Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 59 Venres, 23 de marzo de 2001 Páx. 3.729

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 59/2001, do 8 de marzo, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, pola Deputación Provincial de Lugo, dos bens e dereitos necesarios para a realización da obra número 286 Plan Operativo Local 1999. Chantada e Carballedo. Mellora de curvas na estrada provincial de Chantada por Nogueira ós Peares, punto quilométrico 21,000 a 28,000 (concellos de Chantada e Carballedo).

A Deputación Provincial de Lugo, en sesión que tivo lugar o día 30 de xullo de 1999, aprobou o proxecto para a obra número 286 Plan Operativo Local 1999. Chantada e Carballedo. Mellora de curvas na estrada provincial de Chantada por Nogueira ós Peares, punto quilométrico 21,000 a 28,000 (concellos de Chantada e Carballedo), e na sesión do 27 de novembro de 2000 acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa, ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Por parte da Deputación Provincial de Lugo foi remitida a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente, con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais do 2 de febreiro de 2001.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 20 de febreiro de 2001.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, porque segundo sinala a deputación se trata de dota-la zona dunha vía de capacidade axeitada ó tráfico de vehículos, dada a vellez do seu trazado, polo que a actual se fai insuficiente e perigosa. Esta actuación é a continuación doutros investimentos feitos anteriormente pola Deputación Provincial de Lugo no seu intento de mellora-lo raio das curvas desta zona e o largo da calzada, para os cales necesita a ocupación de terreos privados.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deli

beración do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día oito de marzo de dous mil un,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, pola Deputación Provincial de Lugo para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución da obra número 286 Plan Operativo Local 1999. Chantada e Carballedo. Mellora de curvas na estrada provincial de Chantada por Nogueira ós Peares, punto quilométrico 21,000 a 28,000 (concellos de Chantada e Carballedo).

Santiago de Compostela, oito de marzo de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais