Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 56 Martes, 20 de marzo de 2001 Páx. 3.531

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

ORDE do 8 de marzo de 2001 pola que se convocan bolsas para estudio e investigación sobre materias turísticas.

Debido á grande importancia que o sector turístico ten no desenvolvemento da nosa economía requírese

que as administracións públicas dediquen recursos para xerar iniciativas con tendencia a mellorar cada día o sector para así mante-la demanda existente e incrementala en todo o que sexa posible.

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, está a adoptar unha serie de iniciativas para acada-los fins sinalados. Entre estas medidas está a de conceder axudas, mediante a figura de bolsas para a realización de estudios e investigacións sobre materias turísticas ós titulados superiores universitarios ou na materia de técnicos de empresas e actividades turísticas.

Por todo isto, e dentro do marco do Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico Programa de Conservación do Patrimonio Cultural e Desenvolvemento Turístico, e seguindo o establecido sobre medidas de fomento no artigo 73 da Lei 9/1997, do 21 de agosto, de ordenación e promoción do turismo en Galicia, en concordancia co sinalado no artigo 74 da dita lei,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto das bolsas convocadas é a realización polos beneficiarios de tarefas de estudio e investigación relacionadas coa Comunidade Autónoma de Galicia, sobre unha das seguintes áreas:

a) Novos productos turísticos: turismo cultural, termal, náutico, de golf, etc.

b) Ordenación do territorio, turismo e patrimonio.

c) Turismo e novas tecnoloxías.

d) Turismo e desenvolvemento xurídico (ámbito comunitario, estatal, rexional e local).

e) Calidade nos servicios e profesionalización do sector.

Artigo 2º.-Beneficiarios e natureza xurídica da relación.

Poderán ser beneficiarios destas bolsas, a título individual, os titulados superiores universitarios ou na materia de técnicos de empresas e actividades turísticas con posterioridade, en ámbolos dous casos, ó 1 de xaneiro de 1993.

A condición de beneficiario da bolsa obxecto desta convocatoria non xerará relación laboral ou contractual de ningún tipo coa Xunta de Galicia nin a inclusión na Seguridade Social.

Artigo 3º.-Determinacións orzamentarias e dotación das bolsas.

Para a concesión destas axudas destinarase ata un máximo de 10.000.000 de pesetas que se imputarán á aplicación orzamentaria 10.05.432A.480.0 dos orzamentos xerais correntes da Comunidade Autónoma de Galicia, sendo posible a concorrencia con calquera outra axuda, subvención, ingreso ou recurso co mesmo obxecto e finalidade, sempre e cando non se supere entre estas e a que é obxecto desta orde a cantidade de 2.000.000 de pesetas.

A contía de cada bolsa oscilará entre setecentas mil (700.000) e un millón (1.000.000) de pesetas e determinarase en función da complexidade do traballo, o seu aspecto innovador e mailo interese dos seus obxectivos en relación ó desenvolvemento sostible do sector

turístico. O número máximo de beneficiarios non poderá exceder de 14

Artigo 4º.-Solicitudes e documentación.

1. As persoas interesadas presentarán no rexistro da Dirección Xeral de Turismo, ou por calquera das formas previstas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, dentro dos vinte días hábiles seguintes ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, a seguinte documentación:

a) Unha solicitude segundo o modelo do anexo I.

b) Fotocopia cotexada do DNI.

c) Currículum vitae cos documentos acreditativos (só se valorará o acreditado) e, en todo caso, a certificación académica completa na que se detallen as cualificacións obtidas na licenciatura ou na materia de técnico de empresas e actividades turísticas e as súas datas de obtención (orixinal ou fotocopia compulsada). Estes últimos deberán presentar, ademais, o título.

Os títulos obtidos no estranxeiro ou en centros non estatais deberán estar validados na data de finalización do prazo de presentación das solicitudes.

d) Memoria do traballo de investigación. Nela farase mención específica dos obxectivos, dos contidos básicos do traballo e das estratexias específicas de análise e indagación que se van utilizar. O tema do proxecto referirase a algunha das alíneas do artigo 1º desta orde.

e) Declaración xurada das axudas de bolsas solicitadas ou concedidas polas administracións públicas para o mesmo proxecto, indicando o período do desfrute.

2. As compulsas que procedan para toda a documentación que se especifica nesta orde faranse nos correspondentes servicios centrais ou provinciais da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo. Todo iso de conformidade co establecido no Decreto lexislativo 1/1992, do 11 de abril, polo que se aproba o texto articulado das bases contidas no capítulo 3 do título II da Lei 13/1991, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 112, do 12 de xuño) e na orde da Consellería de Economía e Facenda do 30 de xuño de 1992, pola que se regula a utilización de efectos timbrados para o pagamento das taxas por servicios administrativos de compulsa.

3. Os solicitantes emendarán, por requirimento da Dirección Xeral de Turismo, os defectos dos expedientes de solicitudes que se necesiten, segundo o sinalado no artigo 71.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificado pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 5º.-Avaliación, selección e adxudicación.

1. A valoración das solicitudes presentadas, así como a proposta de selección e determinación da contía da axuda, será realizada por unha comisión integrada por tres funcionarios da Dirección Xeral de Turismo e dous da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento. Actuará como presidente a subdirectora xeral de Fomento e Cooperación, e como secretaria a xefa do Servicio de Formación, Cooperación Institucional e Documentación, ámbolas dúas da Dirección Xeral de Turismo.

2. A selección realizarase mediante a valoración dos méritos acreditados conforme o seguinte baremo:

a) Expediente académico: ata 2 puntos.

b) Coñecementos da lingua galega: ata 1 punto.

c) Outros méritos do currículum vitae: ata 3 puntos. Valorarase a formación ou experiencia en materias relacionadas co obxecto da convocatoria e do traballo proposto.

d) Memoria do traballo: ata 4 puntos.

A comisión poderá realizar unha entrevista cos aspirantes que acrediten máis de 6 puntos no anterior baremo. Versará sobre os seus méritos curriculares e a memoria e terá unha duración máxima de 15 minutos. En función do contido da entrevista, a comisión poderá aumenta-la puntuación asignada nun máximo do 25%.

3. Finalmente, a devandita comisión fará pública a relación de candidatos por orde de puntuación mediante a inserción de anuncios nos taboleiros da Dirección Xeral de Turismo e da Secretaría Xeral da Consellería, e elevará a súa proposta ó conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo, para que resolva.

4. O conselleiro dictará resolución no prazo máximo de 3 meses contados a partir do día seguinte ó do remate de presentación de solicitudes, que será debidamente notificada a tódolos solicitantes. A dita resolución esgota a vía administrtiva e contra ela poderá interpoñerse potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que a dictou ou ser impugnada directamente ante a xurisdicción contencioso-administrativa, de acordo co artigo 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 6º.-Aceptación da bolsa e pagamento.

1. Unha vez notificada a devandita resolución de concesión, os beneficiarios comunicarán á Dirección Xeral de Turismo a aceptación da bolsa, conforme o modelo recollido no anexo II desta orde, no prazo dos dez días seguintes ó da notificación. Así mesmo, enviarán certificación bancaria da conta onde deberá aboarse a bolsa.

2. No suposto de que unha vez adxudicada, algún beneficiario non aceptase a bolsa no prazo arriba indicado, ou de que con posterioridade á aceptación xurdisen renuncias, ou quedase algunha vacante, o Conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo, por proposta do director xeral de Turismo, poderá adxudicar outra bolsa ó seguinte aspirante en puntuación ou ben incrementa-las cantidades concedidas, ata un máximo dun 20% sobre o importe da bolsa, a un ou varios beneficiarios para o desenvolvemento dos seus traballos.

3. A Dirección Xeral de Turismo aboará ós beneficiarios un anticipo de pagamento do 40% das bolsas concedidas, consonte o artigo 41.1º da Lei 4/2000, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2001. A cantidade restante librarase cando os beneficiarios presenten os seus proxectos rematados e estes sexan de conformidade da Dirección Xeral de Turismo.

Artigo 7º.-Obrigas dos bolseiros.

1. Os bolseiros están obrigados a presenta-los seus traballos na Dirección Xeral de Turismo, coa confor

midade do profesor-titor, por duplicado exemplar, en copia impresa e en soporte magnético (débese de especifica-lo formato) antes do 26 de outubro de 2001. Este prazo poderá prorrogarse por 15 días naturais máis a petición do beneficiario e cando exista causa fundada para isto.

2. Ademais, presentarán, xunto co traballo, unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

3. Os traballos realizados e os resultados obtidos da investigación, se é o caso, serán propiedade dos seus autores que, non obstante, quedan obrigados a transferilos á Dirección Xeral de Turismo para o seu uso. No suposto de facelos públicos, deberán facer consta-la referencia específica da axuda recibida da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo da Xunta de Galicia e enviar dous exemplares da correspondente publicación ó Servicio de Formación, Cooperación Institucional e Documentación da Dirección Xeral de Turismo.

4. Os bolseiros están obrigados a facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino da bolsa obxecto da presente orde.

Artigo 8º.-Incidencias.

O director xeral de Turismo resolverá tódalas dúbidas e incidencias que poidan xurdir na aplicación da presente convocatoria.

O incumprimento dos compromisos adquiridos conforme os termos do proxecto presentado e aceptado e mailo disposto nos artigos precedentes dará lugar á revogación da axuda concedida e, se é o caso, á reclamación das cantidades xa pagas de conformidade co disposto na lexislación vixente de aplicación. Así mesmo, toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda obxecto da presente orde e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Turismo para dictar cantas disposicións considere oportunas no desenvolvemento e interpretación desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de marzo de 2001.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social

e Turismo

Andrés González Murga

Secretario xeral da Consellería de Cultura,

Comunicación Social e Turismo