade co acordo adoptado pola comisión permanente de selección para prazas

de funcionarios, na correspondente xuntanza, en aplicación do disposto no artigo 4.2º do Decreto 89/1997, do 10 de abril e co informe da comisión de persoal, esta dirección xeral acorda realiza-la convocatoria para a elaboración das devanditas listas, de conformidade coas seguintes

BASES:

Primeira.-Obxecto.

O obxecto desta convocatoria é a elaboración de listas con aquelas persoas interesadas na cobertura, con carácter temporal, mediante o nomeamento de persoal interino, de postos de traballo dos corpos de xestión de administración (grupo B) e administrativo (grupo C) da Xunta de Galicia, considerándose a súa cobertura de urxente necesidade, mentres non sexan ocupadas polos correspondentes funcionarios, de conformidade coa normativa de aplicación.

Segunda.-Listas.

Polo que se refire ó ámbito territorial, elaborarase unha lista para cada provincia da Comunidade Autónoma e outra para servicios centrais.

En canto ós epígrafes ós que se refire o artigo 12 do Decreto 89/1997, do 10 de abril (DOG nº 79,

do 25 de abril), a lista na que se incluirán os solicitantes será a seguinte:

-Lista B.

As listas que se confeccionen serán para os corpos que a continuación se sinalan:

-Corpo de xestión de administración da Xunta de Galicia (grupo B).

-Corpo administrativo da Xunta de Galicia (grupo C).

Incluiranse nestas lista os solicitantes que reúnan as condicións para poder inscribirse nelas, e a orde de prelación dos solicitantes virá dada pola puntación obtida de acordo co baremo ó que se refire o artigo 12.B) do Decreto 89/1997, do 10 de abril.

Cada interesado poderá presentar solicitudes nos ámbitos territoriais que desexe. Logo de seren chamados para prestaren servicios nun dos ámbitos elixidos e logo da aceptación do posto de traballo, serán excluídos dos demais ámbitos territoriais nos que figuren, sen prexuízo do disposto no artigo 8 do Decreto 89/1997, do 10 de abril.

De conformidade co disposto no artigo 4.3º do Decreto 89/1997, do 10 de abril, a comisión permanente de valoración poderá fixar un número máximo de compoñentes das listas cando, polo número de instancias presentadas e o número de vacantes que se prevexa que poidan producirse, aquel pareza suficiente.

Terceira.-Solicitudes.

1. As solicitudes que presenten os interesados para a súa inclusión na correspondente lista dirixiranse ó director xeral da Función Pública da Consellería da Presidencia e Administración Pública e axustaranse ó modelo que se publica como anexo I desta convocatoria.

2. O prazo para a presentación de solicitudes será de 20 días contados desde o seguinte ó da publicación desta convocatoria no DOG e poderanse presentar no rexistro xeral da Consellería da Presidencia e Administración Pública, nos das súas delegacións provinciais, oficinas comarcais da Xunta de Galicia, así como nos lugares previstos no artigo 38 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. Estarán exentos do pagamento da taxa por dereitos de incrición os que posúan unha discapacidade igual ou superior ó 33%, circunstancia que deberá ser acreditada documentalmente xunto coa instancia.

Os solicitantes ós que non se refire o parágrafo anterior estarán obrigados, no prazo de dez días a partir da publicación das listas, ó pagamento das taxas que a continuación se expresan:

-Corpo de xestión de administración da Xunta de Galicia (grupo B): 6.780 pesetas.

-Corpo administrativo da Xunta de Galicia (grupo C): 5.810 pesetas.

Os que así non o fixesen no prazo indicado serán excluídos automaticamente das listas.

Para facer efectivo o ingreso da taxa deberá cubrirse o anexo III. Os modelos correspondentes a este anexo facilitaranse nas dependencias da Administración da Xunta de Galicia especificadas na base 3.2, debendo cubrirse cos códigos que figuran nel. Non obstante, para o cumprimento deste requisito poderase utilizar unha fotocopia do anexo III, que se publica con esta convocatoria.

Cuarta.-Requisitos.

Os solicitantes deberán reuni-lo seguinte requisito:

-Corpo de xestión de Administración da Xunta de Galicia (grupo B): enxeñeiro técnico, arquitecto técnico, diplomado universitario ou equivalente.

-Corpo administrativo da Xunta de Galicia (grupo C): bacharelato, formación profesional de segundo grao ou equivalente.

O citado requisito deberá posuírse o último día do prazo para a presentación de solicitudes.

No suposto de titulacións obtidas no estranxeiro, deberase presentar copia cotexada do documento que acredite fidedignamente a súa homologación.

Así mesmo, terán que acreditar no momento no que acepten o posto de traballo que se lles oferte:

-Ser español ou nacional dun Estado membro da Unión Europea, ou nacional do reino de Noruega ou nacional da República de Islandia.

Tamén poderá participa-lo cónxuxe, descendentes e descendentes do cónxuxe, dos españois e dos nacionais de países membros da Unión Europea, de Noruega ou de Islandia, sempre que non estean separados de dereito, menores de vinteún anos, ou maiores da dita idade que vivan ás súas expensas.

Este último beneficio será igualmente de aplicación a familiares de nacionais doutros estados cando así se prevexa nos tratados internacionais subscritos pola Comunidade Europea e ratificados por España.

-Ter cumpridos 18 anos.

-Non padecer enfermidade nin estar afectado por limitación física ou psíquica que sexa incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

-Non estar separado do servicio de ningunha Administración pública en virtude de expediente disciplinario nin inhabilitado por sentencia firme para o exercicio de funcións públicas.

-Os aspirantes que non teñan nacionalidade española deberán acreditar, igualmente, non estar sometidos a sanción disciplinaria ou condena penal que impida no seu Estado o acceso á función pública.

-No suposto de que non acrediten estes requisitos os solicitantes decaerán en tódolos seus dereitos e quedarán excluídos da lista.

Quinta.-Documentación.

Xunto coa solicitude deberá presentarse fotocopia do DNI e copia cotexada do título académico requirido nesta convocatoria, e, de se-lo caso, copia cotexada da cualificación de minusvalidez, para os efectos da exención prevista na base 3.3.

No suposto de titulacións obtidas no estranxeiro deberase xuntar copia cotexada do documento que acredite a súa homologación.

Os aspirantes que non posúan a nacionalidade española e teñan dereito a participar, deberán presentar unha fotocopia do documento que acredite a súa nacionalidade e, de se-lo caso, os documentos que acrediten o vínculo de parentesco e o feito de vivir a expensas ou estar a cargo do nacional doutro Estado co que teña o dito vínculo. Así mesmo, deberán xuntar declaración xurada ou promesa desta, de que non está separado de dereito do cónxuxe e, de se-lo caso, do feito de que o aspirante vive a expensas ou está ó seu cargo. Así mesmo, e no caso de nacionais de estados en que o idioma oficial non sexa o castelán, deberan presentar documento xustificativo do dominio da dita lingua.

Os méritos que invoquen os interesados e que, de acordo co baremo previsto no artigo 12 do Decreto 89/1997, desexen que se lles teñan en conta, así como o cumprimento dos requisitos esixidos para o corpo que se solicita, acreditaranse debidamente mediante documentos orixinais ou fotocopias destes, que se presentarán cotexados fidedignamente, debendo numerarse de acordo co modelo do anexo II, significándose que non se valorarán aqueles méritos que a comisión considere que non están suficientemente acreditados.

Os méritos valoraranse con referencia á data da publicación desta resolución no DOG.

Os méritos a que se refire a alínea B.3) do artigo 12 do referido decreto, servicios prestados noutras administracións públicas no mesmo corpo, acreditaranse mediante certificación xustificativa que a deberán emiti-los órganos de xestión de persoal competentes.

No suposto de alegar méritos pola alínea B.1 (ter superado algún dos exercicios do último proceso selectivo), non será necesario que o interesado os xustifique.

Sexta.-Elaboración das listas.

1. A comisión permanente de selección para a cobertura temporal de postos de traballo reservados a funcionarios, á que se refire o artigo 5 do Decreto 89/1997 e que ten a categoría primeira das previstas no Decreto 299/1990, do 24 de maio, será a encargada de elabora-las listas correspondentes. Por petición da comisión permanente, e cando o

número de aspirantes así o faga aconsellable, poderán nomearse comisións colaboradoras, e a súa función será participar na aplicación do baremo dos méritos alegados polos interesados.

2. Logo de seren elaboradas as listas, a Dirección Xeral da Función Pública publicará no DOG o anuncio da exposición destas nos taboleiros de anuncios do Servicio de Información e Atención ó Cidadán da Consellería da Presidencia e Administración Pública, nos das súas delegacións provinciais e nas oficinas comarcais da Xunta de Galicia.

3. Os chamamentos realizaranse conforme o establecido no artigo 5.3º do Decreto 89/1997, do 10 de abril, utilizando simultánea e alternativamente as listas A1 e A2 (publicadas polas resolucións do 4 de xullo e 26 de xullo de 2000), de forma que o primeiro aspirante chamado será o correspondente da lista A1, o segundo o da lista A2, e así sucesivamente ata a finalización dos chamamentos correspondentes as dúas listas do epígrafe A. Todo isto en cada ámbito territorial no que existan as listas.

Polo tanto, unha vez que se esgoten ou non poidan utilizarse as mencionadas listas, os chamamentos realizaranse en cada ámbito territorial a través das listas que se elaboren segundo esta convocatoria (lista B).

Sétima.-Recursos.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, os interesados poderán interpoñer, con carácter potestativo, recurso de reposición ante o conselleiro da Presidencia e Administración Pública, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ó da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das adminstracións públicas e do procedemento administrativo común, ou, directamente, recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ó da súa publicación, ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela, conforme o artigo 14.2º da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 5 de abril de 2001.

Joaquín López-Rúa Soler

Director xeral da Función Pública