Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 72 Mércores, 11 de abril de 2001 Páx. 4.886

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 29 de marzo de 2001 pola que se regula a autorización de centros, servicios e establecementos sanitarios.

O Decreto 77/2001, do 29 de marzo, sobre centros, servicios e establecementos sanitarios da Comunidade Autónoma de Galicia, entre outros aspectos, relaciona os centros, servicios e establecementos que se consideran sanitarios e polo tanto se encontran incluídos dentro do seu ámbito de aplicación e, así mesmo, determina unha serie de obrigas ás que están suxeitos estes.

Trala derrogación da Orde do 7 de novembro de 1984, pola que se regula o procedemento para solicita-la autorización dos centros, servicios e establecementos sanitarios, é necesario desenvolver unha norma que regule o procedemento de autorización daqueles centros, servicios e establecementos sanitarios que non teñan un específico, establecendo os datos documentais dos expedientes correspondentes que permitan coñece-las súas características, os trámites administrativos e a competencia para a súa resolución, coa finalidade de mellora-la calidade da atención sanitaria ofertada ós usuarios, respectando o principio de liberdade de empresa.

En consecuencia, tendo en conta o artigo 3, parágrafo 4, do Decreto 77/2001, do 29 de marzo, sobre centros, servicios e establecementos sanitarios da Comunidade Autónoma de Galicia, que determina a competencia da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais para regula-lo procedemento de autorización destes, e en uso das facultades que me confiren os artigos 34 e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

A presente orde ten por obxecto regula-lo procedemento de autorización dos centros, servicios e establecementos sanitarios.

Artigo 2º.-Solicitude de autorización previa de creación ou modificación.

A solicitude para obte-la autorización previa de creación dun centro, servicio ou establecemento sanitario ou da súa modificación substancial será presentada na correspondente delegación provincial da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, ou en calquera dos rexistros previstos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 26 de novembro, e será subscrita pola persoa física ou xurídica titular, ou o seu representante legal. Así mesmo, esta axustarase ó modelo que figura no anexo I, ó que se lle xuntará, se é o caso, a seguinte documentación:

a) Documento acreditativo da personalidade do solicitante (DNI) e, se é o caso, da representación que teña.

b) Cando o solicitante se constitúa como persoa xurídica, CIF, copia compulsada da dita constitución e certificación de súa inscrición no rexistro mercantil, se é o caso.

c) Documento acreditativo da propiedade ou dispoñibilidade do espacio inmoble.

d) Nome comercial do centro, servicio ou establecemento sanitario e domicilio para o efecto de notificacións.

e) Memoria da natureza do centro, servicio e establecemento sanitario na que conste, polo menos:

-Oferta de servicios sanitarios que pretenden ser autorizados en función da titulación e especialidade recoñecida dos profesionais,

-Réxime de asistencia,

-Previsión de cadro de persoal especificando as titulacións e especialidades sanitarias recoñecidas oficialmente,

-Plan de equipamento.

f) Planos a escala de conxunto e detalle que permitan coñece-la perfecta localización, identificación, destino e tamaño das dependencias do centro, servicio e establecemento sanitario e das súas diferentes áreas, así como a localización do equipamento máis sobresaínte.

g) Aqueloutra que, tanto por parte do interesado como da administración sanitaria, se considere necesaria para aclara-lo expediente de autorización.

h) Xustificante de ter aboado a taxa correspondente.

Artigo 3º.-Tramitación e resolución da autorización previa de creación ou modificación.

Recibida a solicitude xunto coa correspondente documentación, os servicios correspondentes da delegación provincial comprobarán a adecuación do centro, servicio ou establecemento sanitario ó disposto nesta norma e a aqueloutra que sexa de aplicación e realizarán informe proposta ó delegado provincial, o cal, tendo en conta o obxecto de autorización e a titulación e especialidade recoñecida do persoal sanitario, resolverá ó respecto, remitindo copia da resolución á Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

Artigo 4º.-Solicitude de autorización de funcionamento.

1. Rematada a instalación do centro, servicio ou establecemento sanitario e antes de inicia-la actividade sanitaria, o interesado procederá a solicitar na Delegación Provincial da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais ou en calquera dos rexistros previstos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 26 de novembro, a correspondente autorización de funcionamento segundo o modelo que se indica no anexo I xuntando a seguinte documentación:

a) Identificación do director e documentación acreditativa da súa conformidade.

b) Cadro de persoal e, no caso de persoal sanitario, xustificación documental da titulación e especialidade correspondente que o habilite para levar a cabo as actividades sanitarias.

c) Documentación acreditativa das autorizacións e requisitos que precisen as instalacións ou equipamento conforme a súa normativa de aplicación.

d) Aqueloutra que, tanto por parte do interesado como da administración sanitaria, se considere necesaria para aclara-lo expediente de autorización.

e) Xustificante de ter aboado a taxa correspondente.

2. Cando a autorización corresponda a un centro, servicio ou establecemento sanitario en funcionamento, poderase tramita-la súa autorización xuntando, ademais da documentación sinalada no punto 1 deste artigo, a documentación esixida para a tramitación da autorización previa de creación e a xustificación de ter aboado a taxa correspondente.

3. Completada a documentación pertinente, será remitido todo o expediente orixinal, no que se incluirá tanto a documentación de autorización de funcionamento como de autorización previa de creación ou modifi

cación, á Dirección Provincial do Servicio Galego de Saúde para que se proceda á visita de inspección.

Artigo 5º.-Tramitación e resolución da autorización de funcionamento.

1. Unha vez que se proceda a comproba-lo cumprimento das condicións e requisitos esixidos nesta disposición e naqueloutras que sexan de aplicación e, realizada a visita de inspección, da que se redactará acta, a Dirección Provincial do Servicio Galego de Saúde remitirá o expediente e o informe proposta á Subdirección Xeral de Inspección Sanitaria, sendo o secretario xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais quen resolva ó respecto.

2. Se na visita de inspección se observaran deficiencias, poderáselle conceder ó interesado un prazo para a súa emenda. Transcorrido o dito prazo sen que fosen corrixidas, o secretario xeral dictará resolución ó respecto.

3. A Consellería de Sanidade e Servicios Sociais procederá á inclusión no rexistro de centros, servicios e establecementos sanitarios a todos aqueles ós que se conceda a autorización de funcionamento.

Artigo 6º.-Supostos especiais de tramitación e/ou resolución.

1. As consultas dunha soa modalidade de profesionais sanitarios que non dispoñan de equipamento de alta tecnoloxía nin de equipamentos emisores de radiacións ionizantes, excepto os de diagnóstico dental e intraoral, serán tramitadas e inspeccionadas por persoal sanitario da delegación provincial correspondente, que remitirá o expediente e o informe proposta á Subdirección Xeral de Inspección Sanitaria, sendo o secretario xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais quen resolva ó respecto.

2. No caso da instalación de servicios sanitarios con ocasión de espectáculos públicos ou programas sanitarios temporais, con alomenos un mes de antelación ó inicio das súas actividades, deberán solicita-la autorización xuntando a documentación relacionada nos artigos 2º e 4º que, en cada caso, sexa de aplicación. Corresponderalle ó delegado provincial resolver ó respecto excepto, cando se trate de actuacións que afecten a máis dunha provincia, caso no que resolverá o secretario xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais. O prazo máximo para resolver será de 20 días, entendéndose concedida a autorización temporal se non se dictase resolución expresa.

Artigo 7º.-Comunicación de peche.

O peche dun centro, servicio ou establecemento sanitario deberá ser comunicado coa anterioridade suficiente para que, en virtude da súa tipoloxía, e no marco da lexislación aplicable, se poidan establecer réximes temporais e excepcionais de funcionamento cando a protección da saúde e a seguridade da poboación o requiran.

Artigo 8º.-Comunicación de modificacións.

1. Os cambios efectuados na titularidade, denominación ou director dun centro, servicio ou establecemento sanitario serán comunicados no prazo máximo dun mes, xuntando os documentos acreditativos ó respecto.

2. O disposto no número anterior tamén é de aplicación ás modificacións non substanciais e cambio do persoal sanitario.

Artigo 9º.-Traslado.

O traslado dun centro, servicio ou establecemento sanitario deberá segui-los mesmos trámites que a creación dun novo. A súa autorización de funcionamento implica o peche da anterior localización.

Artigo 10º.-Vixencia e renovación.

A autorización de funcionamento e a conseguinte inscrición no rexistro de centros, servicios e establecementos sanitarios deberá ser obxecto de renovación cada oito anos, salvo que a normativa específica exclúa ou estableza outro período de vixencia. Para tal efecto, o interesado deberá solicita-la conseguinte renovación segundo o modelo que se indica no anexo II, cunha antelación mínima de tres meses á data límite da súa vixencia. De non solicitarse oportunamente a renovación, entenderase que o centro, servicio ou establecemento cesou na súa actividade, polo que se procederá á súa baixa do citado rexistro.

Artigo 11º.-Caducidade da autorización previa de creación.

A autorización previa de creación ou modificación substancial entenderase caducada se, transcorridos seis meses desde a data da súa concesión, non fose solicitada a autorización de funcionamento. Non obstante, cando existan causas motivadas que impidan a instalación neste prazo, logo de solicitude do interesado e presentación da documentación que o xustifique, poderá continuar vixente a autorización.

Artigo 12º.-Revogación da autorización de funcionamento.

A autorización de funcionamento entenderase revogada se no prazo de tres meses, computados desde a notificación da citada autorización, non se iniciase a actividade ou permanecese interrompida máis de seis meses unha vez iniciada. Tamén se entenderá revogada se se procede ó peche do centro, servicio ou establecemento sanitario, se alterasen substancialmente as condicións orixinarias que serviron de base para o seu outorgamento, se trasladasen as súas instalacións a outro lugar da mesma ou distinta localidade ou non se solicitase a correspondente renovación.

Artigo 13º.-Prazo de resolución.

O prazo máximo para resolve-las solicitudes será de seis meses. Transcorrido o dito prazo sen resolución expresa entenderase denegada a autorización.

Artigo 14º.-Recursos administrativos.

Contra as resolucións que, de acordo coa presente orde, dicte o secretario xeral ou os delegados provinciais, poderase interpoñer recurso en alzada ante o conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais, na forma e prazos establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e de procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Disposicións adicionais

Primeira.-Con independencia do disposto nesta orde, será de aplicación a normativa específica que regula o procedemento de autorización de oficinas de farmacia, centros de recoñecemento de aptitude para a obtención e renovación de permisos de armas e conducir, centros de rehabilitación psicosocial e laboral para enfermos mentais crónicos, establecementos balnearios, establecementos de óptica, establecementos de ortopedia, laboratorios clínicos, bancos de tecidos e centros de obtención e implante de tecidos.

Segunda.-As delegacións provinciais darán conta á Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais das autorizacións de funcionamento outorgadas e demais datos necesarios para actualiza-los datos do rexistro de centros, servicios e establecementos sanitarios.

Terceira.-Na autorización e renovación dos centros sanitarios públicos poderá dispensarse a presentación dos documentos que consten nos arquivos e rexistros da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

Disposicións transitorias

Primeira.-Os centros, servicios e establecementos sanitarios que á entrada en vigor da presente orde conten con autorización de funcionamento desde hai máis de oito anos, dispoñerán dun prazo dun ano para solicita-la súa renovación. Transcorrido o citado prazo sen que sexa solicitada a renovación, entenderase que o centro, servicio ou establecemento cesou na súa actividade, polo que se procederá á súa baixa do rexistro de centros, servicios e establecementos sanitarios.

Segunda.-Os centros, servicios e establecementos sanitarios que á entrada en vigor da presente orde conten con autorización de funcionamento desde hai menos de oito anos, deberán solicita-la súa renovación cunha antelación mínima de tres meses á data de cumprimento dos oito anos desde a data de autorización. Transcorrido o citado prazo sen que sexa solicitada a renovación, entenderase que o centro, servicio ou establecemento cesou na súa actividade, polo que se procederá á súa baixa do rexistro de centros, servicios e establecementos sanitarios.

Terceira.-As solicitudes presentadas con anterioridade á entrada en vigor desta orde tramitaranse de conformidade co procedemento de aplicación que estea establecido.

Disposicións derradeiras

Primeira.-A Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais poderá dispoñer qué tipoloxías de centros, servicios e establecementos sanitarios serán tramitados de conformidade co establecido no artigo 6.º1 desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor ó mes da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de marzo de 2001.

José Mª Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais