Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 57 Mércores, 21 de marzo de 2001 Páx. 3.593

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

RESOLUCIÓN do 27 de febreiro de 2001, da Dirección Xeral de Transportes, pola que se convocan probas para a obtención do certificado CE de formación para os conselleiros de seguridade para o transporte de mercadorías perigosas por estrada e ferrocarril.

A Directiva 96/35/CE do Consello, do 3 de xuño de 1996, relativa aá designación de cualificación profesional de conselleiros de seguridade para o transporte por estrada, por ferrocarril ou por vía navegable de mercadorías perigosas, esixe, como medida de seguridade preventiva, que as empresas que realicen tales transportes e as que efectúen operacións de carga ou descarga a eles vinculadas disporán dun ou varios conselleiros de seguridade. O R.D. 1566/1999, do 8 de outubro (BOE nº 251, do 20 de outubro), incorpora a citada directiva ó ordenamento xurídico interno, para o efecto de regula-la obriga das empresas que transporten mercadorías perigosas ou realicen operacións de carga e descarga ligadas ós ditos transportes, a designaren conselleiros de seguridade, as funcións encomendadas a estes, a cualificación profesional esixida e o procedemento para avalia-la formación requirida.

A Orde ministerial do 21 de outubro de 1999 (BOE nº 254, do 23 de outubro), de desenvolvemento do citado R.D. 1566, sobre obtención do certificado CE de formación para os conselleiros de seguridade no transporte de mercadorías perigosas, establece as distintas modalidades do certificado e o contido dos exames e dispón que serán convocados polo órgano competente da Comunidade Autónoma onde se celebren; na súa virtude,

DISPOÑO:

Artigo único.-Convócanse probas para a obtención do certificado CE de formación para os conselleiros de seguridad para o transporte de mercadorías perigosas, para os modos de transporte por estrada e ferrocarril para as especialidades seguintes:

* Clase 1 (materias e obxectos explosivos).

* Clase 2 (gases).

* Clase 7.

* Clases 3, 4.1, 4.2, 4.3, 5.1, 5.2, 6.1, 6.2, 8 y 9. Materias sólidas e líquidas contidas na enumeración de cada unha das clases do Acordo Europeo para o Transporte Internacional de Mercadorías Perigosas (ADR).

* Materias líquidas inflamables cos números de identificación da Organización de Nacións Unidas 1202 (gasóleo), 1203 (gasolina) e 1223 (queroseno).

BASES:

Primeira.-Ámbito das probas.

Convócanse probas para a obtención do certificado CE de formación para os conselleiros de seguridade para o transporte de mercadorías perigosas, nos modos de transporte por estrada e ferrocarril para as especialidades antes citadas.

Segunda.-Exercicios.

Os exercicios de que constarán as probas, a súa estructura e forma de cualificación serán as establecidas na orde do Ministerio de Fomento do 21 de outubro de 1999 (BOE nº 254, do 23 de outubro), reguladora das probas citadas.

Os exercicios de capacitación para a obtención do certificado CE de formación para conselleiros de seguridade versarán sobre o coñecemento das materias incluídas no programa que figura como anexo do citado R.D. 1566/1999, do 8 de outubro.

Os exames constarán de dúas probas: unha primeira consistente en 50 preguntas tipo test e unha segunda proba na que se permitirá a consulta de textos legais, consistente na realización dun suposto, referido ó modo do transporte e á especialidade correspondente, que versará sobre as tarefas e obrigas que terá que realizar ou cumpli-lo conselleiro.

O tempo de que disporán os aspirantes para a realización das dúas probas será de 1 hora e 30 minutos.

Terceira.-Solicitudes.

1. A instancia na que se solicita tomar parte nas probas debidamente cuberta, de conformidade co modelo que se xunta a esta orden (anexo I), presentarase no rexistro xeral da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, situada no edificio administrativo de San Caetano, Xunta de Galicia, Santiago de Compostela, ou por calquera dos medios previstos na vixente Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo de 15 días naturais contados a partir do día seguinte ó da publicación no Diario Oficial de Galicia desta convocatoria.

2. Á solicitude deberán xuntarse a fotocopia do DNI e o impreso de taxa autoliquidación correspondente á Administración; cando se produzan as circunstancias regulamentariamente previstas que posibiliten presentarse ás probas, en lugar distinto daquel no que o solicitante teña o seu domicilio habitual, os documentos acreditativos das citadas circunstancias.

3. A consignación de datos falsos na solicitude ou na documentación entregada polos aspirantes sancionarase coa anulación da solicitude, sen prexuízo das demais medidas legais que correspondan.

Cuarta.-Dereitos de exame:

1. De conformidade co artigo 21.2º da Lei 13/1991, do 9 de decembro (DOG nº 241 do 13 de decembro) e a Lei 4/2000, do 27 de decembro (DOG nº 251 do 29 de decembro), os dereitos de exame establécense na cantidade de dúas mil novecentas noventa e cinco pesetas (2.995 ptas.), por cada unha das clases mencionadas ás que cada interesado se presente, e ingresaranse logo de enche-los impresos de taxas (Consellería de Política Territorial Obras Públicas e Vivenda, cod.: 06; Delegación de: SSCC, cod.: 13, Servicio de Transportes, cod.: 02; denominación: dereitos de exame probas transportista; clave: 31.01.06), que se poderán obter nos servicios centrais da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, nos servicios provinciais de Transportes ou nas delegacións provinciais da citada consellería.

No suposto de que os aspirantes se presenten a tódalas clases dun modo de transporte, deberán aboar 11.980 pesetas por cada modo.

2. Finalizado o prazo de presentación de solicitudes, a Dirección Xeral de Transportes da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda procederá a revisalas.

Ultimado o proceso, exporase nos taboleiros de anuncios dos organismos a que fai referencia o número anterior a lista provisional de excluídos, con indicación do motivo da exclusión.

3. Os aspirantes excluídos disporán dun plazo de 10 días naturais contados a partir do día seguinte ó da exposición da citada lista para poderen emendar, se é o caso, o defecto que motivou á sua exclusión.

4. Unha vez resoltas as reclamacións presentadas, a Dirección Xeral de Transportes da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, publicará no Diario Oficial de Galicia a resolución pola que se anuncia a exposición pública das listas definitivas de admitidos e excluidos nos organismos a que fai referencia o número 1º da base cuarta.

5. Devolveranse os dereitos de exame ós solicitantes excluídos definitivamente das probas, sempre que o soliciten no plazo dun mes contado a partir da publicación no Diario Oficial de Galicia da resolución de referencia no número 4º da base cuarta, e o soliciten co modelo que figura na presente resolución como anexo II.

Quinta.-Tribunal, datas e lugar dos exames.

1. O tribunal cualificador das probas estará constituído polos seguintes membros:

Presidente: Carlos A. González Rodríguez, subdirector xeral de Inspección e Sancións.

Presidente suplente: Antonio Lage González, xefe do Servicio Provincial de Transportes de Lugo.

Vocais: Javier García de Bidegaín, subdirector xeral de Ordenación do Transporte. David González Coalla, xefe de servicio da Dirección Xeral de Transportes. Manuel Grande Grande, xefe de servicio da Dirección Xeral de Transportes.

Vocais suplentes: Jorge Veiga Lendoiro, xefe do Servicio de Apoio Xurídico. Mª Cruz Tomé Navas, xefa do Servicio Provincial de Transportes de Pontevedra. María Luisa García Vilela, funcionaria da Dirección Xeral de Transportes.

Secretario: Jesús Magariños Negreira, funcionario da Direc. Xeral de Transportes.

Secretaria suplente: Pilar Méndez Vázquez, funcionaria da Dirección Xeral de Transportes.

Para os efectos do disposto no artigo 26 do Decreto 299/1990, do 24 de maio (DOG nº 106, do 1 de xuño), o tribunal avaliador das probas cualificarase como de primeira categoría.

2. Calendario, horario e lugar.

Os exercicios celebraranse o día 27 de outubro do 2001 no Pazo de Congresos, San Lázaro s/n Santiago de Compostela. O horario dos exercicios será publicado xunto á lista definitiva de admitidos e excluídos.

Sexta.-Domicilio e requisitos dos aspirantes.

1. Os aspirantes presentaran ó tribunal correspondente no momento do comezo dos exercicios o orixinal do seu documento nacional de identidade, debendo estar o domicilio que figure neste incluído no ámbito territorial ó que se estenda a actuación do citado tribunal.

2. O domicilio que figure na solicitude considerarase como único válido para efectos de notificación, sendo responsabilidade exclusiva do solicitante tanto o erro na súa consignación como a comunicación á Dirección Xeral de Transportes de calquera cambio nel.

3. Cando se produzan cambios de domicilio que non sexa posible reflectir no DNI, o domicilio poderase xustificar mediante un certificado de empadroamento expedido polo correspondente concello. Cando se trate de persoas que estean prestando o servicio militar fora do seu lugar de residencia, poderán presentarse ás probas nun lugar distinto deste se presentan o orixinal do certificado expedido para o efecto polo xefe da súa respectiva unidade.

4. As persoas que xustifiquen te-lo seu domicilio no territorio estranxeiro, poderán concorrer ás probas perante este tribunal.

Santiago de Compostela, 27 de febreiro de 2001.

Juan Carlos Villarino Tejada

Director xeral de Transportes