Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 62 Mércores, 28 de marzo de 2001 Páx. 3.859

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

RESOLUCIÓN do 12 de marzo de 2001, da Secretaría Xeral da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, pola que se dispón a publicación do convenio de colaboración entre a Administración do Estado e as comunidades autónomas, no que se acorda a creación do consorcio para a presencia e promoción do alberguismo xuvenil.

Subscrito, logo de tramitación regulamentaria, entre o Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais, a Consellería de Presidencia da Xunta de Andalucía, a Consellería de Presidencia da Xeneralidade de Cataluña, a Consellería de Cultura e Turismo da Deputación Xeral de Aragón, a Consellería de Educación e Xuventude do Goberno de Cantabria, a Consellería de Cultura da Xunta de Comunidades de Castela-A Mancha, a Consellería de Educación e Cultura da Xunta de Castela e León, a Consellería de Cultura da Xunta de Extremadura, a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude da Xunta de Galicia, a Consellería de Educación da Comunidade Autónoma de Madrid, a Consellería de Presidencia da Rexión de Murcia, a Consellería de Cultura do Goberno Vasco e a Consellería de Benestar Social da Xeneralidade Valenciana, para a creación do consorcio para a presencia e promoción do alberguismo xuvenil. En consecuencia, cómpre a publicación do dito convenio, que figura como anexo desta

resolución.

Santiago de Compostela, 12 de marzo de 2001.

Javier Batán Rodríguez

Secretario xeral da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude

ANEXO

Convenio de colaboración entre a Administración do Estado e as comunidades autónomas no que se acorda a creación do consorcio para a presencia e promoción do alberguismo xuvenil

En Madrid o vinteseis de xuño de dous mil

REUNIDOS:

Juan Carlos Aparicio Pérez, Ministro de Traballo e Asuntos Sociais, en nome e representación da Administración xeral do Estado, de acordo coas facultades que lle outorga a disposición adicional décimo terceira da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, segundo a redacción dada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro;

Gaspar Zarrías Arévalo, conselleiro de Presidencia da Xunta de Andalucía, en representación desta en virtude do acordo do 3 de febreiro de 1998 do Consello de Goberno da Xunta de Andalucía.

Joaquim Triadú i Vila-Abadal, conselleiro da Presidencia da Xeneralidade de Cataluña en nome e representación desta en virtude da autorización concedida polo acordo do Goberno da Xeneralidade do 24 de decembro de 1998.

Javier Callizo Soneira, conselleiro de Cultura e Turismo da Deputación Xeral de Aragón, en representación desta en virtude da Lei 1/1995, do 16 de febreiro, do presidente e do Goberno de Aragón.

Sofía Juaristi Zalduendo, conselleira de Educación e Xuventude do Goberno de Cantabria, en representación desta en virtude do acordo do Consello de Goberno, do 18 de maio de 2000.

Pilar Sánchez Castro, conselleira de Cultura da Xunta de Comunidades de Castela-A Mancha, en representación desta en virtude do Decreto de estructura orgánica da Consellería de Cultura nº 171/1999, do 29 de xullo.

Tomás Villanueva Rodríguez, conselleiro de Educación e Cultura da Xunta de Castela e León, en representación desta en virtude do texto refundido da Lei do Goberno e da Administración de Castela e León, artigo 3 letra j, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1988, do 21 de xullo, e do Decreto do 21 de abril de 1997, da Xunta de Castela e León.

Francisco Muñoz Ramírez, conselleiro de Cultura da Xunta de Extremadura, en representación desta en virtude do acordo do Consello de Goberno da Xunta de Extremadura con data do 17 de setembro de 1996.

Manuela López Besteiro, conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude da Xunta de Galicia, en representación desta en virtude do Decreto 349/1997, do 9 de decembro, polo que se nomean os titulares dos departamentos da Xunta de Galicia, e do acordo do Consello da Xunta de Galicia do 26 de febreiro de 1997.

Gustavo Villapalos Salas, conselleiro de Educación da Comunidade Autónoma de Madrid, en representación desta en virtude da Lei 87/1999, do 9 de abril, de adecuación da normativa á Comunidade de Madrid á Lei estatal 4/1999, e do acordo do Consello de Goberno da Comunidade de Madrid, do 23 de outubro de 1997.

José Ramón Bustillo Navía-Osorio, conselleiro de Presidencia da Rexión de Murcia, en representación desta en virtude do Decreto 59/1996, artigo 8.3º, do 24 de xullo, e do artigo 49 punto a) da Lei 1/1998, do 7 de xaneiro, do presidente do Consello do Goberno e da Administración da Comunidade Autónoma da Rexión de Murcia.

Mª Carmen Garmendia Lasa, conselleira de Cultura do Goberno Vasco, en representación desta en virtude do acordo do Goberno Vasco do 16 de maio de 2000.

Rafael Blasco Castani, conselleiro de Benestar Social da Xeneralidade Valenciana, en representación desta en virtude do disposto na Lei 4/1989,

do 26 de xuño, da Xeneralidade Valenciana sobre o Instituto Valenciano da Xuventude.

Todos eles se recoñecen capacidade para se obrigaren e conviren e

EXPOÑEN:

Que de acordo co establecido nos estatutos de autonomía de cada unha das comunidades autónomas, estas teñen competencia exclusiva en materia de xuventude, téndose dictado e publicado en cada caso os correspondentes reais decretos de traspaso de funcións e servicios, nos que se inclúen, entre outros, os albergues xuvenís.

Estes constitúen un instrumento esencial na política de fomento da mobilidade da mocidade, a comunicación cultural, cooperación e coñecemento mutuo.

Que sen prexuízo das competencias das comunidades autónomas e en harmonía con aquelas, o Instituto da Xuventude do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais ten competencia, a teor do artigo 149.2º da Constitución, para servir á cultura entre os mozos e facilita-la comunicación cultural que atinxe a estes entre as comunidades autónomas, de acordo con elas.

Que tódalas partes deste convenio están resoltas a facer real, pola súa dimensión cultural, tanto a mobilidade, a cooperación e o coñecemento xuvenís, no ámbito internacional do alberguismo, como a comunicación cultural no do Estado, con observancia, en todo caso, das competencias exclusivas das comunidades autónomas.

Que no marco supraestatal está constituída a Federación Internacional de Albergues Xuvenís (IYHF), como un instrumento básico ó servicio dos mozos de tódolos países membros para a promoción e o fomento da mobilidade, cultura, cooperación e coñecemento recíproco dos mozos, o cal constitúe un logro de notable significación para tódalas partes deste convenio, apreciación que determinou a vontade de tódolos asinantes de instrumenta-los medios para facer real a presencia do alberguismo español na dita federación.

Desde os supostos considerados ata agora, as partes neste convenio decidiron, de conformidade co artigo 149, punto 2º, da Constitución, os estatutos de autonomía das comunidades autónomas e os artigos 6 e 7 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, constituír unha organización común con personalidade xurídica, que sirva ós fins enunciados nos expositivos que preceden, de acordo coas seguintes

CLÁUSULAS:

Primeira.

1. Este convenio ten por obxecto promover:

a) A presencia do alberguismo das comunidades autónomas do Estado na Federación Internacional

de Albergues Xuvenís (IYHF) e na Federación Europea de Albergues Xuvenís (EUFED), así como, con acordo previo da Asemblea Xeral do Consorcio que se crea para a xestión deste convenio, en calquera outra organización internacional que, desde unha infraestructura idónea de aloxamento, sirva ós intereses xuvenís de mobilidade, cooperación e coñecemento mutuo, sen prexuízo do dereito das administracións consorciadas de formaren parte, de acordo coa lexislación vixente, de calquera outra organización internacional.

b) A mobilidade dos mozos no ámbito do territorio do Estado, a través dos albergues xuvenís, propios ou asociados da rede de cada Comunidade Autónoma parte neste convenio.

2. Para a xestión do convenio créase un consorcio que se denominará Consorcio para a Presencia e Promoción do Alberguismo Xuvenil-Rede Española de Albergues Xuvenís (REAX).

Os seus fins son os establecidos no número anterior e o seu réxime orgánico, funcional e financeiro, o previsto nos estatutos.

Segunda.

A vixencia do convenio será de 12 anos prorrogables por períodos cuadrienais, salvo denuncia previa da metade máis un dos seus membros.

Terceira.

Forman parte do consorcio os asinantes deste convenio e, de se-lo caso, as comunidades autónomas que en debida forma se adhiran a el, cumprindo o trámite que se sinala nos estatutos.

Cuarta.

Este convenio comprende, ademais destas cláusulas, os estatutos do consorcio que forman parte inseparable daquel.

Quinta.

As administracións asinantes participan no financiamento e xestión do consorcio nos termos previstos nos seus estatutos. Cada membro, no marco da súa autonomía lexislativa, realizará as xestións necesarias para a incorporación ós seus respectivos orzamentos dos créditos que deben achegarse anualmente ó consorcio, segundo o orzamento validamente aprobado polo órgano estatutario daquel que sexa competente e as respectivas dispoñibilidades orzamentarias existentes para o efecto.

Sexta.

As administracións asinantes obríganse a realiza-las actuacións e, se é o caso, adopta-las disposicións necesarias para o funcionamento do consorcio.

Sétima.

As modificacións deste convenio e dos estatutos que forman parte del adoptaranse por convenio entre as partes, por iniciativa de calquera delas ou por proposta da Asemblea Xeral do Consorcio.

Oitava.

Este convenio entrará en vigor o mesmo día en que quede referendado polas partes e no prazo dun mes constituirase a Asemblea Xeral Constituínte, que estará integrada polos representantes que designase para o efecto cada unha das administracións intervenientes. A dita asemblea será presidida polo representante de maior idade, actuando como secretario o representante de menor idade.

Correspóndelle ó presidente a convocatoria da Asemblea Xeral Constituínte con polo menos 15 días de antelación. Nesta Asemblea Xeral Constituínte cada membro terá un só voto.

O comité executivo constituirase, polo procedemento fixado nos estatutos, no momento en que, de acordo con estes, o dispoña a asemblea xeral a que se refire o parágrafo anterior.

Os órganos unipersoais do consorcio exercerán as súas funcións desde o momento en que queden elixidos polo órgano colexiado competente e acepten os seus cargos.

Novena.

1. Na asemblea xeral a que se refire o parágrafo primeiro da cláusula anterior acordarase, ademais, o plan de actividades para o período de tempo que quede ata a terminación do ano natural en que sexa asinado este convenio polas administracións públicas consorciadas e a determinación do número de votos en función das pernoitas acreditadas.

2. Para efectos de prepara-lo proxecto do antedito plan de actividades, constituirase, dentro dos cinco días seguintes ó da sinatura deste convenio, unha comisión ad hoc integrada por:

a) O representante que designe a Administración do Estado.

b) Un representante por cada unha das seguintes comunidades autónomas: Xunta de Andalucía, Xunta de Castela e León, Xunta de Comunidades de Castela-A Mancha, Goberno Vasco, Comunidade de Madrid e Xeneralidade Valenciana.

Décima.

Ata que finalice o ano en que se asine este convenio segundo queda sinalado no parágrafo primeiro da cláusula novena, o Instituto da Xuventude do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais manterá no seu orzamento os conceptos con que actualmente vén atendendo a actividade de ámbito internacional en materia de albergues xuvenís e, consecuentemente, atenderá os gastos correspondentes.

Décimo primeira.

Mentres non quede habilitada a sede ou domicilio do consorcio, establécese como domicilio provisional o do Instituto Andaluz da Xuventude da Consellería de Presidencia da Xunta de Andalucía, sito en Sevilla, r/ Muñoz Olivé, nº 1, 3º C.P. 41001.

Décimo segunda.

O exercicio das funcións atribuídas ó consorcio en ningún suposto poderá levar consigo a adopción de medidas que poidan alterar ou modifica-los signos de identificación que en cada caso adoptasen ou poidan adopta-las respectivas comunidades autónomas en relación cos albergues de que son titulares, nin mediatiza-la capacidade de xestión que presentan en relación cos seus respectivos albergues.

Décimo terceira.

Este convenio e os estatutos anexos a el serán publicados polas administracións parte nos respectivos boletíns oficiais.

E en proba de conformidade, asínase este convenio no lugar e data indicados ó comezo.

Pola Administración xeral do Estado,

Pola Xunta de Andalucía,

Pola Deputación Xeral de Aragón,

Polo Goberno de Cantabria,

Pola Xunta de Castela e León,

Pola Xunta de Comunidades de Castela-A Mancha,

Pola Xunta de Extremadura,

Pola Xunta de Galicia,

Pola Comunidade de Madrid,

Pola Rexión de Murcia,

Pola Xeneralidade Valenciana,

Polo Goberno Vasco,

Pola Xeneralidade de Cataluña,

ANEXO CONVENIO

Estatutos do consorcio rede española de albergues xuvenís (REAX)

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º

De conformidade co establecido no artigo 7 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, créase un consorcio de entidades públicas, que se denominará Rede Española de Albergues Xuvenís, no sucesivo o consorcio ou REAX, indistintamente, con personalidade xurídica plena e independente dos seus membros e capacidade de obrar para o cumprimento dos seus fins desde o mesmo día en que se asine o convenio polo que se acorde a súa creación.

Artigo 2º

O consorcio rexerase por estes estatutos, os acordos legalmente adoptados polos seus órganos de goberno e:

a) Polo dereito público que resulte de aplicación en canto á organización e funcionamento dos ditos

órganos de goberno, ós contratos que traten sobre servicios esenciais e ó réxime orzamentario.

b) Polo dereito privado supletoriamente.

Artigo 3º

Son fins do consorcio promover:

a) A presencia do alberguismo das comunidades autónomas na Federación Internacional de Albergues Xuvenís (IYHF) e na Federación Europea de Albergues Xuvenís (EUFED), así como, con acordo previo da asemblea xeral, en calquera outra organización internacional que, desde unha infraestructura idónea de aloxamento, sirva os intereses xuvenís de mobilidade, cooperación e coñecemento mutuo, sen prexuízo do dereito das administracións consorciadas de formaren parte, de acordo coa lexislación vixente, de calquera outra organización internacional.

b) A mobilidade dos mozos no ámbito do territorio do Estado, a través dos albergues xuvenís, propios ou asociados, da rede de cada Comunidade Autónoma, membro do consorcio.

Artigo 4º

Para o cumprimento dos seus fins o consorcio realizará, entre outras, as seguintes funcións:

1. Exerce-la representación internacional do alberguismo español, integrado pola rede de albergues de cada unha das comunidades autónomas membros do consorcio, na IYHF e na EUFED; así mesmo, poderá estar presente en calquera outra organización internacional, logo de acordo da asemblea xeral.

2. Promover accións que favorezan os intereses dos mozos en relación co alberguismo mundial, ante a IYHF e a EUFED.

3. Velar polo cumprimento dos acordos da IYHF no ámbito dos albergues xuvenís, propios ou asociados, da rede de cada Comunidade Autónoma.

4. Velar para que sexa efectivo o compromiso dos albergues, propios ou asociados, da rede de cada Comunidade Autónoma membro do consorcio, cos fins da IYHF respecto da educación dos mozos baseada en valores como a igualdade, a tolerancia, a democracia, a solidariedade, a non violencia, o respecto ó medio natural e ós valores culturais de cada Comunidade Autónoma.

5. Contribuír a que sexa real a mobilidade dos mozos españois, mediante o desenvolvemento daqueles proxectos que sexan establecidos pola Asemblea Xeral do Consorcio.

6. A captación, aceptación e ordenación de cantos recursos económicos sexan precisos para o financiamento das accións que son inherentes ós seus fins.

7. A conclusión de cantos convenios ou contratos con outros entes públicos ou privados e persoas naturais sexan precisos para o desenvolvemento dos seus fins.

8. Outras que, con suxeición á lexislación vixente, poidan garanti-lo completo cumprimento dos seus fins.

Artigo 5º

Para facer real o cumprimento dos fins do consorcio, os seus membros comprométense, de conformidade coas competencias que lles son propias, a dicta-las normas necesarias, segundo o seu propio ordenamento interno, para que os albergues, propios ou asociados, da súa rede observen as normas e deberes contidos nos regulamentos da IYHF e, do mesmo modo, gocen dos dereitos que lles confiren os regulamentos daquela.

Artigo 6º

O consorcio terá o seu domicilio social naquel lugar que acorde a súa asemblea xeral, sen prexuízo do establecido como domicilio provisional no convenio.

Artigo 7º

A duración do consorcio estará vinculada á vixencia do convenio, sen prexuízo do que se establece no artigo 11º.7.

Capítulo II

Dos membros do consorcio

Artigo 8º

1. Son membros do consorcio:

a) A Administración do Estado por medio do Instituto da Xuventude ou do organismo ou centro directivo que, se é o caso, o suceda.

b) As seguintes comunidades autónomas:

Xunta de Andalucía.

Deputación Xeral de Aragón.

Goberno de Cantabria.

Xunta de Castela e León.

Xunta de Comunidades de Castela-A Mancha.

Xunta de Extremadura.

Xunta de Galicia.

Comunidade de Madrid.

Rexión de Murcia.

Xeneralidade Valenciana.

Goberno Vasco.

Xeneralidade de Cataluña.

2. As comunidades autónomas que non figuran no epígrafe anterior poderán incorporarse ó consorcio como membros de pleno dereito mediante a súa comunicación ó secretario xeral deste, logo de acordo do órgano competente daquelas, que deberá acreditarse no acto de comunicación, o cal se publicará no boletín oficial correspondente e no do Estado.

Capítulo III

Órganos rectores

Artigo 9º

Os órganos rectores do consorcio serán os seguintes:

1. Colexiados.

a) A Asemblea Xeral

b) O Comité Executivo.

2. Unipersoais:

a) O presidente

b) O vicepresidente

c) O secretario xeral

d) O tesoureiro

Sección primeira

A asemblea xeral

Artigo 10º

A asemblea xeral é o órgano colexiado superior do consorcio e:

a) Estará constituída por un representante designado por cada unha das administracións públicas consorciadas.

b) A asemblea xeral será convocada polo seu presidente, preceptivamente, unha vez ó ano. Ademais, a asemblea será convocada por instancia do comité executivo se a maioría simple dos seus membros así o decide, ou por telo solicitado por escrito ó secretario xeral o 75% dos membros do consorcio.

c) O secretario xeral notificaralles por escrito a tódolos membros a realización da asemblea, polo menos un mes antes do seu comezo.

d) Para a válida constitución da asemblea o quórum será da metade máis un dos seus membros, entre os que necesariamente se encontrarán o presidente e o secretario xeral ou, se é o caso, quen os substitúa.

e) O comité executivo poderá convocar observadores e convidados expertos á asemblea xeral, os cales participarán nas sesións de traballo, pero non poderán vota-las decisións que se sometan á asemblea.

f) As decisións da asemblea serán tomadas por maioría dos votos validamente emitidos. No caso de propostas de modificación dos estatutos segundo o previsto no artigo 11º, requirirase o 75% dos votos validamente emitidos.

g) As comunidades autónomas membros que acreditasen cen mil ou máis pernoitas nos albergues da súa rede, calculadas como media dos dous anos precedentes, ademais do voto que lles corresponde polo feito de seren membros do consorcio, disporán dun voto adicional e de dous votos adicionais se acreditan duascentas mil ou máis pernoitas. A media das pernoitas será revisable cada dous anos pola asemblea xeral, así como os criterios para a acreditación das pernoitas.

A Administración do Estado, a través do Instituto da Xuventude ou o organismo ou centro directivo que o suceda, intervirá con voz pero sen voto.

Artigo 11º

Son competencias da asemblea xeral:

1. Aprobación do Plan anual de actuacións do consorcio.

2. Elección dos órganos unipersonais e dos vocais do comité executivo por un período do 2 anos, podendo ser obxecto de reelección.

3. Aprobación de orzamentos.

4. Censura e aprobación de contas.

5. Aprobación do regulamento de réxime interior, se fose necesario, para o funcionamento do consorcio.

6. Proposta de modificación dos estatutos, sen prexuízo das facultades que ó respecto corresponden ás administracións públicas membros do consorcio.

7. Proposta de disolución do consorcio sen prexuízo das facultades que ó respecto corresponden ás administracións públicas membros do consorcio.

8. Adopción de resolucións sobre o establecido no artigo 4º destes estatutos, sen prexuízo das competencias executivas que se lle atribúen ó comité executivo no artigo 13º.

9. Adopción de cantos acordos non estean atribuídos a outros órganos do consorcio.

Sección segunda

O comité executivo

Artigo 12º

O comité executivo estará formado polo presidente, o vicepresidente, o secretario xeral e o tesoureiro, cargos que serán ocupados por representantes das comunidades autónomas, salvo que a asemblea xeral adopte outro acordo. Existirán, ademais, cinco vocais, dos cales un corresponderá á Administración do Estado.

Artigo 13º

É competencia do comité executivo:

1. Asegura-la asistencia do consorcio en órganos e entidades estatais e supraestatais que se considere necesario.

2. Elaborar, por petición da asemblea xeral, o Regulamento de réxime interior do consorcio.

3. Informa-la asemblea xeral do cumprimento nos albergues xuvenís integrantes da rede de cada Comunidade Autónoma das resolucións e acordos da IYHF e da EUFED.

4. Coordina-las actividades dos membros do consorcio no relacionado co establecido nos artigos 3º e 4º destes estatutos.

5. Elevar á asemblea xeral o concernente ós acordos que lle corresponda adoptar a esta, segundo se establece nos números 1, 3, 4 e 5 do artigo 11º.

6. Autorizar, por delegación da asemblea xeral, a celebración de todo tipo de convenios e contratos que se estime celebrar con todo tipo de persoas, nos ámbitos estatal e internacional, para mellor cumprimento dos fins do consorcio.

7. Autoriza-lo exercicio de accións administrativas e xudiciais, facultando para que para o efecto se outorguen os poderes que sexan necesarios en dereito.

8. Establece-las directrices e supervisa-lo funcionamento da secretaría ou oficina administrativa á que se refire o capítulo V.

Artigo 14º

O comité executivo reunirase, convocado polo seu presidente, preceptivamente catro veces ó ano e cantas veces sexa proposto por tres ou máis dos seus membros.

Para a válida constitución do comité executivo para efecto da realización de sesións, deliberacións e toma de acordos, requirirase a presencia do presidente e o secretario ou, se é o caso, de quen os substitúa, e tres máis dos seus membros.

Os acordos adoptaranse por maioría dos votos validamente emitidos.

Sección terceira

Órganos unipersoais

Artigo 15º

O presidente do consorcio serao tamén da asemblea xeral e do comité executivo, e terá as seguintes atribucións:

a) Representar legalmente o consorcio.

b) Convocar, presidir e levanta-las sesións que celebren os órganos colexiados do consorcio, dirixi-las súas deliberacións, decidindo con voto de calidade en caso de empate.

c) Propo-lo plan de actividades do consorcio ó comité executivo e dirixi-las súas tarefas.

d) Ordena-los pagamentos acordados validamente.

Artigo 16º

O vicepresidente substituirá o presidente en caso de vacante, ausencia, enfermidade ou outra causa legal.

Artigo 17º

1. O secretario xeral, que o será tamén dos órganos colexiados, terá as seguintes atribucións:

a) Garantirlle-la asistencia e o asesoramento ós órganos do consorcio.

b) Dar fe pública en relación cos actos e acordos do consorcio.

c) Tramitar, se é o caso, a notificación a que fai referencia o artigo 8º.2 destes estatutos ó primeiro pleno do comité executivo posterior á notificación.

d) A superior dirección e o control do ficheiro e libros-rexistro do consorcio.

e) Por delegación do comité executivo, a dirección e/ou supervisión, segundo proceda, dos traballos propios de secretaría ou oficina administrativa.

f) Os actos de comunicación do consorcio con organizacións, administracións e terceiros en xeral, que non reserve o presidente para si.

2. En caso de ausencia ou de enfermidade, o secretario xeral será substituído por quen para o efecto designe o correspondente órgano colexiado do consorcio.

Artigo 18º

Son competencia do tesoureiro as seguintes tarefas:

a) Estudiar e proporlle ó comité executivo a cota anual que corresponde a cada administración membro.

b) Solicita-la información, de carácter económico, necesaria para a toma de decisións.

c) Estudiar e elaborar propostas de financiamento do plan de actividades fixado polo comité executivo.

d) Proporlle ó comité executivo os prezos de venda ó público de publicacións e calquera outro tipo de material do REAX.

e) Recadar e custodia-los fondos pertencentes ó consorcio e dar cumprimento ás ordes de pagamento que expida o presidente.

Artigo 19º

Os vocais, xunto co resto de membros do comité executivo, conforman este en canto órgano colexiado, con voz e voto todos eles, sen prexuízo do establecido no último parágrafo da letra g) do artigo 10. Aqueles exercerán, ademais, as funcións específicas que se acorden no comité executivo.

Capítulo IV

Dereitos e obrigas

Artigo 20º

1. As administracións membros gozarán dos seguintes dereitos:

a) Tomar parte en cantas actividades organice o consorcio.

b) Recibi-las comunicacións e informacións sobre as actividades de acordo cos fins do consorcio.

c) Presentar suxestións ou propostas ó comité executivo.

d) Ter un representante na asemblea xeral con dereito a voz e a tantos votos como lle sexan atribuídos en función do sinalado na alínea g) do artigo 10º.

e) Presentar candidaturas para formar parte do comité executivo.

2. Calquera dos membros poderá separarse do consorcio comunicándollo previamente ó comité executivo, cunha antelación mínima de dous meses. Esta decisión comportará, en todo caso, a liquidación de tódalas obrigas ante o consorcio.

O presidente dará traslado da renuncia ós restantes membros no prazo do 20 días.

Artigo 21º

1. Serán obrigas das administracións membros:

a) Acatar estes estatutos e os acordos válidos adoptados polas asembleas xerais e o comité executivo do consorcio.

b) Esixirlles ós cargos do comité executivo o fiel cumprimento das súas funcións.

c) Aboa-las cotas que acorde a Asemblea Xeral do Consorcio, logo da consignación orzamentaria de cada unha das administracións consorciadas.

d) Cooperar en todo momento ó cumprimento dos fins do consorcio.

e) Achega-la información que lles sexa requirida para a determinación dos obxectivos propios do consorcio.

f) Tódalas demais sinaladas ou que deriven do establecido nestes estatutos.

2. O incumprimento de calquera das obrigas consideradas no número anterior será causa de separación logo de acordo da asemblea xeral.

Artigo 22º

Ademais, como regras xerais para o funcionamento dos albergues, as administracións membros estarán obrigadas a:

a) Observa-los acordos adoptados polas organizacións internacionais das que forme parte o consorcio.

b) Colocar en sitio visible o logotipo do consorcio en tódolos albergues xuvenís da súa rede (albergues propios e asociados).

c) Reservar con carácter preferente nos albergues da súa rede, propios ou asociados, as prazas que lle sexan requiridas para realizar actividades internacionais programadas e aprobadas pola asemblea xeral.

Capítulo V

Secretaría administrativa

Artigo 23º

Os traballos de administración e secretaría serán realizados coa organización e o persoal que acorde na súa primeira Asemblea Xeral o Consorcio, sen prexuízo da adaptacións que se determinen en sesións posteriores.

Capítulo VI

Do financiamento e recursos económicos do consorcio

Sección primeira

Recursos económicos

Artigo 24º

Os recursos económicos previstos para o desenvolvemento das actividades do consorcio serán os seguintes:

a) As cotas anuais que acorde o órgano competente.

b) Os productos dos bens e dereitos que lle correspondan en propiedade, así como as subvencións, legados e doazóns que poida recibir de forma legal.

c) Os ingresos que obteña mediante as actividades que acorde o órgano competente.

Artigo 25º

As cotas anuais serán aboadas polas administracións membros durante o primeiro trimestre do ano. Cada administración membro deberá aboar tantas cotas anuais como votos teña asignados na asemblea xeral.

Sección segunda

Administración de fondos

Artigo 26º

A administración dos fondos do consorcio levarase a cabo con todo detalle, sometida á correspondente intervención e publicidade, co fin de que as administracións membros poidan ter coñecemento periódico do destino dos fondos. Anualmente poráselles de manifesto o estado de contas dos ingresos e gastos.

Artigo 27º

A contabilidade do consorcio deberá ser auditada anualmente por un auditor independente proposto polo comité executivo. O resultado da auditoría será dado a coñecer na asemblea xeral.

Capítulo VII

Disolución do consorcio

Artigo 28º

En caso de que as partes do consorcio, por iniciativa propia ou por propostas da súa asemblea xeral, acordasen a súa disolución mediante o pertinente convenio, neste determinarase a liquidación e, se é o caso, destino do remanente, de conformidade coa lexislación aplicable.

Disposición adicional única.

O Instituto da Xuventude apoiará o consorcio na promoción do alberguismo, tanto na súa presencia internacional como en calquera outra achega que o consorcio acorde co Instituto da Xuventude.