Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 63 Xoves, 29 de marzo de 2001 Páx. 3.940

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 26 de marzo de 2001 pola que se convoca un curso de procedemento administrativo para persoal de Administración local, na modalidade de formación a distancia.

Dentro do plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para o ano 2001, e de acordo coas funcións conferidas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócase un curso de procedemento administrativo para persoal de Administración local, na modalidade de formación a distancia, que se desenvolverá conforme as seguintes bases:

Primeira.-Obxectivos.

Profundar nos coñecementos sobre a Lei 30/1992, do 26 de novembro, con especial referencia ás pecualiaridades do procedemento administrativo no eido da Administración municipal, analizando a súa incidencia na normativa do réxime local.

Segunda.-Destinatarios.

Persoal das corporacións locais integrado nos grupos C e D ou asimilados.

Terceira.-Desenvolvemento.

1. Duración: 40 horas (36 de autoestudio con titorías telefónicas e 4 horas presenciais).

2. Horario das titorias telefónicas: luns, martes e venres: das 10 ás 12 horas, mércores e xoves: das 17.30 ás 19.30 horas.

3. Datas: maio e xuño do ano 2001.

4. Sesión presencial: durante a primeira semana de xuño realizarase unha xornada presencial de 4 horas. Esta sesión terá lugar de forma descentralizada, en cinco localidades que fixará a EGAP en atendendo ó domicilio dos participantes.

5. Prazas: 100.

Cuarta.-Solicitudes.

O persoal que desexe participar no curso programado deberá solicitalo coa presentación da instancia

que segundo o modelo oficial figura como anexo I desta resolución, e cubrila en tódolos epígrafes.

O prazo de presentación de solicitudes rematará o 17 de abril de 2001.

As solicitudes irán dirixidas ó director da EGAP, e presentaranse no Rexistro da Escola Galega de Administración Pública, r/ Madrid, 2-4, 15707 Santiago de Compostela, ou tramitaranse por calquera das outras formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Admitiranse tamén inscricións por telefax: 981 54 63 30.

Seguidamente, efectuarase a selección dos participantes e esta notificaráselles directamente ós admitidos e publicarase na páxina web: www.egap.xunta.es.

Quinta.-Selección.

Os criterios de selección suxeitaranse ás directrices sinaladas na Resolución do 27 de xuño de 1994, pola que se fan públicos os criterios de participación nas actividades da EGAP (DOG nº 149, do 3 de agosto).

Procurarase que estea representado o maior número posible de concellos, con preferencia daqueles máis distantes das capitais de provincia.

Sexta.-Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolve-las incidencias que puidesen xurdir no desenvolvemento do curso, así como a de anulalo se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

Sétima.-Probas e certificados.

A EGAP fixará as probas que considere pertinentes para avalia-los coñecementos adquiridos polos alumnos. Ós participantes que superen os exercicios de avaliación outorgaráselles unha certificación de aproveitamento coa cualificación de apto.

Oitava.-Contido básico.

Principios xerais e ámbito de aplicación da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Procedemento administrativo: concepto e fins do procedemento. Características e fases do procedemento administrativo. Principais características do procedemento de elaboración de disposicións de carácter xeral e do procedemento sancionador. Procedementos de reclamacións previas ó exercicio das accións civís e laborais; procedementos especiais á marxe da Lei 30/1992.

Santiago de Compostela, 26 de marzo de 2001.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega de Administración

Pública