Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 63 Xoves, 29 de marzo de 2001 Páx. 3.932

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

ORDE do 14 de marzo de 2001 pola que se convocan bolsas para favorece-la investigación no campo dos estudios xacobeos.

O artigo 1 do Decreto 8/1998, do 8 de xaneiro, polo que se desenvolve a estructura orgánica da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, establece que á Xerencia de Promoción do Camiño de Santiago lle corresponde a dirección e coordinación das actuacións da consellería en materia de promoción do Camiño de Santiago.

De conformidade coa referida disposición, a Xerencia de Promoción do Camiño de Santiago, co fin de favorece-la investigación no campo dos estudios xacobeos, considera necesaria a convocatoria dunha serie de bolsas para que os mozos universitarios profesores universitarios, e investigadores en temas xacobeos poidan participar no «VI Congreso de Estudios Xacobeos : O Pseudo - Turpín, lazo entre o culto xacobeo e o culto a Carlomagno».

A tal fin,

DISPOÑO:

Artigo 1º

A Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo convoca bolsas para participar no «VI Congreso de Estudios Xacobeos : O Pseudo - Turpín, lazo entre o culto xacobeo e o culto a Carlomagno»; que se celebrará en Santiago de Compostela os días 13, 14, 15, e 16 de setembro.

Artigo 2º

A dotación económica total para as 20 becas é de 920.000 pesetas, e cada unha das bolsas dividirase en dous conceptos:

-Pola estadía, un total de 16.000 pesetas.

-Pola axuda de viaxe un máximo de 30.000 pesetas en función da distancia quilométrica e o medio de transporte empregado.

O importe citado será satisfeito pola Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, con cargo á aplicación orzamentaria 10 01 353 -D. 640.0 do orzamento de gastos para o ano 2001, unha vez finalizado o congreso e logo de acreditación de asistencia permanente.

Artigo 3º

A condición de bolseiro non xerará unha relación laboral ou administrativa coa Xunta de Galicia nin a súa inclusión na Seguridade Social.

Artigo 4º

Poderán solicitar estas bolsas as seguintes persoas:

-Mozos universitarios.

-Profesores de universidade.

-Investigadores en temas xacobeos.

Artigo 5º

Os interesados enviarán as súas solicitudes, conforme o modelo oficial que figura ó final desta orde, e a documentación requirida á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, Xerencia de Promoción do Camiño, bloque 5, 15771-Santiago de Compostela. Tamén poderán presentalas nas delegacións provinciais da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo. En todo caso, será de aplicación o disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación de solicitudes será ata o 1 de xuño de 2001.

Os solicitantes deberán achega-la seguinte documentación :

a) Fotocopia do DNI da persoa que subscribe a solicitude.

b) Currículum vitae breve e documentación acreditativa do que nel se reflicte.

c) Certificación académica dos estudios realizados.

d) Carta de presentación dun investigador de prestixio.

e) Declaración expresa subscrita polo titular de non percibir ningún tipo de axuda da mesma natureza concedida por calquera outra entidade pública ou privada.

Artigo 6º

A tramitación de toda a documentación presentada levarase a cabo a través do Servicio de Promoción do Camiño de Santiago.

Artigo 7º

A comisión de valoración estará integrada por :

-Presidente: o conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo ou persoa en quen delegue.

-Vocais: os membros do Comité Internacional de Expertos.

-Secretario: un técnico da Xerencia de Promoción do Camiño de Santiago.

Artigo 8º

A selección levarase a cabo mediante a valoración dos méritos acreditados conforme o seguinte baremo:

-Currículum vitae: ata catro puntos.

-Certificación académica : ata dous puntos.

-Carta de presentación : ata dous puntos.

Artigo 9º

A comisión de valoración elevará as propostas de adxudicación ó conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo, que resolverá nun prazo de vinte días. As solicitudes non resoltas neste prazo arquivaranse sen máis trámite.

As resolucións seranlle notificadas ós interesados e deberán ser motivadas as de carácter negativo.

Artigo 10º

No caso de non cumpri-lo establecido na cláusula primeira desta orde, é dicir, non participar no «VI

Congreso de Estudios Xacobeos: O Pseudo - Turpín, lazo entre o culto xacobeo e o culto a Carlomagno», o conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo, poderá, por proposta da xerente de Promoción do Camiño de Santiago, anula-la bolsa.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a xerente de Promoción do Camiño de Santiago para dictar no ámbito das súas

competencias as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de marzo de 2001.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social

e Turismo