Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 68 Xoves, 05 de abril de 2001 Páx. 4.484

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

RESOLUCIÓN do 12 de marzo de 2001, da Dirección Xeral de Universidades, pola que se publica o convenio de colaboración asinado o día 30 de xaneiro de 2001 entre a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e a Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento e as universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo para a creación do Consorcio Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia.

REUNIDOS

Celso Currás Fernández, conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, en virtude da competencia atribuída polo artigo 34.1º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente.

Darío Villanueva Prieto, rector da Universidade de Santiago de Compostela, en virtude da competencia atribuída no artigo 78 dos estatutos da Universidade de Santiago de Compostela.

José Luis Meilán Gil, rector da Universidade da Coruña, en virtude da competencia atribuída no artigo 65 dos estatutos da Universidade da Coruña.

Domingo Docampo Amoedo, rector da Universidade de Vigo, en virtude da competencia atribuída no artigo 97 dos estatutos da Universidade de Vigo.

Miguel Ángel Ríos Fernández, secretario xeral de Investigación e Desenvolvemento, en virtude da competencia atribuída no artigo 1 da Orde do 22 de febreiro de 1999, sobre delegación de atribucións no secretario xeral de Investigación e Desenvolvemento.

EXPOÑEN:

A Lei 11/1983, do 25 de agosto, de reforma universitaria, estableceu un novo marco de desenvolvemento de xestión das universidades, configurándoas como administracións públicas dotadas da autonomía que o artigo 27.10º da Constitución lles recoñece. Ó mesmo tempo concede a cada universidade a posibilidade de ter un perfil específico, e asenta a necesidade de que cada unha delas preste os mellores servicios en materia de educación superior.

Pola súa banda, a Lei 11/1989, do 20 de xullo, de ordenación do sistema universitario de Galicia, sentou as bases da ordenación territorial, funcional e financeira do sistema universitario galego, atribuíndo a súa coordinación e planificación á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

A pesar da ausencia dun marco lexislativo universitario global que trate especificamente o tema da garantía da calidade e o uso da avaliación institucional como un sistema de rendición de contas á sociedade, a mellora da calidade do servicio que presta a universidade á sociedade é o reto máis importante que esta institución debe afrontar neste novo milenio, e a súa consecución é un dos obxectivos prioritarios da ordenación do sistema universitario en Galicia.

Partindo das experiencias previas no campo da avaliación, do desenvolvemento do Real decreto 1947/1995, do 1 de decembro, polo que se establece o Plan Nacional de Avaliación da Calidade das Universidades, e das novas tendencias internacionais, fundamentalmente as recomendacións do Consello de Europa sobre a cooperación europea para a garantía da calidade no ensino superior, e sendo conscientes da necesidade e da conveniencia de sumar esforzos e compartir experiencias co reto de acada-la máxima calidade do ensino, da investigación, da xestión e dos servicios das universidades galegas, e que se corresponda coa dos países máis avanzados, amósase a vontade de crear conxuntamente unha estructura a nivel autonómico encargada de avalia-la calidade, iniciar programas de mellora e facer rendibles, en último termo, os recursos dispoñibles e o esforzo investidor a cargo dos orzamentos públicos.

Consonte todo o antedito, as partes asinantes, en virtude das competencias que teñen atribuídas, deciden concreta-lo presente convenio de colaboración de acordo coas seguintes

CLÁUSULAS

Primeira.-A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento, e as universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo, todas elas gozando de autonomía neste campo, participan de común acordo e voluntariamente para crear conxuntamente o Consorcio Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia, dotándoo cos recursos económicos necesarios.

Segunda.-O Consorcio Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia nace coa vontade de servicio á sociedade, con personalidade e coa independencia necesaria para poder desenvolve-los seus obxectivos co máximo rigor e con pleno respecto á autonomía universitaria, así como para impulsa-la integración competitiva no contexto universitario nacional e internacional.

Terceira.-O Consorcio Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia terá como obxectivos fundamentais o desenvolvemento dos procesos de avaliación da calidade das universidades galegas, a análise dos seus resultados e a proposta de medidas

de mellora da calidade dos servicios que prestan, especialmente os de ensino, investigación, xestión e servicios.

Cuarta.-O Consorcio Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia servirá, así mesmo, de soporte para a recollida e canalización dun fluxo constante de información entre a universidade e os seus clientes e usuarios, que posibilite un coñecemento amplo das súas necesidades e demandas e que contribúa a que o sistema universitario de Galicia estea permanentemente actualizado e adaptado ás necesidades sociais cambiantes.

Quinta.-Créase o Consorcio Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia e apróbanse os seus estatutos, que se xuntan no anexo a este convenio.

Sexta.-Créase unha comisión de seguimento e interpretación deste convenio. As súas funcións serán as de seguimento, resolución dos problemas derivados da súa execución, propostas de mellora e resolución de conflictos que poidan xurdir. A súa composición será a seguinte:

-Pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, o director xeral de Universidades ou a persoa en quen delegue.

-Pola Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento, o secretario xeral ou a persoa en quen delegue.

-Pola Universidade de Santiago de Compostela, o rector ou a persoa en quen delegue.

-Pola Universidade da Coruña, o rector ou a persoa en quen delegue.

-Pola Universidade de Vigo, o rector ou a persoa en quen delegue.

Sétima.-O presente convenio estará vixente con carácter indefinido. Serán causas de resolución do convenio a non realización da finalidade do convenio, así como calquera outro incumprimento dalgunha das cláusulas establecidas. Neste suposto, e despois da reunión da comisión de seguimento, poderá darse por resolto por calquera das partes o convenio, procedendo, de se-lo caso, á devolución das achegas realizadas con destino específico se a súa finalidade non foi cumprida.

En proba de conformidade e obrigándose ó seu cumprimento, asinan o presente documento no lugar e data indicados.

Santiago de Compostela, 12 de marzo de 2001.

José Eduardo López Pereira

Director xeral de Universidades

ANEXO

ESTATUTOS DO CONSORCIO AXENCIA PARA A CALIDADE

DO SISTEMA UNIVERSITARIO DE GALICIA

Artigo 1º.-Entidades que integran o Consorcio.

1. Coa denominación de Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia constitúese un Consorcio coa participación da Xunta de Galicia, mediante a Consellería de Educación e Ordenación

Universitaria e a Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento, a Universidade de Santiago de Compostela, a Universidade da Coruña e a Universidade de Vigo.

2. Poderase amplia-lo número de membros do Consorcio coa admisión de entidades públicas ou privadas sen ánimo de lucro que queiran colaborar coas finalidades do Consorcio e efectua-las contribucións ou presta-los servicios que constitúen o obxectivo. O acordo de admisión de novos membros requirirá a maioría que prevé o artigo 18º.2 destes estatutos.

Artigo 2º.-Personalidade e capacidade xurídica.

O Consorcio Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia é unha entidade de dereito público, dotada de personalidade xurídica plena e independente da dos seus membros, coa plena capacidade xurídica que requira o cumprimento dos seus obxectivos.

Artigo 3º.-Réxime xurídico.

A Axencia sométese ó dereito público e especialmente ás normas que regulan a contratación administrativa, e rexerase por estes estatutos e polas disposicións legais de carácter xeral que lle sexan de aplicación.

Artigo 4º.-Sede.

A Axencia terá a súa sede en Santiago de Compostela.

Artigo 5º.-Obxectivos.

A Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia nace coa vontade de servicio á sociedade, e ten como obxectivos a avaliación do Sistema Universitario de Galicia, a análise dos seus resultados, e a proposta de medidas de mellora da calidade dos servicios que prestan as universidades públicas galegas, especialmente os de ensino, investigación, xestión e servicios.

Artigo 6º.-Actuacións.

1. A Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia, co fin de dar cumprimento ós obxectivos manifestados no artigo anterior, pode efectua-las actuacións seguintes:

a) Promove-la coordinación entre as universidades galegas en materia de calidade, e con outras institucións.

b) Efectuar avaliacións específicas da calidade do ensino en relación coa formación inicial ou permanente impartida polo profesorado das universidades, por departamentos, por titulacións ou por centros.

c) Realizar avaliacións da calidade da investigación que se efectúa desde os departamentos, institutos universitarios ou outros centros universitarios, e valora-la súa incidencia no desenvolvemento do sistema de ciencia e tecnoloxía do país.

d) Analiza-los plans de estudios universitarios e avalia-lo impacto e os resultados das súas reformas e modificacións, e o seu grao de experimentalidade.

e) Analiza-la adecuación das infraestructuras destinadas ás ensinanzas universitarias, e coñece-lo nivel de ocupación.

f) Analiza-la efectiva relación das universidades cos sectores económicos e productivos e a súa incidencia nestes ámbitos.

g) Estudia-lo nivel de eficiencia da xestión dos recursos das universidades e dos seus centros, así como da organización docente e administrativa.

h) Estudia-lo nivel de eficacia na prestación e a efectiva atención ó estudiante usuario dos servicios das universidades que compoñen o Sistema Universitario de Galicia.

i) Elaborar informes e propostas en relación coa análise dos sistemas de educación superior doutros países e das súas modalidades de avaliación e de mellora da calidade.

j) Calquera outra que se lle encargue, en relación co seu ámbito propio de actuación.

2. Como resultado da súa actividade avaliadora, a Axencia pode emitir informes e propostas en relación coa adecuación do Sistema Universitario de Galicia ás demandas sociais e ás necesidades educativas, propoñer á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través da Dirección Xeral de Universidades, á Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento e ás universidades as medidas correctoras e de mellora da calidade no sistema universitario e o funcionamento dos órganos das universidades, face-lo seguimento da aplicación destas medidas polos órganos competentes e avalia-la súa eficacia.

Artigo 7º.-Programa de actividades.

1. A Axencia actúa en execución do programa de actividades que aprobe o seu Consello de Dirección, a requirimento da Dirección Xeral de Universidades, da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento, ou das universidades públicas galegas, en todo o que se lle encargue.

2. Así mesmo, as actuacións da Axencia poden facerse extensivas á análise ou avaliación das necesidades ou demandas de determinados sectores empresariais ou de producción, se así o acorda o Consello de Dirección, a cargo da entidade pública ou privada que solicite o seus servicios, sempre e cando as avaliacións solicitadas sexan de interese para os efectos de adapta-la oferta de estudios de ensino superior e o contido dos plans de estudios ás necesidades cambiantes.

Artigo 8º.-Información e confidencialidade.

1. Para o exercicio das funcións que ten encargadas, a Axencia poderá pedir ás Universidades, á Dirección Xeral de Universidades, e á Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento a información necesaria, e ter acceso á documentación existente, sen prexuízo do réxime de protección da confidencialidade dos datos de carácter persoal. Así mesmo, a base de datos da Axencia poderá ser consultada polas citadas institucións e por organismos externos ó Consorcio, nos termos que o Consello de Dirección do Consorcio acorde. En todo caso,

requirirase a autorización expresa do rector de cada universidade para o envío de información que afecte a súa institución, a menos que esta información pola súa propia natureza sexa, de acordo coa normativa vixente, susceptible de publicación, suposto no que non será necesaria a súa autorización.

2. No exercicio das funcións que teñen atribuídas por estes estatutos, os órganos da Axencia e os técnicos internos ou externos que efectúen as correspondentes avaliacións deben preserva-la confidencialidade dos datos, da información e da documentación que utilicen e do resultado das avaliacións.

3. Os resultados das avaliacións efectuadas poñeranse en coñecemento da entidade e órgano obxecto da avaliación, da Dirección Xeral de Universidades e da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento, e non se dará ningunha difusión ou publicidade que no sexa expresamente autorizada polo Consello de Dirección. O Consello de Dirección acordará o nivel de agregación ou desagregación da información que se presente.

Artigo 9º.-Medios persoais e materiais.

1. As entidades consorciadas poderán adscribir, de acordo coa normativa vixente, persoal propio á Axencia, calquera que sexa o réxime da súa relación de ocupación.

2. A Axencia tamén poderá contrata-lo persoal necesario para o cumprimento dos obxectivos que ten encargados e como soporte técnico e administrativo, de acordo cos criterios que fixe o Consello de Dirección.

3. O Consello de Dirección da Axencia e, se procede, o Consello Técnico poderán contar co soporte de expertos e de técnicos externos.

Artigo 10º.-Investigadores e bolseiros.

A Axencia poderá contar con investigadores e bolseiros a xuízo do órgano de dirección, e de acordo coa normativa que para o efecto sexa de aplicación.

Artigo 11º.-Colaboración.

1. A Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia poderá cooperar, de acordo cos criterios de actuación que se aproben polo Consello de Dirección e dentro das súas dispoñibilidades orzamentarias, coas actuacións e programas de avaliación e calidade de carácter autonómico, estatal e internacional que se efectúen nesta materia; coordinarse e intercambiar datos e información con outras axencias ou organismos de avaliación, tanto estatais como internacionais, que teñan atribuídas competencias ou funcións neste mesmo ámbito.

2. A Axencia pode propoñer actuacións encamiñadas a impulsa-la colaboración entre as universidades e as empresas, os seus centros e unidades de investigación e outras institucións públicas e privadas.

Artigo 12º.-Memoria.

A Axencia deberá elaborar unha memoria anual das súas actividades, que se tramitará á Dirección Xeral de Universidades, á Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento e ás universidades con

sorciadas que, pola súa vez, as remitirán ó Consello Social para o seu coñecemento, sendo elevada polo conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria ó presidente da Xunta de Galicia.

Artigo 13º.-Órganos de goberno.

A Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia estructúrase nos seguintes órganos de goberno:

a) O presidente do Consello de Dirección.

b) O Consello de Dirección.

c) O director da Axencia.

Artigo 14º.-Consello de Dirección.

1. O Consello de Dirección, órgano superior do Consorcio, está formado polos seguintes membros:

a) O presidente do Consello de Dirección.

b) Os vocais seguintes:

-O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria.

-O director xeral de Universidades.

-O secretario xeral de Investigación e Desenvolvemento.

-Os rectores das Universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo.

-Os presidentes dos Consellos Sociais das Universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo.

-Dous representantes designados pola Dirección Xeral de Universidades.

-Dous representantes designados pola Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento.

2. Os membros do Consello de Dirección cesarán no momento en que perdan a condición en razón da cal foron nomeados.

3. Asistirán ás sesións do Consello de Dirección, con voz pero sen voto, o director da Axencia, o secretario e un representante designado por cada unha das universidades consorciadas.

Artigo 15º.-Do secretario.

1. O Consello de Dirección designará un secretario.

2. Corresponde ó secretario levanta-las actas das sesións do Consello de Dirección, que firmará co visto bo do presidente, emiti-las certificacións pertinentes e efectua-lo resto de funcións propias dos secretarios dos órganos colexiados.

Artigo 16º.-Funcións.

Corresponden ó Consello de Dirección as funcións seguintes:

a) Aproba-la programación anual de avaliación de acordo coas propostas da Administración educativa e das respectivas universidades.

b) Aproba-la metodoloxía de avaliación que se aplicará e as modificacións e perfeccionamentos que progresivamente considere conveniente incorporar.

c) Aproba-los informes sobre os resultados das avaliacións efectuadas e a memoria anual das actividades da Axencia.

d) Aproba-lo orzamento da Axencia, así como o balance e a conta de resultados.

e) Aprobar, se procede, os regulamentos de orde interna e de funcionamento das diversas actividades e programas que inicie a Axencia.

f) Os acordos de adquisición, de alienación e de gravame dos bens inmobles e mobles que pasen a integra-lo patrimonio da Axencia.

g) Aproba-los proxectos de obras, instalacións e servicios.

h) Acorda-las operacións de crédito e as operacións de tesourería.

i) Aproba-las variacións orzamentarias, de habilitación e suplemento de crédito durante o exercicio, en función dos dereitos recoñecidos en favor da Axencia. De outro modo, necesitarase a autorización das entidades consorciadas.

j) Determina-los criterios de ordenación de pagamentos, e fixa-las funcións do presidente e do director na xestión económica da Axencia, cando non estean expresamente atribuídas polos presentes estatutos.

k) Fixa-las retribucións do presidente, do director e, se procede, do secretario, así como as axudas de custo polas asistencias dos seus membros.

l) Aproba-los contratos que deba formaliza-la Axencia con persoas físicas ou xurídicas, no marco dos obxectivos dos presentes estatutos, así como os convenios.

m) Exercer todo tipo de accións, recursos e reclamacións xudiciais e administrativas en defensa dos dereitos e os intereses da Axencia.

n) Adopta-las medidas adecuadas para a mellor organización e funcionamento da Axencia.

o) Aproba-la admisión de novos membros no Consorcio e a modificación dos seus estatutos, de acordo co que se prevé no artigo 18º.2 destes estatutos.

p) Acorda-la disolución e a liquidación do Consorcio, de acordo co que se establece nestes estatutos.

q) Propoñer, a través da Dirección Xeral de Universidades, á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria os prezos públicos para a prestación dos servicios que ofrece a Axencia e que deban ser remunerados. A proposta de prezos será aprobada de acordo co procedemento previsto na normativa vixente sobre taxas e prezos públicos da Xunta de Galicia.

r) Calquera outra función non atribuída expresamente ós restantes órganos de goberno da Axencia.

Artigo 17º.-Sesións.

O Consello de Dirección reunirase:

a) En sesión ordinaria, unha vez cada cuadrimestre.

b) En sesión extraordinaria sempre que o convoque o seu presidente por iniciativa propia ou por instancia da metade dos membros que compoñen o Consello de Dirección.

c) En convocatoria de urxencia. Neste último suposto, a urxencia deberá ser apreciada pola maioría absoluta dos membros presentes. Se esta non se estimase, procederase a convoca-la reunión do Consello de acordo co que se establece no parágrafo anterior.

Artigo 18º.-Adopción de acordos.

1. Os acordos adoptaranse polo voto da maioría dos membros que se encontren presentes no momento da votación, sempre que representen alomenos a metade máis un dos membros de dereito e foran todos eles convocados debidamente, excepción feita do que se prevé nos números seguintes.

2. Os acordos relativos á admisión de novos membros no Consorcio, á modificación dos seus estatutos e á disolución e liquidación do Consorcio, requirirán para a súa válida adopción o voto favorable das dúas terceiras partes dos membros de dereito do Consello.

3. Non se poderá tomar acordos válidos respecto dos novos asuntos non incluídos na orde do día a menos que na reunión estean presentes tódolos membros do Consello e o consintan expresamente, e sexa declarada a urxencia do asunto co voto favorable da maioría.

4. Os acordos adoptados polo Consello de Dirección relativos á avaliación de titulacións, departamentos, centros universitarios e servicios requirirán para a súa execución o consentimento da universidade afectada, sen prexuízo das avaliacións que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través da Dirección Xeral de Universidades e a Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento, no seu ámbito de competencias, consideren oportuno encargar á Axencia.

Artigo 19º.-O presidente.

O presidente do Consello de Dirección será nomeado polo Presidente da Xunta de Galicia de entre persoas de recoñecido prestixio no ámbito universitario, por proposta do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, escoitados os rectores e os presidentes dos consellos sociais das universidades consorciadas.

Artigo 20º.-Funcións.

1. Corresponden ó presidente do Consello de Dirección as funcións seguintes:

a) Representar institucionalmente a Axencia.

b) Convocar, presidir, suspender e levanta-las sesións do Consello e fixa-la orde do día, así como dirixi-las deliberacións e decidi-los empates co seu voto de calidade.

c) Supervisa-las actividades da Axencia e elevar ó Consello a documentación e os informes que considere pertinentes.

d) Aquelas outras que lle sexan expresamente encargadas polo Consello de Dirección.

2. O cargo de presidente terá unha duración de dous anos, ben que poderá ser nomeado novamente, sen límite, e por igual período de tempo.

Artigo 21º.-Suplencia.

No caso de ausencia ou enfermidade do presidente, será substituído polo presidente do Consello Social dunha universidade pública galega de máis idade.

Artigo 22º.-O director.

O director da Axencia para a calidade do Sistema Universitario de Galicia é nomeado polo conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, oído o Consello de Dirección.

Artigo 23º.-Funcións.

Corresponden ó director:

a) Se-lo órgano executivo da Axencia. Executar e facer cumpri-los acordos do Consello de Dirección.

b) Dirixir, organizar, xestionar e inspecciona-las actividades da Axencia, de acordo coas directrices do Consello de Dirección.

c) Presentar no Consello de Dirección as propostas de organización e funcionamento das diversas actividades e programas que promova a Axencia.

d) Informa-lo Consello de Dirección do desenvolvemento das actividades e programas da Axencia e exerce-las funcións que lle sexan encargadas ou delegadas por este.

e) Elaborar e elevalo proxecto de orzamento anual e as súas modificacións, para os efectos do seu exame e, se procede, da súa aprobación polo Consello de Dirección.

f) Desenvolve-la xestión económica conforme o orzamento aprobado e as bases de execución, e coida-la xestión contable da Axencia.

g) Administra-lo patrimonio da Axencia, de acordo coas directrices do Consello de Dirección, e no marco das delegacións que nesta materia lle sexan efectuadas polo dito Consello.

h) Velar pola conservación e o mantemento das instalacións e do equipamento da Axencia.

i) Exerce-las funcións de contratación, dirección e xestión do persoal propio ou adscrito na Axencia.

j) Velar pola mellora e a calidade dos métodos de traballo, para a introducción das innovacións tecnolóxicas.

k) Informa-lo presidente do Consello de Dirección de todo o necesario para o adecuado exercicio das súas funcións e formula-las propostas que considere adecuadas para o bo funcionamento da Axencia.

l) Calquera outra función que lle sexa expresamente encargada ou delegada polo Consello de Dirección, nos termos previstos nestes estatutos.

Artigo 24º.-Consello Técnico.

A Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia contará con un Consello Técnico, coa composición e as funcións que se detallan a seguir, sen prexuízo doutras que poidan ser acordadas polo Consello de Dirección.

1. Composición.

Formarán parte do Consello Técnico da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia:

-Os vicerrectores responsables da calidade das universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo.

-O subdirector xeral de Universidades da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

-Un subdirector da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento.

-Un representante de cada universidade consorciada responsable da unidade técnica de calidade ou a persoa designada pola universidade.

-Un representante do Consello Social de cada universidade consorciada.

Así mesmo, tamén poderán formar parte do Consello Técnico da Axencia técnicos expertos na materia, sempre que a súa colaboración resulte de interese para ela.

2. Funcións.

Corresponden ó Consello Técnico da Axencia as seguintes funcións:

a) Elabora-la programación anual de avaliación de acordo coas propostas da Administración educativa e das respectivas universidades.

b) Propoñe-la metodoloxía e as estratexias de avaliación que se aplicarán e as modificacións e melloras que progresivamente considere conveniente incorporar.

c) Elabora-los informes sobre os resultados das avaliacións efectuadas e as propostas que se presenten ó director da Axencia.

d) Colaborar na elaboración da memoria anual das actividades da Axencia.

e) Propoñer actividades e programas que serán desenvolvidos pola Axencia.

f) Propoñer medidas de mellora da calidade dos métodos de traballo e de introducción de innovacións tecnolóxicas.

g) Propoñe-las medidas adecuadas para a mellor organización e funcionamento da Axencia.

h) Calquera outra función que lle sexa expresamente encargada ou delegada polo Consello de Dirección.

Artigo 25º.-Patrimonio.

Constitúen o patrimonio da Axencia os bens e dereitos que acheguen as entidades consorciadas e os bens e os dereitos que adquira ou reciba por calquera título, e que deben quedar reflectidos no correspondente inventario, que será aprobado polo Consello de Dirección.

Artigo 26º.-Financiamento.

Para a realización dos seus obxectivos, a Axencia contará cos recursos seguintes:

a) As contribucións que efectúen as entidades consorciadas.

b) As subvencións, axudas e doazóns.

c) O rendemento dos servicios que presta.

d) Os créditos que se obteñan e os productos do seu patrimonio.

e) Calquera outra que legalmente lle poida corresponder.

Artigo 27º.-Orzamento.

1. O orzamento anual de ingresos e de gastos deberá ser aprobado polo Consello de Dirección antes do 31 de decembro de cada ano, co fin de aplicalo no exercicio económico seguinte, e con posibilidade de prórroga.

2. No orzamento consideraranse separadamente os conceptos seguintes:

a) Gastos de persoal.

b) Gastos en bens correntes, de servicios, de mantemento, e calquera outros gastos de explotación dos seus servicios.

c) Gastos para encargos externos.

d) Gastos de investimento de bens inmobles, instalacións, equipamento, e outros bens de consumo duradoiros, necesarios para o mellor desenvolvemento e prestación das actividades e programas da Axencia.

e) Cargas financeiras.

f) Previsións de ingresos.

Artigo 28º.-Contabilidade e control económico.

En canto ó control interno e de contabilidade, sen prexuízo das competencias do Consello de Contas de Galicia e, se é o caso, do Tribunal de Contas, será de aplicación á Axencia o réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 29º.-Réxime de impugnación dos actos.

Os actos do presidente do Consello de Dirección e do director da Axencia son susceptibles de recurso de alzada perante o Consello de Dirección, nos termos previstos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Os actos do Consello de Dirección esgotan a vía administrativa e poden ser obxecto de impugnación perante a xurisdicción contencioso-administrativa.

Artigo 30º.-Disolución.

O Consorcio disolverase por acordo expreso dos membros que o integran, co quórum sinalado no artigo 18º.2 destes estatutos ou por imposibilidade legal ou material de cumpri-los seus obxectivos.

Artigo 31º.-Liquidación dos bens.

O acordo de disolución do Consorcio determinará a correspondente liquidación dos bens e a reintegración das obras e instalacións achegadas polas entidades consorciadas, de acordo coas directrices seguintes:

a) A Xunta de Galicia designará, mediante a Dirección Xeral de Universidades, unha comisión liquidadora, constituída por peritos de recoñecida solvencia profesional, non vinculados ó Consorcio nos cinco anos anteriores á súa designación, os cales elevarán á Xunta de Galicia unha proposta de procedemento para a formalización da disolución.

b) A constitución da comisión liquidadora non debe implicar alteración no funcionamento dos órganos do Consorcio.

Artigo 32º.-Separación.

1. A separación dalgún dos membros do Consorcio poderá realizarse co aviso previo de seis meses, sempre que non resulten prexudicados os obxectivos do Consorcio, suposto no cal deberán establecerse os compromisos e a data de separación da entidade consorciada.

2. A entidade que se separe debe estar ó día dos seus compromisos anteriores e garanti-la liquidación das obrigas que teña contraído ata o momento da separación.

3. En caso de que a separación sexa acordada, as liquidacións parciais que corresponda efectuar, por instancias da entidade que se separa, efectuaranse seguindo as mesmas normas que as establecidas no artigo 31º destes estatutos.

Disposicións adicionais

Primeira.-En todo o que non prevexa esta disposición, o Consello de Dirección e o Consello Técnico axustarán o seu funcionamento ó que establece a Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999 (BOE número 12, do 14 de xaneiro) para os órganos colexiados.

Segunda.-O Consello de Dirección da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia deberá aprobar, durante o primeiro trimestre, contado desde a data da súa constitución, un regulamento de actividade que desenvolva os presentes estatutos, e que inclúa un programa e calendario de implementación progresiva das actividades de avaliación da Axencia, cunha primeira etapa de creación da base de datos e correspondentes rexistros e de avaliacións piloto, ata consegui-lo pleno funcionamento e rendemento dos servicios que ofrece a Axencia, no prazo máximo de dous anos desde a súa constitución.

Terceira.-O Consello de Dirección da Axencia debe constituírse no prazo de dous meses contados desde a data de publicación destes estatutos no Diario Oficial de Galicia.