Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 74 Martes, 17 de abril de 2001 Páx. 5.051

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

ORDE do 3 de abril de 2001 pola que se establecen axudas para a educación ambiental para o ano 2001.

O artigo 149.1º.23 da Constitución, así como o artigo 27.30º do Estatuto de autonomía de Galicia facultan a nosa Comunidade Autónoma para establecer normas adicionais sobre protección do medio e a paisaxe.

A Comunidade Autónoma de Galicia ten a obriga de fomenta-la conciencia de que o medio galego é un patrimonio e un ben no que tódolos estamentos sociais deben estar implicados.

O Decreto 482/1997, do 26 de decembro, establece a estructura orgánica da Consellería de Medio Ambiente correspondéndolle o exercicio das competencias e funcións en materia de información, formación e educación ambiental.

A estratexia galega de educación ambiental recomenda o apoio e fomento das iniciativas de educación ambiental promovidas por asociacións e outras entidades de carácter social que atendan ós principios

rectores nela establecidos e que son conducentes cara a unha cultura ambiental da sostibilidade.

Por todo isto, a Consellería de Medio Ambiente promove un réxime de axudas destinadas á formación dunha conciencia social para a defensa e mellora do contorno e a educación ambiental. Estas accións desenvólvense, mediante diversos plans, entre os que destaca o plan de difusión ambiental.

En virtude do anterior e no uso das atribucións que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto das axudas.

A presente orde ten por obxecto a concesión de axudas en réxime de concorrencia competitiva, para a realización de:

a) Cursos, conferencias, exposicións e outras actividades divulgativas relacionadas coa educación ambiental.

b) Publicacións en formato impreso, audiovisual ou multimedia de orixinais de material didáctico ou de divulgación dirixido á educación ambiental, incluíndo a súa preparación e elaboración, sempre que a súa finalidade sexa a súa distribución gratuíta.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios das axudas previstas nesta orde:

a) Persoas físicas, sempre que a súa finalidade sexa a realización de publicacións segundo o recollido no artigo 1º.b da presente orde.

b) Institucións sen fins de lucro (como asociacións, fundacións, entidades benéficas, etc.) que dispoñan dos medios suficientes e adecuados para levar a cabo accións de educación e divulgación ambiental. Cando os solicitantes sexan asociacións deberán estar inscritas no rexistro de asociacións protectoras do medio ambiente da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Centros docentes públicos ou concertados que queiran promociona-la educación ambiental mediante a programación e realización de actividades que contribúan a este labor e dispoñan dos medios suficientes e adecuados.

Tódolos beneficiarios deberán te-lo seu domicilio social, no caso de persoas xurídicas, ou particular, no caso das persoas físicas, no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 3º.-Porcentaxes e importe máximo das axudas.

A Consellería de Medio Ambiente subvencionará os investimentos que leven a cabo accións relacionadas no artigo primeiro co 75% do orzamento aprobado. En todo caso, o importe máximo da subvención para cada actuación non superará o importe de 1.000.000 de pesetas e cubrirá:

a) Gastos derivados de organización; honorarios de conferenciantes e profesorado; aluguer de equipos e material; realización de material expositivo, de divulgación do propio acto e outro material corres

pondente á actividade, excluíndo o material inventariable.

b) Gastos derivados da preparación do material (como fotografías, ilustracións e outros necesarios) para a elaboración da unidade que se propoña na memoria de solicitude, a de impresión ou publicación, excluíndo o material inventariable.

O importe do IVE non será subvencionable na medida recuperable da Facenda Pública.

Artigo 4º.-Condicións da concesión.

1. En toda a documentación pública relacionada coas actividades subvencionadas farase constar que estas se realizan en colaboración coa Consellería de Medio Ambiente, empregando os logotipos de imaxe corporativa da Xunta de Galicia.

2. No caso de subvencións concedidas a publicacións deberá reservarse un 10% dos exemplares editados para a súa distribución gratuíta pola Consellería de Medio Ambiente.

No caso de estudios los beneficiarios terán que presentar cinco exemplares do traballo subvencionado na Consellería de Medio Ambiente.

3. O incumprimiento das condicións establecidas para a súa concesión determinará a obriga de reintegro total ou parcial da axuda percibida.

4. Toda alteración das condicións tidas en conta na concesión da axuda, e en todo caso a obtención concorrente de axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais poderá dar lugar á modificación ou anulación da concesión.

Artigo 5º.-Solicitudes e documentación.

1. As solicitudes para acollerse ás axudas citadas deberán dirixirse ó conselleiro de Medio Ambiente, e conterán a documentación que se requira debidamente cuberta e asinada.

2. Tódolos solicitantes presentarán a seguinte documentación:

1) Solicitude segundo o modelo do anexo I.

2) Certificación bancaria segundo anexo II.

3) Fotocopia do NIF do solicitante, se é o caso, debidamente compulsada, ou acreditación da representación do solicitante por calquera medio válido en dereito de acordo co disposto no artigo 32 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

4) Memoria explicativa das accións concretas que se queiran emprender, que deberá conter, alomenos, os seguintes puntos:

a) Programación, que conteña unha descrición detallada do programa de actividades, lugar, temas que se van tratar, relatores e títulos dos relatorios, medios materiais e humanos cos que se conta, e calquer outro aspecto que se considere de interese.

b) Persoas ás que vai dirixido e número de participantes previstos.

c) Breve memoria dos actos celebrados no último ano pola entidade organizadora e certificado dos que foran recoñecidos de interese ambiental.

5) Orzamento detallado que se precisa.

6) Calendario de actuacións e remate previsto das actuacións, que deberá ser anterior ó día 31 de outubro de 2001.

7) S eé o caso, as autorizacións administrativas que se requiran para a realización das actuacións previstas.

8) Unha declaración xurada de conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes.

3. Segundo as características dos beneficiarios, terán que acompañar ademais, a seguinte documentación complementaria:

a) Os centros docentes públicos ou concertados deberán presenta-lo acordo do órgano competente para solicita-la subvención.

b) No caso de publicacións terá que presentarse un índice e borrador desta.

Artigo 6º.-Lugar e prazo de presentación.

1. A documentación deberá presentarse na Consellería de Medio Ambiente, directamente ou ben na forma prevista no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. O prazo para a presentación das solicitudes será de 30 días naturais contados desde o día seguinte ó da publicación da presente orde no DOG.

Artigo 7º.-Tramitación e concesión.

1. Unha vez recibidas as solicitudes, a Consellería de Medio Ambiente poderá solicita-la ampliación de datos ou informes que considere necesarios.

Se se observa algunha deficiencia, esta será notificada, concedéndose ó solicitante un prazo de dez días, contados desde a recepción da notificación, para emenda-las deficiencias conforme o artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro. Transcorrido este prazo sen que se producira a emenda o expediente terase por desistido da súa petición, logo da resolución.

A seguir, o Centro de Información e Tecnoloxía Ambiental, que se encargará da tramitación das axudas, efectuará as comprobacións e estudios pertinentes, formulará a correspondente proposta de resolución que conterá unha relación dos solicitantes para os que se propón a concesión de axudas e a contía, así como daqueles para os que se propón a denegación da subvención solicitada. A dita proposta elevarase ó conselleiro de Medio Ambiente, quen dictará a pertinente resolución de concesión ou denegación de axuda, tendo en conta as prioridades e limitacións contidas nesta orde.

Comunicarase ós solicitantes a aprobación ou denegación dela así como a contía da subvención, no prazo máximo de tres meses a partir da publicación da presente convocatoria.

2. Transcorrido o prazo máximo para notifica-la resolución sen que a Administración a adoptase, entenderase denegada a solicitude por silencio admi

nistrativo, sen prexuízo da obriga da Administración de resolvela expresamente en todo caso.

3. A resolución da subvención porá fin á vía administrativa e contra ela poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Medio Ambiente no prazo dun mes contado a partir do día seguinte da recepción da notificación da resolución, ou no prazo de tres meses desde que se entenda desestimada por silencio administrativo, ou ben ser impugnada directamente ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses se a resolución fora expresa ou seis meses desde que se entenda desestimada por silencio administrativo, de acordo co disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, ou recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdiccional contencioso administrativo competente no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ó da notificación da resolución, de conformidade co disposto no artigo 46 da Lei 26/1998, do 13 de xullo, da xurisdicción contencioso administrativa.

4. As solicitudes baremaranse conforme os seguintes criterios:

1) Relación entre a calidade técnica e o custo da actividade que se vai realizar: 0-10 puntos.

2) Alcance das accións que se van desenvolver: 0-10 puntos.

3) Medios humanos e materiais que se van utilizar: 0-5 puntos.

4) Nivel de identificación coas recomendacións contidas na Estratexia Galega de Educación Ambiental: 0-10 puntos.

5) Valorarase ademais:

a) A orixinalidade do proxecto.

b) O non ter sido beneficiario desta axuda o ano anterior.

c) O número de peticións por solicitante primando o de máis calidade técnica.

d) A gratuidade das actividades recollidas no punto a) do artigo 1º.

5. Recibida a comunicación de aprobación, o solicitante deberá notificar nun prazo de 10 días hábiles ó CITA a aceptación das condicións da subvención. Se o solicitante fose unha asociación, centro docente ou entidade non lucrativa, presentará o acordo do órgano competente desta.

Artigo 8º.-Comisión de avaliación:

A comisión de avaliación dos proxectos presentados estará composta por:

a) O director xeral do Centro de Información e Tecnoloxía Ambiental, ou persoa en quen delegue.

b) O xefe do Departamento de Educación e Información Ambiental, ou persoa en quen delegue.

c) O xefe da Área de Información, Formación e Educación Ambiental, ou persoa en quen delegue.

Artigo 9º.-Procedimiento de pagamento e xustificación.

1. Para o pagamento das axudas será preciso xustifica-la execución das accións aprobadas mediante a proba documental correspondente, considerándose como medios de xustificación precedentes, sen prexuízo doutros que poidan establecerse, os que se determinan no artigo 15.2º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, e que deberán estar debidamente acreditados ante a Dirección Xeral do Centro de Información e Tecnoloxía Ambiental, no prazo de 15 días naturais a partir da finalización das actuacións.

2. O peticionario presentará, no momento da xustificación da execución total do proxecto, e en calquera caso, antes do último pagamento, unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

3. Así mesmo o beneficiario debe acreditar con anterioridade ó cobramento da axuda que se encontra ó día das súas obrigas tributarias estatais, autonómicas e da Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha otra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma. Desta obriga están exceptuados os centros docentes de titularidade pública, de acordo co disposto na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2001.

4. A Consellería de Medio Ambiente resérvase a facultade de realiza-las comprobacións, inspeccións e controis que considere oportunos, para verifica-lo cumprimento da finalidade da axuda.

5. O beneficiario estará obrigado en todo caso a facilitar toda a información que lle sexa requirida poa Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e/ou Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Artigo 10º.-Prazo de finalización das actuacións.

1. As actuacións obxecto da subvención deberán estar terminadas e xustificadas antes do 31 de outubro de 2001.

2. O incumprimento do prazo de execución dará lugar á revogación da concesión da subvención.

Artigo 11º.-Outras condicións.

En toda a documentación publicada relacionada coas actividades obxecto da axuda farase consta-la frase: esta actividade foi realizada cunha axuda económica da Consellería de Medio Ambiente. Nos exemplares de distribución gratuíta farase constar impreso neles a frase: exemplar gratuíto.

En relación cos orixinais que se realicen segundo o establecido no artigo 1.b, que non leven consigo directamente a súa publicación ou realización, a Consellería de Medio Ambiente reserva para si o dereito de publicación ou de realización, durante un ano, contando desde a data de entrega do orixinal.

Artigo 12º.-Reintegro.

Procederá ó reintegro total ou parcial das axudas reguladas nesta orde, e dos xuros de demora e xuros devengados desde o seu pagamento, no suposto de incumprimento das condicións establecidas na súa concesión e nos supostos previstos no artigo 78.9º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, segundo a redacción dada pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa, e nos supostos establecidos no artigo 19 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro.

Artículo 13º.-Infraccións e sancións.

Ós beneficiarios das axudas reguladas nesta orde aplicaráselle-lo réxime de infraccións e sancións previsto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, segundo a redacción dada pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa.

Artigo 14º.-Obriga de facilitar información.

Ademais da documentación complemetaria que durante a tramitación do procedemento lles poidan esixir ós órganos correspondentes do Centro de Información e Tecnoloxía Ambiental, os beneficiarios das axudas previstas nesta orde teñen a obriga, conforme o previsto no artigo 78.6º i) do Decreto lexislativo 1/1999, de facilitar toda a información que lles sexa requirida polos órganos dependentes do organismo pagador, pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e/o polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas públicas, así como a que lle sexa solicitada por calquera órgano comunitario de inspección ou control.

Disposicións adicionais

Primeira.-As axudas financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 15.04.342A780.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2001, cunha dotación inicial de 20.000.000 pesetas, que poderá ser incrementada a través das necesarias modificacións orzamentarias da partida.

Segunda.-A percepción desta subvención será incompatible coa doutras procedentes das diferentes administracións para os mesmos fins.

Disposición derradeira

Facúltase o director xeral do Centro de Información e Tecnoloxía Ambiental para dicta-las disposicións necesarias con obxecto de desenvolve-la presente orde, que entrará en vigor o día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de abril de 2001.

José Carlos del Álamo Jiménez

Conselleiro de Medio Ambiente