Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 70 Luns, 09 de abril de 2001 Páx. 4.709

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 23 de marzo de 2001 pola que se clasifica como mixta a Fundación para o Desenvolvemento da Comarca de Be-

tanzos.

Visto o expediente de clasificación da Fundación para o Desenvolvemento da Comarca de Betanzos, con domicilio no Concello de Betanzos.

Supostos de feito.

1. Andrés Precedo Ledo, na súa calidade de presidente da fundación, en escrito de dous de marzo de 2001, formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Betanzos, o día 10 de novembro de 2000 ante o notario Luis Gómez Varela, co número tres mil seiscentos vintedous do seu protocolo por Jaime Alberto Pita Varela, Andrés Precedo Ledo, José Mosquera Maceiras, Manuel Lagares Pérez, José Ferreiro Pardiñas, Francisco Quintela Requeijo, Antonio Ángel Fraga Sánchez, Juan Pérez Díaz, Deogracias Romeu López, José Ramón Peón Pérez, César Longo Queijo, José Manuel Taboada García e José Antonio Sangil Noya; interveñen Jaime Alberto Pita Varela en representación da Xunta de Galicia, Andrés Precedo Ledo como secretario xeral de Planificación e Desenvolvemento Comarcal da Xunta de Galicia, José Mosquera Maceiras en representación do Concello de Aranga, Manuel Lagares Pérez en representación do Concello de Betanzos, José Ferreiro Pardiñas en representación do Concello de Cesuras, Francisco Quintela Requeijo en representación do Concello de Coirós, Antonio Ángel Fraga Sánchez en

representación do Concello de Curtis, Juan Pérez Díaz en representación do Concello de Irixoa, Deogracias Romeu López en representación do Concello de Miño, José Ramón Peón Pérez en representación do Concello de Oza dos Ríos, José Manuel Taboada Rodríguez en representación do

Concello de Vilasantar, César Longo Queijo en representación do Concello de Paderne e José Antonio Sangil Noya como delegado provincial da Consellería da Presidencia e Administración Pública na Coruña.

3. Segundo consta no artigo 5 dos seus estatutos o obxecto da fundación é pór en marcha as accións xenéricas enunciadas no Plan de Desenvolvemento Comarcal, deseñando programas, solicitando a súa implementación ós organismos correspondentes e animando e incentivando a participación dos sectores e axentes económicos e sociais ós que vai dirixido.

Así mesmo poderá acometer actuacións, programas, accións e proxectos que contribúan e incidan no desenvolvemento territorial, económico e social da comarca que constitúe o seu ámbito de actuación.

4. O padroado da fundación estará composto segundo se determina no artigo 17 dos estatutos.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías eleva ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como mixta da Fundación para o Desenvolvemento da Comarca de Betanzos, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, véndose cumpridos os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como mixta e a súa adscrición á Consellería da Presidencia e Administración Pública.

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, corresponde a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, quen exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas al finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 20 de marzo de 2001.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego,

así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como mixta Fundación para o Desenvolvemento da Comarca de Betanzos e adscribila á Consellería da Presidencia e Administración Pública, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 23 de marzo de 2001.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e Administración

Pública