Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 56 Martes, 20 de marzo de 2001 Páx. 3.536

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 18 de xaneiro de 2001, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do acordo de renuncia dos artigos 3.4º, 4.11º, 4.12º e 4.14º do convenio colectivo para o persoal laboral do Concello de Narón.

Visto o texto da acta asinada o día 22 de febreiro de 2000, na que se contén o acordo de renuncia dos artigos 3.4º, 4.11º, 4.12º e 4.14º do convenio colectivo para o persoal laboral do Concello de Narón (código de convenio nº 1503462) publicado no DOG nº 174, do 8-9-1999, subscrito dunha parte pola representación do concello e doutra polos delegados de persoal e aprobado polo pleno do concello en sesión celebrada o 27 de outubro de 2000, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, que consta nesta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 18 de xaneiro de 2001.

P.S. (Decreto 161/2000, do 29 de xuño)

María Silva Costoya

Secretaria provincial da Coruña

Acta da xuntanza do comité de persoal laboral do día 22 de febreiro de 2000

Sendo as 10 horas do día 22-2-2000, no salón de plenos do Concello de Narón reúnense as persoas que a continuación se relacionan:

-En representación do concello:

Guillermo Sánchez Fojo.

-En representación dos traballadores:

Andrés R. Mauriz Montero.

José Piñón Rego.

Juan Jesús Blanco Díaz.

A representación do concello da-lles conta ós reunidos da problemática xurdida coa ocasión da impugnación pola subdelegación do Goberno de determinados artigos incluídos no convenio colectivo dese persoal publicado no BOP nº 184, do 12 de agosto de 1999.

Tras arduas deliberacións os reunidos acordan para os efectos da súa remisión ós organismos competentes (Xunta de Galicia e Subdelegación do Goberno) o que a continuación se dirá, informando diso ó Pleno Municipal e ó asesor xurídico do concello co fin da súa achega no procedemento xurisdicional seguido por esta causa.

Os reunidos acordan renunciar ós artigos 3.4º; 4.11º; 4.12º; 4.14º do acordo regulador do Concello de Narón do persoal laboral que quedarán sen contido no devandito convenio colectivo.

Remata a reunión sendo ás 12.30 horas.