Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 60 Luns, 26 de marzo de 2001 Páx. 3.770

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 19 de febreiro de 2001 pola que se autoriza a apertura e posta en funcionamento do centro autorizado de música profesional Coppelia, de Vigo, para impartir, con carácter definitivo, as ensinanzas dos graos elemental e medio de música, establecidas na Lei orgánica de ordenación xeral do sistema educativo.

Segundo o disposto no artigo 31 do Estatuto de autonomía de Galicia, é competencia da Comunidade Autónoma galega a regulamentación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, e de acordo co artigo 1 do Decreto 213/1998, do 10 de xullo (Diario Oficial de Galicia do 23 de xullo), a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria é o órgano da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia ó que lle corresponden estas competencias.

A titular do centro, María Begoña Acuña González, solicita autorización de apertura para impartir, con carácter definitivo, as ensinanzas dos graos elemental e medio de música que establece a Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, así como que se anticipe a posta en funcionamento deste centro de acordo co disposto no artigo noveno do Decreto 253/1995, do 29 de setembro, sobre autorización a centros docentes privados para impartir ensinanzas artísticas (DOG do 11 de outubro).

A Delegación Provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria de Pontevedra informa do cumprimento efectivo dos requisitos mínimos que establece o Real decreto 389/1992, do 15 de abril (Boletín Oficial del Estado do 28 de abril), para os centros que impartan as ensinanzas artísticas regradas previstas no capítulo primeiro do título II da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, e de que a estructura e planificación académica do centro se axusta ó disposto no Decreto 253/1993, do 29 de xullo (DOG do 25 de outubro), polo que se establece o currículo do grao elemental e do grao medio das ensinanzas de música e o acceso ós ditos graos.

Cumpridos tódolos trámites regulamentarios e tendo en conta o anteriormente exposto, esta consellería, por proposta da Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa

DISPÓN:

Primeiro.-Autoriza-la apertura e posta en funcionamento do centro autorizado de música profesional Coppelia, de Vigo (Pontevedra), para impartir, con cáracter definitivo, as ensinanzas correspondentes

ós graos elemental e medio de música, establecidas na Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, segundo os datos que figuran no anexo desta orde.

Segundo.-En cumprimento do que establece a disposición adicional terceira do Decreto 253/1995, do 29 de setembro, o centro autorizado de música profesional Coppelia, de Vigo (Pontevedra), queda adscrito, para efectos administrativos, ó Conservatorio Superior de Música de Vigo.

Terceiro.-O mencionado centro queda obrigado ó cumprimento da lexislación vixente e a solicita-la oportuna revisión da autorización cando teña que modificarse calquera dos datos sinalados nesta orde.

Cuarto.-Esta orde, que esgota a vía administrativa, poderá ser obxecto de recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ó da publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto na Lei 4/1999, do 13 de xaneiro (BOE do 14 de xaneiro), de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE do 27 de novembro), ou ben os interesados poderán presentar directamente recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ó da súa publicación, conforme se establece na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa (BOE do 14 de xullo).

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa para dicta-las normas necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de febreiro de 2001.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria

ANEXO

Provincia: Pontevedra.

Concello: Vigo.

Localidade: Vigo.

Enderezo: rúa Pi y Margall, 61.

Código do centro: 36024239.

Titular: Mª Begoña Acuña González.

Denominación xenérica: centro autorizado de música profesional.

Denominación específica: Coppelia.

Número de postos escolares autorizados: grao elemental: 80; grao medio: 180.