Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 72 Mércores, 11 de abril de 2001 Páx. 4.902

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 16 de marzo de 2001 pola que se regula o procedemento para a admisión de alumnos en educción infantil, primaria e secundaria obrigatoria en centros sostidos con fondos públicos.

O Decreto 87/1995, do 16 de marzo, establece os criterios de admisión de alumnos nos centros docentes dos niveis non universitarios sostidos con fondos públicos. Na súa disposición derradeira faculta a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para dicta-las disposicións que esixa o desenvolvemento e a execución do dito decreto. A Orde do 5 de abril de 1995 (DOG do 10 de maio) desenvolve o citado decreto e establece o correspondente procedemento de admisión. Transcorridos varios anos, á vista da experiencia adquirida, parece oportuno introducir distintas modificacións no procedemento co fin de facelo máis operativo.

En consecuencia co anterior, esta consellería

DISPÓN:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º

A escolarización de alumnos e alumnas nos centros de educación infantil, educación primaria e educación secundaria obrigatoria sostidos con fondos públicos realizarase segundo o establecido nos artigos seguintes.

Capítulo II

Escolarización mediante reserva de praza

Artigo 2º

Os directores dos centros establecerán un período do 1 ó 10 de marzo para que tódolos alumnos e alumnas do centro poidan solicita-la reserva de praza sen que a súa continuidade no centro requira novo proceso de admisión. A non solicitude de reserva implica a escolarización mediante o proceso de admisión regulado no capítulo III desta orde.

Artigo 3º

As reservas axustaranse ó modelo oficial que se publica como anexo I a esta orde e terán a consideración de solicitude para os efectos previstos no artigo 10º desta orde.

Artigo 4º

Para os efectos de escolarización dos alumnos e alumnas sen necesidade dun novo proceso de admisión, os delegados provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, de acordo coa planificación previamente realizada para atende-las necesidades de escolarización, poderán adscribi-los centros públicos de educación primaria a institutos de educación secundaria nos que se imparta educación secundaria obrigatoria. Esta mesma adscrición poderase aprobar para os centros privados concertados, logo de solicitude destes, ben a institutos de educación secundaria ben a outros centros privados, e, neste

último caso, realizarase preferentemente a aqueles centros que estean no mesmo recinto escolar ou que pertenzan ó mesmo titular.

Capítulo III

Escolarización mediante proceso de admisión

Artigo 5º

Fixada a capacidade dos centros pola inspección educativa e coñecidas as reservas de prazas, os directores dos centros farán público antes do 16 de marzo o número de postos escolares dispoñibles para o curso seguinte especificados por curso e nivel.

Artigo 6º

O prazo de presentación de solicitudes de admisión será do 16 de marzo ó 16 de abril. Cando este último coincida con día non lectivo prorrogarase automaticamente ata o primeiro día lectivo.

Artigo 7º

As solicitudes axustaranse ó modelo oficial que se publica como anexo II a esta orde e presentaranse xunto coa documentación que acredite o cumprimento dos requisitos académicos esixidos e con tódolos xustificantes dos criterios de baremación establecidos no anexo III.

Artigo 8º

A presentación dos xustificantes dos criterios de baremación ten carácter voluntario. A non presentación dalgún deles suporá a renuncia explícita a ser baremado no criterio correspondente.

Artigo 9º

1. Cada solicitante presentará unha única instancia, relacionando nela por orde de preferencia tódolos centros nos que solicita praza. Esta instancia será entregada no centro que solicita en primeiro lugar.

2. No caso de que o alumno non obtivese praza no centro solicitado en primeiro lugar, o director remitirá a solicitude, xunto coa correspondente documentación, á delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que procederá a escolariza-lo alumno de acordo co que se dispón nesta orde.

Artigo 10º

No caso de que o alumno presente máis dunha solicitude, non se terá en conta ningunha delas, procedéndose á súa escolarización ó final do proceso. Do mesmo xeito se procederá coas solicitudes entregadas fóra de prazo.

Artigo 11º

Sen prexuízo do sinalado no punto 1 do artigo 9º, as delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderán dispoñer que, en determinadas localidades as solicitudes se presenten nun único centro ou dependencia.

Artigo 12º

Os alumnos que soliciten e obteñan praza nun centro distinto ó que lles corresponda, segundo a distribución de zonas de influencia aprobada pola delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, non terán dereito a ningún dos servicios complementarios establecidos con carácter gratuíto e sufragados pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Artigo 13º

1. As delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria delimitarán as zonas de influencia dos centros co obxecto de aplica-la puntuación que corresponda por proximidade do domicilio. Para determina-la área de influencia de cada centro terase en conta a súa capacidade e a poboación a escolarizar do seu ámbito.

2. As resolucións das delegacións polas que se determinan as zonas de influencia dos centros deberanse facer públicas para xeral coñecemento e notificarse a tódolos centros afectados.

Artigo 14º

Os órganos competentes dos centros, conforme o establecido no artigo 17 do Decreto 87/1995, do 16 de marzo, adxudicaránlle-los postos escolares vacantes ós alumnos que o soliciten e reúnan os requisitos previstos no artigo 6º do dito decreto, conforme os seguintes criterios:

a) No suposto de que nun centro existan máis prazas vacantes que solicitudes, serán admitidos tódolos solicitantes.

b) Se o número de solicitantes é superior ó de prazas vacantes, adxudicáranselles estas ós solicitantes que obteñan maior puntuación, logo de aplica-los criterios de baremación fixados no anexo III a esta orde.

Artigo 15º

A resolución pola que se adxudican as prazas e a relación dos solicitantes, coa totalidade da puntuación outorgada por epígrafes, faranse públicas antes do día 10 de maio no taboleiro de anuncios do centro. Simultaneamente enviaranse á delegación da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria copias delas xunto co número de prazas non cubertas, detalladas por cursos e niveis, e coa documentación que sinala o punto 2 do artigo 9º.

Artigo 16º

1. As delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderán constituír, nas localidades que crean convenientes, comisións de escolarización. Estas comisións terán como función: propoñe-la delimitación das zonas de influencia dos centros para a súa aprobación segundo se establece no artigo 13º e distribuír aqueles alumnos que non obteñan posto escolar no centro solicitado en primeiro lugar entre os centros que conten con prazas vacantes, tendo en conta as preferencias dos alumnos e os criterios de baremación establecidos no anexo III.

2. As resolucións das comisións de escolarización ou, se é o caso, da inspección educativa serán remitidas a cada centro, onde se farán públicas antes do 10 de xuño, xunto coa documentación dos alumnos destinados a el.

Artigo 17º

As delegacións provinciais de Educación adoptarán, se é o caso, as medidas necesarias para garanti-la escolarización dos alumnos do ensino básico.

Artigo 18º

As comisións de escolarización estarán integradas por:

-Un membro da inspección educativa, designado polo delegado provincial da Consellería de Educación

e Ordenación Universitaria, que actuará como presidente.

-Un director dun centro público designado polo delegado.

-Un titular dun centro concertado designado polo delegado.

-Dous representantes dos pais de alumnos: un designado polas federacións das asociacións de pais de alumnos de centros públicos e outro designado polas federacións das asociacións de pais de alumnos de centros privados concertados.

-Un representante do concello.

Actuará como secretario da comisión, con voz pero sen voto, un funcionario designado polo delegado provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Capítulo IV

Formalización da matrícula

Artigo 19º

1. Os alumnos admitidos en cada centro mediante calquera dos procesos descritos nos capítulos II e III desta orde formalizarán a súa matrícula no mesmo.

2. A formalización da matrícula farase mediante un impreso no que necesariamente conste a sinatura do pai, nai ou titor legal ordinario ou persoa que teña a garda e protección do alumno, que poderá ser deseñado por cada centro ou, no seu defecto, utilizaranse os que figuran como anexo IV a esta orde: IV a) para educación infantil e primaria e IV b) para educación secundaria obrigatoria.

Artigo 20º

Os prazos de formalización de matrícula serán os seguintes:

-Do 20 ó 30 de xuño para os alumnos de educación infantil e de educación primaria.

-Do 25 de xuño ó 10 de xullo para os alumnos de educación secundaria obrigatoria.

Transcorridos estes prazos, entenderase que o alumno non matriculado renuncia á praza.

Artigo 21º

Rematado o prazo de matrícula, os directores de centros públicos e os titulares de centros concertados comunicarán á delegación provincial de Educación o número de postos escolares vacantes especificando curso e nivel.

Capítulo V

Escolarización de alumnos que rematan primaria

Artigo 22º

Os alumnos que rematen a educación primaria en centros públicos integrados e fagan a reserva de praza prevista no artigo 2º desta orde, quedarán automaticamente admitidos e, unha vez que formalicen a matrícula nos prazos previstos no artigo 20º desta orde, o centro procederá á súa inscrición na páxina 16 do libro de escolaridade do ensino básico.

Artigo 23º

1. Os alumnos que ó remataren a educación primaria deban cambiar de centro para continuaren os seus estudios e desexen face-la reserva de praza no centro ó que está adscrito o centro de educación primaria, solicitarán a dita reserva no centro de primaria, quedando automaticamente admitidos sen necesidade de novo proceso de admisión.

2. Para os efectos previstos no artigo 5º esta orde, os directores dos centros de primaria enviarán antes do 15 de marzo ó director do centro ó que están adscritos a relación nominal dos alumnos que fixeron a solicitude de reserva.

3. Os alumnos que non fixesen a reserva de praza á que se refiren os puntos anteriores deberán escolarizarse de acordo co proceso de admisión previsto no capítulo III da presente orde.

4. Os alumnos admitidos tanto mediante reserva de praza como mediante proceso de admisión, deberán formaliza-la súa matrícula no instituto de educación secundaria ou, se é o caso, no centro público integrado, nos prazos previstos no artigo 20º desta orde. Transcorridos estes prazos, entenderase que o alumno non matriculado renuncia á praza.

5. Para os efectos do establecido no punto anterior, o director do centro de primaria remitirá, antes do 25 de xuño, ó director do centro ó que está adscrito a relación nominal de alumnos que promocionaron á educación secundaria obrigatoria.

6. Os alumnos de educación secundaria obrigatoria admitidos en centros distintos ó de adscrición deberán solicitar do centro de primaria un certificado no que conste a superación desa etapa educativa para os efectos de formaliza-la súa matrícula.

7. O director do centro receptor solicitará ós directores dos colexios de educación primaria a documentación correspondente ós alumnos que formalizaron a matrícula no centro que dirixe. Mentres tanto, toda a documentación quedará depositada no colexio de educación primaria.

Capítulo VI

Artigo 24º

En cumprimento do establecido no Decreto 320/1996, do 26 de xullo, cando alumnos con necesidades educativas especiais, en resposta ás súas necesidades, requiran dotación e equipamentos singulares de difícil xeneralización, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, logo dos informes que estime oportunos, determinará o centro onde se escolarizarán preferentemente.

Artigo 25º

Os alumnos que, por causas debidamente xustificadas (traslado de localidade ou outras), non se matriculasen nos prazos fixados, presentarán a súa solicitude, xunto cos xustificantes correspondentes na delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que resolverá segundo proceda, tendo en conta o informe da inspección.

Artigo 26º

Contra as resolucións dos consellos escolares, das comisións de escolarización e, se é o caso, da ins

pección educativa poderase presentar reclamación, no prazo de tres días contados a partir da data da súa publicación, ante o órgano que as dictou, que deberá resolver no prazo de cinco días. Contra esta resolución poderase interpoñer recurso de alzada ante o delegado provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, segundo o establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999.

Artigo 27º

As persoas que teñan acceso á documentación presentada polos solicitantes no proceso de admisión de alumnos terán o mesmo deber de sixilo en relación con ela que os funcionarios da Administración pública.

Artigo 28

O disposto nesta orde será de aplicación ós centros privados concertados en todos aqueles aspectos que lles afecten segundo os niveis de ensinanzas que impartan.

Disposicións transitorias

Primeira.-O establecido no artigo 22º desta orde é de aplicación ós centros de educación primaria que escolaricen provisionalmente alumnos do primeiro ciclo da educación secundaria obrigatoria.

Segunda.-Os alumnos que rematen o primeiro ciclo da educación secundaria obrigatoria nos centros ós que se refire a disposición transitoria primeira escolarizaranse no 2º ciclo, de acordo co proceso establecido no artigo 23º desta orde para os alumnos que rematen educación primaria.

Terceira.-Sen prexuízo do establecido na disposición derrogatoria primeira e co fin de harmoniza-lo establecido nesta orde os procesos iniciados ó abeiro da Orde do 5 de abril de 1995, pola que se regula o procedemento para admisión de alumnos en educación infantil, primaria e secundaria obrigatoria en centros sostidos con fondos públicos, son válidas, para o proceso de escolarización do curso 2001/2002, as solicitudes de admisión presentadas segundo o modelo do anexo II á citada Orde do 5 de abril de 1995.

Disposicións derrogatorias

Primeira.-Derrógase a Orde do 5 de abril de 1995 pola que se regula o procedemento para admisión de alumnos en educación infantil, primaria e secundaria obrigatoria en centros sostidos con fondos públicos.

Segunda.-Derrógase o artigo 15º da Orde do 30 de xuño de 2000 pola que se aproba o calendario escolar para o curso 2000/2001 nos centros docentes de niveis non universitarios sostidos con fondos públicos.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Segunda.-Autorízase a Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa para dicta-las normas necesarias para a aplicación e desenvolvemento desta orde.

Santiago de Compostela, 16 de marzo de 2001.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria

ANEXO III

Criterios de admisión

Proximidades do domicilio.

a) Alumnos con domicilio familiar na zona de influencia do centro solicitado5 puntos.

b) Alumnos con domicilio familiar en zonas limítrofes á do centro solicitado2 puntos.

c) Alumnos con domicilio familiar no mesmo concello que o do centro solicitado1 punto.

d) Alumnos que non estean nalgunha das circunstancias anteriores0 puntos.

Xustificante: certificado de empadroamento, expedido polo concello.

Renda anual da unidade familiar.

a) Rendas iguais ou inferiores ó dobre do salario mínimo interprofesional2 puntos.

b) Rendas superiores ó dobre do salario mínimo interprofesional que non excedan o cuádruplo do salario mínimo interprofesional1 punto.

c) Rendas superiores ó cuádruplo do salario mínimo interprofesional0 puntos.

Xustificantes: fotocopia compulsada da declaración da renda. Se os pais do solicitante fan a declaración por separado, presentarase fotocopia compulsada de ámbalas dúas.

Criterios de aplicación:

1º De non presentarse a declaración da renda, outorgaranse cero puntos por este epígrafe.

2º Se unicamente se presenta o certificado da Axencia Tributaria de non ter feito a declaración da renda, outorgarase un punto por este epígrafe.

3º Para obter, se é o caso, os dous puntos previstos na alínea a) é necesario acreditar documentalmente que a renda familiar é inferior ó dobre do salario mínimo interprofesional.

Existencia de irmáns matriculados no centro.

a) Primeiro irmán no centro3 puntos.

b) Por cada un dos irmáns seguintes1 punto.

Xustificante: comprobación por parte do centro.

Outros criterios.

a) Pola condición de familia numerosa1 punto.

Xustificante: fotocopia compulsada do título de familia numerosa.

b) Pola condición de minusválido1 punto.

Xustificante: certificado médico.

Criterios para resolve-los casos de empate na puntuación outorgada ós solicitantes.

a) Maior puntuación obtida no epígrafe de proximidade domiciliaria.

b) Maior puntuación obtida no epígrafe de irmáns matriculados no centro.

c) A condición de minusvalidez.

d) A condición de familia numerosa.

e) Maior puntuación obtida no epígrafe de renda anual da unidade familiar.

f) O sorteo público ante o consello escolar do centro.